Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 15 de xuño de 2011 Páx. 15066

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2011 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Igape polo que se modifican as bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 1 de marzo de 2010, aprobou o texto das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

As ditas bases fixéronse públicas mediante Resolución do 22 de xullo de 2010 (DOG n.º 155, do 13 de agosto).

Para os efectos de unificar os criterios do Igape en canto a compatibilidade de axudas, considérase preciso realizar a modificación das bases reguladoras, co fin de que quede clara a compatibilidade con instrumentos financeiros do propio Igape, sempre que non estén cofinanciados con fondos europeos distintos do Feder. Por outra parte, detectouse unha inconsistencia respecto da xustificación do mantemento de emprego no proxecto subvencionado cando se trata do subprograma de servizos avanzados intensivos en emprego, dado que neste tipo de proxectos os requisitos específicos recollidos no artigo 7.1.d) das bases reguladoras especifican o cómputo de mantemento de emprego como media dos 12 meses anteriores.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 28 de setembro de 2010, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aos proxectos de investimento empresarial cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aos proxectos de investimento empresarial cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 no seguinte sentido:

1. Modificar a redacción do artigo 3.º que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 3.º. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas.

3.1. Estas axudas son incompatibles para un determinado proxecto con calquera outra subvención a fondo perdido do Igape. Serán compatibles, non obstante, cos programas de axuda financeira do instituto como poden ser, entre outros, os préstamos ou a subsidiación do tipo de xuro, e tamén con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados, sempre e cando non se atopen cofinanciadas con outro fondo da UE que non sexa Feder e respecten as intensidades de axuda máxima indicadas en termos de equivalente de subvención bruta no anexo do Decreto 432/2009, do 11 de decembro (DOG n.º 242, do 14 de decembro de 2009); isto é:

a) Como regra xeral:

  • Ata o 30% para grandes empresas.
  • Ata o 40% para medianas empresas.
  • Ata o 50% para pequenas empresas.

b) Ata o 30% para empresas do sector do transporte.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como das axudas recibidas en réxime de minimis. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro».

2. Modificar a redacción do artigo 18.8, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 18. Xustificación da subvención.

18.8. No caso que a resolución de concesión obrigase o beneficiario a manter a cifra de emprego existente, observarase a que resulte máis alta entre a media dos tres meses previos á presentación da súa solicitude ou a que resulte do TC do mes previo á dita presentación. Nos proxectos de servizos avanzados aplicarase a media dos últimos 12 meses anteriores á solicitude da axuda sempre e cando sexa superior ás dúas variables anteriores. Durante o prazo de execución do proxecto o mantemento da cifra resultante computarase coa media resultante dese período, e ao final do dito prazo o beneficiario deberá acreditar a suma dos postos de traballo que se manterán máis os de nova creación. Así mesmo, nos dous anos seguintes ao fin do prazo de execución do proxecto terase que manter a media do emprego tanto para o emprego total, como para os empregos indefinidos, que no caso dos proxectos de servizos avanzados o prazo será de 3 anos para pemes e de 5 anos para grandes empresas».

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A modificación das bases será aplicable a todos os expedientes pendentes de resolución no Igape.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2011.

Francisco Javier Álvarez Barbeito
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica