Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 15 de xuño de 2011 Páx. 14966

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de xuño de 2011 pola que se actualiza a oferta de ciclos formativos polo réxime ordinario, por curso completo e en modalidade presencial, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano académico 2011-2012.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á nosa comunidade autónoma as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en todos os niveis e graos, modalidades e especialidades, consonte os preceptos emanados da Constitución e das leis que lle sexan de aplicación, competencias que foron asumidas polo Decreto 114/1982, do 1 de setembro, e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no seu artigo 2.

No marco destas competencias, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ten propósito de actualizar a cualificación dos cidadáns e das cidadás e persegue como un dos obxectivos básicos para a formación profesional o de dar unha resposta puntual e axeitada ás necesidades de formación profesional provenientes do mundo produtivo.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 39.2 que a formación profesional, no sistema educativo, ten por finalidade preparar os alumnos e as alumnas para a actividade nun campo profesional e facilitar a súa adaptación ás modificacións laborais que se poden producir ao longo da súa vida.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificación e acreditación que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas. A lei establece como un dos fins do Sistema Nacional das Cualificacións e da Formación Profesional o de promover unha oferta formativa de calidade, actualizada e adecuada aos seus destinatarios, consonte as necesidades de cualificación do mercado laboral e as expectativas persoais de promoción profesional.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, establece no capítulo V as vías para obtención dos títulos de formación profesional e os réximes e as modalidades das ofertas de formación profesional.

Neste contexto, a necesidade de manter en todo momento actualizada a oferta educativa dos centros xustifica a súa revisión periódica, de xeito que o alumnado que remate o ensino secundario obrigatorio ou o bacharelato, así como as persoas adultas, posúan unha oferta de ciclos formativos de graos medio e superior diversificada e adaptada ás súas necesidades e ás demandas do mercado laboral.

De acordo coas competencias que ten conferidas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1

Actualízase a oferta educativa dos ciclos formativos de formación profesional polo réxime ordinario, por curso completo en modalidade presencial, a partir do curso 2011-2012, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo se relaciona no anexo desta orde. O Fondo Social Europeo cofinancia nun 80% os gastos de funcionamento e de profesorado naqueles ciclos formativos relacionados coa sociedade da información e da comunicación.

Artigo 2

Requírese un número mínimo de doce solicitudes de matrícula admitidas por cada centro educativo nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, e de oito solicitudes en cada centro do resto de Galicia, para cada un dos ciclos formativos de grao medio ou superior. Un número menor de solicitudes exixe a autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para pór en funcionamento esta ensinanza, e mentres non se dispoña desta autorización, non se poderá formalizar ningunha matrícula. A condición do número mínimo de alumnado débeselles comunicar ás persoas interesadas no momento da súa preinscrición.

Artigo 3

Naqueles centros en que estean autorizados dous grupos do mesmo ciclo deberán cubrir o total de prazas do primeiro grupo antes de pór en funcionamento o segundo grupo. Neste caso terase en conta o número mínimo de doce ou oito solicitudes segundo se indica no artigo anterior.

Disposición transitoria. Matriculación no réxime ordinario do alumnado do réxime de persoas adultas afectado pola implantación dos novos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O alumnado que estivera matriculado e non causara baixa no curso 2010-2011 polo réxime de persoas adultas nun ciclo formativo establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se vexa afectado pola entrada en vigor das novas ensinanzas dos títulos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, poderá solicitar praza no segundo curso polo réxime ordinario, sen ter en conta os criterios de promoción, para os efectos de rematar o ciclo formativo que se extingue. En todo caso, o cómputo de duración dos módulos pendentes non pode superar as 1000 horas.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Secretaría Xeral para adoptaren as medidas precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file