Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Mércores, 15 de xuño de 2011 Páx. 15008

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 30 de maio de 2011 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria pública de axudas destinadas ao financiamento dos xuros de préstamos concedidos nas convocatorias dos cursos académicos 2009-2010 ou 2010-2011 ao alumnado universitario galego.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mediante o Decreto 62/1988, do 17 de marzo. A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante diversas accións de apoio económico ao alumnado de ensino universitario, coas que se pretende favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinou convenios de colaboración o día 13 de marzo de 2001 e unha addenda a estes o día 12 de xuño de 2002 coas entidades financeiras: Banco Pastor, Caixa de Aforros de Galicia, Caixanova, Banco Gallego, Banco Simeón e Banco Etcheverría, para facilitarlle ao alumnado universitario galego créditos bancarios con xuros baixos para o financiamento dos seus estudos.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto.

Convócanse axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento dos xuros de préstamos concedidos ao alumnado universitario galego en convocatorias anteriores polas correspondentes entidades bancarias.

Estas axudas son compatibles con calquera outra axuda destinada para a mesma finalidade polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 2. Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará a parte que lle corresponde dos xuros dos préstamos concedidos en convocatorias anteriores con cargo á partida orzamentaria 09.02.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, cunha contía global máxima de 406 euros.

Artigo 3. Beneficiarios/as.

Procederá a concesión destas axudas a aqueles alumnos universitarios que foron beneficiarios dos préstamos nas convocatorias dos cursos académicos 2009-2010 ou 2010-2011 e que se matriculen no próximo curso 2011-2012 nos mesmos estudos para os que se lles concedeu o crédito.

Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo de presentación.

1. A solicitude, segundo o modelo ED434B que se publica como anexo I a esta orde, asinada polo/a interesado/a, remitirase á Secretaría Xeral de Universidades, edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, e poderá presentarse:

a) No Rexistro Único da Xunta de Galicia, ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias.

b) Nos rexistros oficiais das universidades do sistema universitario de Galicia, de conformidade coa Resolución do 25 de xuño de 2007 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

Se a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo persoal de correos antes de que proceda á súa certificación postal.

Non se admitirá como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

2. A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Xustificante de matrícula correspondente ao curso 2011-2012 ou declaración responsable do/a solicitante de que non está matriculado/a e de que se compromete a entregar o xustificante da matrícula no prazo de dous días a partir do día en que se matricule, tendo en conta que non poderá ser beneficiario/a da axuda mentres non presente na Secretaría Xeral de Universidades, antes do día 20 de novembro de 2011, o mencionado xustificante. Unha vez presentado o xustificante de matrícula, a Secretaría Xeral entregaralle a correspondente autorización para que a entidade bancaria lles manteña a prórroga.

b) Declaración responsable do/a solicitante con expresión das axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes ou doutros organismos públicos ou privados (anexo II).

3. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata o día 15 de setembro de 2011.

Artigo 5. Exposición de listaxes provisionais.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e a documentación presentada polos solicitantes exporanse as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/.

2. As listaxes provisionais serán expostas o día 23 de setembro. Os interesados disporán dun prazo de reclamación comprendido desde o día 24 de setembro ao 5 de outubro de 2011, ambos os dous incluídos, e durante ese prazo poderanse formular reclamacións ou emendar erros e falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos na Lei 30/1992.

Artigo 6. Comisión avaliadora.

A selección das solicitudes será realizada por unha comisión integrada por:

Presidente: o/a titular da Subdirección Xeral de Universidades.

Vogais: tres representantes da Secretaría Xeral de Universidades, dos cales un/unha deles/as actuará como secretario/a con voz e voto.

Artigo 7. Resolución.

1. Una vez efectuada a selección pola comisión avaliadora, esta elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución en que constará a relación de persoas ás cales se lles concede a axuda e outra de denegados coas causas de denegación, se os houbese.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde a mesma data ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución, lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

3. Os/as solicitantes a que lles sexa denegada a axuda poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Obrigas dos/as beneficiarios/as.

1. O alumnado que resulte beneficiario destas axudas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria, especialmente respecto ás seguintes obrigas:

a) Amortizar o capital obxecto do préstamo e o pagamento dos xuros deste.

b) Cumprir as condicións específicas que as entidades financeiras, de acordo coas súas normas de funcionamento e o convenio do 13 de marzo de 2001, determinan.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, O Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1 k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, pola/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo do correspondente expediente tramitado segundo o procedemento que establece o Decreto 11/2009.

Disposición adicional primeira.

A presentación da solicitude de concesión de axuda comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas cando proceda. A reserva que o peticionario poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2 c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión desta subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file