O Decreto 164/2005, do 16 de xuño, crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, que permite a presentación por vía telemática de solicitudes, escritos e comunicacións. Esta orde inclúe no anexo VII do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, un novo procedemento, co fin de continuar impulsando o emprego de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos no desenvolvemento da actividade da Xunta de Galicia e no exercicio das súas competencias.
De conformidade co disposto no artigo 2.2 e na disposición adicional primeira b) e derradeira primeira do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, créase o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e regúlase a atención ao cidadán.
En virtude da disposición derradeira segunda do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, desde a entrada en vigor deste decreto o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia cambiará a súa denominación pola de Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
DISPOÑO:
Artigo único.
1. Inclúense no anexo VII do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, procedementos para os que está habilitado o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, e queda, pois, habilitado cos efectos previstos no seu artigo 5.1 o seguinte procedemento:
PR805A. Decreto polo que se modifica o Decreto 326/2004, do 29 de decembro, polo que se regulan os órganos de coordinación e asesoramento en materia de cooperación para o desenvolvemento e o Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
2. O procedemento para a tramitación electrónica estará dispoñible no enderezo http://www.xunta.es/presentacion-electronica-da-xunta-de-galicia
Disposición derradeira.
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2011.
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza