Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 9 de maio de 2011 Páx. 8202

III. Outras disposicións

Consello da Cultura Galega

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2011 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de seis bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, na súa alínea b), establece que lle compete ao Consello da Cultura Galega investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2011 figura a convocatoria pública de bolsas de colaboración para proxectos de investigación sobre diversos aspectos da cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas ao Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira. Obxecto.

Esta resolución ten como obxecto aprobar as bases e proceder á convocatoria de seis bolsas de colaboración en proxectos de investigación concretos que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e que se inclúen como anexos a esta resolución, na cal se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes.

Segunda. Contía das bolsas e dotación orzamentaria.

O Consello da Cultura Galega financiará estas bolsas con cargo á aplicación orzamentaria 03.01.111D.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, por un importe de trinta e dous mil douscentos noventa e dous euros (32 292 €). O importe das bolsas incluirá:

–Unha asignación mensual de oitocentos cincuenta euros (850,00 €), coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

–Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Terceira. Duración.

A duración da bolsa será de 6 meses, comprendidos entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2011.

A data de incorporación ao Consello da Cultura Galega será dentro dos dez días seguintes ao da notificación da adxudicación.

As/os bolseiras/os que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada polo presidente do Consello da Cultura Galega.

Cuarta. Requisitos xerais.

As persoas solicitantes deberán cumprir, ademais dos requisitos específicos que para cada proxecto se sinalan nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión da titulación académica requirida no anexo correspondente sen que transcorresen máis de 5 anos desde a súa obtención.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4. Quedan excluídos/as os/as licenciados/as en Filoloxía Galega.

d) Non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

e) Non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea nin beneficiarse de bolsas ou axudas equiparables ás convocadas.

f) Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Consello da Cultura Galega durante un prazo superior a doce meses.

g) Non incorrer nalgunha das causas de prohibicións para ser beneficiario ás que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Solicitudes, documentación e prazo de presentación.

a) As solicitudes, no modelo que se achega como anexo, irán dirixidas ao presidente do Consello da Cultura Galega e entregaranse ou ben no rexistro do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) A presentación de solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias coa Administración do Estado e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación.

c) O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte de que se publique esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

d) Documentación que se deberá presentar xunto coa solicitude:

–Fotocopia compulsada do título universitario requirido no anexo correspondente.

–Certificación académica oficial ou copia compulsada, na que figure a nota media do expediente académico, obtida de acordo co baremo establecido no R.D. 1497/1987, modificado polo R.D. 1267/1994 e polo R.D. 1044/2003.

Os/as solicitantes que teñan cursado os seus estudos en universidades non pertencentes ao sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xurada. A certificación indicará: cualificacións máxima e mínima do sistema de avaliación correspondente, cualificación mínima necesaria para aprobar, número de convocatorias esgotadas e cualificacións obtidas en cada unha das convocatorias.

–Currículo, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

–Título acreditativo do coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento, Celga 4 ou titulación superior.

–O interesado/a autorizará o Consello da Cultura Galega a consultar os seus datos de identidade, de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, de non ser así deberá presentar a fotocopia do DNI ou pasaporte.

–Declaración responsable en que se compromete a renunciar, se fose seleccionado/a, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas e tamén de que cumpre os requisitos exixidos polo artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

–Declaración do conxunto de todas as solicitudes, efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

De ambas as dúas declaracións achégase o modelo no anexo IV.

Todos os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas.

Sexta. Baremación.

A valoración total de cada expediente de solicitude poderá acadar a puntuación máxima de 8 puntos, tendo en conta o seguinte:

–Expediente académico: ata un máximo de 4 puntos.

As notas medias do expediente académico persoal calcularanse de acordo co baremo establecido no Real decreto 1497/1987, modificado polo R.D. 1267/94 e polo Real decreto 1044/2003.

–Currículo do solicitante e experiencia investigadora en proxectos de investigación similares: ata un máximo de 4 puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente.

En caso de empate terase en conta, en primeiro lugar, o expediente académico e, en segundo lugar, o currículo.

Sétima. Procedemento de avaliación e selección.

A instrución para a selección das bolsas correspóndelle á xerencia do Consello da Cultura Galega, que poderá reclamarlles, se fose necesario, aos solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación exixida; de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgarase un prazo de 10 días hábiles, desde que se notifique o requirimento; no caso de non contestar o requirimento entenderase que o interesado renuncia á súa solicitude.

A avaliación dos méritos alegados corresponderalles ás comisións de valoración, que terán o carácter de órganos avaliadores. Estas comisións serán nomeadas pola Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega e estarán compostas por un membro da Comisión Executiva, que a presidirá, e por dous membros da sección ou comisión técnica da que dependa o proxecto de investigación.

As comisións procederán a valorar os méritos alegados de acordo cos criterios establecidos na base sexta da presente resolución e realizarán unha listaxe en que figurarán os/as candidatos/as propostos/as e 5 suplentes, ordenados/as pola puntuación total, tendo en conta que só se valorarán os méritos alegados ou relacionados co anexo ao cal opte o/a solicitante.

Se ningún dos/as candidatos/as presentados/as resultase idóneo/a, a comisión de valoración poderá establecelo así no seu informe.

Oitava. Resolución e publicación.

As listaxes provisionais de bolseiros/as faranse públicas nos taboleiros de anuncios do Consello da Cultura Galega, polo que se considerará que están notificados/as, para todos os efectos, os/as beneficiarios/as, e na páxina web do Consello da Cultura Galega, http://www.consellodacultura.org, mediante unha relación nominal dos/as beneficiarios/as e suplentes. O prazo de exposición das listaxes será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte de que se publique, neste período poderanse facer as alegacións pertinentes.

A resolución da convocatoria correspóndelle ao presidente do Consello da Cultura Galega, como órgano resolutorio do expediente, por proposta da xerencia do Consello da Cultura Galega, que terá en conta a proposta da comisión de avaliación dos/as candidatos/as. O acordo farase público, para efectos de notificación aos interesados/as, no taboleiro de anuncios do Consello da Cultura Galega e na páxina web do Consello da Cultura Galega, http://www.consellodacultura.org.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición perante o presidente do Consello da Cultura Galega no prazo dun mes a partir do día seguinte de que se publique a resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta resolución será de seis meses, contados a partir de que se publique esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para considerar desestimada, por silencio administrativo, a solicitude de concesión da subvención.

Novena. Incompatibilidades, obrigas e cumprimento.

a) Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do bolseiro/a ou calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou pola realización de traballo remunerado.

b) Os/as bolseiros/as permanecerán na sede do Consello da Cultura Galega, en horario habitual de presenza de mañá e/ou tarde, segundo as necesidades dos proxectos, en función do criterio do /a coordinador/a científico/a do proxecto.

c) O presidente do Consello da Cultura Galega poderá conceder, por unha vez, a interrupción da bolsa por petición razoada do/a interesado/a, logo do informe do/a coordinador/a científico/a do proxecto. A interrupción non poderá ser nunca superior a 3 meses ao longo da duración da bolsa e non dará lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido. O/a interesado/a nesta interrupción temporal da bolsa non terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período que dure a súa interrupción.

Se algún/algunha dos/as beneficiarios/as destas bolsas decidise renunciar a ela, fose seleccionado/a para outra bolsa, axuda ou proxecto, ou se producise algunha circunstancia determinante de incompatibilidade con esta bolsa, deberá comunicarllo ao presidente do Consello da Cultura Galega, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. A bolsa vacante poderáselle adxudicar ao/á candidato/a seguinte da lista de suplentes, sempre que as necesidades do proxecto sigan sendo as mesmas.

d) Os/as beneficiarios/as teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) O incumprimento por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións recollidas nesta orde e nas demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Unha vez finalizada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada, co visto e prace do/a coordinador/a científico/a do proxecto.

Décima. Aceptación das bolsas.

A resolución de adxudicación definitiva notificaráselles ás/aos interesadas/os que fosen propostos /as como beneficiarios/as. Notificada a resolución, os/as beneficiarios/as dispoñerán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

Se nese prazo algún dos/as beneficiarios/as fíxese renuncia expresa da bolsa, procederase automaticamente á adxudicación da bolsa ao/á seguinte aspirante en puntuación.

Décimo primeira. Pagamento e xustificación.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente na conta bancaria indicada polo/a interesado/a, logo do informe do/a director/a da investigación, sempre que as actividades se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas, tendo en conta que co último pagamento deberán presentar declaración do conxunto de todas as solicitudes, efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo segunda. Réxime de desenvolvemento.

Primeira. Os bolseiras/os seleccionadas/os quedarán obrigadas/os:

a) Ao cumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A seguir as indicacións técnicas dos/as coordinadores/as ou titores/as do proxecto.

c) A entregar mensualmente aos/ás coordinadores/as ou titores/as do proxecto un informe da súa actividade e, ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa do resultado desta.

Segunda.- Os/as coordinadores/as ou titores/as que dirixan aos/ás bolseiros/as poderán propoñerlle ao presidente do Consello da Cultura Galega a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

Terceira. Transcorrido o prazo dun ano desde a publicación da convocatoria procederase á eliminación da documentación non recollida.

Disposicións adicionais

Primeira. A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización ao Consello da Cultura Galega para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas cando proceda.

b) A reserva que o/a peticionario/a poida facer no sentido de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que comunicar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

c) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2 c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Consello da Cultura Galega publicará na súa páxina web oficial a relación dos/as beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiario/as e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira. A concesión das bolsas reguladas nesta resolución terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Cuarta. Esta convocatoria poderase impugnar mediante un recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello da Cultura Galega no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente a través dun recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quinta.- A condición de bolseiro/a non dará lugar a relación contractual ningunha, nin laboral nin administrativa, co Consello da Cultura Galega.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte de que se publique no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2011.

Ramón Villares Paz
Presidente do Consello da Cultura Galega

ANEXO I

Dúas bolsas para colaborar na Área de Publicacións.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar as bolsas ás que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

–Ser licenciado/a en Filoloxía Galega.

Valoraranse como méritos:

–Posuír coñecementos de tradución e corrección.

–Posuír coñecementos de edición de textos.

–Posuír coñecementos de informática.

ANEXO II

Dúas bolsas para colaborar na Área de Documentación.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar na Área de Documentación do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar as bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

–Ser diplomado/a en Biblioteconomía e Documentación ou licenciado/a en Documentación.

Valoraranse como méritos:

–Posuír coñecementos de catalogación en formatos Marc.

–Posuír coñecementos do programa de catalogación AbsysNET.

–Posuír coñecementos de informática.

–Posuír experiencia en xestión documental.

ANEXO III

Dúas bolsas para colaborar na Área Técnica.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar na Área Técnica do Consello da Cultura Galega.

Para solicitar as bolsas ás que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

–Ter estudos de técnico/a de imaxe e son (grao superior de técnico/a de son ou imaxe-FP ou similar ou outra titulación superior).

Valoraranse como méritos:

–Posuír coñecementos de programas de edición e de gravación de audio e vídeo dixitais.

–Posuír experiencia de edición dixital, tanto de audio como de imaxe.

ANEXO IV
Declaración responsable

Nome e apelidos ........................................................................, con DNI .................., con motivo da convocatoria pública de seis bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están desenvolvendo no Consello da Cultura Galega (DOG n.º ........, do ...... de ................... de 2011).

Declaro, baixo a miña responsabilidade:

1) Que me comprometo a renunciar, se fose seleccionado/a, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas.

2) Que cumpro os requisitos exixidos polo artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3) Que teño efectuadas ou concedidas as seguintes solicitudes para un mesmo proxecto:

Santiago de Compostela, ....................... de .................................... de 2011.

Sinatura:

Presidente do Consello da Cultura Galega

missing image file
missing image file