Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 9 de maio de 2011 Páx. 8262

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de maio de 2011 pola que se determinan os servizos mínimos esenciais durante a folga convocada na empresa Ambugallegas, S.L., que se levará a efecto desde as 00.00 horas do 10 de maio de 2011 con carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG n.º 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria, non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga foi convocada pola organización sindical CC.OO. e afecta os traballadores da empresa Ambugallegas, S.L., que realiza os servizos que ten concertados coa Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde da Coruña.

Despois da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións sanitarias no ámbito da folga, con base no anterior, a Consellería de Sanidade

DISPÓN:

Artigo 1.

A convocatoria de folga que afecta o persoal da empresa Ambugallegas, S.L., e que se levará a efecto desde as 00.00 horas do 10 de maio de 2011 con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación.

Para a determinación dos servizos mínimos tense en conta a realización de tratamentos ambulatorios continuados e dos outros servizos concertados que poidan ser demandados pola dirección provincial, co fin de asegurar unha correcta atención sanitaria, tendo en conta a patoloxía e as necesidades tecnolóxicas e de coidados específicos que presentan.

De acordo con esta motivación, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte de enfermos a través da empresa afectada pola folga, para evitar que se produzan graves prexuízos para a saúde, tendo en conta, fundamentalmente, que ten incidencia ao longo de toda a xornada laboral e con carácter indefinido.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

E para garantir os servizos esenciais requírese a cobertura do 100% dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos ambulatorios continuados de oncoloxía e diálise. No resto de pacientes ambulatorios, os vehículos necesarios para a realización de tratamentos, consultas externas e probas, no caso de que o paciente necesite padiola ou o seu estado xeral así o aconselle, a xuízo do facultativo prescritor, e o número de vehículos non será inferior ao 50% dos que fan a cobertura habitual.

Artigo 2.

A determinación dos efectivos necesarios será realizada pola empresa aplicando os criterios do artigo 1, coa designación nominal e individual, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos. A xustificación deberá constar no expediente do centro e deberán publicarse os efectivos en servizos mínimos nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 3.

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE n.º 58, do 9 de marzo).

Artigo 4.

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5.

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías da poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio 2011.

Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Luns, mércores, venres

4

3

Martes, xoves, sábado

2

2

Festivos (luns, mércores, venres)

3

3

Festivos (martes, xoves, sábado)

2

2