Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.497

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 23 de decembro de 2003 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas de apoio a familias coidadoras que teñen ó seu cargo familiares maiores dependentes.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no seu artigo 33.2º, establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de seguridade social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, sinala no seu artigo 14.1º que son servicios de atención especializada para a vellez aqueles orientados á consecución do maior nivel de benestar posible á terceira idade, así como a acada-la súa autonomía e integración social.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Un dos obxectivos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais céntrase en mellora-la calidade de vida das persoas maiores dependentes mediante actuacións que acaden as máis altas cotas de benestar.

O aumento previsible da dependencia avanza unido ó previsible debilitamento da capacidade de atención polas redes de soporte familiar, que ata a data constitúe o principal provedor de coidados, como consecuencia dos cambios sociodemográficos e os cambios na estructura familiar, que van orixinar en principio un forte descenso do número de coidadores potenciais, feito de gran transcendencia e que vai esixir unha reformulación dos servicios e prestacións sociais.

Esta orde ten como finalidade proporcionarlles apoio económico ós coidadores habituais de persoas maiores dependentes, co obxecto de lles garantir ás persoas maiores ó seu cargo unha atención adecuada e favorece-la permanencia no seu medio social habitual, facilitando a integración e evitando o internamento en institucións.

Esta axuda contén a mesma filosofía ca outros programas que xa se están a realizar, como é o caso do programa de acollemento familiar.

A citada orde segue o procedemento previsto con carácter xeral, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais principios establecidos na Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras para a concesión de axudas económicas

individuais e periódicas á persoa que, dentro da unidade familiar, se ocupa do coidado da/s persoa/s maior/es dependente/s, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia, e carezan de rendas ou ingresos suficientes.

2. Convocar para os anos 2003 e 2004 as ditas axudas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios desta axuda os familiares coidadores principais que teñan ó seu cargo, como máximo, o coidado de dúas persoas maiores dependentes e precisen de apoios económicos para garantir unha atención adecuada e facilita-la permanencia no seu propio contorno de convivencia.

Artigo 3º.-Requisitos: coidadores.

* Estar empadroado e residindo nalgún dos concellos de Galicia.

* Convivir coa persoa/s maior/es á/s que coida/n de modo axeitado

* Se-lo cónxuxe ou manter unha relación análoga á conxugal, ou ter unha relación de parentesco coa persoa maior, en liña recta por consanguinidade ou en liña colateral por consanguinidade ata o terceiro grao, ou ben en liña recta por afinidade en primeiro grao.

* Ser maior de idade e non supera-los sesenta e cinco anos, gozar de boa saúde e non padecer limitacións que impidan atender axeitadamente o maior/es.

* Non recibir outras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas.

* Non desempeñar ningún tipo de actividade laboral remunerada, por conta propia ou allea.

Artigo 4º.-Requisitos: persoas maiores.

* Ser maior de 65 anos, ou de 60 anos naqueles casos en que se padezan enfermidades neurodexenerativas tipo Alzheimer, debidamente acreditada. En todo caso, deberá existir unha situación de dependencia severa.

* Estar empadroado e residir nalgún dos concellos de Galicia.

* Convivir co familiar coidador.

* Ter unha dependencia severa que requira axuda de forma continua para a realización das actividades da vida diaria.

* Non recibir outras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas, nin prestacións.

* Carecer de rendas ou ingresos suficientes.

A renda per cápita mensual da unidade familiar non poderá supera-la contía correspondente ó 70% do salario mínimo interprofesional. Para efectos des

ta orde, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar a suma dos ingresos totais líquidos da unidade familiar.

Artigo 5º.-Contía das axudas.

A contía da axuda será de 180,48 A/mensuais, que percibirá o familiar coidador principal, polos coidados do maior dependente que teña ó seu cargo. No caso de que unha mesma persoa realice coidados a dous maiores dependentes, a contía que percibirá será de 270,72 A/mensuais por coidador.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes formularanse mediante instancia subscrita polo coidador segundo o modelo oficial (anexo I).

Cada solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do solicitante da axuda e da/s persoa/s maior/es dependente/s que vai/an recibi-los coidados.

b) Certificación do padrón municipal de habitantes comprensivo de tódolos conviventes.

c) Declaración xurada do número de anos que o coidador leva facéndose cargo da atención da/s persoa/s maior/es (anexo II).

d) Informe médico emitido por un facultativo/a do sistema público de saúde que acredite a dependencia que ten/ñen a/s persoa/s maior/es segundo o modelo oficial (anexo III). Este informe non será necesario se a persoa ten recoñecida a necesidade de terceira persoa polo EVO (Equipo de Valoración e Orientación).

e) Informe social emitido por un diplomado en traballo social ou asistente social dos servicios sociais de atención primaria municipal segundo o modelo oficial (anexo IV).

f) Xustificación de ingresos: copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar. En caso de declaracións individuais, copia da declaración de cada persoa da unidade familiar obrigada a declarar.

No caso de non ter obriga de presentar declaración deberá achegar certificación negativa da correspondente delegación de Facenda, así como declaración xurada da totalidade de ingresos da unidade familiar acompañadas dos xustificantes dos respectivos ingresos.

A documentación xustificativa de ingresos á que se refiren os puntos anteriores correspondente ó último exercicio fiscal.

g) Certificación que acredite a titularidade e o número de conta bancaria do/a solicitante.

h) En aplicación do disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro),

os peticionarios das axudas presentarán coa solicitude inicial unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes (anexo II).

Artigo 7º.-Lugar e prazo para a presentación de solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, nos Servicios Sociais de Atención Primaria do concello de residencia, ou por calquera das canles previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Unha vez aberta a convocatoria, a solicitude de axuda presentarase nun único prazo ata o 30 de marzo de 2004, no impreso normalizado, segundo corresponda ó exercicio 2003/2004.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. As delegacións provinciais comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos esixidos nesta orde. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se presentase a documentación sinalada, requiriráselle ó interesado que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá que desiste da súa petición logo da correspondente resolución, que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Avaliación, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación, segundo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

3. A Comisión Provincial de Avaliación estará presidida polo secretario da Delegación Provincial de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou persoa en quen delegue, e formarán parte dela, como vocais, o xefe do Servicio de Axudas e Programas e un empregado público designado polo secretario provincial, que actuará como secretario. Así mesmo, poderá formar parte da comisión un traballador social dos Servicios Sociais de Atención Primaria e un representante da Intervención Territorial.

Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer, sempre que fose posible, noutro funcionario do mesmo servicio có substituído.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Para proceder á elaboración da proposta de adxudicación das axudas, a devandita comisión terá en conta o orzamento asignado para este programa,

segundo exercicio, e establecerá a prelación, entre as solicitudes que cumpran os requisitos, aplicando un baremo deseñado para tal fin (anexo V).

Artigo 10º.-Resolución.

1. Correspóndelles, por delegación da conselleira, ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, a resolución destas axudas no prazo de 6 meses contados desde o día seguinte á data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

No caso de que por falta de dispoñibilidade orzamentaria non puidese concederse a axuda nese momento, notificaráselles ós interesados, no seu caso, a puntuación obtida na aplicación do baremo e a súa inclusión nunha lista de espera.

2. Os delegados, igualmente por delegación da conselleira, poderán suspender ou revoga-las axudas concedidas, logo do informe da Comisión Provincial de Avaliación, nos casos en que varíen as condicións que motivaron a concesión ou do incumprimento total ou parcial dos requisitos e condicións establecidos para ela.

3. As resolucións de concesión, denegación ou suspensión das axudas citadas seranlles notificadas ós interesados e terán que ser motivadas.

4. As resolucións recaídas neste procedemento poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdicción contencioso-administrativa competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación da resolución. Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

Artigo 11º.-Modificación de resolución da concesión.

Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a concesión da axuda, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Financiamento das axudas.

A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado para estes fins, destinándose a cantidade máxima de 1.187,073 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 16.02.212D.483.1, ó pagamento de axudas correspondentes ó ano 2003, e un crédito inicial de 323.620 euros con cargo á mesma aplicación para o ano 2004, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias nas citadas aplicacións.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

O pagamento destas axudas farase mensualmente e directamente ó coidador habitual.

Non obstante, as axudas correspondentes ó exercicio económico 2003 retrotraeranse ata o 1 de xaneiro de 2003 e poderán outorgarse nun único pago os meses correspondentes ós coidados prestados e debidamente acreditados, segundo a resolución da concesión da axuda.

Respecto ó ano 2004, a resolución de concesión poderá retrotrae-la axuda ata o 1 de xaneiro dese exercicio, concedéndoa en pago único, polos meses nos que se levou a cabo o coidado e podendo facerse en pagos mensuais ata a fin do exercicio económico ou o momento en que se extinga o dereito a esta axuda.

Antes do primeiro pago e semestralmente, deberá presentarse unha fe de vida da/s persoa/s maior/es obxecto do coidado.

Antes do derradeiro pagamento, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios destas axudas:

a) Facilitarlles ós órganos competentes toda a información necesaria para asegura-lo cumprimento da finalidade da axuda concedida.

b) Destina-la axuda económica á finalidade para a que se concede.

c) Comunicarlles ós órganos competentes, coa maior brevidade posible, calquera modificación das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 15º.-Reintegro das axudas.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do

30 de decembro, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16º.-Control.

Os receptores das axudas someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Neste sentido, os receptores teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Estas axudas consideraranse subsidiarias de calquera outra que se poida conceder para a mesma finalidade por calquera outro organismo privado, nacional ou internacional ou Administración ou ente público.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de competencias nos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do establecido no artigo 78 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos, dispoñer, recoñecer e propoñe-los correspondentes pagamentos.

Segunda.-Será de aplicación ós beneficiarios das axudas recollidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo co procedemento previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2003.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais