Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.445

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2003 pola que se convocan, para o ano 2004, as axudas no sector das forraxes desecadas.

A orde da anteriormente denominada Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 16 de outubro de 2000 (DOG nº 206, do 24 de outubro) regula o procedemento para a concesión das axudas no sector das forraxes desecadas, conforme o previsto nos regulamentos (CE) 603/1995, do consello, do 21 de febreiro, e 785/1995, da comisión, do 6 de abril, e no Real decreto 283/1999, do 22 de febreiro, de acordo coas funcións que lle corresponden ó Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

A devandita orde cumpre os extremos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das axudas no sector das forraxes desecadas, con vixencia indefinida, na Orde do 16 de outubro de 2000, cómpre establece-la convocatoria das devanditas axudas para o ano 2004, mediante esta orde.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002,

do 14 de febreiro, modificado polo Decreto 161/2003, do 13 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2004, das axudas no sector das forraxes desecadas, de acordo coas bases reguladoras previstas na orde desta consellería, do 16 de outubro de 2000, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 206, do 24 de outubro.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. As axudas no sector das forraxes desecadas concederanse ás empresas de transformación autorizadas, polas forraxes desecadas que tiveran saída das ditas empresas e que cumpran as condicións de calidade, humidade, e proteína bruta, previstas nos artigos 8 do Regulamento 603/1995 e 3 do Regulamento 785/1995.

2. As ditas axudas forman parte das medidas previstas na organización común de mercados no sector das forraxes desecadas (Regulamento (CE) 603/1995, do 21 de febreiro), que teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 3º.-Solicitudes de axuda.

1. As solicitudes de axuda formularanse de acordo co modelo do anexo III da orde desta consellería, do 16 de outubro de 2000.

De conformidade co previsto no artigo 15.3º da dita orde, o prazo de presentación das solicitudes de axuda será de corenta e cinco días naturais, contados a partir do seguinte ó da finalización do mes no que saíran as forraxes da empresa de transformación, pola cantidade de forraxes desecadas que tiveran saído durante o dito mes. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas ata vinte días naturais seguintes, coa reducción, de se-lo caso, do 1% do importe da axuda por cada día hábil, agás sábados, de atraso, conforme o previsto no punto 4 do mesmo artigo.

2. As solicitudes presentaranse nos servicios provinciais do Fogga ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 4º.-Anticipos e garantías.

Logo de que as forraxes desecadas abandonaran a empresa transformadora, esta poderá solicita-lo anticipo previsto no artigo 18 da orde desta consellería, do 16 de outubro de 2000, xuntando as garantías que, para cada suposto, se sinalan nos puntos 1, parágrafo segundo, e 3 do dito artigo, por importe, no primeiro suposto, de 13,76 euros/tonelada (para as forraxes deshidratadas, concentrados de proteínas e productos deshidratados) ou de 7,73 euros/tonelada (para as forraxes desecadas ó sol) e, no segundo suposto, do 110% do anticipo (anterior á comprobación do dereito á axuda).

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Esta convocatoria tramítase de conformidade co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. O seu financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.614A.779.0 por importe de 115.000 euros, do orzamento de gastos do Fogga para 2004.

2. En todo caso, a concesión das axudas condiciónase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os solicitantes das axudas poderán presenta-los certificados de estar ó día das súas obrigas fiscais ou ben poderán autoriza-lo Fogga para que solicite da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda a información á que se refire o artigo 78.4º c) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, agás no caso de que o importe da axuda non exceda de 1.500 A, suposto en que estarán exentos de achega-los xustificantes correspondentes.

Segunda.-Tódalas referencias efectuadas pola Orde do 16 de outubro de 2000 ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia entenderanse feitas ó Fondo Galego de Garantía Agraria, de conformidade co previsto na disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Fondo Galego de Garantía Agraria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2004.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural