Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.444

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2003 pola que se convocan, para o ano 2004, as axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e productos lácteos.

Ó abeiro do disposto nos regulamentos (CE) 1255/1999, do consello, do 27 de maio, e no 2707/2000, da comisión, do 11 de decembro, así como no Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro, sobre as modalidades de aplicación no Estado español do establecido nesa normativa comunitaria, mediante a orde desta consellería, do 30 de maio de 2002, establecéronse as bases reguladoras do programa de leite escolar nesta comunidade autónoma, para a concesión das axudas para a subministración ós alumnos de centros escolares dos productos lácteos transformados, de acordo coas funcións que lle corresponden ó Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Posteriormente, por orde desta consellería, do 2 de outubro do 2003, actualizáronse os prezos máxi

mos que van paga-los alumnos de centros escolares, para o curso escolar 2003-2004.

A devandita Orde do 30 de maio de 2002 cumpre os extremos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras desta liña de axuda, con vixencia indefinida, cómpre establece-la súa convocatoria para o ano 2004, mediante a presente orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, modificado polo Decreto 161/2003, do 13 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2004, das axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos, de acordo coas bases reguladoras previstas na orde desta consellería, do 30 de maio de 2002, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 109, do 7 de xuño.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. As axudas concederanse pola subministración, a través dun solicitante autorizado, dos productos lácteos transformados sinalados no anexo I da orde desta consellería, do 30 de maio de 2002, ós alumnos que asistan regularmente ós centros escolares, conforme o previsto na dita orde, nos seus artigos 2, en relación cos beneficiarios e solicitantes autorizados, e 3, en relación coa utilización dos productos lácteos.

2. Estas axudas forman parte das medidas previstas na organización común de mercados no sector lácteo (Regulamento (CE) 1255/1999, do consello, do 17 de maio), que teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 3º.-Solicitude de autorización como subministrador de productos subvencionados.

Os novos solicitantes que queiran participar no programa do leite escolar deberán solicitalo ó Fondo Galego de Garantía Agraria, segundo os modelos que figuran nos anexos III A (provedores) e III B (APAS

e centros escolares) da orde desta consellería, do 30 de maio de 2002, e seren autorizados para operar como tales, ó abeiro do disposto no artigo 7 desta.

Artigo 4º.-Proposta de subministración.

Os participantes no programa deberán presentar unha proposta de subministración de productos lácteos a centros escolares e asumi-los correspondentes compromisos, segundo o establecido no artigo 8.1º da orde desta consellería, do 30 de maio de 2002.

Artigo 5º.-Solicitude de pagamento da axuda.

1. As solicitudes de pagamento da axuda, presentadas por solicitante autorizado, debidamente asinadas, serán formalizadas de acordo cos modelos previstos nos anexos VII e VIII da orde desta consellería, do 30 de maio de 2002, xuntando á solicitude a documentación a que se refire o artigo 9.3º da dita orde.

De conformidade co previsto no artigo 9.2º da dita orde, o prazo de presentación das solicitudes rematará o último día do cuarto mes seguinte ó da subministración dos productos. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas no quinto e sexto mes seguinte, reducíndose o seu importe nun 5%, se o atraso é inferior a un mes, e nun 10%, nos demais casos.

2. As solicitudes presentaranse nos servicios provinciais do Fogga, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 6º.-Financiamento.

1. Esta convocatoria tramítase de conformidade co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. O seu financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.614A.779.0, do orzamento de gastos do Fogga para 2004, por importe de 350.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Conforme o previsto no artigo 9.3º, parágrafo 2º, da orde desta consellería, do 30 de maio de 2002, cando na solicitude de pagamento (anexo VII da dita orde) non autorizasen o Fogga para solicitar da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Economía e Facenda a expedición dos certificados acreditativos de estar ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública desta Comunidade Autónoma, os solicitantes deberán

achega-las ditas certificacións xunto coa solicitude de pagamento da axuda, agás no caso de que o importe da axuda non exceda de 1.500 A, suposto no que estarán exentos de achega-los xustificantes correspondentes.

Segunda.-Tódalas referencias efectuadas pola orde desta consellería, do 30 de maio de 2002 ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia entenderanse feitas ó Fondo Galego de Garantía Agraria, de conformidade co previsto na disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Fondo Galego de Garantía Agraria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2004.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural