Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.425

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 22 de decembro de 2003 pola que se establecen as compensacións complementarias pola aplicación de programas de erradicación de enfermidades dos animais.

A presencia da enfermidade encefalopatía esponxiforme bovina implica a adopción das medidas previstas no Real decreto 3454/2000, do 22 de decembro, polo que se establece e regula o Programa integral coordinado de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais. A aplicación destas medidas sanitarias tan rigorosas supón o sacrificio obrigatorio e destrucción dos animais, seguido dunha hixienización das instalacións da explotación, para os casos de que non se poida descarta-la enfermidade ou se confirme a súa presencia.

Coa aprobación da orde correspondente pola que se establecen as indemnizacións por sacrificio obrigatorio dos animais como consecuencia da declaración oficial da existencia da enfermidade, regúlanse os mecanismos para conseguir que o importe co que se van indemniza-los animais sacrificados por motivo de sospeita ou confirmación da enfermidade sexa equivalente ó valor medio normal en vida nos mercados gandeiros de referencia.

Con todo, as indemnizacións establecidas son insuficientes para palia-las importantes perdas económicas dos productores, sobre todo naquelas explotacións nas que se fai un baleiro sanitario total por sacrificio preventivo e destrucción de tódolos seus animais que, ademais, teñen que sufrir ese período de inactividade productiva ata que os servicios veterinarios oficiais autoricen novamente a reintroducción de animais novos nesa explotación.

Estas perdas son moito máis acusadas canto máis tempo se impón como esixencia mínima de período de baleiro nas explotacións, antes de permiti-la incorporación doutros animais nelas, como sucede no caso doutras enfermidades obxecto dun programa oficial de control e erradicación.

As directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C-28/2), no caso das destinadas á loita contra enfermidades animais e vexetais, consideran a posibilidade de engadir unha compensación razoable por ingresos non percibidos, tendo en conta as dificultades que comporta a reposición do gando e os períodos de espera ou de corentena impostos ou recomendados polas autoridades competentes para elimina-la enfermidade antes de efectua-la reposición.

Así, aínda que a lexislación de sanidade animal recoñece expresamente o dereito do dono do animal a ser indemnizado polo dano causado ó sacrifica-los

animais, a aplicación dos métodos de valoración existentes na actualidade non é proporcional á deterioración patrimonial que efectivamente ocorre porque se lle impide producir durante un período de tempo cando, en moitos casos, constitúe o seu medio de vida, polo que, unha vez declarada a enfermidade, se van producir na práctica situacións de grave desamparo e indefensión.

Consecuentemente co exposto anteriormente, faise imprescindible establece-los mecanismos de reparación e resarcimento dos danos realmente causados ó propietario, ante o establecemento de medidas obrigatorias como consecuencia dun programa de prevención e erradicación de enfermidades dos animais das que en ningún caso se pode facer responsable ó propietario da explotación.

Ademais, cómpre ter en conta a dificultade coa que se atopa o productor para poder repoñe-los animais de similares características ós que se lle obrigou a sacrificar, e que na maior parte dos casos non hai posibilidade de acada-la reposición total ó mesmo tempo.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer axudas para compensa-lo lucro cesante nos casos de inactividade nunha explotación gandeira por motivos de EEB ou outras enfermidades sometidas a programas de erradicación.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Os titulares das explotacións nas que se sacrificasen ou destruísen de forma preventiva tódolos animais ruminantes por motivos de sospeita e/ou confirmación da presencia dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles ou doutra enfermidade sometida a un programa oficial de control e erradicación, recibirán unha compensación por ingresos non percibidos de acordo co establecido nos seguintes artigos desta orde.

Artigo 3º.-Contía.

O importe das referidas compensacións será determinado con base nos cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades productivas gandeiras das explotacións, que se xuntan como anexo III a esta orde, tendo en conta o período de inactividade desde o momento do baleiro sanitario da explotación. O período indemnizable será de tres meses contados desde que se autorice oficialmente a reintroducción de animais e sumados ó tempo de baleiro da explotación, sempre de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Non obstante o anterior, en caso de recuperación parcial da actividade, se se repón, polo menos, o

25% dos animais antes de tres meses desde a data de autorización oficial de reposición, será descontado para o período restante o importe correspondente ás unidades de producción restituídas, e o período que se indemnice despois de autoriza-la reposición poderá prolongarse ata un máximo de doce meses.

Artigo 4º.-Requisitos.

Para poder ter dereito ás indemnizacións establecidas nesta orde é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre sanidade animal, programas de erradicación de enfermidades animais e vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles. Esta normativa recóllese na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal; Regulamento de epizootias do 4 de febreiro de 1955; R.D. 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación das enfermidades dos animais; Regulamento (CE) 999/2001, do Parlamento Europeo e do Consello, referente á vixilancia epidemiolóxica e ós controis das encefalopatias esponxiformes transmisibles e as súas posteriores modificacións; Regulamento (CE) 1774/2002, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables ós subproductos animais non destinados ó consumo humano; e en todas aquelas normas de desenvolvemento en materia de sanidade animal.

Artigo 5º.-Financiamento.

As compensacións establecidas nesta orde aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.613-A.770.0 Programas sanitarios especiais, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 ata un importe de 300.000 euros.

Este importe podería verse incrementado con sucesivas achegas doutras administracións.

A concesión da axuda estará condicionada á aprobación da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, de acordo co artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

Artigo 6º.-Solicitudes, prazo e documentación.

1. As solicitudes de axudas, segundo modelo que figura como anexo I da presente orde, poderán presentarse nas oficinas da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como nos demais lugares e formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no Decreto 200/2003, do 20 de marzo de 2003. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte da data de publicación da presente orde ata o 20 de novembro de 2004, incluíndo esta data no cómputo do prazo.

2. Os beneficiarios das axudas deberán presentar xunto coa solicitude os documentos xustificantes do sacrificio dos animais conforme a normativa vixente. Ademais, deberán presentar:

a) Declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

b) Certificación de encontrarse ó día das obrigas tributarias e sociais e de que non teñen débeda ningunha coa Administración da Comunidade Autónoma. O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria -AEAT- e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no anexo II desta orde para os efectos de que a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a poida solicitar por vía informática.

Non obstante, quedan exentas de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as axudas especificadas no artigo 42 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, condicionado á súa aprobación definitiva.

c) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que a conta citada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos corresponde ós solicitantes.

Os beneficiarios terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

Unha vez comprobados os requisitos esixidos nos artigos anteriores, polas delegacións provinciais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria:

1. Será emitida resolución do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural de aprobación ou denegación da axuda na que se especificarán os recursos que procedan. Contra esa resolución poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación.

2. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de

réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de que, transcorridos seis meses desde o rexistro da solicitude de axuda, non se dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a axuda. Transcorrido o dito prazo, o interesado disporá de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se entenda desestimada a axuda para interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Cabe interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, se é expresa, ou seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Modificación da resolución.

A resolución de concesión da axuda poderá ser modificada por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

Artigo 9º.-Pagamentos parciais.

Poderán realizarse pagamentos parciais mensuais á conta da liquidación definitiva, conforme o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Compatibilidades.

As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra que poida obterse de distintas administracións para esta finalidade.

Artigo 11º.-Reintegro.

O incumprimento polo beneficiario de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á axuda e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houber lugar (artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

Os cálculos para a determinación dos importes das compensacións faranse multiplicando o valor en pesetas da marxe bruta de cada unidade de producción, polo número de unidades de producción que consten como datos oficiais referidos á explotación afectada na Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Resultará así un importe anual que, dividido por 365 días, determinará o importe diario que, pola súa vez, será multiplicado polo número de días de inactividade.

En caso de recuperación parcial da actividade serían descontados, para os días restantes, os importes das unidades de producción correspondentes.

Para os casos en que o período de inactividade supoña a perda de posibilidade de percepción do importe total da prima anual, aplicarase para o cálculo o valor de marxe bruta sen prima e incrementarase o importe final co valor total anual da prima.