Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 30 de decembro de 2003 Páx. 16.292

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de decembro de 2003 pola que se convoca proceso selectivo para o acceso a categorías correspondentes ó grupo IV do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido no Decreto 183/2003, do 13 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas de persoal laboral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (DOG nº 53, do 17 de marzo), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o artigo 10 do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia

DISPÓN:

I. Normas xerais.

I.1. Convócase proceso selectivo para o acceso ás categorías do grupo IV que figuran no anexo I desta convocatoria.

I.1.1. O número total de vacantes reservadas ó sistema de acceso libre será, para cada categoría, o reflectido no anexo I.

I.1.2. De conformidade coa disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, segundo redacción dada pola Lei 4/1991, do 8 de marzo, e co Decreto 183/2003, do 13 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas de persoal laboral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (DOG nº 53, do 17 de marzo), do total de prazas reservarase, se é o caso, en cada categoría o número de prazas que constan no citado anexo I, para ser cuberta/s por persoa/s con minusvalidez con grao de discapacidade igual ou superior ó 33%.

Os aspirantes con minusvalideces con grao de discapacidade igual ou superior ó 33% deberán acreditar tal condición xunto coa súa solicitude mediante certificación de compatibilidade coas funcións da categoría dos órganos competentes da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e, se é o caso, da Administración correspondente.

No suposto de que tal/es praza/s non sexa/n cuberta/s por persoa/s coa minusvalidez correspondente pasará/n a integrarse nas restantes prazas correspondentes ó sistema de acceso libre. Así mesmo, no suposto de que algún dos aspirantes con minusvalía que se presentara polo cota de reserva de discapacitados superase os exercicios correspondentes, pero non obtivese praza e a súa puntuación fose superior á obtida por outros aspirantes do sistema de acceso libre será incluído pola súa orde de puntuación no sistema de acceso libre.

I.1.3. As prazas sen cubrir das reservadas ó sistema de promoción interna e cambio de categoría acumularanse ó sistema de acceso libre.

I.1.4. Este proceso selectivo seralle aplicable o disposto nos artigos 8 e seguintes do IV convenio colectivo único e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos dos candidatos.

I.2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

I.2.1.1. Nacionalidade: ser español ou nacional dalgún dos demais estados membros da Unión Europea, ou nacional dalgún estado, ó que en virtude dos tratados internacionais realizados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación á libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participa-lo cónxuxe dos españois, dos nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea e dos nacionais dalgún estado, ó que en virtude dos tratados internacionais realizados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de

dereito, así como os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de vinteún ano ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

I.2.1.2. Idade: ter cumpridos os dezaoito anos e non ter acadado a idade de xubilación.

I.2.1.3. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obte-lo título académico e requisitos que para cada categoría figuran no anexo I antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

I.2.1.4. Capacidade: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.5. Habilitación: non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

Os aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar igualmente non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu estado, o acceso á función pública.

I.2.2. Tódolos requisitos enumerados nas anteriores bases deberán posuírse no día da publicación desta convocatoria e manterse ata o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso selectivo.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. Os que desexen tomar parte neste proceso selectivo deberán facelo constar mediante instancia que se cubrirá segundo as instruccións reflectidas no anexo II e que será facilitada nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia á que se fai referencia na base I.3.2. Do mesmo xeito tamén se poderá obte-la solicitude no seguinte enderezo da Internet: http://www.xunta.es/emprego/oposicions/index.htm. Xunto coa instancia presentarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou pasaporte.

Os aspirantes estranxeiros que residan en España deberán ademais presentar unha fotocopia cotexada da tarxeta de residente comunitario ou de familiar de residente comunitario en vigor ou, se é o caso, da tarxeta temporal de residente comunitario ou de traballador comunitario fronteirizo en vigor.

Os aspirantes que sexan nacionais da Unión Europea ou dalgún estado ó que, en virtude dos tratados internacionais realizados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, ben por residir no estranxeiro ou por atoparse en España en réxime de estadía, deberán presentar unha fotocopia cotexada do documento de identidade ou pasaporte.

Os familiares dos anteriores deberán presentar unha fotocopia cotexada do visado e, se é o caso, do xustificante de ter solicitado a correspondente tarxeta ou xustificante de ter solicitado a exención do visado e da correspondente tarxeta. De non ter solicitado estes documentos, deberán presenta-los documentos expedidos polas autoridades competentes que acrediten o vínculo do parentesco e unha declaración xurada ou promesa do español, do nacional dalgún dos demais estados membros da Unión Europea e do nacional dalgún estado, ó que, en virtude dos tratados internacionais realizados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, co que existe este vínculo, de que non está separado de dereito do seu cónxuxe, e se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

b) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, polo que se modifica a contía das taxas establecidas no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, como requisito necesario para participar neste proceso, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 22 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, utilizando para iso o impreso de autoliquidación sinalado no anexo IV. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia, debendo cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo IV. Estarán exentos do pagamento da taxa por dereito de inscrición os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada

documentalmente xunto coa instancia, presentando orixinal ou copia cotexada da cualificación da minusvalidez.

A non presentación deste anexo, no que figurará o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso a presentación deste anexo suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude (anexo II).

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolverase, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes excluídos que o soliciten.

c) Documento xustificativo de estar en posesión do título do curso de iniciación de galego, ou equivalente debidamente homologado pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no cuarto exercicio.

I.3.2. A presentación de solicitudes farase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia e oficinas de correos nas condicións a que se refire o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días naturais, a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e dirixiranse á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

As solicitudes subscritas polos españois no estranxeiro poderán cursarse, no prazo expresado no parágrafo anterior, a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que as remitirán seguidamente ó organismo competente.

Para calquera aclaración ou información adicional os interesados poderán poñerse en contacto telefónico, no número 902 12 00 12, de 9.00 a 19.00 horas de luns a venres e de 9.00 a 14.00 os sábados.

I.3.3. Os aspirantes con algunha discapacidade deberán indicalo na solicitude. Así mesmo, deberán solicita-las posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria. Todo iso conforme o contido do disposto na Lei 13/1982, do 7 de abril, e o artigo 3 do Decreto 183/2003, do 13 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas de persoal laboral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Estes requisitos tamén os deberán cumprir, se é o caso, os aspirantes con minusvalideces con grao de discapacidade igual ou superior ó 33%, a que se refire a base I.1.2. Tales aspirantes terán que declarar expresamente nas solicitudes que posúen a condición de discapacidade anteriormente citada, especificando o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, a directora xeral da Función Pública dictará resolución, que se publicará no DOG así como oportunamente nos lugares determinados pola normativa vixente e na que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión e a indicación do lugar no que se atopan expostas as listas de admitidos. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número do documento nacional de identidade.

I.4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión.

Para tal efecto a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a pose

sión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca mediante esta orde. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de supera-lo proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puidesen derivarse da súa participación neste procedemento.

II. Concurso-oposición.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

II.1. Fase de concurso.

II.1.1. Experiencia profesional:

a) Polo exercicio da categoría profesional á que se opta na Xunta de Galicia no ámbito do convenio único, terase en conta o disposto na disposición transitoria 4ª do III convenio colectivo único de persoal laboral da Xunta de Galicia, 0,10 puntos/mes, no caso de ter mudado de denominación a devandita categoría e se nestoutra se manteñen as mesmas funcións, terase en conta o tempo de servicios prestados, de se-lo caso, desde a categoría que mudou de nome.

b) Polos servicios prestados correspondentes a outras categorías no ámbito do convenio único da Xunta de Galicia ou ben por servicios prestados no réxime especial agrario na Xunta de Galicia: 0,05 puntos/mes.

c) Por servicios prestados, como laboral, na categoría á que se opta no Sergas e noutras administracións públicas: 0,05 puntos/mes.

d) Polo exercicio, da categoría profesional á que se opta en empresas privadas: 0,01 puntos/mes.

A puntuación máxima neste punto será de 8,40 puntos.

II.1.2. Formación profesional:

A) Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias da categoría á que se opta como persoal laboral fixo do grupo IV realizados nas administracións públicas, escolas da administración pública, universidades, Inem, así coma os cursos homologados e informados favorablemente pola comisión da formación continua da Comunidade Autónoma de Galicia:

-Ata as primeiras 25 horas: 0,1 puntos.

-Por cada hora que exceda ese nº: 0,01 puntos por hora.

Se non se acredita a duración entenderase de ata 25 horas.

A puntuación máxima total acadable neste punto será de 3,60 puntos.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios e similares.

II.1.3. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá supera-los 12 puntos, sumados os puntos II.1.1 e II.1.2.

II.1.4. Para supostos de empate nas puntuacións finais dos aspirantes, aquel dirimirase a favor do aspirante que obtivese a puntuación máis alta no primeiro exercicio, e se iso non fose suficiente, pola puntuación obtida nos sucesivos exercicios ata que aquel se dirima. De persisti-lo empate resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso e atendendo á orde dos méritos segundo figura na base II.1.1. Por último e de seguir persistindo o empate, resolverase segundo o establecido na base III.18.

II.1.5. Os méritos enumerados nas bases II.1.1 e II.1.2 deberán referirse á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os méritos, requisitos e datos imprescindibles a que se refiren os puntos anteriores, deberán acreditarse mediante certificado, segundo o modelo que figura como anexo III a esta orde, que deberá ser expedido por:

-Servicios centrais:

Secretario xeral, subdirector xeral ou xefes de servicio que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral da última consellería onde prestou ou estea a prestar servicios ou dos seus organismos autónomos.

-Servicios periféricos:

Secretarios/as ou, de se-lo caso, funcionario/a responsable da área de persoal das delegacións/direccións territoriais, provinciais ou comarcais da última consellería onde prestou ou estea a prestar servicios ou dos seus organismos autónomos.

-Outras administracións públicas ou empresas privadas:

-O responsable de persoal respectivo.

Ó certificado xuntarase a documentación acreditativa dos méritos nel reflectidos, que no caso de tratarse de servicios prestados noutras administracións públicas (agás Sergas) e/ou na empresa privada deberá xuntarse copia cotexada dos contratos orixinarios acompañados de informe de vida laboral expedido pola Tesorería Xeral da Seguridade Social. No caso de servicios prestados na Xunta de Galicia ou no Sergas poderase presentar ademais do establecido no parágrafo anterior un certificado de servicios prestados onde veña especificado o grupo, categoría, tipo de persoal e os períodos, con data de inicio e remate do contrato, nos que estivo traballando o aspirante.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ó establecido nos puntos anteriores.

En calquera dos casos será necesario achegar xunto coa certificación a documentación acreditativa dos méritos reflectidos nesta. Tódalas follas de documentación que se acheguen deberán vir numeradas correlativamente.

II.1.6. Desde a data de anuncio publicación no DOG das notas do segundo exercicio da fase da opo

sición, os aspirantes disporán dun prazo de 20 días naturais prara presenta-la documentación relativa á fase de concurso.

As puntuacións obtidas na fase de concurso faranse públicas con posterioridade á publicación das cualificacións do último exercicio da fase de oposición.

II.2. Fase de oposición:

Os programas que rexerán as probas selectivas son os que figuran como anexo V desta orde.

II.2.1. Exercicios:

a) Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en contestar por escrito a un grupo de 50 preguntas tipo test con respostas alternativas propostas polo tribunal, que será o resultante do sorteo entre dous cuestionarios elaborados previamente por aquel e relativos ó contido da parte xeral e específica do programa correspondente a cada categoría. A porcentaxe máxima de preguntas da parte xeral do temario será do 30% do total das preguntas. No devandito test poderán poñerse ata tres preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das mencionadas anteriormente.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de noventa minutos.

Cando remate o exercicio cada opositor poderá obter copia del.

No prazo das 24 horas seguintes á realización do exercicio farase público no lugar onde se realice o exercicio, o modelo das respostas correctas do test.

Cualificarase de 0 a 20 puntos, sendo necesario para superalo obter como mínimo 10 puntos, correspondéndolle ó tribunal determina-lo número de respostas esixido para acada-la puntuación mínima. Para iso terase en conta que por cada catro respostas incorrectas descontarase unha correcta.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios.

b) Segundo exercicio, de carácter eliminatorio, consistirá:

b.1. Na resolución de dous supostos prácticos con preguntas tipo test con respostas alternativas, relacionados coas materias relativas á parte específica do programa correspondente a cada categoría ou

b.2. Nunha proba práctica relacionada coas materias relativas á parte específica do programa correspondente a cada categoría.

As modalidades b.1 ou b.2 aplicaranse para cada categoría segundo o fixado no anexo I.

Para a realización deste exercicio disporase dun tempo máximo de dúas (2) horas para os supostos prácticos ou, no caso de proba práctica, o sinalado no anexo I.

O exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo necesario para superalo obter un mínimo de 5 puntos, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de

coñecementos esixido para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios.

c) Terceiro exercicio, de carácter eliminatorio, constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na traducción dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na traducción dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será dunha hora.

Este exercicio cualificarase como apto ou non apto, sendo necesario para superalo obte-la calificación de apto, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-lo resultado de apto. Os resultados publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios.

Estarán exentos da realización do terceiro exercicio os aspirantes que teñan acreditado xunto coa solicitude a posesión do curso de iniciación de galego.

II.2.2. A puntuación dos exercicios publicarase no DOG.

II.2.3. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

II.2.4. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos opositores, membros do tribunal e os colaboradores designados por este.

II.2.5. A orde de puntuación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma da puntuación obtida na fase de concurso e na da oposición, non podendo supera-lo proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

II.2.6. Os aspirantes que ingresen polo sistema de promoción interna, en virtude do disposto no artigo 12.2.4) do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, terán, en todo caso, preferencia sobre os aspirantes provenientes do sistema de acceso libre para cubri-las vacantes correspondentes.

II.3. Desenvolvemento dos exercicios.

II.3.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra C, de conformidade co establecido na resolución da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 10 de marzo de 2003 pola que se publica o resultado do sorteo que se refire ó Regulamento de selección do persoal da

Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, (DOG nº 52, do 14 de marzo).

II.3.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal correspondente coa finalidade de acredita-la súa personalidade.

II.3.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluído da oposición quen non compareza.

II.3.4. O anuncio de realización do segundo e restantes exercicios será efectuado polo tribunal no DOG, nos locais onde se realizase o anterior exercicio, e por calquera outro medio, se se xulga conveniente, para facilita-la súa máxima divulgación, con corenta e oito horas alomenos, de antelación á sinalada para a súa iniciación. Cando se trate de distintas fases do mesmo exercicio, o anuncio será publicado nos locais onde se realiza, e nalgún outro medio se se xulga conveniente con doce horas, alomenos, de antelación.

II.3.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos por esta convocatoria, logo de audiencia do interesado, deberá acorda-la súa exclusión, se procede.

Contra tal acordo poderá interpoñerse recurso de alzada conforme o previsto no artigo 114 e seguintes da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III. Tribunais.

III.1. Os tribunais cualificadores destas probas serán designados por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, de acordo co previsto no artigo 11 do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

A composición e requisitos dos membros dos tribunais será a prevista no artigo 11 do IV convenio colectivo único.

III.2. Ademais dos tribunais que se designen na orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, poderán nomearse máis tribunais para xulga-las probas, por proposta do tribunal número 1, cando polo número de aspirantes isto fose necesario.

Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no DOG resolución pola que se nomeen os novos tribunais, se é o caso.

III.3. Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándollo á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes

a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente na sesión de constitución do tribunal solicitará dos membros do tribunal declaración expresa de non encontrarse incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas nesta base.

III.4. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no DOG resolución pola que se nomeen os novos membros do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base III.3.

III.5. Logo de convocatoria do presidente do tribunal número 1, constituiranse os tribunais en sesión conxunta. Tal constitución entenderase válida con que asistan a ela a maioría dos membros de cada tribunal.

A realización da sesión de constitución terá lugar no prazo máximo de trinta días a partir da designación dos tribunais e mínimo de dez días antes da realización do primeiro exercicio.

Na dita sesión, os tribunais, baixo a dirección e coordinación do tribunal número 1, adoptarán tódalas decisións que lles correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

Especialmente cando as circunstancias así o aconsellen os tribunais poderán acordar que a realización do exercicio nº 1 da fase de oposición teña lugar simultaneamente en varias localidades.

III.6. A partir da sesión de constitución, cada tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes.

III.7. O procedemento de actuación dos tribunais axustarase en todo momento ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III.8. A cada tribunal corresponderalle xulgar un número determinado de aspirantes que estarán comprendidos entre as letras do abecedario correspondentes ós seus apelidos.

III.9. Corresponderalle ó tribunal nomeado co número un:

-Cursar por orde do seu presidente citación ó resto dos tribunais para constituírse nun acto conxunto.

-Mediante anuncio público no DOG e demais anuncios correspondentes, fixarase o lugar, data e hora de realización do primeiro exercicio.

-Recibi-los expedientes dos demais tribunais relativos ó transcurso das probas e respectivas propostas, e eleva-la proposta definitiva de aprobados.

III.10. Co obxecto de consegui-la necesaria coordinación entre os tribunais cualificadores, todos actuarán coordinadamente baixo a dirección do número 1, que resolverá cantas consultas, interpretacións e criterios de valoración e de unificación poidan ser presentados e solicitados polos restantes tribunais sobre as normas da convocatoria.

Os tribunais cualificadores actuarán coordinadamente procurando a maior uniformidade nos criterios valorativos dos exercicios, sen prexuízo do cal funcionarán con autonomía no que se refire á selección dos aspirantes, formulando as súas propias propostas.

III.11. Por cada sesión do tribunal levantarase acta que se autorizará coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

III.12. Cada tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinente, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

III.13. Os tribunais cualificadores poderán adopta-las medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidade, sen que se vulnere o principio de igualdade, gocen de similares condicións para a realización dos exercicios có resto dos demais participantes. Neste sentido poderanse establecer, para as persoas con discapacidades que o solicitan na forma prevista na base I.3.3., as adaptacións posibles para a súa realización.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polo persoal da categoría á que opta, poderán solicita-lo correspondente dictame do órgano competente.

III.14. O primeiro exercicio da fase de oposición realizarase no prazo máximo de 40 días desde a constitución do tribunal. Os seguintes exercicios realizaranse nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de 40 días.

Non obstante o tribunal, mediante anuncio publicado no DOG, poderá acordar que se realicen no mesmo día o 1º e o 2º exercicios, estando condicionada a corrección do segundo exercicio á superación do primeiro.

III.15. O presidente de cada tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que se realicen en forma escrita sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

Os tribunais excluirán a aqueles candidatos con exercicios nos que figuren marcas ou signos que permitan coñece-la identidade do opositor.

III.16. Os tribunais que actúen nestas probas selectivas terán a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

III.17. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes que o de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.18. No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, aquel resolverase a favor do aspirante que obtivese a puntuación máis alta no primeiro exercicio, e se iso non fose suficiente, pola puntuación obtida nos sucesivos exercicios ata que aquel se dirima. De continua-lo mesmo, resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso e atendendo á orde dos méritos segundo figura na base II.1.1 e na base II.1.2 respectivamente. De persistir resolverase por orde alfabética iniciándose pola letra establecida na resolución da Conselleria da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 10 de marzo de 2003 pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autonoma de Galicia para o ano 2003 (DOG nº 52, do 14 de marzo).

III.19. As comunicacións que formulen os aspirantes ós tribunais dirixiranse á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

IV. Lista de aprobados.

IV.1. Rematado o proceso selectivo o presidente do tribunal número 1 enviará proposta de aprobados ó órgano convocante, tal e como dispón o artigo 12 do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Con carácter excepcional poderase renunciar á participación no proceso selectivo ata a data en que o tribunal eleve a definitiva a proposta de aspirantes que superaron o proceso selectivo.

V. Presentación de documentos e nomeamento.

V.1. Por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública elevarase a definitiva a proposta dos tribunais de aspirantes que superaron o proceso selectivo, publicándose no DOG, e a partir da dita publicación computarase o prazo de 20 días para que os ditos aspirantes presenten na Dirección Xeral da Función Pública os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido na base I.2.1.3 e anexo I ou certificación académica que acredite ter realizados tódolos estudios para a obtención do título, ou, se é o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do correspondente título académico.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública, en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

c) Deberá presentarse certificado médico oficial no que se acrediten os extremos sinalados na base I.2.1.4.

d) Os aspirantes con minusvalideces con grao de discapacidade igual ou superior ó 33% deberán acreditar tal condición, se obtivesen praza, mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e, se é o caso, da Administración correspondente.

A Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública requirirá respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, dictame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato, coas funcións propias da categoría á que accede.

V.2. Os que dentro do prazo fixado e salvo os casos de forza maior, libremente apreciada pola Dirección Xeral da Función Pública, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2., non poderán ser nomeados persoal laboral e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

V.3. Rematado o proceso selectivo e unha vez cumpridos os requisitos esixidos con anterioridade, os que os superasen serán nomeados persoal laboral da Xunta de Galicia na categoría que corresponda mediante resolución do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que se publicará no DOG, de acordo coa puntuación obtida no proceso selectivo.

V.4. De acordo co disposto no artigo 12.2.3) do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, na resolución pola que se publique a proposta definitiva de aprobados poderán incluírse os postos vacantes que se lles oferten, con indicación dos requisitos para o seu desempeño.

VI. Norma derradeira.

Contra esta convocatoria que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación, perante o xulgado do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, conforme os artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Os actos administrativos que se deriven desta convocatoria e da actuación dos tribunais poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos pola Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, a Administración poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal conforme ó previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

ANEXO I

GrupoCategoríaVacantes

acceso libre

Vacantes

discapacit.

2º exercicioTitulación académica requirida

IV003. Auxiliar de clínica//auxiliar sanitario/a e outras483Suposto prácticoTécnico en coidados auxiliares de enfermería ou equivalente

004. Auxiliar de fogar//cuidador/a auxiliar e outras725Suposto prácticoGraduado en ESO, graduado escolar, técnico (ciclo formativo de grao medio) ou equivalente

006. Axudante de servicios técnicos//oficial 2ª de mantemento51Suposto prácticoa) Técnico en montaxe e mantemento de instalacións de frío, climatización e producción de calor ou equivalente

b) Graduado en ESO, graduado escolar, técnico (ciclo formativo de grao medio) ou equivalente e dous anos de experiencia acreditada na categoría na Administración pública

007. Garda xurado fluvial//garda de explotación81Suposto prácticoa) Técnico en explotacións agrarias extensivas//técnico en explotacións agrarias intensivas//técnico en explotacións gandeiras//técnico en xardinería//técnico en traballos forestais e de conservación do medio natural ou equivalentes

Título de capataz agrícola xunto coa declaración individualizada de equivalencia

b) Graduado en ESO, graduado escolar, técnico (ciclo formativo de grao medio) ou equivalentes e dous anos de experiencia acreditada na categoría na Administración Pública

016. Conductor/a91Proba práctica. Posta en marcha dun vehículo con fallo. Tempo: 20'Graduado en ESO, graduado escolar, técnico (ciclo formativo de grao medio) ou equivalente

Carné de conducir B con autorización BTP

0025. Cargador/a//tremoeiro/a1-Suposto prácticoGraduado en ESO, graduado escolar, técnico (ciclo formativo de grao medio) ou equivalente

028. Auxiliar producción-dirección2-Suposto prácticoGraduado en ESO, graduado escolar, técnico (ciclo formativo de grao medio) ou equivalente

039. Auxiliar de autopsias1-Suposto prácticoGraduado en ESO, graduado escolar, técnico (ciclo formativo de grao medio) ou equivalente

ANEXO V

Grupo IV

Parte xeral común a tódalas categorías

Tema 1. A Constitución española. Visión xeral e especial referencia ós dereitos fundamentais e liberdades públicas.

Tema 2. A Coroa. As Cortes Xerais. Composición, atribucións e funcionamento. O Tribunal Constitucional. O Consello Xeral do Poder Xudicial.

Tema 3. A Administración central do Estado. O Goberno. O presidente do Goberno e os ministros.

Tema 4. O procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrucción e terminación. Os recursos administrativos: concepto e clases.

Tema 5. O Estatuto de autonomía de Galicia. Competencias da Comunidade Autónoma. A Xunta de Galicia e o seu presidente.

Tema 6. O Parlamento de Galicia. A Administración pública da Comunidade Autónoma. O Consello da Xunta. Organización e estructura das consellerías.

Tema 7. O persoal ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma. Persoal funcionario e persoal laboral. Criterios diferenciadores.

Tema 8. A Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. Sistemas de acceso. Provisión de postos de traballo. Situacións administrativas dos funcionarios. Dereitos e deberes.

Tema 9. Persoal laboral. O convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.

Tema 10. A Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical: a liberdade sindical e a representatividade sindical.

Parte específica

* Grupo IV, categoría 3 (auxiliar de clínica//auxiliar sanitario e outras).

Tema 1. Fundamentos da enfermería. Ética e moral profesional. A enfermería dentro do sistema sanitario.

Tema 2. A Lei xeral de sanidade. Plan Galego de Saúde Mental. Plan Autonómico de Drogodependencias. A Lei de servicios sociais. Os servicios sociais da Comunidade Autónoma.

Tema 3. A saúde e a enfermería. Hixiene persoal e benestar do enfermo. Medicina preventiva. Educación para a saúde. Bases da patoloxía xeral. Nocións básicas dos grandes cadros psiquiátricos: neurose, psicose, trastornos do carácter, drogodependencias. Patoloxías crónicas e invalidantes.

Tema 4. Coidados básicos de enfermería. Pautas de hixiene ordinaria nos distintos tipos de pacientes. Baño. Coidados xerais: úlceras, dentadura, uñas. Control de esfínteres. Funcionamento intestinal. Diurese. Alimentación e hidratación do enfermo.

Tema 5. O paciente terminal. Probas e procedementos diagnósticos: exame radiolóxico. Toma de mostras para as análises: esputo, feces ou urina. O material: as axudas técnicas. As camas e os distintos modos de facelas. Material para minusválidos. Material de reeducación. Material de ergoterapia.

Tema 6. O auxiliar nos distintos departamentos. Coidados intensivos. Cirurxía. Psiquiatría. Xeriatría. Materno-infantil. Xinecoloxía.

Tema 7. O papel do auxiliar no coidado e manexo do enfermo mental. Trastornos da memoria. Demencias. Estados depresivos. Estados confusionais. O enfermo axitado. O enfermo delirante. O sono e os seus trastornos.

Tema 8. Funcións e signos vitais. Primeiros auxilios. Trastornos que xeran invalidez motora, sensorial ou mixta de carácter agudo e/ou transitorio.

Tema 9. Técnicas básicas de enfermería. Conceptos xerais de farmacoloxía. Administración de medicamentos. Efectos secundarios, contraindicacións e intoxicación. Papel do auxiliar na súa vixilancia e control. Ventilación e osixenoterapia.

Tema 10. Atención ó paciente crónico. Técnicas e habilidades no manexo da conducta do enfermo. Hospitalización. Problemas psicosociais (de adaptación, habilidades sociais, illamento, autonomía e dependencia). Relacións auxiliar-paciente (segundo idades, disfuncións, invalidez e/ou patoloxías). Tratamento e integración social. Outros tratamentos: ergoterapia, rehabilitación, laborterapia.

* Grupo IV, categoría 4 (auxiliar fogar//coidador/a auxiliar//auxiliar coidador/a).

Tema 1. O corpo humano, concepto. Características. Aparellos. Sentidos.

Tema 2. O coidador dentro da escola ou centro. A súa participación no proceso educativo e socializador. Relacións cos familiares e persoal especializado.

Tema 3. Coordinación do coidador cos mestres, educadores, etc. O seu papel como elemento favorecedor da comunicación entre o neno normal e o neno integrado.

Tema 4. Educación especial; clasificación das persoas que a requiren. Problemas psíquicos, problemas de afectividade.

Tema 5. Características básicas do deficiente motórico. Problemas na súa escolarización ou socialización. Creación de hábitos de alimentación, hixiene... Problemas posturais. Atención específica das persoas con espiña bífida.

Tema 6. Características básicas do cego e amblíope. Problemas na súa escolarización ou socialización. Creación de hábitos de alimentación, hixiene... A independencia de movementos e desprazamentos do cego; a orientación na procura de estratexias que favorezan a súa maior independencia.

Tema 7. Características básicas do xordo. Problemas na súa escolarización ou socialización. O xordo e o seu contexto de relacións.

Tema 8. O papel do coidador nas actividades de ocio e tempo libre; recreos, saídas, excursións, campamentos. O coidador como dinamizador de xogos e actividades. Primeiros auxilios e atención de emerxencia.

Tema 9. Creación de hábitos, técnicas, para acada-los hábitos de alimentación, hixiene... Técnicas para o manexo de apoios instrumentais para a locomoción, alimentación, hixiene. O control de esfínteres.

Tema 10. O coidador como medio para a consecución da independencia na locomoción, alimentación, hixiene. Evolución social. A importancia do traballo en equipo.

* Grupo IV, categoría 6 (axudante/a servicios técnicos//oficial 2ª mantemento).

Tema 1. Estructura de vivenda, cimentos e sotos. Pisos: muros exteriores, muro de cachotería, muros de pedra interiores. Pavimentos: revestimento do chan. Teitos: armazón e cuberta.

Tema 2. Distribución de auga no interior dunha vivenda: reductor de presión, elevadores de auga, canalización interiores. Materiais que se empregan para canos. Precaucións que hai que tomar. Determinación do diámetro dos canos.

Tema 3. Canalización de desaugamento: sifóns para vertedeiros, lavabos, bañeiras. Condicións para o seu funcionamento. Aparellos sanitarios. Vertedeiros de gres, esmaltados de plástico, de aceiro inoxidable.

Tema 4. Electricidade básica: constitución da materia. Corrente eléctrica, tensión e intensidade. Conductividade e resistencia. Lei de Ohm. Lei de Joule.

Tema 5. Electricidade aplicada: aparellos de medida. Equipos de medida e rexistro. Máquinas eléctricas rotativas. Máquinas eléctricas estáticas.

Tema 6. Aparellos e compoñentes eléctricos: resistencias, díodos, condensadores, transistores, interruptores, tipos, contactores e relés térmicos. Interruptores horarios e reloxos de conexión, lámpadas e aparellos de iluminación. Planos e esquemas eléctricos; interpretación.

Tema 7. Mecánica básica: aparellos de medida e verificación. Elaboración de debuxos a man alzada acoutados. Coñecemento de materiais, aplicacións. Máquinas ferramentas. Mecánica aplicada: soldadura, tipos e aplicacións. Oxicorte. Válvulas, tipos e aplicacións. Bombas, tipos e aplicacións.

Tema 8. Fluídrica: conceptos e propiedades dos fluídos, clases. Principio de Arquímedes. Principio de Pascal.

Tema 9. Instalacións de lavandería industrial: lavadoras, centrifugadoras, pasadoras de ferro, secadoras. Instalacións de cociña industrial: marmitas, fritidoras, peladoras, fornos, salamandras.

Tema 10. A seguridade e hixiene no traballo nos seguintes campos: electricidade, instalacións eléctricas de alta tensión, mecánica, xeradores de frío e de calor e incendios. Aparellos e instalacións: riscos e normas de seguridade.

* Grupo IV, categoría 7 (garda xurado fluvial//garda explotación).

Tema 1. Dominio público hidráulico. Bens que o integran. Conceptos de cauce, ribeira e marxes. Zonas de servidume e de policía do dominio público hidráulico (DPH). Limitacións ó uso. Lagos, lagoas e zonas inundables: conceptos e limitacións ó ser uso.

Tema 2. Servidumes legais para a utilización do DPH. Servidume de acueducto, abrevadoiro e saca: conceptos e condicións. Usos comúns do DPH: principios xerais.

Tema 3. Usos comúns especiais do DPH: principios xerais. Navegación, flotación fluvial, establecemento de barcas de paso e embarcadoiros: condicións que deben cumprir.

Tema 4. Autorizacións de sementeiras, plantacións e cortas no DPH: principios xerais e condicións que deben cumprir. Extracción de áridos: limitacións á extracción de áridos no DPH. Obras en zona de policía de canles: limitacións para a súa autorización.

Tema 5. Usos privativos por disposición legal do DPH: concepto e condicións para a súa autorización. Concesións de auga: principios xerais que rexen as concesións de augas. Cruzamentos de cauces con liñas eléctricas: condicións que deben cumprir.

Tema 6. Acuíferos sobreexplotados: concepto e efectos. Concesións de augas subterráneas: condicións e distancias que deben cumprir. Características que definen unha concesión de augas subterráneas.

Tema 7. Aproveitamentos hidroeléctricos: tipos e partes das que consta un aproveitamento hidroeléctrico. Elementos de protección da fauna piscícola nos aproveitamentos hidroeléctricos.

Tema 8. Verteduras ó DPH. Verteduras directas e verteduras indirectas: conceptos. Autorizacións de verteduras: datos mínimos esixidos nunha autorización de verteduras. Toma de mostras de verteduras. Estacións de depuración de augas residuais; concepto. Tipos de tratamentos de augas residuais.

Tema 9. Infraccións administrativas en materia de augas: leves, menos graves, graves e moi graves.

Tema 10. O organismo autónomo Augas de Galicia: estructura e organización administrativa. As demarcacións territoriais: funcións e competencias.

* Grupo IV, categoría 016 (conductor/a).

Tema 1. Código de circulación. Decreto de regulación do servicio de automobilismo da Xunta de Galicia. Orde que o desenvolve.

Tema 2. O conductor. Factores que diminúen as actitudes do conductor. Permiso e licencias de conducción: clases e vehículos autorizados para conducir.

Tema 3. O accidente de circulación: comportamento en caso de accidente. Delictos contra a seguridade do tráfico. Nocións básicas de primeiros auxilios.

Tema 4. Funcionamento dun motor de catro tempos: admisión, compresión, explosión ou acendido ou escape.

Tema 5. O engraxamento, frecuencias, niveis e mantemento. Aceites, a súa finalidade e tipos. Sistemas de engraxamento. Cambio de aceites.

Tema 6. Elementos de seguridade: freos, tipos e o seu coñecemento. A suspensión. Funcións dos amortecedores.

Tema 7. Palieres. Embrague, a súa misión.

Tema 8. Electricidade do vehículo. Batería. Bobina. Ruptor. Distribuidor. Buxías. Regulación. Dínamo. Alternador. Motor de arrincada. Bendix. O condensador. O delco.

Tema 9. O motor diésel. Órganos principais. Os inxectores. Calentadores. Bomba gas-oil.

Tema 10. Mantemento sistemático dun vehículo. Avarías, síntomas. Comprobacións. Posta a punto do vehículo. Reparacións de emerxencia.

* Grupo IV, categoría 25 (cargador/a//tremoieiro/a).

Tema 1. Norma regulamentaria do IGAEM: Lei 4/1989, do 21 de abril (DOG do 9 de maio), pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, modificada pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro (DOG do 25 de xaneiro). Decreto 107/1993, do 12 de maio, de desenvolvemento da Lei 4/1989.

Tema 2. Organización e funcionamento interno das unidades de producción do IGAEM: Centro Dramático Galego, Ballet Galego Rey de Viana e a Escola de Altos Estudios Musicais. O Grupo de Música Tradicional do IGAEM e o Centro de Documentación das Artes Escénicas e Musicais de Galicia.

Tema 3. Os medios materiais e humanos de xestión, producción e distribución do IGAEM: o seu orzamento. Os seus recursos humanos.

Tema 4. Área teatral. O teatro público e privado. Etapas da producción dun espectáculo: pre-producción, producción, estrea e distribución.

Tema 5. A distribución do espectáculo: xiras, organización de viaxes, programación. O apoio ás actividades de almacén, carpintería e demais medios de producción.

Tema 6. A escenografía. Montaxe e cambios de decorados. Métodos de aparafusar e abisagrar. O escenario: termos. Escenotécnica e efectos especiais. O escenario: partes.

Tema 7. Métodos de suspensión e contrapeso. O peine e a ponte de manobra.

Tema 8. O decorado: termos. Carras, practicables, bastidores: tipos de pezas. Panos: tipos. Patas, bambolinas e panos de aforo.

Tema 9. Grellas, sistemas de elevación, torres telescópicas. Sistemas de seguridade na montaxe teatral.

Tema 10. Transporte e almacenaxe dos elementos dunha escenografía.

* Grupo IV, categoría 028, (auxiliar de producción-dirección).

Tema 1. Norma regulamentaria do IGAEM: Lei 4/1989, do 21 de abril (DOG do 9 de maio), pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, modificada pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro (DOG do 25 de xaneiro). Decreto 107/1993, do 12 de maio, de desenvolvemento da Lei 4/1989.

Tema 2. Organización e funcionamento interno das unidades de producción do IGAEM: Centro Dramático Galego, Ballet Galego Rey de Viana e a Escola de Altos Estudios Musicais. O Grupo de Música Tradicional do IGAEM e o Centro de Documentación das Artes Escénicas e Musicais de Galicia.

Tema 3. Os medios técnicos e humanos para a producción dun espectáculo: os espacios escénicos, persoal e funcións, decorados, vestiario, iluminación e estilismo.

Tema 4. Área teatral. O teatro público e privado. Etapas da producción dun espectáculo: pre-producción, producción, estrea e distribución.

Tema 5. A distribución do espectáculo: xiras, organización de viaxes, programación.

Tema 6. Programa de axudas do IGAEM. Producción e coproduccións asociadas ó IGAEM. Rede Galega de Teatros e Auditorios: funcionamento.

Tema 7. Áreas musical e de danza pública e privada en Galicia: presente, pasado e futuro.

Tema 8. Os centros de documentación de teatro, música e danza: concepto e funcións.

Tema 9. Dereitos de autor: suxeito, obxecto e contido. Duración e límites. Transmisión dos dereitos.

Tema 10. Requisitos dunha factura. Real decreto 2402/1985 e disposicións que o modifican.

* Grupo IV, categoría 039 (auxiliar de autopsias).

Tema 1. Terminoloxía anatómica xeral: identificacións de órganos e aparellos; a súa localización espacial.

Tema 2. Técnicas de apertura do cadáver. Técnicas de apertura do cadáver en casos especiais: neonatos. Técnica de apertura da columna vertebral.

Tema 3. Normas de protección no lugar de traballo: medidas de protección persoais e xerais. Normas de prevención.

Tema 4. Manexo do instrumental: preparación, limpeza e mantemento. Emprego.

Tema 5. Preparación de solucións conservadoras: formol, formol tamponado...

Tema 6. Manexo de mostras biolóxicas: recollida, introducción en recipientes, almacenaxe e envío. Condicións especiais de cada mostra dependendo do estudio solicitado.

Tema 7. Custodia do cadáver, das mostras e dos obxectos persoais. A cadea de custodia das mostras.

Tema 8. Técnicas de conservación do cadáver.

Tema 9. Documentos médico-forenses: solicitude de análises toxicolóxicas, histopatolóxicas, de bioloxía forense e criminolóxicas.

Tema 10. Aproximación ás recomendacións da Comunidade Europea en materia de autopsias médico-forenses.