Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 30 de decembro de 2003 Páx. 16.243

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 19 de novembro de 2003, da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e do Instituto Enerxético de Galicia, pola que se convocan premios á innovación educativa sobre as enerxías renovables en Galicia.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24) de calidade da educación, establece no seu artigo 1 os principios de calidade do sistema educativo, entre os que se atopan o fomento e promoción da investigación, a experimentación e a innovación educativa; a capacidade de transmitir valores que favorezan, entre outros, a liberdade persoal, a responsabilidade social, e a cohesión e mellora das sociedades; e a flexibilidade, para adecuarse ós cambios, necesidades e demandas da sociedade, e ás diversas aptitudes, intereses, expectativas e personalidade do alumnado.

A captación da enerxía, a súa utilización e o impacto que esas actividades teñen sobre a calidade de vida e no medio ambiente son aspectos formativos centrais nas diferentes etapas educativas, e que son recollidos como contidos nos correspondentes currículos da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria, do bacharelato e da formación profesional específica. As normas que os establecen determinan que os centros educativos deben desenvolve-los currículos, tanto nos seus proxectos curriculares como nas programacións de aula das áreas, materias ou módulos.

Entre as finalidades do Instituto Enerxético de Galicia que formula a Lei 3/1999, do 11 de marzo, no seu artigo 2 atópase o fomento do uso racional da enerxía, potenciando o desenvolvemento das enerxías renovables. Por outra parte, no artigo 4 desa lei sinálase, como unha das funcións do Instituto Enerxético de Galicia, a de orienta-los usuarios nos hábitos axeitados de consumo enerxético mediante campañas e actuacións específicas. En tal medida, é totalmente pertinente promover na comunidade escolar, desde o sistema educativo, o desenvolvemento e a adquisición de hábitos minimalistas de consumo da enerxía, de actitudes positivas de aforro enerxético e de valoración das repercusións da implementación das enerxías renovables na nosa Comunidade Autónoma.

Con esta resolución preténdese fomenta-la innovación no ensino dos contidos relacionados coas temáticas antes citadas, co establecemento dunha convocatoria de premios cos que dar recoñecemento ás mellores prácticas desenvolvidas no seu ensino, que se encadra no impulso de carácter xeral das actividades de innovación educativa que leva a cabo a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, como medio de promoción e actualización profesional do profesorado, así como nas actuacións consideradas no convenio entre esa consellería e o Instituto Enerxético de Galicia, sobre a colaboración educativa nas ensinanzas de formación profesional e na difusión das enerxías renovables.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e o Instituto Enerxético de Galicia

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é a convocatoria de dous premios á innovación educativa nas etapas de educación primaria e educación secundaria sobre «as enerxías renovables en Galicia», así como a aprobación das súas bases de concesión.

Artigo 2º.-Temática.

No desenvolvemento dos contidos curriculares das enerxías renovables, segundo as características da respectiva etapa educativa, trataranse algúns dos seguintes aspectos: a enerxía, formas e mecanismos; fluxos e balances enerxéticos; fontes enerxéticas primarias e secundarias; fontes de enerxías renovables; actividades prácticas como experiencias de aula-laboratorio ou de aula-taller; rendementos enerxéticos na captación, na transformación e nos usos finais; aproveitamento didáctico de instalacións de enerxías renovables; boas prácticas no consumo de enerxía; e medidas de aforro enerxético.

Así mesmo, referiranse os aspectos máis importantes das actividades desenvolvidas co alumnado na realización da experiencia no centro educativo.

Artigo 3º.-Dotación.

1. O premio que estará composto por materiais didácticos como dotación inventariable para o centro educativo, terá dúas categorías segundo se detallan:

CategoríaDotación

1º PremioAula-laboratorio de enerxías renovables, que incluirá un equipamento de paneis solares fotovoltaicos, captadores solares térmicos, aeroxenerador eólico e turbina hidráulica, cun valor estimado de ata 12.000 A

2º PremioAula-laboratorio de enerxías renovables que incluirá un equipamento de paneis solares fotovoltaicos e captadores solares térmicos, cun valor estimado de ata 6.000 A

O Instituto Enerxético de Galicia, farase cargo da achega económica necesaria para as dotacións deses materiais ós centros premiados. A realización das adecuacións de infraestructura pertinentes para a instalación deses materiais corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Así mesmo, poderase conceder un accésit por etapa educativa, como mención honorífica sen dotación económica se, a xuízo do xurado, a calidade dalgún dos traballos presentados e non premiados o permite.

Artigo 4º.-Características dos materiais.

1. Os materiais presentados versarán sobre tratamentos innovadores no ensino dos contidos curriculares transversais nas etapas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato e dos ciclos de graos medio e superior de formación profesional.

2. Os traballos deberán presentarse impresos en papel, incluíndo ademais unha versión en soporte informático (disquete 3.5" ou CD-ROM) para PC-compatible, en formato de OpenOffice, Abiword, Microsoft Word, Corel WordPerfect ou en formato RTF, ou en soporte autoexecutable no caso de aplicacións informáticas, que estarán

realizadas con tecnoloxía que permita a súa visualización nunha ventá propia ou nun navegador estándar e incluirán tódolos arquivos necesarios para a súa resolución íntegra fóra de liña.

3. As aplicacións que sexan de uso en liña executaranse a partir dunha páxina denominada index.htm que servirá de inicio destas. Non deberán empregarse letras maiúsculas, acentos, espacios en branco nin outros caracteres especiais nos nomes de ningún dos arquivos (ou carpetas) incluídos nas aplicacións, sexan páxinas htm, imaxes ou de calquera outro tipo.

Artigo 5º.-Requisitos das solicitudes.

1. Poderán participar nesta convocatoria, a título individual ou en grupo, e en representación do centro público dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no que estean destinados, os profesores que estean en activo e impartan ensino na educación primaria, na educación secundaria obrigatoria, no bacharelato ou na formación profesional específica.

2. Os traballos que concorran deberán ser orixinais, inéditos (ou polo menos non comercializados) e non premiados ou becados con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ó abeiro doutros programas.

3. Os concursantes deberán presenta-lo traballo por triplicado (agás aqueles materiais que sexan de reproducción difícil con medios domésticos) no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través das distintas delegacións provinciais ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de proceder ó envío certificado por correo, a instancia que debe acompaña-lo traballo estará datada e cuñada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

4. No caso das aplicacións informáticas presentaranse en CD-ROM claramente etiquetados, xunto dos correspondentes manuais que incluirán os seguintes puntos:

a) Requirimentos de hardware e software e procedemento de execución da aplicación.

b) Guía do profesor, con exposición dos obxectivos educativos que se pretenden, indicación das actividades que se propoñen e dos aspectos curriculares nos que se incide.

c) Guía detallada da utilización da aplicación polo alumnado.

d) Descrición, se procede, doutros materiais complementarios (escritos, gráficos, audiovisuais, etcétera).

e) Os manuais presentaranse en papel e en formato electrónico para PC-compatible, de OpenOffice, Abiword, Microsoft Word, Corel WordPerfect ou en formato RTF.

5. Tódolos traballos deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ó director xeral de Centros e Ordenación Educativa, asinada polo autor ou, se é o caso, polo coordinador responsable do grupo de traballo, segundo o modelo do anexo I desta resolución. Nela deberá constar con claridade un enderezo de correo electrónico para as comunicacións pertinentes.

b) Certificación do director do centro educativo, acreditativa de que o autor ou cada membro do grupo de

traballo, que deberá relacionarse xunto cos seus DNI e NRP correspondentes, presta os seus servicios como persoal docente no devandito centro ou de que estivo destinado neste durante a realización da experiencia.

c) Memoria impresa descritiva da experiencia educativa, dunha extensión máxima de 20 folios (escrita en fonte tipo courier de 12 puntos e con espaciado de 1,5 e sen comprimi-los caracteres), que se axustará ó esquema establecido no anexo II.

d) Resumo da experiencia nun máximo de dous folios a dobre espacio.

e) Anexos de descrición dos traballos ou actividades realizados polos alumnos durante a experiencia, se procede.

f) Declaración xurada ou promesa de estar en posesión dos dereitos de publicación, distribución e uso da totalidade da experiencia, materiais ou productos presentados, de que son inéditos ou, polo menos, non foron comercializados, e de que non foron premiados ou becados con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ó abeiro doutros programas.

6. No caso de que os autores non dispoñan da plena titularidade dos dereitos do traballo presentado, terán que achegar un escrito asinado polos posuidores destes, no que aceptan as bases deste concurso. O feito de que un producto necesite facer uso para o seu funcionamento de software propietario-comercial e/ou os seus dereitos para a súa libre distribución, e non poidan ser cedidos polo concursante, será motivo suficiente para a súa exclusión do concurso.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación dos traballos finaliza o 31 de marzo de 2004.

Artigo 7º.-Composición e funcións do xurado.

1. Os traballos que concursen e se axusten a esta convocatoria serán examinados e valorados por un xurado composto polos seguintes membros:

Presidencia conxunta:

-O director xeral de Centros e Ordenación Educativa e o director do Instituto Enerxético de Galicia, ou persoas nas que deleguen.

Vocais:

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa.

-O xefe de Área de Enerxías Renovables.

-O xefe do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

Secretario/a:

-O asesor especialista de Física e Química do Servicio de Formación do Profesorado, que actuará con voz pero sen voto.

2. O xurado, se é do caso, poderá contar co asesoramento de outros especialistas.

3. Os premios poderán ser declarados desertos ou determinarse a súa acumulación ou compartición dentro de cada tema, así como a redistribución de traballos entre temas da convocatoria se as súas características así o permiten.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

O xurado seleccionará os traballos tendo en conta os seguintes criterios:

1. Con carácter xeral:

a) A coherencia cos currículos establecidos pola Xunta de Galicia.

b) A calidade e rigor científico, orixinalidade, concreción dos obxectivos formulados e coherencia interna. Así mesmo, valorarase a calidade do deseño e presentación gráfica.

c) O carácter innovador, tanto pola creatividade e orixinalidade do deseño pedagóxico como pola metodoloxía e recursos implicados.

d) A transmisibilidade e capacidade de ser difundido, con atención especial ás posibilidades de distribución a través de medios electrónicos, a facilidade de emprego, realismo e versatilidade para a súa utilización en centros educativos estándares.

e) O maior grao de experimentación co alumnado.

f) Que fomenten no alumnado a adquisición de habilidades, procedementos e, sobre todo, actitudes e valores relacionados coa temática da convocatoria.

g) Que permitan a gradación da aprendizaxe en diferentes niveis e que as propostas pedagóxicas ofrezan distintos niveis de aprendizaxe.

h) Que estean dirixidos a alumnado con dificultades de aprendizaxe ou integración escolar.

i) Que contemplen un plan de avaliación axeitado para a comprobación da consecución dos obxectivos.

j) A maior participación dun sector significativo do claustro de profesores.

k) Os niveis educativos e tipo de ensinanzas ós que van dirixidos.

2. Con carácter específico:

a) Coherencia ambiental e fomento da ética ambiental respecto do equilibrio ecolóxico e a calidade de vida.

b) Rendibilidade social e continuidade da experiencia.

c) O uso racional da enerxía e minimización do consumo enerxético.

d) A adopción de medidas de aforro enerxético.

e) A valoración das fontes renovables de enerxía.

3. Avaliarase moi especialmente, nos traballos presentados, a aplicabilidade dos seus resultados e das súas conclusión ós ámbitos doméstico, comunitarios e industriais; así como, a rendibilidade social e a continuidade da experiencia escolar.

Artigo 9º.-Resolución.

Por proposta do xurado, o director xeral de Centros e Ordenación Educativa procederá á resolución destes premios nun prazo máximo de seis meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución os interesados poderán interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999,

do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Certificación.

A Administración Educativa recoñecerá as actividades de innovación realizadas nos traballos premiados ou con mención de accésit coa consideración de actividades de formación permanente do profesorado, mediante expedición de certificados persoais, ó abeiro do punto 2º do artigo 25 da Orde do 3 de setembro de 2001, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións (DOG do 10 de setembro). Así, terase en conta para cada traballo a equivalencia de 50 horas que serán distribuídas entre os participantes segundo as porcentaxes declaradas na solicitude, cunha certificación mínima de 10 horas.

Artigo 11º.-Publicación.

A presentación a esta convocatoria implicará a cesión a favor dos organismos convocantes dos dereitos de edición dos traballos premiados ou con accésit por un período de dous anos desde a publicación da resolución da convocatoria, así como a renuncia ós dereitos de propiedade intelectual correspondentes a unha primeira edición.

No caso de que, neste período, os autores decidisen publica-los traballos por outras vías, deberán solicita-lo permiso correspondente á consellería ou organismo que outorgue o premio ou á de Educación e Ordenación Universitaria no caso dos accésit. De se-la resposta positiva, na publicación deberá constar expresamente o premio ou accésit de que foi obxecto.

Así mesmo, os autores quedan comprometidos a autoriza-las modificacións precisas nos documentos finais e subministra-los arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

Artigo 12º.-Retirada da documentación.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación dos traballos non premiados, na Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, no prazo de catro meses a partir da publicación da resolución desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido ese prazo, procederase á súa destrucción.

Artigo 13º.-Recurso.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo prevé a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2003.

Juan Caamaño CebreiroAlberto González Armesto

Director do InstitutoDirector xeral de Centros

Enerxético de Galiciae Ordenación Educativa