Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2003 Páx. 15.987

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 16 de decembro de 2003 pola que se regulan os pagamentos ás unidades informantes pola súa colaboración co Instituto Galego de Estatística.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) precisa en moitos casos a colaboración cidadá para a elaboración dalgunhas estatísticas incluídas no Plan Galego de Estatística e nos seus programas anuais.

A obriga de colaboración cidadá regúlase na sección terceira do capítulo III, título I da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, prevéndose o dereito á compensación económica polos gastos que teña que asumi-la unidade informante provocados pola esixencia de subministra-la información en soporte informático ou que obrigue a unha recompilación previa de datos que na forma demandada non se encontre á disposición da administración ordinaria del informante. Para estes efectos, e de se-lo caso, compensaranse anualmente, ben en metálico, ben en especie, as unidades que faciliten información de forma reiterada.

Neste momento trátase de compensa-lo tempo e o esforzo, polo elevado número de datos solicitados, molestias ocasionadas ou complexidade da información facilitada polas unidades informantes, para a execución da actividade estatística Prezos percibidos e pagados polas explotacións leiteiras, que ten por obxecto coñece-la evolución das vendas, dos gastos e dos prezos percibidos e pagados polas explotacións leiteiras.

A presente norma ten por obxecto regula-la compensación económica en metálico, incluso cando o período de colaboración sexa inferior ó ano, actualizando a contía da compensación recollida na Orde do 17 de xuño de 2002 (Diario Oficial de Galicia número 125, do 1 de xullo).

Con base no anterior, por proposta do Instituto Galego de Estatística e en uso da facultade que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderase compensa-lo tempo e o esforzo realizado polas unidades informantes que, elixidas mediante mostraxe, lle faciliten ó Instituto Galego de Estatística información para a actividade estatística Prezos percibidos e pagados polas explotacións leiteiras, contida no Plan Galego de Estatística 2002-2006.

Artigo 2º

A contía da compensación que se vai aboar pola colaboración mensual durante os doce meses do ano é de 120 euros ou da cantidade que resulte en pro

porción ó número de meses que faciliten información.

Artigo 3º

O pagamento aplicarase á actividade estatística Prezos percibidos e pagados polas explotacións leiteiras, número 3.5.3 do Plan Galego de Estatística e con cargo á aplicación orzamentaria 05.50.441A.640.1 para cada exercicio económico.

Artigo 4º

A información subministrada e os datos relativos ás persoas físicas e xurídicas gozará da protección e quedará amparada polo segredo estatístico, quedando sometida ó preceptuado ó respecto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 17 de xuño de 2002 pola que se regulan os pagamentos ás unidades informantes pola súa colaboración co Instituto Galego de Estatística.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Galego de Estatística para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2004.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2003.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda