Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 23 de decembro de 2003 Páx. 15.947

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2003 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala de técnico de xestión desta universidade polo sistema de promoción interna.

Existindo prazas de adscrición indistinta ós grupos A e B da escala de técnicos de xestión e da escala de xestión de funcionarios da Universidade da Coruña, ocupadas por funcionarios do grupo B, co fin de posibilita-la promoción de persoal aínda mantendo os seus propios postos de traballo, de acordo co artigo 22 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e de conformidade co disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro), e modificados polo decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto).

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (DOG do 24 de decembro), así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para ingreso na escala de técnicos de xestión da Universidade da Coruña polo sistema de promoción interna, con suxeición ás seguintes bases:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1 Convócanse probas selectivas para cubrir tres prazas da escala de técnicos de xestión da Universidade da Coruña pola quenda de promoción interna, polo sistema de concurso-oposición.

1.2. Esta convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou escala de xestión da que procedan os aspirantes.

1.3. Á realización destas probas selectivas seralles de aplicación a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado; a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, do 8 de marzo, e 3/1995, do 10 de abril; o Decreto 93/1991, do 20 de marzo; os estatutos da Universidade da Coruña e as bases desta convocatoria.

1.4. O proceso selectivo constará de dúas fases, concurso e oposición, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.5. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser funcionario de carreira de calquera corpo ou escala do grupo B en servicio activo, e con destino definitivo nunha praza da relación de postos de traballo adscrito, cando menos, á escala de xestión ou á escala de técnicos de xestion da Universidade da Coruña e posuír unha antigüidade de, alomenos, dous anos no corpo ou escala do grupo B ó que pertenzan.

b) Estar en posesión do título de licenciado, arquitecto, ou enxeñeiro, ou estar en condicións de obtelo na data na que remate o prazo de presentación das solicitudes.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de finaliza-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar destes durante o proceso selectivo.

3. Solicitudes.

3.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo o modelo que figura como anexo IV desta convocatoria.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (Edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001), en Ferrol (Doutor Vázquez Cabrera, s/n CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

3.3. A xerencia expedirá, de oficio, certificación que acreditará: a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, o grao persoal consolidado, o nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe con carácter definitivo na referida data e os cursos de formación recibidos ou impartidos que figuren no expediente persoal. A citada certificación engadirase á solicitude presentada polo aspirante.

3.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

3.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida e xustificada, e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1 Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo dun mes, o rector da universidade dictará resolución na que declarará aprobadas as listas provisionais de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do Rectorado da Universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para emenda-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo o rector dictará resolución na que declarará aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada nos taboleiros de anuncios do Rectorado e Vicerrectorado de Ferrol, contra a que os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses ou recurso potestativo de reposición perante o rector no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8 desta convocatoria.

5. Tribunal cualificador.

5.1 O tribunal cualificador é o que figura como anexo III desta convocatoria.

O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento observará o disposto no artigo 13 do R.D. 364/1995 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

5.2. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que coide necesario.

5.3. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (Diario Oficial de Galicia do 25 de xuño).

5.4. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade da Coruña.

6. Calendario das probas.

6.1. O lugar e data do primeiro exercicio será feito público na resolución que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

6.2. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede do tribunal, e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

6.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine, con carácter xeral, a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realicen as probas.

7. Listas de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización deste, así como naqueloutras que estime oportuno, a relación dos aspirantes que o superasen, con indicación da puntuación obtida en cada unha das probas.

7.2. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I desta convocatoria.

7.4. O tribunal fará publica a relación dos aspirantes que superaron as probas selectivas, constituída por aqueles aspirantes que, en número non superior ó das prazas convocadas, obtivesen a maior puntuación nelas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo o tribunal elevaralle ó rector a relación de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas nos exercicios da oposición e na fase de concurso.

8. Presentación de documentos.

No prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a relación definitiva de aprobados nas probas selectivas, estes deberán presentar no Servicio de Persoal de Administración e Servicios da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Certificado de xerencia que acredite o cumprimento das condicións esixidas na letra a) do punto 2.1 desta convocatoria.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

9. Nomeamento de funcionarios e toma de posesión.

9.1. Cumpridos debidamente polos aspirantes que superaron as probas selectivas os trámites de presentación de documentos serán nomeados funcionarios da escala de técnicos de xestión, mediante resolución do rector que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, exclúese nel a adxudicación de destino de acordo coa orde de puntuación obtida no proceso selectivo, adscribíndose os aspirantes ó mesmo posto que veñan desempeñando como titulares. A adxudicación terá carácter definitivo se o posto de traballo se encontrase adscrito na vixente relación de postos á escala a que aspiran, e de carácter provisional no caso de que non estea incluído na relación

de postos nesa escala. Neste último suposto o destino consolidarase como definitivo no caso de que na próxima relación de postos a praza figure adscrita á escala á que accedeu o funcionario.

9.3. Aqueles funcionarios que, en virtude do disposto no parágrafo anterior, accedan á escala superior con carácter provisional, e mentres permanezan na situación, percibirán o complemento de destino correspondente o posto base da escala á que accedan, salvo que o posto que desempeñen teña asignado un nivel superior. O complemento específico será o correspondente ó posto de traballo realmente desempeñado.

9.4. A toma de posesión dos aspirantes aprobados efectuarase no prazo dun mes, contado desde a data de publicación do seu nomeamento no DOG.

10. Norma derradeira.

Esta convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 24 de novembro de 2003.

(Resolución 26-9-2003)

Eliseo Alfonso Barca Lozano

Rector da Universidade da Coruña en funcións

ANEXO I

Procedemento de selección

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición, que constará dos seguintes exercicios selectivos e eliminatorios:

Primeiro exercicio: consistirá en desenvolver por escrito catro temas de entre oito elixidos polo tribunal. O temario considerarase dividido en catro partes, a primeira integrada polos bloques de dereito comunitario, a segunda polo bloque de dereito administrativo; a terceira polos bloques de recursos humanos e xestión universitaria; e a cuarta polo bloque de xestión financeira. Dos oito temas, corresponderán dous por cada unha das partes indicadas. Os aspirantes elixirán un tema de cada unha das partes. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 4 horas.

A puntuación será de 0 a 50 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 25.

Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito a dous supostos prácticos, de entre tres propostos polo tribunal, relacionados cos temas que

figuran no anexo II. Os supostos incluirán a elaboración dun informe.

A puntuación será de 0 a 50 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 25. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 2 horas.

2. Fase de concurso.

Valoraranse os seguintes méritos:

a) Antigüidade:

A antigüidade na Administración pública referida ó día de remate do prazo de presentación de solicitudes, valorarase ata un máximo de 16 puntos, a razón de:

-1 punto por ano (0,08 por mes completo) de servicios prestados como funcionario de carreira ou funcionario interino do grupo B ou contratado laboral en postos de Administración reservados a funcionarios do grupo B.

-0,5 puntos por ano (0,04 por mes completo) polos restantes servicios efectivos recoñecidos ó abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro.

Non se computarán os servicios que se prestasen simultaneamente con outros igualmente alegados.

b) Grao persoal consolidado, segundo o grao persoal que se teña consolidado e formalizado a través do acordo de recoñecemento de grao pola autoridade competente o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, outorgarase a seguinte puntuación:

GraoPuntos

286

265

244

223

202

18 ou inferior1

c) Nivel de complemento de destino, correspondente ó posto de destino definitivo que teña adxudicado a/o funcionaria/o o día de remate do prazo de presentación de solicitudes. Cualificarase do seguinte xeito:

NivelPuntos

2812

259

248

227

205

183

d) Cursos: valorarase ata un máximo de 6 puntos, os cursos directamente relacionados coas funcións propias dos corpos e escalas do grupo B, de acordo cos seguintes criterios:

Máximo: 4,5 puntos, a razón de 0,02 puntos/hora os cursos con certificado de aptitude e 0,01 puntos/hora os cursos de asistencia.

Cando no certificado non conste o número de horas, considerarase que a duración do curso é de 10 horas.

Cursos de lingua galega:

-Curso de iniciación da lingua galega: 0,5 puntos.

-Curso de perfeccionamento da lingua galega: 1 punto.

-Curso de linguaxe administrativa: 1,5 puntos.

No caso de posuír máis dun curso de lingua galega só puntuará o de nivel superior.

Puntuación do proceso selectivo.

A puntuación da fase de oposición estará determinada pola suma das puntuacións obtidas nos distintos exercicios. A puntuación do proceso selectivo estará determinada pola suma da fase de oposición, mailos méritos da fase de concurso, sempre que os aspirantes tivesen superada a fase de oposición.

No caso de empate daráselle preferencia atendendo á puntuación obtida no primeiro exercicio e, de persistir este, a prol do candidato que tivese maior antigüidade no corpo ou escala á que pertenza na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

ANEXO II

Programa

1. Dereito comunitario.

1. As comunidades europeas: obxectivos e natureza xurídica. A adhesión de España ás comunidades. O Tratado da Unión Europea: efectos da unión política e económica.

2. As institucións das comunidades. O Consello de Ministros. A Comisión: especial referencia á súa estructura. O Parlamento Europeo. O Tribunal de Xustiza. O Consello Europeo.

3. O dereito comunitario. As súas fontes. Relacións entre o dereito comunitario e o ordenamento xurídico dos estados membros. Dereito orixinario, dereito derivado. Regulamentos, directrices e decisións.

4. As funcións dos estados membros na aplicación do dereito comunitario en España. Papel das distintas administracións públicas.

5. O orzamento comunitario. A participación dos estados membros no proceso decisorio. A función pública comunitaria.

6. A dimensión europea da ensinanza superior. A Declaración de Boloña. Programas de mobilidade.

II. Dereito administrativo.

1. As fontes do dereito administrativo. A primacía das fontes do dereito administrativo. O valor do costume e dos principios xerais.

2. A lei: concepto e clases. Disposicións do executivo con forza de lei: decretos leis e decretos lexislativos.

3. Regulamento: clases. Fundamento e límites da potestade regulamentaria. Regulamentos ilegais: a súa impugnación. Regulamentos dos órganos constitucionais.

4. A relación xurídico-administrativa. Concepto. Suxeitos da relación xurídico-administrativa: as administracións públicas. O administrado. Situacións xurídicas dos administrados.

5. O principio de legalidade da Administración: a súa construcción técnica. As potestades administrativas: concepto. A atribución de potestades. Potestades regradas e potestades discrecionais. O control da discrecionalidade: en especial o control do fin e a desviación de poder. O principio de autotutela.

6. O acto administrativo: concepto e clases. Elementos do acto administrativo: suxeito, obxecto, causa, fin e forma.

7. A eficacia do acto administrativo: principios xerais. Executividade e suspensión. Procedementos de execución. Nulidade de pleno dereito. Anulabilidades. Revogación e revisión de oficio.

8. O procedemento administrativo: concepto e natureza. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: ámbito de aplicación. Principios informadores.

9. Fases do procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrucción e terminación. Especial referencia ó silencio administrativo. As reclamacións previas ó exercicio das accións civís e laborais.

10. Os recursos administrativos: concepto e clases. Requisitos xerais. Materia impugnable, lexitimación e órgano competente. Recurso de alzada, de reposición e de revisión.

11. Os dereitos dos cidadáns na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

12. A xurisdicción contencioso-administrativa: concepto e natureza. Capacidade procesual, lexitimación, representación e defensa. Actos impugnables. O recurso contencioso-administrativo: procedemento xeral.

13. Recursos de súplica, apelación, casación e revisión. Execución de sentencias. Os procesos especiais: clases; especial referencia ós procesos en materia electoral e para a protección dos dereitos fundamentais.

14. A potestade sancionadora da Administración. Procedemento sancionador. Principios xerais. Sancións administrativas e medidas sancionadoras.

15. Lei de contratos das administracións públicas (I): ámbito de aplicación. Clases de contratos que pode celebrar a Administración pública. Xunta consultiva de contratación administrativa. Requisitos dos contratos. Órganos de contratación. Obxecto dos contratos. Prezo. Capacidade do contratista. Garantías.

16. Lei de contratos das administracións públicas (II): as fontes dos contratos. Perfección e formalización dos contratos. Invalidez. Prerrogativas da Administración. Nulidade e anulabilidade. Actuacións administrativas preparatorias, execución, modificación e resolución de contratos.

17. Lei de contratos das administracións públicas (III): contrato de obras e contrato de subministración.

18. Lei de contratos das administracións públicas (IV): contrato de xestión de servicios públicos. Contrato de asistencia e contratos de servicios.

19. A responsabilidade patrimonial da Administración. Características da institución no sistema español. Lesión determinante, suxeitos imputables e causas de imputación. A extensión da reparación. A acción de responsabilidade.

20. As propiedades administrativas en xeral. Clases. Os bens patrimoniais da Administración. O dominio público: concepto, natureza xurídica e elementos. Réxime xurídico do dominio público.

21. A expropiación forzosa. Potestade expropiatoria. Natureza e xustificación. Suxeitos, obxecto e causa. Contido. O procedemento expropiatorio en xeral. Garantías xurisdiccionais.

III. Recursos humanos e xestión universitaria.

1. Función pública e burocracia. A relación de servicio entre a Administración e os empregados públicos: réxime estatutario e dereito laboral. A reforma da función pública española de 1984, modificacións sucesivas. Estructura da función pública española. Órganos superiores da función pública española.

2. Función pública do Estado e autonómica, con especial referencia ó persoal funcionario de administración e servicios da Universidade da Coruña: selección dos seus funcionarios. Adquisición da condición de funcionario. Formación e perfeccionamento. A carreira administrativa. Provisión de postos de traballo e promoción profesional. Plans de emprego. Situacións administrativas.

3. Situacións administrativas. Función pública do Estado e comunidades autónomas. Deberes e incompatibilidades dos funcionarios públicos.

4. Os dereitos dos funcionarios públicos. Os dereitos económicos. Os dereitos de sindicación, representación e folga.

5. A responsabilidade dos funcionarios públicos e dos axentes da administración. Réxime disciplinario dos funcionarios públicos. Responsabilidade penal e patrimonial.

6. A Seguridade Social. Réxime xeral. Afiliación e cotización. Acción protectora: continxencias e prestacións. Réximes especiais.

7. A prevención de riscos laborais: conceptos básicos, principios de acción preventiva. Dereitos e obrigas dos traballadores. Órganos de prevención. Con

ceptos básicos sobre seguridade, hixiene, ergonomía e vixilancia da saúde. Accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

8. Estatuto dos traballadores. Principios xerais, estructura e contido.

9. A Lei orgánica de liberdade sindical.

10. Os convenios colectivos: concepto, natureza, rexime xurídico. Partes. Procedemento. Contido.

11. O contrato de traballo. Concepto. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico. Estructura.

12. Os conflictos colectivos. Concepto, tipos e procedemento de solución. Regulación.

13. Persoal laboral ó servicio da Administración pública. Réxime xurídico. Modalidade de contratos. O convenio colectivo do persoal laboral de administración e servicios da Universidade da Coruña.

14. Profesorado universitario (1): clases e réxime xurídico . Selección. Dereitos e deberes.

15. Profesorado universitario (2): réxime de incompatibilidades. Retribucións. Dedicación.

16. A ordenación do Sistema Universitario de Galicia. Procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia.

17. A Lei orgánica de universidades. A autonomía universitaria. Principios e liñas básicas do sistema educativo universitario.

18. As universidades. A súa natureza xurídica. Elaboración e aprobación dos estatutos das universidades públicas. Posición e valor no ordenamento xurídico.

19. A Lei dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia. A Lei do Consello Galego de universidades.

20. Estatutos da Universidade da Coruña: estructura e goberno da universidade.

21. Estatutos da Universídade da Coruña: a docencia, o estudio e a investigación.

22. O acceso á universidade. Probas de aptitude. Réxime xeral. Acceso para maiores de vintecinco anos. Outros réximes de acceso.

23. Procedementos para o ingreso na universidade. Réxime de permanencia. Simultaneidade de estudios. As adaptacións. Traslados de expedientes. Validación de estudios españois e estranxeiros.

24. Procedementos de matrícula. Os prezos públicos e a súas exencións e bonificacións.

25. Bolsas e axudas ó estudio. Réxime xeral. Axudas ó estudio na Universidade da Coruña. Outras bolsas.

26. A organización dos estudios universitarios. Os plans de estudios das titulación de carácter oficial

e validez en todo o territorio nacional. Os estudios de 1º e 2º ciclos. As directrices xerais comúns. As directrices xerais propias.

27. Os títulos universitarios. Obtención, expedición, homologación. Especial referencia ó procedemento de expedición de títulos na Universidade da Coruña.

28. Normas reguladoras dos estudios de terceiro ciclo e Regulamento de estudios de doutoramento na Universidade da Coruña.

29. Normativa de estudios propios de primeiro ciclo e segundo ciclo na Universidade da Coruña.

30. Regulamento de estudios de posgrao na Universidade da Coruña.

31. A contratación de traballos de carácter científico, técnico ou artístico e o desenvolvemento de cursos de especialización na Universidade da Coruña.

32. A acción das universidades no estranxeiro. Os convenios de cooperación académica, científica e cultural. Os programas de intercambio.

33. Alumnos de programas de mobilidade. Xestión de matrículas e expedientes. Especial referencia ós programas Erasmus e Sócartes.

34. A investigación nas universidades. Normativa e ordenación institucional. Fontes de financiamento e proxectos de investigación. Os programas de formación de investigadores.

IV. Xestión financeira.

1. Os orzamentos do sector público. Significado político e económico. O déficit público: o seu financiamento e efectos económicos.

2. O orzamento. Concepto clásico e evolución das funcións do orzamento. Principios orzamentarios. Crise do orzamento clásico e novas técnicas orzamentarias, especial referencia ó orzamento por programas.

3. Aspectos básicos da xestión dos orzamentos xerais do Estado: orzamento de gastos. Nivel de vinculación de créditos orzamentarios. Gastos de proxección plurianual. Proxectos de investimentos vinculantes e non vinculantes. Obxectivos dos programas de gastos e indicadores para o seu seguimento.

4. A Lei xeral orzamentaria: características e estructura, a Lei anual de orzamentos. Orzamentos xerais do Estado: a súa estructura.

5. O orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa estructura. A facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, A elaboración anual do orzamento.

6. Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A Facenda da comunidade. Os orzamentos da comunidade autónoma. Control orzamentario: o Consello de Contas.

7. Os ingresos públicos: concepto e clases. Efectos económicos. Taxas e prezos públicos

8. O gasto público: concepto, natureza e clases. A incidencia do gasto público.

9. Modificacións orzamentarias: créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Transferencias. Outras modificacións orzamentarias.

10. O procedemento común de execución do gasto público: autorización, compromiso de gasto. Recoñecemento da obrigación. Proposta de pagamento.

11. Procedemento de pagamento. O pagamento directo polo Tesouro público. Pagamentos a través de habilitados: anticipos de caixa fixa e pagamentos que hai que xustificar.

12. Xestión dos gastos de persoal: retribucións dos empregados públicos. Devengo e liquidación. Os gastos de clases pasivas.

13. Xestión dos gastos contractuais: tipos de contratos, autorización e compromiso de gastos contractuais. Recoñecemento da obriga e pagamento. Control dos gastos contractuais.

14. Xestión dos gastos de transferencias. As subvencións: procedemento da concesión. O recoñecemento da obriga e pagamento das subvencións: reintegro e control.

15. O control da actividade económica-financeira do sector público. O control orzamentario: concepto, natureza e ámbito de aplicación. Control interno e externo. A intervención xeral. O Tribunal de Contas. Control da legalidade e control da eficiencia.

16. A contabilidade pública: contido, natureza e ámbito de aplicación. O Plan Xeral da Contabilidade Pública. A Conta xeral do Estado.

17. Liquidación do orzamento e rendición de contas.

18. Réxime económico e financeiro da Universidade da Coruña.

19. O patrimonio universitario. Titularidade, administración e disposición: a xestión patrimonial.

ANEXO III

Tribunal cualificador

Titulares:

Presidente: Eliseo Alfonso Barca Lozano. Rector en funciones da Universidade da Coruña.

Vocais:

Víctor Manuel Cabrera Sánchez. Xerente da Universidade da Coruña.

José Vicente Echevarría González. Xefe do servicio de PAS.

2 representantes da Xunta de Persoal de Administración e Servicios.

Secretario: Jesús Fernández Jiménez. Xefe do Servicio de Contratación e Administración.

Suplentes:

Presidente: Manuel González Sarceda. Vicerrector de Estudiantes.

Vocais:

Gonzalo Barrio García. Letrado-asesor.

Juan Ramón Rego Álvarez de Mon. Xefe do Servicio de PDI.

2 representantes da Xunta de Persoal de Administración e Servicios.

Secretario: José Luis Mínguez-Goyanes de la Rica, director do Centro de Documentación e Arquivo.

ANEXO IV

NOTA: úsese o publicado na páxina 15.937.