Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 22 de decembro de 2003 Páx. 15.845

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 442/2003, do 11 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Ourense, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de camiño veciñal 87 Mugares-Toén-Xestosa (concello de Toén).

A Deputación Provincial de Ourense, en sesión que tivo lugar o día trinta e un de outubro de dous mil tres, aprobou o proxecto de camiño veciñal 87 Mugares-Toén-Xestosa e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vinte de novembro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa

que, segundo sinala a deputación, a actuación é necesaria debido a que nos últimos anos se foron acondicionando diferentes treitos, permanecendo este tramo sen acondicionar, o que provoca un estrangulamento perigoso para o tránsito rodado e incluso para os viandantes, que verán como de súpeto cambian as condicións xeométricas, con evidente risco para a súa seguridade persoal, nunha vía provincial na que ademais de uni-la capitalidade provincial de Ourense coa capitalidade municipal de Toén, é o paso obrigado para toda unha serie de parroquias sitas na bisbarra, e para moitos usuarios dos termos municipais de Barbadás e Cartelle, constituíndo, pois, unha importante vía de comunicación de carácter intermunicipal e comarcal.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de decembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Ourense para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de camiño veciñal 87 Mugares-Toén-Xestosa, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local