Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 22 de decembro de 2003 Páx. 15.795

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 438/2003, do 13 de novembro, polo que se aproba o Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia.

Preámbulo

A protección do medio mariño atopa o seu fundamento xurídico no artigo 45 da Constitución, ó establecer, no seu punto segundo, que os poderes públicos deben velar pola utilización racional de tódolos recursos naturais, co fin de protexer e mellora-la calidade da vida e defender e restaura-lo ambiente, con apoio na indispensable solidariedade colectiva.

Esta protección incumbe, en consecuencia, a tódalas administracións públicas, aínda que a delimitación de competencias en materia de protección do medio mariño e prevención e loita contra a contaminación mariña presenta un réxime peculiar, segundo a contaminación teña a súa orixe no mar mesmo ou ben teña unha orixe terrestre.

Así, a protección do medio mariño da contaminación de orixe terrestre segue o esquema xeral de repartición de competencias en materia de ambiente, segundo o cal, e de conformidade co artigo 149.1.23 da Constitución, é competencia exclusiva do Estado a lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección.

No que a Galicia se refire, a nosa Comunidade Autónoma asumiu, de conformidade co artigo 27.30º do seu Estatuto de autonomía, as competencias exclusivas para elabora-las normas adicionais de protección do ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución. Ademais, o Estatuto de autonomía tamén establece, no seu artigo 29.4º, a competencia autonómica de execución en materia de vertidos, en especial, os industriais e contaminantes en augas territoriais do litoral autonómico, competencia que, como pon de manifesto o propio Tribunal Constitucional na súa Sentencia 149/1991, do 4 de xullo, non é máis que unha especificación da competencia máis ampla que tódalas comunidades autónomas teñen para executa-la lexislación estatal sobre ambiente.

Pola contra, a protección do medio mariño e a prevención e loita contra a contaminación mariña cando esta teña a súa orixe no mar, inclúese, de conformidade co sinalado no artigo 6.1º f) da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, na materia de mariña mercante, competencia atribuída con carácter exclusivo ó Estado polo artigo 149.1.20 da Constitución, aínda que se debe ter en conta que en relación a un dos contidos da mariña mercante, como é o referido ó salvamento marítimo,

a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu, no artigo 29.3º do seu Estatuto de autonomía, as competencias de execución na materia; actividade, por outra parte, declarada na Lei 27/1992, como servicio público e na que se inclúe, como obxecto del, xunto ó salvamento marítimo, a prevención e loita contra a contaminación mariña.

O Tribunal Constitucional pronunciouse tamén sobre a competencia estatal para a protección do medio mariño da contaminación que ten a súa orixe no mar, confirmando a súa constitucionalidade na Sentencia 40/1998, do 29 de febreiro.

Con base na doutrina do Tribunal Constitucional, e das previsións da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia, o contido desta disposición recolle no seu articulado unha aplicación e posta en práctica real dos principios de cooperación interadministrativa entre as administracións do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, de forma que as actuacións que desenvolvan unha e outra Administración competente para loitar contra a contaminación mariña, conte coa necesaria cooperación da Administración que non ten atribuída a competencia.

De conformidade co exposto, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencias executivas en todos aqueles supostos nos que a contaminación mariña ou vertido se produce desde a costa, elaborándose este decreto dentro do actual marco competencial sen que este sufra ningunha variación.

Dentro da estructura orgánica da Administración autonómica, e en función dos títulos competenciais sinalados, poden ser varios os órganos intervenientes, o que fai preciso, para lle dar cumprimento ó principio de coordinación administrativa, a elaboración dun instrumento que, ante un episodio de contaminación mariña, permita, por un lado, garanti-la debida coordinación entre os órganos que poidan ter competencia sobre a materia e, por outro, establecer unha previsión de recursos e de servicios necesarios para conseguir uns obxectivos determinados segundo unha orde de prioridade establecida, permitindo elixi-la solución ou as solucións máis óptimas entre as diferentes alternativas, tendo en conta o contexto de dificultades, internas e externas, coñecidas actualmente ou previsibles no futuro.

A confección deste instrumento, denominado Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia, debe corresponder á consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos, por se-lo órgano autonómico que ten atribuídas as competencias para a protección dos recursos pesqueiros e prevención e loita contra a contaminación do medio mariño, así como a elaboración do referido plan de continxencias.

A aprobación dos distintos plans que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia implica, en todo caso que, no suposto de activación do plan nacional ou territorial, estes se activarán por requirimento da Administración xeral do Estado.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto, polo que se aproba o Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña por vertidos terra-mar para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, paisaxísticos, acuícolas e ambientais de Galicia, ten por obxecto establecer un conxunto de normas e procedementos de actuación, así como defini-los órganos competentes que constitúan o sistema e dispositivo de resposta das administracións públicas fronte a unha situación de contaminación mariña por un vertido terra-mar, ou nos supostos recollidos no artigo 2º, punto 2) que se produza ou afecte o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Obxectivos do plan.

O Plan Básico de Continxencias por Contaminación Mariña para a defensa dos recursos pesqueiros, marisqueiros, acuícolas, paisaxísticos e ambientais de Galicia ten como obxectivo establecer uns mecanismos de resposta rápida e eficaz das administracións públicas a nivel interior, portuario e de ría ante situacións de contaminación mariña por vertidos terra-mar.

Nos supostos de que a contaminación mariña teña a súa orixe no mar, en virtude do principio de cooperación interadministrativa, por parte da Administración xeral do Estado, poderase requiri-la activación daqueles medios necesarios para a loita contra a contaminación, debendo adopta-la comunidade autónoma a posta en marcha dos ditos medios.

Artigo 3º.-Tipos de plans.

Os plans de continxencias, para os efectos deste decreto, clasifícanse en:

Interiores: son os plans deseñados e elaborados por industrias ou outro tipo de instalacións susceptibles de provocaren episodios contaminantes no mar, sen prexuízo dos dispostos na normativa vixente en materia de seguridade industrial, así como os deseñados e elaborados polos concellos.

Portuarios: son os plans deseñados e elaborados en cada un dos portos existentes en Galicia, por Portos de Galicia, para facer fronte ás emerxencias derivadas dun vertido desde estas instalacións ó mar ou a ría.

No suposto dos portos de interese xeral do Estado que radiquen no ámbito da Comunidade Autónoma, os plans serán elaborados pola Administración competente.

De rías: son os plans deseñados e elaborados para cada ría galega, para facer fronte a vertidos que poidan afectar a unha ría e que deben incluí-los plans interiores e portuarios.

Territorial: son os plans deseñados e elaborados de conformidade co previsto na Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante e o Plan Nacional de Salvamento e Loita contra a Contaminación.

Nacional: son os plans deseñados e elaborados de conformidade co previsto na Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, e o Plan Nacional de Salvamento e Loita contra a Contaminación.

Artigo 4º.-Contido mínimo dos plans.

Os plans de continxencias interiores, de portos e das rías, polo seu ámbito de aplicación, establecerán, ademais dos requirimentos establecidos na normativa estatal reguladora desta materia, unha base estratéxica, os medios adscritos e un protocolo de actuación ante situacións de contaminación mariña por vertidos terra-mar, constituíndo, ademais, a achega da Comunidade Autónoma de Galicia á Administración xeral do Estado ante calquera situación que obrigue a poñer en marcha o plan territorial ou o plan nacional. Neste último suposto, poñeranse á disposición da autoridade competente estes plans de continxencias, en virtude do principio de cooperación interadministrativa.

Para a elaboración do plan de continxencias de ría teranse en conta os plans de continxencias interiores e os plans de continxencias portuarios comprendidos dentro do seu ámbito territorial, identificando as zonas consideradas como sensibles ou prioritarias para os efectos de adopta-las medidas necesarias para evitar ou minora-los efectos da contaminación.

Para os efectos desta norma, consideraranse como zonas sensibles ou prioritarias os polígonos de viveiros, os parques de cultivo, os bancos marisqueiros, as granxas mariñas e as súas tomas de captación de augas e emisarios, os espacios naturais ós que se aplique algunha das figuras de protección ambiental e aqueloutras zonas que polo seu valor ambiental, turístico, paisaxístico ou de explotación pesqueira ou marisqueira deberán ser obxecto dunha actuación prioritaria.

Artigo 5º.-Aprobación dos plans.

Os plans de continxencias interiores, de portos e de rías, unha vez elaborados pola entidade ou autoridade competente, serán remitidos á consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertidos terra-mar.

No suposto de observar deficiencias ou irregularidades no plan presentado, a consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertidos terra-mar remitirao para a súa emenda no prazo máximo de 10 días. No suposto de que a complexidade do tema así o requira, este prazo poderá ampliarse dez días máis.

Unha vez emendadas as deficiencias e irregularidades, a consellería competente remitirao, no prazo máximo de cinco días, ó departamento competente da Administración xeral do Estado, para que emita informe preceptivo no prazo máximo de 15 días contados desde a recepción por parte do departamento. Así mesmo, remitirase á consellería competente en materia de ambiente para a emisión de informe preceptivo e vinculante, no prazo máximo de 15 días.

No suposto de non emitir informe, este entenderase emitido con carácter positivo.

Emitido o informe ou transcorrido o prazo para a súa emisión, a consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertidos terra-mar deberá aprobar ou rexeita-lo plan presentado, no prazo de 5 días.

Aprobado o plan publicarase no Diario Oficial de Galicia. A entidade ou autoridade responsable da elaboración do plan deberá pagar, con carácter previo, o prezo público correspondente ó anuncio da resolución.

Unha copia actualizada de tódolos plans de continxencias deberá estar en posesión da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertidos terra-mar. Así mesmo, unha copia dos ditos plans aprobados deberá ser remitida ó departamento da Administración xeral do Estado competente en materia de loita contra a contaminación mariña.

Artigo 6º.-Vixencia dos plans.

Unha vez aprobado o plan, este terá unha validez de dous anos. No período de tres meses anterior ó vencemento do plan deberase presentar un novo plan nas condicións establecidas no artigo anterior.

Os plans poderán sufrir modificacións, por proposta da consellería competente en materia de loita contra a contaminación e/ou da consellería competente en materia de ambiente, como consecuencia dos avances tecnolóxicos que se produzan na loita contra a contaminación.

As modificacións dos plans portuarios poderán ter lugar tamén cando se modifiquen os plans de utilización e/ou os plans de ordenación portuaria e, en todo caso, cando se instalen neles industrias ou actividades que deban dispoñer de plan propio.

Artigo 7º.-Activación dos plans.

1. A activación de calquera dos plans de continxencias interiores ou de portos deberá ser avaliada polo presidente de cada Cecop e polo titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función, correspondendo ó primeiro a decisión de activación, procedéndose segundo o programa estratéxico e a resposta operativa contida no plan.

2. A activación dos plans de continxencias de rías deberá ser avaliada e decidida polo titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función, contando coa colaboración do delegado territorial da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar por razón do territorio, polos xefes de base do ámbito do vertido e do representante do organismo competente para autorizar e sanciona-los vertidos de augas residuais desde terra ó litoral galego, procedéndose segundo o programa estratéxico e a resposta operativa contida no plan.

3. No caso de que a afección do vertido excedese as previsións do plan interior, de portos ou de ría, o titular da unidade ou departamento da consellería

competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función avaliará a situación, informando a autoridade marítima e a Delegación do Goberno sobre o alcance do vertido e sobre a necesidade de activación do plan, con base no principio da cooperación interadministrativa, poñendo os medios da Comunidade Autónoma á disposición da Administración xeral do Estado situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. No suposto de activación do Plan nacional ou territorial por parte da Administración do Estado, baixo a dirección desta, poranse á disposición do devandito plan tódolos medios previstos nos plans autonómicos de loita contra a contaminación mariña, con base no principio de cooperación interadministrativa.

Capítulo II

Estructura organizativa

Artigo 8º.-Órganos de actuación.

Para os efectos deste decreto considéranse como órganos de actuación:

a) Os centros de coordinación operativos.

b) Os grupos operativos de acción.

c) O Centro de Control do Medio Mariño da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

d) A unidade ou o departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertidos terra-mar.

e) Aqueloutros que teñan a dita consideración en cada un dos plans.

Artigo 9º.-Os centros de coordinación operativos (Cecop).

1. É o órgano de actuación:

a) No que se constitúe o mando da operación.

b) Que recibe toda a información sobre o episodio da contaminación mariña.

c) Que determina, dirixe e coordina as accións que se van desenvolver na loita contra o episodio da contaminación mariña.

d) Que rexistra tódalas comunicacións recibidas e emitidas, así como as ordes e decisións adoptadas.

e) Que informa as autoridades e os órganos superiores sobre o desenvolvemento dos acontecementos.

2. Os Cecop constituiranse baixo a supervisión do titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función.

3. En cada plan de competencia autonómica establecerase a súa localización e a enumeración dos medios, de todo tipo, adscritos a eles.

Artigo 10º.-O Cecop nos plans interiores.

Nos supostos de activación dos plans interiores, o Cecop constituirase nas instalacións da empresa ou do concello na localización previamente determinada no plan.

O Cecop estará composto polas persoas que se determinen en cada plan, e será presidido polo director ou xerente da empresa ou polo representante designado polo concello afectado, debendo existir, alomenos:

-Un representante da consellería competente en materia de pesca.

-Un representante da consellería competente en materia de ambiente.

-Un representante da consellería competente en materia de política territorial.

-Un representante da consellería competente en materia de sanidade.

-Un representante da consellería competente en materia de industria.

-Un representante da consellería competente en materia de voluntariado.

Tamén poderá formar parte un representante da Administración xeral do Estado, quen deberá designa-la persoa que se integrará neste Cecop.

Artigo 11º.-Os Cecop nos plans de portos.

Nos supostos de activación dos plans de portos, o Cecop constituirase nas instalacións do porto na localización previamente determinada no plan.

O Cecop estará composto polas persoas que se determinen en cada plan, e será presidido pola persoa designada por Portos de Galicia no suposto de portos de titularidade autonómica ou pola persoa designada pola Administración xeral do Estado no suposto de portos de interese xeral.

Tamén formarán parte deste Cecop, alomenos:

-Un representante da consellería competente en materia de pesca.

-Un representante da consellería competente en materia de ambiente.

-Un representante da consellería competente en materia de política territorial.

-Un representante da consellería competente en materia de sanidade.

-Un representante da consellería competente en materia de protección civil.

-Un representante da consellería competente en materia de voluntariado.

Tamén poderá formar parte un representante da Administración xeral do Estado, quen deberá designa-la persoa que se integrará neste Cecop.

Artigo 12º.-Os Cecop nos plans de rías.

1. Nos supostos de activación dun plan de ría, o Cecop constituirase na sala de operacións da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función, ou noutra localización que determine o titular da dita unidade.

2. O Cecop estará composto polas persoas que se determinen en cada plan, e será presidido polo titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación

mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función, formando parte, alomenos:

-Un representante da consellería competente en materia de ambiente.

-Un representante da consellería competente en materia de protección civil.

-Un representante da consellería competente en materia de sanidade.

-Un representante da consellería competente en materia de transportes e portos.

-Un representante da consellería competente en materia de industria.

-Un representante da consellería competente en materia de voluntariado.

-O delegado territorial da consellería competente en materia de loita contra a contaminación correspondente en función da ría afectada.

No suposto de afectar unha ría que se atopa entre dúas provincias, formarán parte do Cecop os dous delegados territoriais.

Tamén poderá formar parte un representante da Administración xeral do Estado, quen deberá designa-la persoa que se integrará neste Cecop.

3. No suposto de que a contaminación superase as previsións do plan de ría, o presidente do Cecop comunicará esta circunstancia á Delegación do Goberno, para que este órgano adopte as medidas oportunas.

Artigo 13º.-Os Cecop nos plans territoriais.

No suposto de activación dun plan territorial, cando a contaminación afecte o litoral galego, o Cecop localizarase necesariamente na Comunidade Autónoma galega, no lugar predeterminado no citado plan, e será presidido pola persoa designada polo órgano encargado da súa elaboración, contando co asesoramento do titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función.

Nos casos en que esa contaminación afecte ou poida afecta-lo litoral galego, o Cecop contará cos membros establecidos no plan territorial, así como cos recollidos no artigo 10º.

Artigo 14º.-Grupos operativos de acción.

Baixo a superior dirección do Cecop correspondente, e co fin de levar a cabo as actuacións necesarias para combate-la emerxencia de que se trate, crearanse uns grupos operativos de acción.

Artigo 15º.-Clases de grupos operativos de acción.

1. Grupo de resposta no mar: é o encargado das operacións de limpeza no mar; labor que inclúe o tendido de barreiras, a contención e recollida do vertido, a vixilancia sobre a extensión e deriva do derramo, baixo a dirección del titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función, e coa participación de representantes das consellerías competentes en materia de ambiente, de política territorial e obras públicas.

2. Grupo de resposta na costa: é o encargado das operacións de limpeza no litoral, tanto na costa areosa coma rochosa, e o almacenamento en contedores do producto contaminante, baixo a dirección da consellería competente en materia de ambiente, e coa participación de representantes das consellerías competentes en materia de pesca, de política territorial e obras públicas e de protección civil. Tamén poderá formar parte un representante da Administración xeral do Estado, designado polo ministerio competente en materia de ambiente.

3. Grupo de resposta loxístico: é o encargado de achegar toda a loxística necesaria para as operacións de limpeza, baixo a dirección da consellería competente en materia de política territorial e obras públicas e coa participación de representantes das consellerías competentes en materia de pesca, ambiente e de protección civil.

4. Grupo de resposta de protección civil e voluntariado: é o encargado de mobiliza-lo persoal de protección civil e voluntariado, e coordina-las actuacións a levar a cabo, se o accidente o require, baixo a dirección da consellería competente en materia de protección civil e do voluntariado, e coa participación de representantes das consellerías competentes en materia de pesca, ambiente, sanidade e de política territorial e obras públicas.

Artigo 16º.-Centro de Control do Medio Mariño.

O Centro de Control do Medio Mariño elaborará as liñas de investigación, tanto tecnolóxicas coma teóricas e prácticas na loita contra os distintos tipos de contaminación que poidan afecta-lo medio mariño, en colaboración co Centro de Desenvolvemento Sostible dependente da consellería competente en materia de ambiente.

Na elaboración destas liñas contará coa colaboración das consellerías competentes en materia de ambiente, de política territorial e obras públicas, de sanidade, de industria, de protección civil e da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función.

O Centro de Control do Medio Mariño asumirá, ademais dos labores que viña asumindo ata a data de hoxe, o papel de centro de investigación tecnolóxica e científica para a loita e prevención contra a contaminación mariña producida por accidentes.

Así mesmo, e en comunicación e consulta cos centros de investigación autonómicos, estatais, comunitarios e de terceiros países e co organismo competente para autorizar e sanciona-los vertidos de augas residuais desde terra ó litoral galego, deseñará o desenvolvemento da tecnoloxía adecuada para utilizar nos plans de ría e defensa da costa contra accidentes deste tipo, dedicando especial atención ó deseño e á utilización de modelos de circulación das masas de auga costeiras e no interior das rías.

O centro poderá, se o considera oportuno, requirir do titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función, que inclúa determinados protocolos e exercicios obrigatorios para realizar polos membros desa unidade.

O Centro de Control do Medio Mariño cooperará activamente co titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función en tódolos asuntos nos que sexa requirido en materia de loita contra a contaminación.

No Centro de Control do Medio Mariño crearanse as seccións e os departamentos necesarios para atender estas obrigas.

No desenvolvemento das súas funcións, a consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar asinará os convenios e acordos precisos coa Administración xeral do Estado co fin de integrar esforzos nas accións, estudios ou proxectos necesarios para a posta en marcha de medidas contra a contaminación mariña accidental.

Artigo 17º.-As atribucións da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar.

A esta unidade, ademais das funcións que ten atribuídas no decreto de estructura orgánica vixente da consellería na que se integra, en desenvolvemento da súa función de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar, corresponderalle a realización das actuacións e funcións recollidas neste decreto, así como a constitución dos grupos operativos de acción, a constitución da unidade de observación próxima e a distribución e mobilización dos medios autonómicos adscritos, incluso no suposto de posta á disposición deles segundo convenios asinados coa Administración do Estado.

Artigo 18º.-A Unidade de Documentación e Apoio Científico.

Con carácter permanente, e con sede no Centro de Control do Medio Mariño, constituirase a Unidade de Documentación e Apoio Científico, que contará coa colaboración do Centro de Desenvolvemento Sostible, dependente da consellería competente en materia de ambiente.

Esta unidade, entre outras funcións, deberá:

a) Recompilar toda a información e documentación de carácter técnico, científico e operacional, relativa ós episodios de contaminación mariña.

b) Elaborar e manter unha base de datos de empresas subministradoras de servicios e materiais relacionados coa loita contra a contaminación. Na dita base de datos figurarán os das empresas relacionadas, entre outras, coas seguintes actividades:

-Transporte dos residuos.

-Aluguer de maquinaria de obra pública e de colectores.

-Almacén e venda de material relacionado coas actividades de loita contra a contaminación.

c) Avaliar e selecciona-los productos químicos, dispersantes, absorbentes e biodegradantes dos distintos fabricantes aptos para o seu uso nas costas galegas.

d) Elaborar e manter unha base de datos dos posibles xestores finais dos residuos resultantes da limpeza da contaminación. Nesta listaxe aparecerían, entre outros, os datos dos xestores adecuados segundo o tipo de residuo colleitado e a súa localización xeográfica.

e) Elaborar e manter un sistema de información xeográfica que integre a caracterización do litoral galego, con indicación da súa sensibilidade ambiental, zonas de especial protección destinadas á producción, establecementos con obriga de dispoñer de plans de continxencias, modelos de circulación oceánica e costeira, mareas, zonas de estancamento e todas aquelas informacións que se consideren necesarias para o sistema de información xeográfica.

Artigo 19º.-A Unidade de Observación Próxima.

A Unidade de Observación Próxima é unha unidade ad hoc que se constitúe no Centro de Control do Medio Mariño, na que se integran representantes do organismo competente para autorizar e sanciona-los vertidos de augas residuais desde terra ó litoral galego, oceanógrafos, meteorólogos, expertos en modelados e informáticos, e que conta co apoio loxístico dos medios aéreos e marítimos dos que dispón a consellería competente en materia de contaminación mariña e os que poidan achegar outras consellerías.

Nesta unidade integraranse tamén representantes do Centro de Desenvolvemento Sostible, como centro responsable do sistema meteorolóxico de Galicia.

Esta unidade deberá realizar un seguimento puntual do comportamento e evolución dos vertidos, cartografia-la súa situación, e informa-los sectores productivos afectados da situación, baixo a responsabilidade e dirección do director do Centro de Control do Medio Mariño, en estreita colaboración co titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función.

Artigo 20º.-A Unidade de Apoio Técnico.

A Unidade de Apoio Técnico constituirase en virtude de orde dictada pola consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar unha vez valorada a situación, e integrarase no operativo loxístico disposto desde o Cecop constituído ó abeiro dun plan territorial ou nacional.

A súa composición e modo de constitución determinaranse en virtude de orde dictada pola consellería competente en materia de pesca.

Capítulo III

Procedemento de actuación

Artigo 21º.-Resposta operativa ós vertidos terra-mar.

Ante un vertido ou incidente que teña a súa orixe en terra e sexa susceptible de producir contaminación mariña no mar, poranse en marcha unha serie de protocolos de actuación que deran resposta operativa á activación dos medios humanos e técnicos de loita contra a contaminación.

Estes protocolos de actuación, que deberán formar parte dos plans, deberán establecer como mínimo:

-Ante calquera vertido de carácter contaminante ou perigoso e susceptible de chegar ó mar, este deberá ser comunicado ó Centro de Emerxencias 112 de SOS-Galicia ou ó titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función.

-O Centro de Emerxencias 112 de SOS-Galicia porase en contacto inmediato co titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función.

-Recibido o aviso, o titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función avaliará a situación, decidirá qué tipo de plan se activa, e será o encargado de constituí-la Cecop correspondente.

-O titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función, unha vez avaliada a situación, decidirá sobre a suspensión dos servicios programados e ordinarios do persoal dependente da súa unidade. En caso de acorda-la suspensión, este persoal estará á disposición da loita contra a contaminación.

-O titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función decidirá a mobilización dos medios adscritos á loita contra a contaminación e, conxuntamente co director do Centro de Control do Medio Mariño, decidirá se procede o establecemento da unidade de observación próxima.

-O titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función, en coordinación co Centro de Control do Medio Mariño, se procede, identificarán os portos de operacións e a activación da unidade técnica de apoio.

-O titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar, que teña atribuída tal función activará, en coordinación co director do Centro de Control do Medio Mariño, as fases de resposta, advertindo previamente as consellerías con competencia na materia.

Se a loita contra o vertido terra-mar precisa da cooperación da Administración xeral do Estado, o titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función poderá solicitar, en virtude do principio de cooperación interadministrativa, a colaboración da Administración xeral do Estado, debendo esta poñer á disposición da comunidade autónoma os medios dos que dispoña na comunidade autónoma, segundo convenio asinado para o efecto.

Artigo 22º.-Resposta operativa ós vertidos mar-terra.

Ante un vertido acaecido no mar e susceptible de chegar á terra, en virtude do principio de cooperación interadministrativa e das facultades de coordinación que ten atribuídas a Administración xeral do Estado nesta materia, a comunidade autónoma porá en marcha unha serie de protocolos de actuación que dean resposta operativa á activación dos medios humanos e técnicos de loita contra a contaminación nos termos que estableza o plan nacional ou territorial de continxencias por contaminación mariña, e baixo a dirección da Administración xeral do Estado.

Nestes supostos, o titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función, encargarase de activar todo o dispositivo autonómico para integralo, segundo se estableza por convenio, no plan nacional ou territorial que nese caso se active, seguindo as pautas anteriormente apuntadas, constituíndo e actuando o grupo técnico de resposta.

No suposto de que sexa a Administración autonómica quen detecte o vertido, o titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función alertará a Delegación do Goberno, e seguirase a continuación o procedemento previsto no parágrafo anterior.

Capítulo IV

Dos portos de operacións e das bases loxísticas

Artigo 23º.-Portos de operacións.

Para os efectos deste decreto, defínense como portos de operacións aqueles designados pola consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar, en virtude de orde, no marco dun plan de continxencias para facer fronte a unha emerxencia, logo de informe de Portos de Galicia.

Os ditos portos estarán dotados dos medios necesarios para o desembarco dos colectores e un peirao concreto para a descarga de material contaminante, que estará completamente despexado, así como as explanadas adxacentes onde se habilitará unha zona de almacenamento de contedores cheos e outra con contedores baleiros, para substituí-los que desembarquen, evitando o tempo de espera do seu baleirado. Nestas zonas dos portos, quedará prohibida calquera outra actividade, mentres dure a situación de emerxencia.

Cando a designación afecte un porto de interese xeral do Estado, deberase solicitar informe preceptivo ó ministerio competente en materia de portos.

Artigo 24º.-Bases loxísticas de loita contra a contaminación.

Para incrementa-la capacidade de loita contra a contaminación e a utilización racional dos medios materiais, establecerase un centro activo de almacenamento de embarcacións e equipos que se denominará Base Loxística de Loita contra a Contaminación.

Esta base estará situada nun lugar estratéxico, preferentemente en zona portuaria, de xeito que o material disposto debe estar en disposición de ser transportado por estrada ó lugar máis próximo á zona na que se teña producido o incidente.

Esta base terá o carácter de activa e debe realizar unha constante avaliación dos medios almacenados nela e que deben ser mobilizables nun prazo de tres horas.

Artigo 25º.-Do material e dos medios da base loxística.

O material ou equipamento de loita contra a contaminación almacenarase na base loxística de loita contra a contaminación en stock, coa dotación mínima prevista no anexo.

O material deberá estar en palés ou en contedores, e as embarcacións e os seus equipos de loita contra a contaminación, sobre remolques e en perfecto estado.

Este material, de ser necesario, porase á disposición da Administración xeral do Estado en Galicia.

O titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función deberá facer unha revisión dos equipos cada seis meses, dando conta, mediante informe e análise, do material e a súa adecuación tecnolóxica. O Centro de Control do Medio Mariño asesorará sobre adquisicións, as inclusións e retirada de material, segundo o progreso no coñecemento do tratamento das incidencias deste tipo.

O titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función revisará trimestralmente o material e decidirá a retirada de material obsoleto e recomendará a adquisición de novo material, tras informe razoado do Centro de Control do Medio Mariño e consulta coas consellerías con competencias na materia.

Artigo 26º.-Exercicios e prácticas.

Os membros da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función levarán a cabo exercicios completos de loita contra a contaminación.

Estes exercicios terán como obxectivo a eficacia da resposta ante unha emerxencia, tanto para o adestramento do persoal coma para a validación periódica dos medios e materiais que se van empregar. Estes exercicios serán obrigatorios e deberán servir, así mesmo, para obter coñecemento sobre o comportamento dos diversos materiais segundo as zonas e as condicións meteorolóxicas, para poder determina-lo material que se vai almacenar na base loxística.

Os exercicios e as prácticas serían deseñados conxuntamente polo titular da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función, e o Centro de Control do Medio Mariño, que deberán, paralelamente ó adestramento do persoal, procura-la busca de novos medios e protocolos de actuación contra

os vertidos de todo tipo. Os exercicios terán unha periodicidade trimestral e serán obrigatorios para o persoal da unidade ou departamento da consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar que teña atribuída tal función.

Disposicións transitorias

Primeira.-As instalacións industriais, municipais ou análogas elaborarán o plan interior nos seis meses seguintes a partir da data de publicación deste decreto.

Segunda.-Os portos estatais e autonómicos elaborarán o seu plan de porto nos seis meses seguintes a partir da data de publicación deste decreto.

Terceira.-A consellería competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar e a consellería competente en materia de ambiente elaborarán os plans de ría nos seis meses seguintes a partir da data de publicación deste decreto.

Cuarta.-Mentres non se fixe a localización definitiva da base loxística, os heliportos do Servicio de Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación servirán como bases loxísticas.

Quinta.-A Unidade de Documentación e Apoio Científico elaborará o sistema de información xeográfica no prazo de seis meses a partir da publicación deste decreto.

Disposición adicional

O material recollido no anexo deste decreto poderá ser modificado en virtude de orde dictada polo conselleiro competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que contraveñan ou se opoñan ó establecido neste decreto, agás o disposto no Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control dos riscos inherentes ós accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, e o Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación dos voluntarios e entidades colaboradoras.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de loita contra a contaminación mariña por vertido terra-mar para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO

a) Mil metros de barreiras de porto e praia.

b) Catro bombas de succión para diferentes tipos de derramo.

c) Dous sistemas de aspiración de baleiro.

d) Dez tanques de almacenamento de dez metros cúbicos.

e) Seis tanques flotantes de almacenamento de 20 metros cúbicos.

f) Material absorbente de distintos tipos e tamaños.

g) Trescentos equipos individuais para recollida de hidrocarburos, cen pas e cen esportas.

Estes equipamentos serían adicionais ós que deben existir en cada porto e en cada enclave de manipulación de hidrocarburos.

Os portos deberán contar, ademais do anterior, con barreiras de fácil manexo, cunha dimensión semellante ó 250% da eslora do barco de maior porte susceptible de entrar nese porto.