Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 12 de decembro de 2003 Páx. 15.293

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2003 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de médico (grupo I) vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Sendo necesaria a provisión do posto de médico, número L262 da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servicios, publicada por Resolución do 26 de agosto de 2003 (DOG do 5 de setembro), e aprobado polo Consello de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), así como nos estatutos desta universidade, e co obxecto de atende-las necesidades do Servicio de Prevención de Riscos Laborais,

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir unha praza de médico, grupo I.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntaráselle fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (Edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os aspirantes deberán xustifica-lo pagamento na conta corrente 0049-5030-15-2516011262, concursos-oposicións; Banco Santander Central-Hispano da Coruña, da cantidade de 36 euros por dereitos de inscrición. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso; a súa falta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola Xerencia da universidade, referida á data de publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade, poderán indicalo no recadro número 14 da instancia e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mantelos seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión da titulación de licenciado en medicina, especialidade en medicina do traballo ou diploma de médico de empresa, titulación equivalente, ou en condicións de obtela na data que remate o prazo de presentación das solicitudes.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán

acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador delas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se suscitaran dúbidas ó tribunal respecto da capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de médico, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do Rectorado da universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III desta convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comuni

dade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que considere necesario.

6.4. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6.5. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade da Coruña (rúa Mestranza, s/n).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios será feito público na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación desta convocatoria.

7.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento, quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase con apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realizalos exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten, mediante fotocopia compulsada, estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira, establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non presentar esta documentación non poderán ser declarados exentos e deberán, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez finalizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naquel outros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes neste, así como, se é o caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal fará público, neses mesmos lugares, o nome do candidato aprobado, facendo constar, así mesmo, a puntuación obtida calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. Os opositores que non estean incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo respecto do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitirá ó rector o nome do aspirante aprobado, con proposta de que se lle formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixese público o nome do candidato aprobado nas probas selectivas, este deberá presentar no Servicio de Persoal de Administración e Servicios da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. De non posuí-la nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Formalizados debidamente polo aspirante que superou as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, será contratado como médico da Universidade da Coruña.

10.3. O período de proba será de tres meses, durante o que o traballador terá os dereitos e obrigacións correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse a instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ó aspirante que, con anterioridade, tivese desempeñado funcións similares na Universidade da Coruña.

Segundo.-Estas probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-Esta convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 13 de novembro de 2003.

P.D. (Resolución 26-9-2003)

Eliseo Alfonso Barca Lozano

Rector da Universidade da Coruña en funcións

ANEXO I

Médico

Procedemento de selección

Fase de oposición.

A) Exercicios.

A fase de oposición consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar a un cuestionario de, alomenos, 60 preguntas con respostas múltiples, entre as que só unha será correcta, baseado no contido que para este exercicio se fixa nos módulos I e II do programa.

Os aspirantes terán un prazo de alomenos setenta e cinco minutos para a realización do exercicio e a súa valoración será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó exercicio seguinte.

Segundo exercicio: consistirá no desenvolvemento por escrito de dous temas, elixidos entre catro propostos polo tribunal, correspondentes á parte específica do programa que se inclúe como anexo II a esta convocatoria.

Os aspirantes disporán dun prazo de alomenos dúas horas para a realización deste exercicio. A cualificación do exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó seguinte exercicio.

Terceiro exercicio: consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego para o español e outro do español para o galego e a súa valoración será de 0 a 10 puntos. Este exercicio non terá carácter eliminatorio.

B) Valoración da fase de oposición.

A cualificación final da fase de oposición obterase da seguinte forma: (0,3 x nota 1º exerc. + 0,6 x nota 2º exerc. + 0,1 x nota 3º exerc.) x 8, polo que terá un valor máximo de 80 puntos.

Fase de concurso.

Nesta fase valóranse, ata un máximo de 20 puntos, os seguintes méritos:

1. Os servicios prestados na categoría profesional de médico ou equivalente como persoal de administración e servicios.

a) Os servicios prestados na Universidade da Coruña en réxime de contrato temporal, a razón de 0,50 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 10 puntos.

b) Os servicios prestados noutras administracións públicas, a razón de 0,05 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 5 puntos.

2. Cursos impartidos por organismos públicos ou empresas de prestixio recoñecido relacionados co posto ofertado e cursos de lingua galega, ata un máximo de 5 puntos.

Sistema de puntuación.

A cualificación final das probas, que como máximo será de 100 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada epígrafe, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de oposición, se isto non fose suficiente á maior puntuación obtida no segundo exercicio, se isto non fose suficiente no primeiro exercicio. Se persistise o empate, este dirimiriase pola orde alfabética do primeiro apelido dos aspirantes empatados, iniciándose a antedita orde pola letra determinada en sorteo pola Dirección Xeral da Función Pública da Xunta de Galicia para o ano no que se realice a proba.

ANEXO II

Médico

Programa das probas

Módulo I. Parte xeral.

1. A Constitución: dereitos fundamentais e libertades públicas. Dereitos e deberes dos cidadáns. A educación.

2. O Estatuto de autonomía de Galicia. O Parlamento. A Xunta de Galicia e o seu presidente. As competencias exclusivas. A Facenda da Comunidade Autónoma.

3. Marco supranacional do ensino superior: declaración de dereitos humanos. O Tratado da UE. A Declaración Mundial sobre Educación Superior.

4. A Lei 6/2001, do 21 de decembro, orgánica de universidades. O Consello de Coordinación Universitaria. Ensinanzas e títulos. A Habilitación Nacional.

5. O goberno das universidades: órganos colexiados e unipersoais. Os órganos de goberno da UDC e as súas competencias.

6. A comunidade universitaria: o profesorado. Os estudiantes. O persoal de Administración e servicios.

7. Os estatutos da Universidade da Coruña: natureza e funcións da universidade.

8. Estructura da Universidade da Coruña: departamentos, facultades, escolas, institutos de investigación e centros adscritos.

9. Réxime económico das universidades. Caso da UDC.

10. Os consellos sociais: lexislación española e galega.

Módulo II. Parte específica.

1. Seguridade e saúde no traballo: conceptos xerais. Danos derivados do traballo. Conceptos de accidente de traballo e enfermidade profesional. Condicións de traballo e factores de risco. Prevención de riscos laborais: principios de prevención. As técnicas de prevención.

2. A prevención de riscos laborais en España. Marco xurídico (I): antecedentes. A Constitución de 1978. O Estatuto dos traballadores. A Lei xeral da Seguridade Social. A Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais: contido, significado xeral e natureza. A Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. A prevención de riscos laborais en España. Marco xurídico (II): actuacións das administracións públicas competentes en materia laboral: Administración xeral do Estado e comunidades autónomas. Inspección de traballo e Seguridade Social. Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo. Os órganos técnicos das comunidades autónomas. A Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no traballo. A función para a prevención de riscos laborais. A Seguridade Social e as mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

4. A prevención de riscos laborais en España. Marco xurídico (III): actuación das administracións públicas competentes en materia sanitaria e de industria. A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade. A Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria.

5. O Sistema Español da Seguridade Social. O réxime xeral: acción protectora. Continxencias cubertas. Concepto e clase de prestacións. As entidades xestoras. As mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social.

6. Dereitos e deberes: o dereito dos traballadores á protección fronte ós riscos laborais. O deber empresarial de protección. Situacións de risco grave e inminente. Coordinación de actividades empresariais en materia de prevención. Obriga dos traballadores.

7. Consulta e participación dos traballadores: o deber de consulta do empresario. Os dereitos de participación e representación específica dos traballadores. Os delegados de Prevención, a súa designación, garantías, competencias e facultades. O Comité de Seguridade e Saúde. Colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social.

8. Protección da maternidade e dos menores: riscos laborais específicos para a muller traballadora no período do embarazo, posparto e lactación. Lexislación vixente da protección á maternidade. Medidas preventivas fronte ós riscos específicos. Riscos específicos para os menores en razón do seu traballo. Lexislación vixente de protección dos menores. Traballos prohibidos.

9. O regulamento dos servicios de prevención: integración da actividade preventiva na empresa. A avaliación dos riscos. A planificación da prevención. A organización de recursos para as actividades preventivas e as súas diferentes modalidades: as súas funcións e requisitos. As actuacións en materia preventiva das mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social. Colaboración dos servicios de prevención co Sistema Nacional de Saúde.

10. A adaptación da normativa de prevención de riscos laborais ó ámbito da Administración pública: as excepcións da Lei de prevención. O Real decreto 1488/1998, do 10 de xullo, de adaptación á Administación xeral do Estado. Competencias e funcións da Inspección de Traballo e Seguridade Social e do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo.

11. Evolución da sinistralidade en España. O parte de accidentes de traballo e enfermidades profesionais. Obrigas establecidas na Lei xeral da Seguridade Social e a súa normativa de desenvolvemento e na Lei de prevención de riscos laborais. Análise estatística de accidentes.

12. Fisioloxía laboral. Contracción e metabolismo muscular. Adaptación ó esforzo: cardiocirculatoria, respiratoria, renal e dixestiva.

13. Fisioloxía laboral. Termorregulación no exercicio físico. Capacidade de traballo. Fatiga: características e tipos.

14. Epidemioloxía xeral: conceptos xerais. Funcións. Interrelacións entre factores causais, hóspede e medio. Epidemioloxía descritiva: variables persoais. Variables xeográficas. Variables temporais. Epidemioloxía analítica: formulación de hipóteses. Estudios retrospectivos: interese en medicina laboral. Estudios transversais. Métodos para medi-la asociación. Estudios prospectivos.

15. Toxicoloxía xeral. Risco tumoral por axentes químicos. Outros síndromes tóxicos. Terapéutica xeral das intoxicacións: normas de auxilio inmediato. Principais técnicas de prevención. Normas para recollida de mostras para análises toxicolóxicas.

16. Biosestatística. Definicións fundamentais. Estatística descritiva e inferencial. Tipos de variables. Parámetros. Conceptos xerais de probalididade. Teorema de Bayes. Distribucións de probabilidade. Estatística descritiva. Tabulación. Medidas de tendencia central, de dispersión, de posición. Modalidades de mostraxe. Probas de hipóteses. Hipóteses nula e alternativa. Potencia dunha proba. Probas de conformidade. Probas de homoxeneidade. Probas de independencia. Correlación e regresión. Aplicacións prácticas en medicina do traballo.

17. Estudio xeral das enfermidades profesionais. Conceptos xerais. Carácteres propios da patoloxía profesional. Relación vixente de enfermidades profesionais: os seis grupos. Análise do seu contido. Ideas xerais sobre a súa prevención e valoración.

18. Patoloxía por hidrocarburos cíclicos (HC). Benceno: risco hemático. Petrolismo. Hidrocarburos policíclicos antracénicos (HPA). Riscos canceríxenos. Derivados clorados de HC: praguicidas, PCBs. Derivados de substitución funcional. Nitroderivados. Aminoderivados: anilinas. Outros derivados: tolueno, xilol, etc.

19. Patoloxía tóxica por praguicidas. Conceptos xerais. Praguicidas organoclonados. Risco canceríxeno e teratoxénicos. Praguicidas organofosforados. Carbamatos.

20. Patoloxía profesional por axentes físicos. Patoloxía por radiacións ionizantes: principais formas de risco profesional. Patoloxía por electricidade. Valoración dos accidentes.

21. Patoloxía profesional por axentes físicos. Patoloxía por vibracións. Patoloxía por aire comprimido e máquinas pneumáticas. Patoloxía por ruído. Valoración da calor como axente de patoloxía profesional.

22. Patoloxía profesional por axentes biolóxicos no sector veterinario. Principais emfermidades.

23. Patoloxía profesional dermatolóxica. Principais formas de riscos. Dermatites de contacto. Principais sensibilizantes: metais (cromo, níquel), colorantes. Outros riscos. Patoloxía cutánea por deterxentes. Cáncer cutáneo de orixe profesional. Principais riscos. Contaminantes ambientais como canceríxenos cutáneos.

24. Estudios dos accidentes de traballo. Aspectos legais. Principais formas. Epidemioloxía. Accidentes mortais. Accidentes menores. A asistencia inmediata. Traslado de accidentados. Importancia do enfoque preventivo. Outros aspectos.

25. Efectos fisiolóxicos da corrente eléctrica. Factores de risco no choque eléctrico. Actuacións no caso de accidente eléctrico.

26. Patoloxía cirúrxica laboral. Patoloxía específica da extremidade superior. Patoloxía cirúrxica da man: valoración como elemento de traballo. Patoloxía da extremidade inferior. Patoloxía da columna. Valoración como causa de absentismo laboral. Outros aspectos.

27. Valoración específica das incapacidades laborais. Conceptos xerais. Os diversos tipos de incapacidades. Valoración da incapacidade total. Valoración de incapacidades parciais. As incapacidades transitorias. Estructura dos informes de incapacidade. Principais problemas que se presentan. As indemnizacións por incapacidade.

28. Hixiene industrial: conceptos básicos. Tipos de axentes contaminantes. Concepto de exposición, doses e valor límite. Avaliación e control da exposición.

29. Protección dos traballadores fronte ós riscos derivados da súa exposición ó ruído. Real decreto 1316/1989.

30. Riscos por exposición ós axentes químicos durante o traballo. Real decreto 374/2001: obxecto e ámbito de aplicación. Valores límite de exposición. Criterios para a súa utilización. O control biolóxico da exposición.

31. Riscos por exposición a axentes carcinóxenos e mutáxenos: Real decreto 665/1997 e a súa modificación polo Real decreto 1124/2000: concepto e categorías de axente carcinóxeno e de axente mutáxeno. Lexislación vixente sobre amianto e cloruro de vinilo.

32. Riscos por exposición a axentes biolóxicos: Real decreto 664/1997 e Orde do 25 de marzo de 1998, adaptación ó progreso técnico.

33. Iluminación e color. Factores da visión. Tarefa visual e rendemento visual. Fatiga visual e a súa avaliación. Niveis mínimos esixibles. Condición de iluminación en postos de traballo con pantallas de visualización de datos. Aplicación do Real decreto 488/1997: disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas ó traballo con equipos que inclúen pantallas de visualización.

34. Carga de traballo: consideracións xerais. Carga física: estática e dinámica. Fatiga física. Lesións e patoloxías. Disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á manipulación manual de cargas. Aplicación do Real decreto 487/1997. Posturas de traballo. Movementos repetitivos. A carga mental: determinantes da carga mental. Sobrecarga e subcarga. Fatiga mental. Prevención da fatiga mental.

35. A organización do traballo. Factores psicosociais. Características da tarefa. A organización do tempo de traballo. Factores da organización. Consecuencias negativas dos factores psicosociais. A intervención psicosocial. Novas formas da organización do traballo.

36. O estrés. A súas formas. Consecuencias psicolóxicas e fisiolóxicas. Variables individuais e estrés laboral. O apoio social. Prevención do estrés.

37. A violencia, o acoso e o hostigamento no traballo (mobbing). O traballo baixo presión. O efecto do queimado (burn out). Outros aspectos de índole psicosocial.

38. Envellecemento e traballo.

39. Organización dos servicios de medicina no traballo. Servicios médicos da empresa. A súa orixe. Concepto e normativa actual. Estructura. Recoñecementos de entrada. Recoñecementos periódicos. Sistemática dos recoñecementos. Valor da documentación. Prestación de auxilio. Persoal sanitario nos servicios médicos de empresa.

40. Vixilancia da saúde: concepto e obxectivos. Técnicas de vixilancia médica. Os protocolos médicos. Normativa xeral e específica de vixilancia da saúde no medio de traballo. Integración dos programas de vixilancia da saúde no porgrama de prevención de riscos laborais.

41. Protocolo específico de vixilancia da saúde dos traballadores que realizan manipulación de cargas.

42. Protocolo específico de vixilancia da saúde dos traballadores que utilizan pantallas de visualización de datos.

43. Protocolo específico de vixilancia da saúde dos traballadores que realizan movementos repetitivos.

44. Protocolo específico de vixilancia da saúde dos traballadores expostos a axentes biolóxicos.

45. Protocolo específico de vixilancia da saúde dos traballadores expostos ó amianto.

46. Protocolo específico de vixilancia da saúde dos traballadores expostos ó ruído.

47. Promoción da saúde no lugar de traballo. Principios de promoción da saúde. Características dos programas de promoción da saúde na empresa. Xustificación dos programas de saúde. Rede Europea de promoción da saúde no traballo.

48. Drogodependencias máis frecuentes no ámbito laboral.

49. Primeros auxilios. Organización do socorrismo na empresa de acordo coa lexislación vixente. Activación do sistema de emerxencia. Eslos da cadea de socorro. Avaliación primaria dun accidentado. Emerxencia médica. Técnicas de reanimación. Valoración secundaria do accidentado.

50. Planificación e información sanitaria: conceptos. Programas de saúde no traballo.

ANEXO III

Médico

Tribunal cualificador

Titulares:

Presidente: Eliseo Alfonso Barca Lozano, rector en funcións da Universidade da Coruña.

Vocais:

José Vicente Echevarría González, xefe do Servicio de Persoal de Administración e Servicios.

Rafael Martín Acero, director do INEF de Galicia.

Eva Domínguez Costas, representante do comité de empresa.

Rogelio Lage Vázquez, representante do comité de empresa.

Secretario: Manuel Romero Beade, técnico en Relacións Laborais e Asistencia Social.

Suplentes:

Presidenta: Rosa Meijide Failde, catedrática de escola universitaria da Escola Universitaria de Fisioterapia.

Vocais:

Jesús Fernández Jiménez, xefe do Servicio de Contratación e Administración.

Juan Rego Álvarez de Mon, xefe do Servicio de Persoal Docente e Investigador.

Alberto Núñez Cardezo, representante do comité de empresa.

María José Grueiro Maroño, representante do comité de empresa.

Secretario: Daniel Miguélez Costa, xefe da Sección de Selección e Xestión do Persoal Docente e Investigador.

ANEXO IV

NOTA: úsese o publicado na páxina 15.292.