Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 11 de decembro de 2003 Páx. 15.230

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica regulamentado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, ó aproveitamento hidroeléctrico no río Grande promovido pola empresa Hidroeléctrica del Río Grande, S.L., no termo municipal de Chandrexa de Queixa, Ourense.

Visto o escrito achegado pola sociedade Hidroeléctrica del Río Grande, S.L., con CIF B32269854 e con enderezo no concello de Chandrexa de Queixa, Celeiros s/n, 32786 Chandrexa de Queixa, solicitando autorización administrativa, aprobación e inclusión no réxime especial do proxecto hidroeléctrico arriba epigrafado, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Luis Castro Valdivia, en representación de Hidroeléctrica del Mandeo, S.L., e con relación ó anuncio do 7 de xuño de 1999, publicado no BOP de Ourense do 17 de xullo, de apertura do trámite de competencia de proxectos relativos á solicitude de concesión de augas superficiais para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no río Grande cunha potencia non superior a 5.000 kVA, presentou petición para a obtención da concesión anterior de conformidade co exposto no Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo, polo que se establece un procedemento abreviado de tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos con potencia nominal non superior a 5.000 kVA.

Segundo.-A anterior sociedade, e mediante escritura de 25 de xaneiro de 2001, cédelle á sociedade Hidroeléctrica del Río Grande, S.L. tódolos dereitos que ostenta no expediente administrativo concesional para un aproveitamento hidroeléctrico no río Grande e regato do Forcadas, subrogándose, por tanto, Hidroeléctrica del Río Grande, S.L. na posición ata agora ocupada por Hidroeléctrica del Mandeo, S.L.

Terceiro.-A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formulou o 27 de xullo de 2001 a preceptiva declaración de efectos ambientais dos proxectos do aproveitamento hidroeléctrico no río Grande, no concello de Chandrexa de Queixa, Ourense.

Cuarto.-Segundo o establecido no artigo 6 do Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo, someteuse a información pública conxunta, mediante o correspondente anuncio no BOP de Ourense do 3 de setembro de 2003 e a súa exposición no Concello de Chandrexa de Queixa, a petición en competencia da concesión e autorización administrativa para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico de potencia non superior a 5.000 kVA no río Grande, no termo municipal de Chandrexa de Queixa.

Quinto.-O 7 de xullo de 2003 a Confederación Hidrográfica del Norte resolveu o concurso outorgando a favor de Hidroeléctrica del Río Grande, S.L. unha concesión para derivar un caudal de ata 3.000 l/s de augas do río Grande, afluente do Návea (bacía do Sil), con destino á producción de enerxía eléctrica, no concello de Chandrexa de Queixa, Ourense.

Sexto.-Mediante escrito, con data do 24 de setembro de 2003, Francisco Rodríguez Rodríguez reiterou, en nome da sociedade Hidroeléctrica del Río Grande, S.L., a solicitude de autorización das instalacións electromecánicas e aprobación do proxecto de execución do aproveitamento hidroeléctrico do río Grande, debido á subrogación dos dereitos do aproveitamento a favor da anterior sociedade por parte da empresa Hidroeléctrica del Mandeo, S.L.

Sétimo.-Así mesmo, Francisco Rodríguez Rodríguez presentou o 29 de outubro de 2003, ante esta Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, a solicitude de inclusión do aproveitamento que nos atinxe no réxime especial de producción eléctrica regulado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, achegando a documentación que para tal fin establece o anterior real decreto nos seus artigos 6 e 7.

Oitavo.-As instalacións electromecánicas do aproveitamento hidroeléctrico do río Grande, segundo o proxecto de execución del, asinado pola enxeñeira de camiños, canles e portos Gloria Mª Hernández Luis e polo enxeñeiro técnico industrial José Manuel Requejo Requejo, e visado polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Galicia, teñen as seguintes características:

-Caudal máximo derivado: 3.000 l/s.

-Caudal ecolóxico: 147 l/s.

-Caudal de freza: 294 l/s.

-Cota do limiar do aliviadoiro: 1.027,5 m.s.n.m.

-Cota de restitución ó leito público: 911 m.s.n.m.

-Salto bruto: 116,5 m.

-Dúas turbinas tipo Francis de eixe horizontal de 1.000 l/s e 2.000 l/s de caudal de equipamento, un rendemento do 92% e unha potencia nominal no eixe de 960 kW e 1.920 kW respectivamente.

-Dous xeradores trifásicos, un asíncrono cun factor de potencia de 0,85 e 1.130 kVA, e outro síncrono de 600 r.p.m. de velocidade de sincronismo, 2.140 kVA de potencia aparente e un factor de potencia de 0,9, ambos xerando a 50 Hz de frecuencia e a unha tensión de 6 kV.

-Un transformador de 4 MVA e unha relación de transformación de 20 kV/6,3 kV.

-Un transformador de servicios auxiliares de 50 kVA de potencia nominal e 398 V/20 kV.

-Producción media anual estimada: 8.468.730 kWh.

-Instalacións de protección, manobra, mando, sinalización, medida e interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora.

-Orzamento de execución por contrata sen IVE: 938.600,60 euros.

Noveno.-A Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Ourense emitiu informe favorable, propoñendo a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución.

Décimo.-O Servicio de Enerxías Renovables da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, emitiu informe favorable, propoñendo o recoñecemento da instalación como acollida ó réxime especial de producción eléctrica regulado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, e a súa inclusión no grupo b.4 do devandito real decreto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa mencionados.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

-Autorizar administrativamente as instalacións electromecánicas do aproveitamento da central hidroeléctrica do río Grande promovido pola empresa Hidroeléctrica del Río Grande, S.L., no termo municipal de Chandrexa de Queixa, Ourense.

-Aproba-lo proxecto de execución do aproveitamento anteriormente autorizado.

-Recoñecer á central do río Grande a condición de instalación acollida ó réxime especial de producción eléctrica regulamentada polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, e incluíla no grupo b.4) a que fai referencia o artigo 2 do devandito real decreto.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa co orzamento indicado nel.

Segunda.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, e as súas instruccións técnicas complementarias segundo Decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a Delegación Provincial de Innovación, Industria e Comercio de Ourense, poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Ourense inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas.

Sexta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola

orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde.

A instalación adaptarase ó procedemento de captación e procesamento de datos de producción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde do 29 de xullo de 2002 (DOG do 13 de agosto).

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpor recurso de alzada, ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a súa publicación.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas