Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 11 de decembro de 2003 Páx. 15.219

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2003 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico de filmación (grupo III) vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Sendo necesaria a provisión do posto de técnico en filmación, número L020 da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servicios, publicada pola Resolución do 26 de agosto de 2003 (DOG do 5 de setembro), e aprobado polo Consello de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos.

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), así como nos estatutos desta universidade, e co obxecto de atende-las necesidades da Sección de Actividades Institucionais

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir unha praza de técnico de filmación, grupo III.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntaráselle fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (Edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas

no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os aspirantes deberán xustifica-lo pagamento na conta corrente 0049-5030-15-2516011262, concursos-oposicións; Banco Santander Central-Hispano da Coruña, da cantidade de 27 euros por dereitos de inscrición. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso; a súa falta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola xerencia da universidade, referida á data de publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade, poderán indicalo no recadro número 14 da instancia e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais

subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión da titulación de FP de 2º grao, especialidade en cámara, titulación equivalente, ou en condicións de obtela na data que remate o prazo de presentación das solicitudes.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador delas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se suscitaran dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de técnico en filmación, poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do Rectorado da universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acre

ditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III desta convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que considere necesario.

6.4. O tribunal terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6.5. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, s/n).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e a data de comezo dos exercicios será feito público na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación desta convocatoria.

7.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento, quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas

acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase con apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten, mediante fotocopia compulsada, estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira, establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non presentar esta documentación non poderán ser declarados exentos e deberán, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez finalizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naqueles outros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes neste, así como, se é o caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal fará público, neses mesmos lugares, o nome do candidato aprobado, facendo constar, así mesmo, a puntuación obtida calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. Os restantes opositores terán a consideración de non apto para tódolos efectos, único extremo acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitirá ó rector o nome do aspirante aprobado, con proposta de que se lles formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó que se fixese público o nome do candidato aprobado nas probas selectivas, este deberá presentar no Servicio de Persoal de Administración e Servicios da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. De non posuí-la nacionalidade española deberá presentar declaración ou promesa de non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Formalizados debidamente polo aspirante que superou as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, será contratado como técnico de filmación da Universidade da Coruña.

10.3. O período de proba será dun mes, durante o que o traballador terá os dereitos e as obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ó aspirante que con anterioridade desempeñase funcións similares na Universidade da Coruña.

Segundo.-Estas probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e as bases desta convocatoria.

Terceiro.-Esta convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 13 de novembro de 2003.

P.D. (R. 26-9-2003)

Eliseo Alfonso Barca Lozano

Rector da Universidade da Coruña en funcións

ANEXO I

Técnico de filmación

Procedemento de selección

Fase de oposición.

A) Exercicios.

A fase de oposición consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar un cuestionario de, alomenos, 60 preguntas con respostas múltiples, entre as que só unha será correcta, baseado no contido que para este exercicio se fixa nos módulos I e II do programa.

Os aspirantes terán un prazo de alomenos setenta e cinco minutos para a realización do exercicio e a súa valoración será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó exercicio seguinte.

Segundo exercicio: consistirá no desenvolvemento por escrito dun tema, elixido entre tres propostos polo tribunal, correspondentes á parte específica do programa que se inclúe como anexo II a esta convocatoria.

Os aspirantes disporán dun prazo de alomenos unha hora para a realización deste exercicio. A cualificación do exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó seguinte exercicio.

Terceiro exercicio: consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego para o español e outro do español para o galego e a súa valoración será de 0 a 10 puntos. Este exercicio non terá carácter eliminatorio.

B) Valoración da fase de oposición.

A cualificación final da fase de oposición obterase da seguinte forma: (0,3xnota 1º exerc.+0,6xnota 2º exerc.+0,1xnota 3º exerc.)x7, polo que terá un valor máximo de 70 puntos.

Fase de concurso.

Nesta fase valóranse, ata un máximo de 30 puntos, os seguintes méritos:

1. Os servicios prestados na categoría profesional de técnico en filmación ou equivalente como persoal de administración e servicios.

a) Os servicios prestados na Universidade da Coruña en réxime de contrato temporal, a razón de 0,50 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 20 puntos.

b) Os servicios prestados noutras administracións públicas, a razón de 0,05 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 5 puntos.

2. Cursos impartidos por organismos públicos ou empresas de prestixio recoñecido relacionados co posto ofertado e cursos de lingua galega, ata un máximo de 5 puntos.

Sistema de puntuación.

A cualificación final das probas, que como máximo será de 100 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada epígrafe, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de oposición, se isto non fose suficiente á maior puntuación obtida no segundo exercicio, se isto non fose suficiente no primeiro exercicio. Se persistise o empate, este dirimiríase pola orde alfabética do primeiro apelido dos aspirantes empatados, iniciándose a antedita orde pola letra determinada en sorteo pola Dirección Xeral da Función Pública da Xunta de Galicia para o ano no que se realice a proba.

ANEXO II

Programa das probas

Módulo I. Parte xeral.

1. A Constitución: dereitos fundamentais e liberdades públicas. Dereitos e deberes dos cidadáns. A educación.

2. O Estatuto de autonomía de Galicia. O Parlamento. A Xunta de Galicia e o seu presidente. As competencias exclusivas. A Facenda da Comunidade Autónoma.

3. Creación e réxime xurídico das universidades públicas.

4. A Lei 6/2001, do 21 de decembro, orgánica de universidades. O Consello de Coordinación Universitaria. Ensinanzas e títulos. A habilitación nacional.

5. A Universidade da Coruña. Estructura. Órganos de goberno. Centros, departamentos, institutos, servicios. Rector, vicerrectores, secretario xeral, xerente, decanos, directores, outros órganos unipersoais. Órganos colexiados: Consello Social, Claustro, Consello de Goberno, Xuntas de Centro, Consellos de Departamento e Institutos.

6. O persoal de administración e servicios. Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios.

7. O persoal laboral. Réxime xurídico. O convenio colectivo.

8. O estudio e a investigación na Universidade da Coruña. Estudios de 1º e 2º ciclo. Estudios de doutoramento e posgrao. A organización da investigación. Contratos, convenios e cursos de especialización.

Módulo II. Parte específica.

1. Control da preparación e organización durante o proceso de realización do documental audiovisual.

2. Equipamentos técnicos da producción audiovisual. Clasificación, composición e funcións.

3. Fundamentos básicos da cámara de vídeo. Exposición. Obturador. Temperatura de cor. Obxectivos. Focos. Profundidade de campo. Soportes de cámara e cabezas para soportes.

4. O vídeo analóxico e o vídeo dixital. Especificacións, operatividade e funcionalidade dos controis da cámara dixital de vídeo. O seu uso adecuado, precaucións e seguridade.

5. Nocións básicas de realización televisiva. O plano e os seus niveis de valoración. Regra dos tercios. Ángulo e altura de cámara. Movementos de cámara.

6. Fontes de luz. Equipamentos de iluminación de cine e vídeo. Accesorios para o control da iluminación.

7. Obxectivos da iluminación. Luz principal e luces secundarias. Dirección e angulación da luz. Calidade da luz.

8. Gravación de son, micrófono de cámara e micrófonos externos. Tipos de micrófonos. Características direccionais. Micrófonos personais.

9. Tipos de montaxe. Montaxe de continuidade, relacional ou dinámico. O corte, o fundido, a mestura.

10. Xéneros informativos televisivos. A rodaxe e a planificación audiovisual da reportaxe.

11. Preparativos e operación de axuste do camcorder previos á súa operatividade.

12. O cámara como realizador. Metodoloxía aplicada.

13. Planificación dunha secuencia. Gráfico de localización das cámaras. Realización.

14. Guión técnico. Especificación técnicas para realización.

15. O deseño da iluminación. Trazado de mapas e esquemas.

16. Mantemento da continuidade dun ou máis personaxes estáticos.

17. Eixe de acción. Continuidade no desprazamento dun suxeito.

18. Planificación de secuencia de diálogos con 3 suxeitos.

19. Realización de entrevistas. Primeiros planos de punto de vista. Planos de escorzo. Planos de perfil.

ANEXO III

Tribunal cualificador

Titulares:

Presidente: Eliseo Alfonso Barca Lozano, rector da Universidade da Coruña.

Vocais:-Víctor M. Cabrera Sánchez, xerente da Universidade da Coruña.-Antonio Sanjuán Pérez, profesor titular de comunicación audiovisual e publicidade, escola de deseño industrial.-María José Grueiro Maroño, representante do comité de empresa.-María Josefa Padín García, representante do comité de empresa.

Secretario: Salvador Joaquín Peña Díaz, técnico en actividades institucionais.

Suplentes:

Presidenta: Marta García Pérez, secretaria xeral da Universidade da Coruña.

Vocais:-Jesús Fernández Jiménez, xefe do Servicio de Contratación e Administración.-Juan Rego Álvarez de Mon, xefe do Servicio do Persoal Docente e Investigador.-Manuel Romero Beade, representante do comité de empresa.-Rogelio Lage Vázquez, representante do comité de empresa.

Secretario: Luis Vázquez López, xefe da Sección de Selección, Xestión e Formación do PAS.