Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 10 de decembro de 2003 Páx. 15.101

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2003 pola que se modifica o programa de préstamos para financiar produccións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia.

A liña de préstamos a produccións audiovisuais posta ó dispor polo Igape desde abril de 2002 (Resolución do 26 de abril de 2002, DOG nº 87, do 7 de maio) pretende cubri-las necesidades de financiamento das productoras galegas que, ante proxectos viables na medida en que contan con recursos financeiros concertados para cubri-la totalidade dos custos da producción, se orixinan fundamentalmente polo tempo que transcorre ata que os recursos financeiros acadados se converten en líquidos. (Habitualmente os recursos necesarios para financia-lo proceso de producción proceden de achegas propias da productora, de subvencións e das propias vendas que se formalizan antes de remata-la producción e montaxe).

Fundamentalmente, a liña foi concibida para facer líquidos os contratos de venda de dereitos de producción asinados cando a producción se atopa en curso de elaboración. A asunción por parte do Igape dos riscos inherentes ó bo fin dos dereitos (conclusión da producción, cumprimento de condicións contractuais, etc.) respondeu así ás dificultades para obter financiamento do sector privado, que se dan neste tipo de proxectos, especialmente en productoras de reducida dimensión ou sen un amplo historial de produccións anteriores.

Por outro lado, o tempo que pode transcorrer desde que un contrato de venda queda formalizado ata que a producción é completada e exhibida no soporte vendido (cines, televisións, etc.) aconsellou que o prazo de reembolso deste tipo de préstamos fose superior a un ano, podendo chegar excepcionalmente ata 5 anos en casos xustificados.

A experiencia acadada por esta liña de préstamos mostra, entre outros aspectos, que é habitual que algunhas produccións que se atopan en curso de elaboración chegan a un momento do proxecto en que, tendo una parte significativa das fontes de financiamento cubertas (achegas de fondos propios e axudas ou subvencións públicas, fundamentalmente) teñen en curso a formalización do resto das fontes que habitualmente pechan o plan financeiro do proxecto, que son as vendas a terceiros dos dereitos da producción. En ocasións, no intervalo de tempo que transcorre ata o peche dos acordos de venda, prodúcense necesidades de tesourería para atende-los gastos da producción e non frea-lo ritmo previsto de execución do proxecto. Estas necesidades de fondos, se a producción se mostra viable, son de carácter temporal ata que a producción conte coas novas fontes de financiamento que nacen coa formalización das vendas de dereitos da producción, os cales poden ser achegados como garantía para os préstamos

a longo prazo contemplados na liña de préstamos do Igape.

De acordo co anterior, o Igape entende que poden existir produccións audiovisuais galegas que, consideradas viables, e cumprindo o resto dos requisitos que lle farían posible a concesión dun préstamo a

longo prazo da liña do Igape, se atopen nas circunstancias indicadas anteriormente, e que sexa oportuno facilitarlles un apoio temporal na forma de anticipo reintegrable que lles permita mante-lo ritmo de execución da producción por un tempo limitado e nunha contía axustada ás necesidades financeiras previstas para o citado período durante o que acaben de pecha-los acordos de venda de dereitos correspondentes.

Deste xeito, aquelas produccións que teñan concedido un préstamo a longo prazo do Igape (do que, dentro do prazo máximo de disposición dun ano, poderían dispoñer na medida en que pechen contratos de venda de dereitos que poidan ser achegados como garantía de reembolso) contarían con este novo instrumento que lles permitiría anticipar durante o prazo de disposición do préstamo os fondos necesarios para cubri-las necesidades financeiras da producción durante o dito prazo ata quedaren formalizados os contratos de venda que servirían de garantía para a disposición do préstamo a longo prazo.

Baixo este esquema, as operacións financiables serían tratadas polo Igape dun xeito integral, é dicir, avaliando a viabilidade técnica e económica da producción resolveríase se a producción pode recibir un préstamo a longo prazo con garantía dos dereitos de venda formalizados que serían cedidos ó Igape, e a seguir, avaliando o grao de execución actual de proxecto, os fondos investidos ata o momento e as necesidades financeiras ata a data máxima considerada razoable para a instrumentación de contratos de venda, resolveríase a posibilidade de conceder un anticipo a curto prazo. O importe do anticipo poderá facerse efectivo en sucesivas disposicións parciais a medida que se concreten as necesidades de fondos para o pagamento de gastos da producción.

Tendo en conta que o mecanismo máis adecuado para o desenvolvemento dunha producción audiovisual en termos de equilibrio financeiro é o de concretar adecuadamente as fontes de financiamento antes do inicio da producción, considérase importante non penalizar este proceso entendido de boa práctica financeira, e por conseguinte, na medida en que o Igape toma o risco de que finalmente tales recursos financeiros non se concreten, considérase necesario que a retribución destes anticipos recolla estes aspectos.

Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas

DISPOÑO:

Artigo único.-Publica-la seguinte modificación do programa de préstamos para financiar produccións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia, acordada polo Consello de Dirección do Igape na súa reunión do 26 de novembro de 2003, engadindo a seguinte disposición:

«Disposición adicional

Amplíase a liña de préstamos a produccións audiovisuais mediante unha liña de anticipos a curto prazo coas seguintes características:

1. Necesidades financeiras que se cobren. Exclusivamente os fondos necesarios para, durante o perío

do concedido para dispoñer do préstamo a longo prazo, continuar unha producción considerada viable que se atope en curso de producción e en proceso de comercialización dos dereitos de difusión da mesma.

2. Importe máximo do anticipo. Ata un 50% do importe do préstamo a longo prazo concedido.

3. Condicións para a disposición do anticipo. Poderán obte-lo anticipo aquelas produccións que, tendo concedido un préstamo a longo prazo dentro desta liña do Igape, teñan, con carácter xeral, utilizado xa recursos financeiros (propios e alleos) de, como mínimo, un 50% dos custos da producción previstos. O anticipo poderá ser disposto gradualmente en función do desenvolvemento da producción.

4. Prazo máximo de reembolso. Ata o fin do período de disposición establecido na concesión do préstamo a longo prazo, que non excederá de doce meses. A medida que se efectúen disposicións parciais ou totais do préstamo a longo prazo contra o endoso de créditos derivados da cesión dos dereitos de explotación da producción, o importe destas disposicións deberán destinarse en primeiro lugar ó reembolso ou cancelación dos saldos vivos do anticipo.

5. Garantías. As persoais da entidade productora, sen prexuízo doutras que puidesen ser valoradas.

6. Custos da operación. Tipo de xuro: euríbor a 6 meses máis un diferencial de 1,5 puntos porcentuais. Exento de comisións de apertura, estudio e cancelación anticipada.

7. Tipo de xuro de demora. Euríbor a 6 meses máis catro puntos porcentuais.».

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA