O Pleno do Concello de Vigo, en sesión ordinaria do 29 de setembro de 2003, adoptou o seguinte acordo:
Primeiro.-Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 3 do Plan especial de equipamento docente e infraestructura viaria no Campus Universitario das Lagoas (Marcosende), expediente 7848/411, segundo a documentación contida no texto refundido, con data de decembro de 2002, presentado pola Universidade de Vigo o 6 de febreiro de 2003, e redactada polo arquitecto José Carlos Rodríguez Otero,
da Unidade Técnica da Universidade, cos planos corrixidos números P1 e P8, con data de xullo de 2003.
Segundo.-Publica-lo acordo de aprobación definitiva no DOG, e o documento que contén a normativa e ordenanzas no BOP.
Terceiro.-De acordo co disposto no artigo 92.3º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, comunica-lo acordo á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, á vez que se lle dará traslado dunha copia autenticada de dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente, con tódolos documentos, debidamente dilixenciados polo secretario do Concello.
O que se publica para o xeral coñecemento, e de conformidade co artigo 92.2º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, facendo constar neste anuncio a remisión á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda dunha copia debidamente autenticada do expediente administrativo e dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente con tódolos planos e documentos que a integran.
Contra o devandito acordo, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte da publicación deste anuncio.
De conformidade co artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por medio deste anuncio, e publicación no taboleiro de edictos do Concello, notifícase o acordo que nel se contén a tódolos propietarios que sexan descoñecidos, se ignore o lugar da notificación ou ben, intentada esta, non se puidese practicar.
Vigo, 20 de outubro de 2003.
Mauricio Ruiz Ceniceros
Vicepresidente da Xerencia de Urbanismo