Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 05 de decembro de 2003 Páx. 15.004

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2003 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de técnico en informática do Servicio de Información e Estatística vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Sendo urxente a provisión dunha praza de técnico en informática do Servicio de Información e Estatística vacante na vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servicios, publicada por Resolución do 26 de agosto de 2003 (DOG do 5 de setembro), e aprobado pola Xunta de Goberno, na súa sesión do 11 de xullo de 2002 o sistema de selección de concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos.

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 24 de decembro), así como nos estatutos desta universidade, aprobados polo decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados polo decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), e co obxecto de atende-las necesidades do Servicio de Información e Estatística,

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubrir unha praza de técnico en informática do Servicio

de Información e Estatística (número L234 da vixente relación de postos de traballo), grupo II.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo o modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntaráselle fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (Edificio do Rectorado, rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) e Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os aspirantes deberán xustifica-lo pagamento na conta corrente 0049-5030-15-2516011262, concurso-oposición; Banco Santander Central-Hispano da Coruña, da cantidade de 31 euros por dereitos de inscrición. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso, a súa falta determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola xerencia da universidade, referida á data de publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da instancia e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar na súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitido á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles estados ós que, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estar en posesión da titulación de diplomado, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico ou equivalente, ou en condicións de obtela na data na que remate o prazo de presentación das solicitudes.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuírse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas, o tribunal cualificador delas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de técnico en informática (grupo II), poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobadas as listas de aspirantes admitidos e excluídos, que serán feitas públicas no taboleiro de anuncios do Rectorado da Universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a exclusión. Transcorrido o devandito prazo, o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III desta convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que considere necesario.

6.4. O tribunal terá a categoría segunda das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6.5. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade da Coruña (rúa Mestranza, sen número).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e a data de comezo dos exercicios será feito público na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación desta convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano no que se realice a proba.

7.4. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento decaendo no seu dereito os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase con apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten, mediante fotocopia compulsada, estar en posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira, establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non presentar esta documentación non poderán ser declarados exentos e deberán, en consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal fará pública a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no Rectorado da Universidade da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naqueles outros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes nel, así como, se é o caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal fará pública, neses mesmos lugares, a relación definitiva de aprobados para cada un dos sistemas de acceso, que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas, na que constará o nome e a puntuación dos aspirantes que, acadando a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición, obtiveran a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. Os opositores que non estean incluídos nas respectivas relacións terán a consideración de non aptos para tódolos efectos, único extremo acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitiralle ó rector a relación definitiva dos aspirantes aprobados pola orde desta puntuación final, con proposta de que se lles formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a rela

ción definitiva de aprobados nas probas selectivas, este deberá presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (rúa da Mestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes que non posúa a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibiliten para o servicio.

10.2. Cumpridos debidamente polo aspirante que superou as probas selectivas os trámites de presentación de documentos, será contratado como técnico infomático do Servicio de Información e Estatística.

10.3. O período de proba será de tres meses, durante o que o traballador terá os dereitos e as obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade desempeñasen funcións de técnico informático do Servicio de Información e Estatística na Universidade da Coruña.

Segundo.-Estas probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e ós estatutos desta universidade, aprobados polo decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados polo decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais Estados membros da Unión Europea, e ás bases desta convocatoria.

Terceiro.-Esta convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativo nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro) e modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 11 de novembro de 2003.

P.D. (Resolución 26-9-2003)

Eliseo Alfonso Barca Lozano

Rector da Universidade da Coruña en funcións

ANEXO I

Técnico en informática do Seinfe

Procedemento de selección.

Fase de oposición.

A) Exercicios.

A fase de oposición consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar un cuestionario de, polo menos, 60 preguntas con respostas múltiples, entre as que só unha será correcta, baseado no contido que para este exercicio se fixa nos módulos I e II.

Os aspirantes terán un prazo mínimo de setenta e cinco minutos para a realización do exercicio e a súa valoración será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó exercicio seguinte.

Segundo exercicio: consistirá na realización de dous supostos prácticos específicos, elixidos de entre catro propostos polo tribunal relacionados coa parte específica do programa, módulos III e IV.

Os aspirantes terán un prazo mínimo de dúas horas para resolve-los supostos.

A cualificación do exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 5 puntos para ter acceso ó seguinte exercicio.

Terceiro exercicio: consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego ó español e outro do español ó galego e a súa valoración será de 0 a 10 puntos. Este exercicio non terá carácter eliminatorio.

B) Valoración da fase de oposición.

A cualificación final da fase de oposición obterase da seguinte forma:

(0,3xnota 1º exerc.+0,6xnota 2º exerc.+0,1xnota 3º exerc.)x7, polo que terá un valor máximo de 70 puntos.

-Fase de concurso.

Nesta fase valoranse, ata un máximo de 30 puntos, os seguintes méritos:

1. Servicios prestados na categoría profesional de técnico en informática (grupo II):

a) Os servicios prestados na Universidade da Coruña en réxime de contrato temporal, a razón de 0,50 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 20 puntos.

b) Os servicios prestados noutras administracións públicas, a razón de 0,05 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 10 puntos.

2. Cursos realizados, impartidos por organismos públicos ou empresas de prestixio recoñecido relacionados con temas do programa específico, ata un máximo de 10 puntos.

Cursos de máis de vinte horas: 2 puntos.

Cursos entre dez e vinte horas: 1 punto.

c) Sistema de puntuación.

A cualificación final das probas, que como máximo será de 100 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. En caso de empate dentro de cada epígrafe, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de oposición; se isto non fose suficiente á maior puntuación obtida no segundo exercicio, e se isto non fose suficiente, no primeiro exercicio. Se persistise o empate, este dirimiríase pola orde alfabética do primeiro apelido dos aspirantes empatados, iniciándose a antedita orde pola letra á que se refire a base 7.3 desta convocatoria.

ANEXO II

Programa das probas

Módulo I. Lexislación e normativa.

1. A Universidade da Coruña. Estructura. Órganos de Goberno.

Centros, departamentos, institutos, servicios. Rector, vicerrectores, secretario xeral, xerente, decanos, directores, outros órganos unipersoais. Órganos colexiados: Consello Social, Claustro, Consello de Goberno, Xuntas de Centro, Consellos de Departamento.

2. O persoal docente e investigador na Universidade da Coruña.

Clases e réxime xurídico do profesorado universitario.

3. O persoal de administración e servicios na Universidade da Coruña.

Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios.

4. O estudio e a investigación na Universidade da Coruña.

Estudios de 1º e 2º ciclo. Estudios de doutoramento e posgrao. A organización da investigación. Contratos, convenios e cursos de especialización.

5. Informática e lexislación.

Dereito á intimidade. Lei orgánica de protección de datos (LOPD). Disposicións, principios e dereitos. A Axencia de Protección de Datos. Regulamento de medidas de seguridade. A protección xurídica do

software. Lei de servicios da sociedade da información e do comercio electrónico (LSSI).

6. Normas para a realización da estatística universitaria.

Resolución da Secretaría Xeral do Consello de Coordinación Universitaria pola que se dictan normas para a realización da estatística universitaria. Cuestionarios para a estatística do ensino superior do Instituto Nacional de Estatística. Normas para a recolleita de datos estatísticos do sistema universitario galego. Libro de datos estatísticos da Universidade da Coruña.

Módulo II. Informática básica.

1. Estructura de datos e da información.

Sistemas de numeración. Sistemas de codificación. Estructura de datos. Representacións redundantes: corrección de erros. Compactación da información.

2. Arquitectura de computadores.

Concepto de computador. Computadores dixitais. Desenvolvemento histórico. Unidade central de proceso. Sistemas de entrada/saída.

3. Loxical de base.

Historia dos sistemas operativos. Conceptos fundamentais. Estructura dos sistemas operativos. Deseño e implementación de sistemas operativos. Procesos. Xestión da memoria. Xestión do sistema de arquivos. Xestión do sistema de entrada/saída. Multiprocesadores e sistemas distribuídos.

4. Programación.

Metodoloxía da programación. Estructuras básicas de programación. Tipos de datos. Funcións e procedementos. Manexo de ficheiros. Listas, pilas e colas. Árbores. Buscas. Punteiros. Recursividade. Programación orientada a obxectos.

5. Bases de datos.

Sistemas xestores de bases de datos. Modelos físicos e lóxicos. Modelos entidade relación. Modelo relacional. Deseño de bases de datos relacionais. Xeración e optimización de consultas. Control de concorrencia. Transaccións e integridade dos datos. SQL. Bases de datos orientadas a obxectos.

6. Comunicacións. Tecnoloxías da transmisión.

Medios de transmisión. Transmisión asíncrona e síncrona. Conmutación de circuítos e paquetes. Control de fluxo. Detección e control de erros. Protocolos e topoloxías de rede. Tipos de redes: LAN, MAN, WAN.

7. Enxeñería do software.

Fases de desenvolvemento de sistemas de información. Metodoloxía e ciclos de vida. Estudio de viabilidade. Planificación dun proxecto software. Definición e análise de requisitos. Deseño. Implementación. Verificación e validación. Entrega e mantemento.

8. A Internet.

Creación, evolución, características. Redes soporte. Provedores de servicio. A Intranet. A Extranet.

Módulo III. Parte específica.

1. Estatística descritiva.

Variables. Escala de medida. Frecuencias. Medias de tendencia central. Medidas de desviación. Táboas de distribución de frecuencias. Representación de datos.

2. Terminoloxía e indicadores de avaliación institucional.

Glosario de terminoloxía xeral aplicada á avaliación institucional e indicadores que a miden. Código, denominación, definición, interpretación, nivel de agregación e fonte dos indicadores que forman parte do catálogo do sistema universitario público español. Glosario específico.

3. Metodoloxía da programación.

Linguaxes de programación. Deseño de programas. Deseño estructurado. Deseño orientado a obxectos. Deseño interface de usuario.

4. Tecnoloxía da programación.

Técnicas de verificación e proba de programas. Xeradores de código e ferramentas de cuarta xeración. Programas de interface de aplicacións. Ferramenta RAD. Migracións e conversións. Reenxeñería de código.

5. Implantación e mantemento de programas.

Plan de implantación. A proba e posta a punto de programas. O caderno de instalación. Clases de mantemento. Documentación. Depuración.

6. Programación en linguaxe C e Delphi.

Conceptos. Operadores. Estructura dun programa. Entrada e saída de datos. Sentencias de control. Punteiros, programación orientada a obxectos.

7. Programación na Internet.

Páxinas ASP, JSP, Java, Scripts de cliente. Punto Net.

8. Sistema operativo Unix/Linux.

Historia e fundamentos do sistema operativo Unix/Linux. Administración. Configuración. Monitorización. Correo electrónico. Protocolos de rede.

9. Sistema operativo Windows.

Xestión de ficheiros. Tarefas. Xestión de usuarios. Configuración e mantemento hardware. Instalación e configuración de protocolos de rede.

10. Servidores web.

Internet Information Server. ISA Server. Servidor Apache. Servidor FTP.

11. Hipertexto e hipermedia.

HTML: elementos básicos, extensións en navegadores. DHTML, XML. Multimedia, conceptos xerais.

12. Protocolos de rede.

Protocolos de rede: TCP/IP, historia, fundamentos, configuración. Subdireccionamento.

13. Sistemas abertos.

Historia e conceptos xerais. Modelo OSI. Estructura da rede da Internet. Descrición de servicios e protocolos. Correo electrónico.

14. Sistemas xestores de bases de datos.

Informix. SQL Server. Arquitectura. Desenvolvemento de aplicacións. Configuración cliente/servidor. Seguridade. Procedementos almacenados e triggers.

15. Aplicacións de información e estatística na Universidade da Coruña.

Puntos de información. Acceso a bases de datos corporativas. Datawarehouse. Estatísticas para organismos oficiais.

16. A tarxeta intelixente na Universidade da Coruña.

Descrición xeral. Fundamentos. Normas ISO7816. Aplicacións.

17. Seguridade.

Medidas de seguridade: físicas, técnicas, organizativas e legais. Certificacións de seguridade. Técnicas criptográficas. Claves simétricas e asimétricas. Certificados dixitais, terceiras partes confiables, sinatura dixital. Proxys. Firewalls. Virus.

ANEXO III

Tribunal cualificador

Titulares:

Presidenta: Rosa Mª Fernández Esteller.

Vocais:

Jesús Cardenal Carro, profesor titular de universidade.

Sergio Castro López, analista responsable de proxectos.

Mª José Grueiro Maroño, representante do comité de empresa.

Eva Domínguez Costas, representante do comité de empresa.

Suplentes:

Presidenta: Nieves Rodríguez Brisaboa, profesora titular de universidade.

Vocais:

Rafael García Vázquez, catedrático de escola universitaria.

José Manuel Rodríguez Seijo, profesor titular de universidade.

Manuel Romero Beade, representante do comité de empresa.

Rogelio Lage Vázquez, representante do comité de empresa.

ANEXO IV

NOTA: úsese o publicano na páxina 15.004.