Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 05 de decembro de 2003 Páx. 14.955

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 419/2003, do 20 de novembro, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, dun terreo situado no Concello de Pontevedra destinado á construcción dun edificio que albergue as dependencias da Administración autonómica na cidade de Pontevedra.

O pleno da corporación municipal do Concello de Pontevedra, reunido en sesión que tivo lugar o día dezanove de setembro de 2003, acordou ceder á Comunidade Autónoma de Galicia o predio situado no termo municipal de Pontevedra destinado á construcción dun edificio administrativo que acolla as delegacións provinciais da mesma cidade.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Pontevedra acordou a cesión, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión, a título gratuíto, feita polo Concello de Pontevedra a favor da Comunidade Autónoma de Galicia da parcela número tres, cunha superficie de 12.501 metros cadrados, situada no ámbito do antigo Cuartel de Campolongo, que linda: ó norte, coa parcela nº 2; ó sur, coa parcela nº 4; ó leste, coa rúa Alfonso X O Sabio; ó oeste, rúa de nova apertura.

O predio descrito figura inscrito a nome do Concello de Pontevedra, no Rexistro da Propiedade de Pontevedra co número 61.537, no folio 107, do libro 799 de Pontevedra, no tomo 1601. Referencia catastral número 9372003NG2997S0001IW.

Artigo 2º

O predio cedido destinarase á construcción dun edificio que albergue as dependencias da Administración autonómica na cidade de Pontevedra.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda