Rematado o prazo fixado pola resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 20 de maio de 2003 (DOG nº 99, do 23 de maio), de presentación de solicitudes para a elaboración das listas para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo reservados a persoal funcionario, reguladas polo Decreto 217/2003, do 11 de abril, e á vista das solicitudes presentadas para o corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A), escala facultativa de arquivos, bibliotecas e museos: especialidade de arquivos, especialidade de bibliotecas e especialidade de museos, e unha vez baremadas e elaboradas pola Comisión Permanente Central as listas nas correspondentes sesións, a Dirección Xeral da Función Pública
RESOLVE:
Primeiro.-Facer públicas as listas provisionais de baremación dos solicitantes admitidos nas listas, con indicación da puntuación.
Segundo.-As citadas listas atópanse expostas nos taboleiros de anuncios do Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia. Así mesmo, os ditos datos poderán consultarse nas páxinas oficiais da Internet da Xunta de Galicia.
Terceiro.-De conformidade co disposto no artigo 8.4º do Decreto 217/2003, do 11 de abril, os interesados disporán dun prazo de 5 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución no DOG, para reclamacións, que irán dirixidas á Comisión Permanente Central de Selección de Persoal Funcionario (Dirección Xeral da Función Pública, Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, edificio administrativo de San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
Unha vez resoltas estas, serán elevadas as listas definitivas pola Comisión Permanente Central á Dirección Xeral da Función Pública para a súa oportuna publicación.
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2003.
Belén Prado Sanjurjo
Directora xeral da Función Pública
CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN
LOCAL