Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 28 de novembro de 2003 Páx. 14.666

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 21 de novembro de 2003 pola que se procede á convocatoria para o ano 2004 de axudas encamiñadas ó uso racional da enerxía, nos concellos de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo.

Un dos obxectivos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio no campo da política enerxética é conseguir unha explotación e xestión máis racional das subministracións enerxéticas, acadando uns índices de calidade axeitados.

As instalacións eléctricas municipais son en moitos casos susceptibles de modificacións e innovacións en prol dunha mellora na eficiencia enerxética, que, de acordo co estado actual da técnica, permitan un sensible aforro no consumo de enerxía.

No marco da política enerxética, tanto da Unión Europea como española, considérase que os recursos enerxéticos renovables son fundamentais para diminuí-la dependencia exterior e mellora-la seguridade da subministración.

Como medio e instrumento para favorece-las actuacións indicadas, a Consellería de Industria e Comercio considerou necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia.

Este programa estructúrase nunha liña de axudas, dedicada á execución de proxectos que promovan o uso racional da enerxía, que se recolle no anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é proceder á convocatoria de axudas para o uso racional da enerxía nos concellos, no marco do Programa de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia, recollido no anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de

industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario e contía máxima das axudas.

1. Estas axudas outorgaranse con cargo ós créditos previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, podéndose establecer compromisos plurianuais dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente.

Destinaranse os créditos e aplicacións orzamentarias que se indican a seguir:

AplicaciónDenominaciónImporte

ano 2004 (A)

08.02.631-A.760.0Corporacións locais, uso racional da enerxía nos concellos1.327.042

O gasto que se proxecta tramítase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exercicio para 2004, de acordo co disposto no artigo 3, número 3 in fine da Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Esas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

2. A contía máxima da axuda para cada tipo de proxecto é a que se reflicte a seguir:

Proxectos de uso racional da enerxía: 40% do investimento subvencionable.

3. En calquera caso, a contía da subvención non poderá ser superior ó 50% do investimento subvencionable.

Artigo 3º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para o mesmo proxecto.

Polo demais, establécese como único criterio restrictivo a prohibición de concorrencia con outras axudas outorgadas pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio, segundo o establecido nas bases reguladores no seu artigo 5.1º.

Artigo 4º.-Investimento subvencionable.

1. En ningún caso serán subvencionables os investimentos de substitución.

2. Non se valorarán para os efectos de investimentos, os gastos que se realicen en pagamento de impostos, agás o imposto sobre o valor engadido (IVE), taxas, contribucións, licencias, etc., nin calquera outro de carácter tributario, fiscal ou sometido

a aranceis, e os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

Artigo 5º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación que debe acompañala.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será do 9 de decembro de 2003 ata o 31 de xaneiro de 2004, ambos inclusive.

2. As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O modelo de solicitude e o resto dos modelos necesarios para solicitar ou xustifica-la axuda publícanse como anexos I e II desta orde e encóntranse tamén ó dispor dos interesados no enderezo da Internet http://www.xunta.es/conselle/in.

A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

a) Documento nacional de identidade e documento acreditativo da capacidade con que actúa quen representa o concello solicitante.

b) Memoria descritiva das actuacións que se van realizar, con indicación do núcleo, lugar, parroquia e municipio, na que deberá constar un punto específico no que se valorará a eficiencia enerxética do proxecto e, no caso de actuacións de fomento do uso de recursos enerxéticos renovables, incluiranse esquema da instalación e bosquexo que represente a súa integración arquitectónica ou paisaxística.

c) Orzamento do investimento, desagregando os prezos unitarios dos principais elementos da actuación (anexo II desta orde).

d) Calendario de execución do investimento, con referencia a cada unha das actuacións que configuran o proxecto (mes inicio/mes finalización) (anexo II).

e) Declaración expresa doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo II).

De toda a documentación presentaranse tres exemplares nos que tódolos documentos que non sexan orixinais estarán compulsados.

Artigo 6º.-Corrección de defectos.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos conforme o establecido no artigo 42 da citada lei.

Artigo 7º.-Valoración dos proxectos.

1. Revisados os expedientes e completados, se for o caso, os servicios de xestión das distintas unidades tramitadoras deberán emitir para cada solicitude de subvención, como paso previo para proceder á súa valoración, un informe relativo ó cumprimento dos requisitos que establece para as solicitudes o artigo 5º desta orde.

2. Conforme o establecido no artigo 9 do Decreto 286/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma galega, a valoración das solicitudes admitidas a trámite será realizada por unha comisión, constituída para o efecto, que estará presidida polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou persoa en quen delegue, e na que participarán o subdirector xeral de Enerxía, o xefe do Servicio de Enerxías Renovables, que actuará como secretario, os delegados provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e o director do Instituto Enerxético de Galicia ou persoas nas que estes últimos poidan delegar.

3. A mencionada comisión valorará a totalidade dos investimentos subvencionables seguindo os criterios de selección de proxectos establecidos no

anexo II da anteriormente indicada Orde do 11 de marzo de 2002, ademais dos que se expoñen a continuación:

-Interese social do servicio público, de acordo co descrito na memoria.

-Recursos económicos da corporación local.

-O grao de cumprimento da corporación local solicitante nas subvencións outorgadas pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio en exercicios anteriores.

-No caso de instalacións de iluminación pública, adecuación ó proxecto tipo de iluminación pública recollido no convenio subscrito entre empresas eléctricas e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Unha vez valoradas as solicitudes, ordenaranse os investimentos correlativamente e en sentido decrecente ó valor asignado.

Á vista da dita valoración, proporá a contía das axudas correspondentes ós investimentos subvencionables ata esgota-lo crédito dispoñible, quedando en reserva o resto dos investimentos subvencionables, para que, se se producise algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, puidesen ser atendidas co crédito que quedase libre.

Á vista do informe emitido por acordo da comisión, dictaranse as correspondentes resolucións de acordo co establecido no artigo 4 da mencionada Orde do 11 de marzo de 2002.

Artigo 8º.-Actuacións plurianuais.

No caso de actuacións plurianuais que sobrepasen o exercicio 2004, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade, dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, observando o disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario. Se a materialización ou o pagamento do investimento se anticipase ó calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o investimento ou pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores, sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

Nos proxectos plurianuais, entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata o final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da dita anualidade.

Artigo 9º.-Presentación de proxecto de execución.

Nun prazo de 40 días hábiles a partir da notificación da axuda, o beneficiario deberá remitirlle á delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio unha copia do proxecto de execución, cando este sexa necesario, asinado por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente e certificación da iniciación da obra; se esta fose realizada por terceiros, a documentación que acredite que a obra foi adxudicada e a acreditación do adxudicatario para realizala.

A falla de presentación desta documentación entenderase como renuncia á axuda concedida e, logo de audiencia do interesado, procederase conforme o establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10º.-Xustificación do investimento.

A data límite para executa-las actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustifica-lo correspondente investimento e pagamento é o 31 de outubro do ano que corresponda, para o que o beneficiario deberá presentar, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, por triplicado, a seguinte documentación acreditativa:

a) Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Documentos acreditativos do investimento ou actuación admitíndose como medio de xustificación do investimento a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto, seguindo o disposto no artigo 15 c) do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

c) Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; indicando a súa contía.

d) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

e) O beneficiario de calquera subvención plurianual cun importe total que supere os 30.050,61 euros, deberá entregar ademais, xustificante acreditativo de depósito na Caixa Xeral de Depósitos de seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que garanta o importe da anualidade da que se estea tramitando o pagamento, así como dos seus correspondentes xuros de mora, conforme o xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que estea vixente nese momento, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes ó final do prazo de xustificación da última das anualidades da subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Innovación, Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, podería entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

Conforme o establecido nos artigos 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, trala inspección realizada se fose caso, certificasen que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e o previsto na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto e sempre que iso non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe de subvención respecto ó investimento.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio