Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 28 de novembro de 2003 Páx. 14.646

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 416/2003, do 27 de novembro, sobre axudas ós usuarios da A-9, entre Vigo e O Morrazo residentes na provincia de Pontevedra e entre A Coruña e A Barcala residentes na provincia da Coruña.

O día 20 de novembro de 2002 (correción de erros do 22 de novembro) publicouse o Decreto 307/2002, sobre axudas ós usuarios da A-9 entre Vigo e O Morrazo residentes na provincia de Pontevedra. Este decreto regula o réxime de axudas para subvenciona-la peaxe da A-9 entre Vigo e O Morrazo e entre A Coruña e A Barcala. A publicación deste decreto veu substituí-lo publicado o 11 de xaneiro de 2002 e no que se introduciron modificacións para mellora-la xestión do sistema e dar resposta ás diversas situacións presentadas. O novo decreto supuxo un importante paso na mellora da xestión, tanto polo volume de traballo ó que se puido facer fronte coma a eficacia acadada con respecto ó ano anterior. Non obstante existen aspectos que poden ser mellorados de cara a un servicio centrado nos cidadáns, facilitándolle-lo acceso sinxelo a esta axuda.

Por outra banda, durante 2003 implantouse na Autoestrada do Atlántico a peaxe dinámica, mediante un dispositivo chamado OBE, que permite a lectura dos datos sen necesidade de para-lo vehículo. O bono peaxe emprega unha tarxeta con banda magnética tradicional; non obstante, é susceptible de ser incluído e beneficiarse das vantaxes que implica a peaxe dinámica e deste xeito facilita-lo seu uso polos beneficiarios da subvención.

Cómpre pois, realiza-las modificacións no Decreto 307/2002 que melloren as condicións nas que se desenvolve este réxime de axudas e os medios técnicos de implementación, resultando conveniente publicar un novo texto completo.

Este réxime de axudas lévase a cabo conxuntamente coas deputacións da Coruña e Pontevedra, para o que desde o ano 2001 se asinaron convenios de colaboración que veñen regular esta actividade conxunta. Para que este decreto produza efectos económicos en anos sucesivos deberán subscribirse previamente os convenios coas respectivas deputacións e deberá dictarse a correspondente orde anual de convocatoria.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto regula-la subvención do custo da peaxe na autoestrada A-9,

entre Vigo e O Morrazo para os residentes na provincia de Pontevedra e entre A Coruña e A Barcala para os residentes na provincia da Coruña, mediante subvencións directas ós particulares nas condicións que a continuación se establecen. O presente sistema articúlase mediante unha tarxeta de débito, a través da cal se xestionará a subvención; tamén poderá articularse mediante o dispositivo de peaxe dinámica. En todo caso condiciónase o outorgamento da axuda á existencia de crédito orzamentario axeitado e suficiente.

Artigo 2º.-Bonificacións.

Bonificaranse ata oitenta viaxes ó mes a partir da primeira viaxe por tarxeta ou solicitude outorgada. A bonificación efectuarase tendo en conta o importe total da peaxe, IVE incluído, e afectará exclusivamente ós itinerarios Vigo-O Morrazo e O Morrazo-Vigo e A Coruña-A Barcala e A Barcala-A Coruña. O dereito a percibi-la subvención nace unha vez realizada a viaxe nas condicións establecidas e exclusivamente mediante o uso da tarxeta ou dispositivo de peaxe dinámica.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Un.-Condicións.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas que posúan as seguintes condicións:

a) Estar empadroado en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra ou da Coruña respectivamente.

b) Ser titular dun vehículo polo que se pague o imposto sobre vehículos de tracción mecánica nos mencionados concellos. Enténdese por titular dun vehículo para efectos desta norma, ademais dos propietarios, os usuarios de tales vehículos que teñan unha autorización de uso do propietario. Non obstante expedirase unha soa tarxeta por vehículo, polo que o propietario deberá renunciar de forma expresa a esta axuda.

c) Estar ó día das súas obrigas tributarias coa Administración estatal, autonómica, local e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Os solicitantes das axudas deberán ter unha conta soporte de tarxeta, ou do dispositivo de peaxe dinámica, na que deberán facerse os cargos e aboamentos, se é o caso, correspondentes ó sistema.

Dous.-Documentación.

Para a obtención da tarxeta ou articulación da subvención mediante o dispositivo da peaxe dinámica, de acordo co artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e co artigo 42, un, f) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma

de Galicia para o ano 2003, os solicitantes, exclusivamente persoas físicas, deberán presenta-la seguinte documentación:

-Solicitude de axuda normalizada, segundo modelo que figura no anexo.

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia do documento expedido polo banco ou caixa onde figuren os datos referentes á conta soporte da tarxeta.

-Declaración expresa de que o solicitante non recibe ningunha outra axuda ou subvención concorrente coa que regula o presente decreto, segundo modelo que figura no anexo.

-Certificado expedido polo órgano competente que acredite o empadroamento en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra ou da Coruña segundo o caso.

-Copia cotexada do recibo ou certificado xustificante do pagamento do imposto de vehículos de tracción mecánica do último período impositivo.

Cando o solicitante da axuda non sexa o propietario do vehículo, deberá presentar ademais:

-Copia cotexada do permiso de circulación do vehículo.

-Autorización do propietario ó solicitante da tarxeta para uso do vehículo, segundo modelo que figura no anexo.

-Renuncia expresa do propietario do vehículo a solicita-la axuda regulada neste decreto. Figura modelo desta renuncia no anexo.

Non obstante, a documentación necesaria para a solicitude da tarxeta poderá variar segundo as esixencias que recollan as leis de orzamentos ou sobre axudas e subvencións.

Tres.-Tarxeta e articulación da peaxe dinámica.

Expedirase unha tarxeta ou incluirase un dispositivo de peaxe dinámica por cada persoa física.

Cada vehículo só poderá xustifica-la solicitude dunha soa tarxeta ou inclusión dun dispositivo de peaxe dinámica.

Engádese como instrumento técnico para a articulación do sistema, xunto coa tarxeta de débito o dispositivo de peaxe dinámica OBE. As referencias á tarxeta recollidas no decreto poderán ser ampliadas ó OBE. O uso deste instrumento esixe a previa posesión do aparello OBE e do contracto para o seu uso coa entidade financeira correspondente. Así mesmo, os beneficiarios da subvención que elixan utiliza-la peaxe dinámica para a contabilización dos seus pasos, non poderán utiliza-la tarxeta específica,

sendo polo tanto o uso dun dos instrumentos excluínte do outro. O solicitante fará consta-lo instrumento que prefire -tarxeta ou inclusión do OBE para facer efectiva a subvención, para o que será necesario que achegue os datos de identificación do aparello OBE neste último caso.

Unha vez optado por un dos instrumentos, en calquera momento o solicitante poderá solicita-lo cambio ó outro, o que implicará a previa anulación da tarxeta ou exclusión do OBE en cada caso.

A entidade financeira colaboradora poderalles cobrar ós solicitantes da tarxeta unha cota, que se concretará no correspondente convenio, tanto no caso de emisión como de renovación, mediante cargo na conta soporte no momento da súa entrega en concepto de gasto de expedición ou de renovación da tarxeta.

Igualmente os beneficiarios da subvención deberán estar ó día de tódolos pagamentos da peaxe por utilización da autoestrada A-9 e en especial os que se efectúen coa mencionada tarxeta ou dispositivo de peaxe dinámica e que queden á marxe da subvención. O incumprimento desta condición será causa automática de anulación da tarxeta ou exclusión da subvención mediante o dispositivo de peaxe dinámica, perdendo o dereito a percibi-la subvención mentres permaneza a débeda. Para poder percibi-la subvención mediante o dispositivo de peaxe dinámica, o aparello OBE deberá estar operativo, polo que o usuario será responsable das incidencias que impidan o seu uso (bloqueo polo emisor ou deterioración). O bloqueo do dispositivo de peaxe dinámica por parte da entidade financeira correspondente impedirá a percepción da subvención mentres dure o bloqueo, desvinculándose a Xunta de Galicia e as deputacións da Coruña e Pontevedra das causas que o motivaran.

Artigo 4º.-Xestión.

A xestión das axudas previstas realizarase a través da entidade ou entidades colaboradoras, que será unha entidade financeira, que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra nun caso e a Deputación da Coruña noutro, acorden en función dunha mellor operatividade, interese social, solvencia e implantación xeográfica. A entidade financeira elixida será a responsable de chegar a un acordo de xestión coa empresa concesionaria da autoestrada, sen que esta teña que soportar custos adicionais ós actuais para outros emisores de tarxetas.

Un.-Solicitude.

A solicitude da subvención presentarase, xunto coa documentación requirida, ante a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda ou en calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das adminis

tracións públicas e procedemento administrativo común. As solucitudes poderán presentarse durante todo o ano. As solucitudes e renovacións presentadas entre o 1 de setembro e o 31 de decembro terán efectividade durante os dous anos naturais seguintes ó ano de presentación; as solicitudes e renovacións presentadas entre o un de xaneiro e o 31 de agosto terán efectividade durante o que falte dese mesmo ano no que se presentou a solicitude ou renovación e o ano natural seguinte.

Nos casos de renovación da axuda, e con obxecto de que o dereito a percibi-la subvención e a operatividade da tarxeta ou OBE se manteña ininterrompidamente, a solicitude de renovación deberá presentarse entre o 1 de setembro e o 1 de decembro do último ano para os que foi concedida a subvención.

Dous.-Resolución e recursos.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda resolverá expresamente sobre a procedencia do outorgamento da subvención e da tarxeta ou inclusión do dispositivo de peaxe dinámica, as cales, subvención e tarxeta ou OBE operativo para recibi-la subvención, terán validez durante dous anos naturais, de acordo co expresado no punto anterior, tendo que renovala a partir do 1 de setembro anterior á data da caducidade presentando de novo a documentación antes requirida. Transcorridos dous meses desde a presentación da solicitude sen que se recibira contestación, poderá entenderse desestimada. O solicitante deberá indicar un enderezo para efectos de notificacións. Unha vez resolta favorablemente a solicitude, a Xunta de Galicia procederá ó envío da tarxeta ó particular ou inclusión no sistema de peaxe dinámica. A subvención terá efectividade mediante o uso da tarxeta específica á que se refire este decreto ou, de se lo caso, mediante o dispositivo para a peaxe dinámica (OBE).

O órgano competente para dicta-la resolución será o director xeral de Obras Públicas. Contra a resolución poderá interpoñerse recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación.

O director xeral de Obras Públicas resolverá tamén mensualmente sobre a procedencia do aboamento efectúe e transferirase o seu importe á entidade colaboradora, durante os 5 días seguintes á recepción da documentación enviada por esta.

Así mesmo, o director xeral de Obras Públicas notificará á Deputación de Pontevedra e á Deputación da Coruña respectivamente, sobre as resolucións adoptadas para que procedan do mesmo xeito. As deputacións poderán solicitar á consellería a documentación que xustificou o pagamento, para realiza-las comprobacións que estimen oportunas.

Tres.-Liquidación.

Co obxecto de realiza-los pagamentos, a entidade colaboradora facilitará á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, mensualmente, en soporte informático e antes do seu aboamento.

1. Unha lista cos seguintes datos:

-Número da tarxeta ou OBE.

-Nome e apelidos do titular.

-DNI.

-Enderezo.

-Número de viaxes realizadas.

-Importe total das viaxes.

-Importe do abono subvencionable.

2. Toda a información recibida da empresa concesionaria sobre o uso da autoestrada.

Artigo 5º.-Aboamento.

A operación de aboamento efectuarase por meses vencidos, despois que a empresa concesionaria, no marco do acordo acadado, liquide as cantidades correspondentes ó uso de cada tarxeta ou OBE, identificando os pasos subvencionables e os non subvencionables. Os usuarios da tarxeta faranse cargo dos conceptos que queden á marxe da subvención. Unha vez realizadas as viaxes nas condicións establecidas, a consellería e as deputacións aboarán os importes correspondentes á entidade colaboradora e esta fará o propio a favor da concesionaria. En todo caso, a entidade colaboradora terá dereito a percibir da Xunta de Galicia e das deputacións as cantidades subvencionables aboadas á sociedade concesionaria.

Os beneficiarios serán notificados mensualmente dos movementos que se xeren na conta soporte con motivo do uso da tarxeta ou OBE indicando:

-Período de facturación.

-Nome e apelidos do titular.

-Número da tarxeta ou OBE.

-Número de viaxes realizadas.

-Importe total das viaxes.

-Importe total da subvención.

-Importe das viaxes non subvencionables.

Cada usuario poderá conserva-los comprobantes de paso se quere cotexa-lo contido da liquidación practicada, na cal constará a citada información.

Artigo 6º.-Incumprimentos.

A entidade colaboradora remitirá a documentación e informará a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda sobre o uso fraudulento da tarxeta ou OBE ou do incumprimento das condicións esixibles para o outorgamento da subvención, resolvendo a consellería expresamente de acordo coa normativa vixente. O órgano competente para dicta-la resolución denegatoria por parte da Administración autonómica será o director xeral de Obras Públicas. Contra a resolución denegatoria da consellería poderá interpoñerse recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación.

Artigo 7º.-Facultade de inspección.

Tanto a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda como as deputacións de Pontevedra e A Coruña se é o caso, poderán realizar tódalas inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verifica-la exactitude dos datos achegados e a realización do obxecto da subvención.

Artigo 8º.-Garantías.

O incumprimento das condicións establecidas para o outorgamento da subvención suporá, ademais das sancións que poideran corresponder, a obriga de reintegro da axuda percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 9º.-Incompatibilidade.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para o mesmo fin outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 10º.-Entidades colaboradoras.

As entidades colaboradoras seleccionadas, que deberán ser entidades financeiras con probada solvencia, deberán cumprir coas esixencias recollidas para estas na Lei 8/1999, do 30 de decembro, que modifica as disposicións do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia

e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de tarxeta presentadas e outorgadas para 2003 terán validez automaticamente durante o 2004, e terán que renovarse para anos sucesivos a partir do 1 de setembro de 2004.

Segunda.-As solicitudes presentadas a partir do 31 de marzo de 2003 serán tramitadas como novas solicitudes conforme o disposto no presente decreto.

Terceira.-A articulación do sistema mediante o dispositivo de peaxe dinámica poñerase en marcha unha vez o artellamento técnico necesario estea completado por parte das entidades financieras, empresa concesionaria e Xunta de Galicia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os decretos 419/2001, do 28 de decembro e 307/2002, do 7 de novembro, sobre axudas ós usuarios da A-9, entre Vigo e O Morrazo, residentes na provincia de Pontevedra e entre A Coruña e A Barcala residentes na provincia da Coruña.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, as axudas producirán neste decreto producirán efectos económicos segundo a orde anual de convocatoria.

Para que o presente decreto produza efectos económicos no ano 2004 e sucesivos, será precisa; a previa subscrición dos respectivos convenios de colaboración coa Deputación da Coruña e Pontevedra onde as administracións públicas implicadas comprometan a súas achegas económicas, así como a publicación da correspondente orde onde se recolla o financiamento para cada exercicio. En todo caso entenderase limitada a subvención á existencia de crédito suficiente en cada exercicio.

Autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-las normas que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do disposto neste decreto.

Santiago de Compostela, vintesete de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA