Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 24 de novembro de 2003 Páx. 14.465

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 414/2003, do 13 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Arteixo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación da servidume de tránsito e senda peonil desde a praia de Salsa á praia de Sabón.

O Concello de Arteixo en sesión do día vintenove de agosto de dous mil dous, adoptou entre outros acordos, o de solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, afectados pola expropiación forzosa para a realización do proxecto de recuperación da servidume de tránsito e senda peonil desde a praia de Salsa á praia de Sabón, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Arteixo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dezaseis de maio de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vintecatro de xuño de dous mil tres.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos emitiu informe con data de entrada no Rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local do día catro de agosto de dous mil tres, no que sinala que no momento de executa-lo proxecto deberán terse en conta as consideracións efectuadas ó plan especial

denominado Praia da Vaca, da Hucha e Alba, así mesmo, en todo caso, deberá cumprirse o artigo 33.3º da Lei de costas e os artigos 64.3º e 65.1º a) e b) do Regulamento xeral de desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, de costas.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de e Medio Ambiente emitiu igualmente informe favorable, tendo entrada o dito informe no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día catorce de outubro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o Concello de Arteixo, a actuación consiste en proporcionarlle uns accesos adecuados á citada zona de costa, dado que os existentes na actualidade non permiten un rápido desprazamento dos medios humanos e materiais necesarios para poder intervir eficazmente en caso de catástrofes naturais, como incendios, tormentas, etc., ou ás provocadas por accidentes marítimos, dos que xa existen antecedentes ó respecto, así mesmo, debido á inexistencia de infraestructuras adecuadas e o elevado número de visitantes, faise necesaria a execución das obras proxectadas para acadar unha mellora na seguridade vial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Arteixo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación da servidume de tránsito e senda peonil desde a praia de Salsa á praia de Sabón, debendo así mesmo, unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local