Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Xoves, 20 de novembro de 2003 Páx. 14.362

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 409/2003, do 6 de novembro, polo que se modifica o Decreto 186/2003, do 6 de marzo, polo que se fixan o procedemento, os requisitos e as condicións de autorización dos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu artigo 29, establece a necesidade de que tódolos centros e establecementos sanitarios conten coa autorización administrativa previa para a súa instalación e funcionamento, así como para as modificacións que respecto da súa estructura e réxime inicial poidan establecerse.

En virtude do establecido no artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do estado en materia de sanidade interior.

O Decreto 77/2001, do 29 de marzo, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, determina, no seu artigo 4, unha serie de obrigas entre as que figuran, tanto o cumprimento dos requisitos técnicos e condicións mínimas establecidos para o seu correcto funcionamento, como a adaptación da súa estructura, organización e funcionamento, ó establecido para cada clase ou tipo de centro, servicio ou establecemento sanitario, se é o caso.

Como consecuencia da disposición derradeira primeira do devandito decreto, dictouse a Orde do 29 de marzo de 2001, pola que se regula actualmente a autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios, que determina este procedemento para todos aqueles que non teñan un específico.

Por todo isto, aprobouse o Decreto 186/2003, do 6 de marzo, polo que se fixan o procedemento, os requisitos e as condicións de autorización dos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia nº 56, do 20 de marzo. Este decreto conta con tres anexos, o primeiro dos cales contén os requisitos e as condicións mínimas de autorización de centros hospitalarios.

No devandito anexo I, no punto 10, relativo ós requisitos e condicións mínimas das unidades de rehabilitación, no seu punto 2, recóllese o termo terapeutas para designa-los profesionais sanitarios que deben realizar este tipo de tratamentos.

Non obstante, a elección do devandito termo non é a solución máis axeitada posto que pode levar a confusión respecto dun requisito fundamental, como é a delimitación do persoal que debe levar a cabo un tratamento médico.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Dictame 678/2003, do Consello Consultivo de Galicia, do 22 de outubro de 2003, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o punto 10.2 do anexo I do Decreto 186/2003, do 6 de marzo, polo que se fixan o procedemento, os requisitos e as condicións de autorización dos centros hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como consta no anexo I deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

Como encargado do despacho dos asuntos da Consellería de Sanidade, durante a ausencia do seu titular (Decreto 398/2003, do 4 de novembro, DOG do 5 de novembro).

ANEXO I

Requisitos e condicións mínimas de autorización de centros hospitalarios

10.2. Os tratamentos prescritos polo médico especialista deben ser realizados polos profesionais adecuados.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA