Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 17 de novembro de 2003 Páx. 14.197

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 13 de outubro de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolven os recursos de reposición interpostos contra a Resolución do 20 de febreiro de 2003 dos montes A Mina e outros da parroquia de Castrelos do concello de Vigo.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: José Antonio López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais:

Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogado polo Colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Secretario: Antonio Alvárez Fernández (xefe de Sección do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as 14 horas do día dez de outubro do 2003 coa asistencia das persoas á marxe citadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre os recursos de reposición interpostos contra a Resolución do 20 de febreiro de 2003 relativa ós montes A Mina e outros da parroquia de Castrelos do concello de Vigo.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 3 de febreiro de 1992, Jerónimo A. Escariz Vázquez, no nome e representación da xunta provisional de montes veciñais en man común da parroquia de Castrelos, solicita a clasificación como veciñais en man común dos montes A Mina ou Asno Morto, A Serra, Outeiro, Porto Loureiro e As Barallas da parroquia de Castrelos do concello de Vigo.

Segundo.-Con data 11 de febreiro de 1992 o xurado provincial acordou inicia-los trámites para a clasificación dos devanditos montes, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente, que remitiu informe o 27 de xaneiro de 1998.

Terceiro.-Na sesión do 22 de xullo de 1998, o xurado adoptou o acordo de nomear relator do expediente de clasificación a José Barreiro Prado.

Cuarto.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, no preceptivo trámite de audiencia o solicitante presentou alegacións nas que expón os fundamentos xurídicos que considera pertinentes para as súas pretensións.

Quinto.-Na reunión do xurado do 24 de febreiro de 1999 por proposta do relator acórdase solicitar un informe complementario ó Servicio de Montes e Industrias Forestais, e que unha vez recibido dar traslado ó solicitante para alegacións.

Sexto.-Na sesión do xurado do 12 de decembro do 2001 nomeouse nova instructora a Mª Luisa Pardavila Pazos.

Sétimo.-En cumprimento do referido acordo, o 7 de novembro de 2002, ábrese novo trámite de audiencia, no que o solicitante presentou escrito remitíndose ás alegacións que xa tiña presentadas.

Oitavo.-Que visto o informe preceptivo do Servicio de Montes e Industrias Forestais, o informe complementario do mesmo servicio e efectuada visita ó terreo, os montes obxecto do presente expediente de clasificación, obedecen á seguinte descrición:

Concello: Vigo.

Parroquia: Castrelos.

Nome do monte: A Mina.

Cabida: 4,50 ha.

Lindes:

Norte: estrada camiño de Galindra e camiño particular con murete lateral.

Sur: camiño acceso ó campo de fútbol, camiño e muro de predio particular.

Leste: muro predio particular e camiño de Galindra.

Oeste: camiño particular, predio particular e camiño acceso ó campo de fútbol.

Neste monte existen dous enclavados coas seguintes superficies:

Enclavado 1: 1,5 ha.

Enclavado 2: 1,3 ha.

Nome do monte: A Serra.

Cabida: 3,50 ha. Superficie marcada: 2,6 ha.

Lindes:

Norte: camiño do Monte da Serra e propiedades particulares.

Sur: propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares.

Oeste: camiño do Monte da Serra e propiedades particulares.

Neste monte existen dous enclavados coas seguintes superficies:

Enclavado 3: 0,33 ha.

Enclavado 4: exterior á superficie total: 0,66 ha.

Nome do monte: Outeiro.

Cabida: 0,60 ha.

Lindes:

Norte: camiño do Río.

Sur: propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

Nome do monte: Porto Loureiro.

Cabida:0,1 ha.

Lindes:

Norte: propiedades particulares.

Sur: propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares.

Oeste: pista.

Nome do monte: As Barallas.

Cabida: 0,4 ha.

Lindes:

Norte: propiedades particulares.

Sur: propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

Noveno.-Mediante resolución do xurado, adoptada na súa reunión do 20 de febreiro do 2003, acordou:

Clasificar como veciñais en man común os montes A Mina, A Serrra e Outeiro a excepción dos enclaves existentes nos dous primeiros, a favor da comunidade de montes veciñais en man común da parroquia de Castrelos do concello de Vigo, correspondéndose coas descricións recollidas no feito oitavo, coas salvidades de que a superficie clasificada do monte A Mina é de 1,7 ha e a do monte A Serra é de 2,51 ha, xa excluídos os enclavados, así como a planimetría elaborada para o efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable desta resolución.

Non clasificar como veciñais en man común os montes Porto Loureiro e As Barallas por non quedar acreditado o seu aproveitamento veciñal.

Décimo.-Contra esta resolución presentaron recurso de reposición Antonio Oitabén Novoa, en representación da xunta rectora de montes veciñais en man común de Castrelos, o 9 de maio de 2003; Carmen Peixoto Rodríguez, o 27 de maio de 2003; e Urbano Monroy Magdalena, o 10 de xuño de 2003. Así mesmo, Juan José Figueiredo Fernández presentou varios escritos, aínda que non chegou a formular recurso.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para resolve-los recursos de reposición contra das súas resolucións de conformidade co artigo 116 da Lei 30/1992.

Segundo.-Procede admitir a trámite os recursos de reposición interpostos por Antonio Oitabén Novoa, Carmen Peixoto Rodríguez e Urbano Monroy Magdalena por cumplir cos requisitos esixidos polo artigo 117.1º da precitada lei.

Terceiro.-Examínase, primeiramente, o recurso de Antonio Oitabén Novoa. As súas manifestacións non achegan ningún elemento que acredite un uso mancomunado na forma esixida polo artigo 1 da Lei 13/1989 e artigo 1 do Decreto 240/1991, das parcelas e superficies non clasificadas.

Certamente, unha das características deste tipo de propiedade é a súa imprescritibilidade recoñecida a partir da Compilación Foral de Galicia de 1963, en consecuencia este xurado non pode ter en conta un posible uso comunal en tempos máis ou menos remotos senón que debe considerar se os montes que se pretende clasificar viñan ou non sendo aproveitados consuetudinariamente polos veciños en réxime de comunidade xermánica, cando menos, ata a data de entrada en vigor da Compilación Foral de Galicia de 1963, e precisamente, esta circunstancia non foi acreditada polo solicitante, polo que o seu recurso debe ser rexeitado.

Cuarto.-Non seus respectivos recursos, Carmen Peixoto Rodríguez e Urbano Monroy Magdalena, alegan cuestións de titularidade sobre determinadas parcelas no monte A Mina, sen que sexa posible determinar coa documentación achegada por Carmen Peixoto Rodríguez se os predios referidos no seu recurso están ou non comprendidos na superficie clasificada.

Pero nos dous casos, os recorrentes non achegan ningunha proba en contra do uso en man común que se acreditou na resolución impugnada, e polo tanto os seus recursos deben ser rexeitados, xa que o xurado carece de competencias para resolver sobre a titularidade alegada, cuestión que corresponde en exclusiva ós xulgados e tribunais da xurisdicción ordinaria.

En consecuencia, vistos os preceptos legais citados e demais normativa de xeral e pertinente aplicación, o instructor propón e de maneira unánime o xurado acorda:

Desestima-los recursos de reposición interpostos por Antonio Oitabén Novoa en representación da xunta rectora de montes veciñais en man común de Castrelos, Carmen Peixoto Rodríguez e Urbano Monroy Magdalena contra da resolución deste xurado do 20 de febreiro do 2003, confirmando integramente a expresada resolución.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 a) e 116.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 13 de outubro de 2003.

José A. López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra