Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 17 de novembro de 2003 Páx. 14.155

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 407/2003, do 6 de novembro, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais da Laracha, Láncara, Triacastela e A Cañiza.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos da Laracha, Láncara, Triacastela e A Cañiza solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destinalos a actividades de interese agrario.

Mediante o Decreto 346/2003, do 24 de xullo (DOG nº 163, do 25 de agosto), desafectáronse do dominio público, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais da Laracha, Láncara, Triacastela e A Cañiza.

Pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 1 de setembro de 2003 (DOG nº 197, do 10 de outubro) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da, no seu día, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdanse as cesións a título gratuíto que a continuación se relacionan:

1. A favor do Concello da Laracha do dereito de uso dun edificio de planta baixa no lugar ó que lle chaman Granda, dunha superficie de 142,20 m, con terreo unido, tendo todo o conxunto unha cabida de 304 m, situado na parroquia de Torás, municipio da Laracha (A Coruña), hoxe avenida de Fisterra, nº 130. Estrema: norte, herdeiros de Antonio Barreiro; sur, estrada da Coruña; leste, Jesusa Zas Castiñeiras; e oeste, Máximo Zas Castiñeiras.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Carballo no tomo 1030, libro 135, folio 107, predio nº 5.802, inscrición 4ª.

2. A favor do Concello de Láncara do dereito de uso dun predio no sitio de Candedo, parroquia de Carracedo, municipio de Láncara (Lugo), dunha superficie aproximada de 120 m, de forma rectangular de 10 metros en dirección leste-oeste e 12 metros en dirección norte-sur, desde o punto de vista da terminación do predio rexistral nº 5.360. Estrema: norte, parcela rexistral nº 5.360 da Comunidade Autónoma de Galicia; sur e leste, co resto do predio matriz; e oeste Ángel Rivera.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Sarria no tomo 341, libro 57, folio 177, predio nº 5.361, inscrición 3ª.

3. A favor do Concello de Triacastela do dereito de uso dun edificio de planta baixa que ten unha superficie construída de 151 m, cun anexo polo seu vento norte de 25 m, que se asenta sobre un soar que ten unha cabida de 324 m, situado no quilómetro 1 da estrada de Triacastela ó alto de Albela, actualmente na vila e termo municipal de Triacastela (Lugo). Estrema: fronte ou oeste, en liña de 18 metros, coa estrada da súa situación; e leste, norte e sur, en liñas respectivas de 18 metros, outro predio dos doadores, Elena Díaz Díaz e fillos.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Becerreá no tomo 429, libro 35, folio 112, predio nº 2.496, inscrición 3ª.

4. A favor do Concello da Cañiza do dereito de uso dun edificio dunha planta, que ocupa 142 m de superficie do seu soar de 2.398 m, ó que lle chaman Laranxeiras, situado no lugar de Valeixe, termo municipal da Cañiza (Pontevedra). Linda: norte, regato e Cooperativa do Campo Santa Teresa; sur, estrada e Leopoldo González y Ramón Lorenzo; leste, camiño e a citada cooperativa; e oeste, estrada e herdeiros de Ramón Rodríguez Pintelos.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ponteareas no tomo 911, libro 85, folio 196, predio nº 9.608, inscrición 3ª.

Artigo 2º

As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, déixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán por conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza de aseguramento todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflictido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de aseguramento de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de cento cincuenta mil douscentos cincuenta e tres euros. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º

As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán por conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, seis de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda