Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 13 de novembro de 2003 Páx. 14.002

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 23 de outubro de 2003 pola que se lle outorga a aprobación definitiva á modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilar de Santos.

O planeamento urbanístico vixente no concello de Vilar de Santos (Ourense) é o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 17 de decembro de 2001.

O Concello de Vilar de Santos formula o proxecto de modificación puntual nº 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilar de Santos que comprende as seguintes modificacións do seu vixente plan xeral: modificación A) reducción do solo de núcleo rural non consolidado e a súa transformación en solo rústico de protección agropecuaria. Modificación B) cambio de clasificación de solo de núcleo rural en rústico de protección agropecuaria. Modificación C) intercambio, dentro do solo urbano de Vilar de Santos, dunha zona equipamental de uso público por outra de espacio libre de uso público. Modificación D) redelimitación do núcleo de Parada de Outeiro.

O obxecto da modificación dálle cumprimento ó artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data 31 de marzo de 2003, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno da Corporación, en sesión do 23 de abril de 2003 acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida a información pública, polo prazo dun mes; mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia do 6 de maio de 2003 e nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 29 e 30 de abril de 2003.

No expediente constan os informes emitidos polo arquitecto técnico e pola secretaria municipal, en datas 7 de abril e 14 de abril de 2003, respectivamente, nos que manifestan a conformidade da modificación puntual proposta coa lexislación vixente.

O Pleno da Corporación, en sesión do 26 de xuño de 2003, acordou aprobar provisionalmente a modificación puntual nº 1, remitíndoa a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

De conformidade co disposto polo artigo 89.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ó conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cos informes xurídico e técnico do Servicio Urbanismo de Inspección Territorial de Ourense, de datas 11 de agosto e 15 de setembro deste ano, respectivamente, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilar de Santos.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publica-la normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2003.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda