Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Luns, 10 de novembro de 2003 Páx. 13.841

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de novembro de 2003 pola que se dan instruccións para a conmemoración do 25º aniversario da Constitución española nos centros de ensino escolar.

Na orde pola que se establece o calendario escolar de cada curso véñense determinado os días do mes de decembro que se deben dedicar, nos centros escolares, a conmemora-la Constitución española e o Estatuto de Autonomía de Galicia, as dúas normas fundamentais que establecen o marco polo que se rexe a nosa convivencia democrática, no respecto ós dereitos e liberdades, tanto individuais coma colectivos, consolidando un Estado de dereito como expresión da vontade popular.

Dado que no ano 2003 se cumpre o 25º aniversario da Constitución, aprobada polas Cortes Xerais en sesións plenarias do Congreso dos Deputados e do Senado o 31 de outubro de 1978, ratificada polos españois o 6 de decembro de 1978, mediante referendo convocado polo Real decreto 2550/1978, do 3 de novembro, e sancionada e promulgada por El Rei o 27 de decembro de 1978, cómpre salienta-lo dito acontecemento e que se celebre coa adecuada solemnidade en tódolos centros escolares da Comunidade Autónoma de Galicia, sen esquecer, na programación das actividades para a celebración do 25º aniversario da Constitución, que a Orde do 21 de maio de 2003, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2003/2004 nos centros escolares sostidos con fondos públicos, seguindo a liña reco

llida no primeiro parágrafo deste preámbulo, vencella a conmemoración da Constitución coa do Estatuto de autonomía.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Do 9 ó 15 de decembro de 2003, en tódolos centros escolares situados na Comunidade Autónoma galega, o equipo directivo, de acordo coas propostas formuladas polo claustro e o consello escolar, programará, dentro das actividades previstas para a conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía, unha actividade para a celebración do 25º aniversario da Constitución española.

Segundo.-En calquera caso, dedicarase alomenos unha hora, en cada un dos grupos de cada curso, ó desenvolvemento dunha lección ou conferencia-coloquio, adaptada á idade do alumnado, na que se poña de manifesto a importancia que ten a Constitución para a convivencia democrática, facendo referencia a algún aspecto dela, especialmente ós contidos do seu título I, dos dereitos e deberes fundamentais, e ós correspondentes do título VIII, que articula a organización territorial do Estado en comunidades autónomas.

Terceiro.-Na realización da devandita actividade poderán participar personalidades cualificadas, invitadas para tal fin.

Cuarto.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria prestarán ós centros, no ámbito das súas competencias, o apoio necesario para a realización das actividades programadas por eles.

Quinto.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria