Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 07 de novembro de 2003 Páx. 13.807

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de efectos ambientais do proxecto de instalación de almacenamento e regasificación de gas natural licuado de Mugardos (A Coruña), promovido por Regasificadora del Noroeste, S.A.

Faise pública a Resolución do 11 de xuño de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de efectos ambientais do proxecto de instalación de almacenamento e regasificación de gas natural licuado de Mugardos (A Coruña), promovido por Regasificadora del Noroeste, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO

Declaración de efectos ambientais

Antecedentes.

No 23 de outubro de 2000 recíbese solicitude de dictame de avaliación de incidencia ambiental do citado proxecto.

Como queira que o comezo da tramitación da autorización administrativa do proxecto tivo lugar no 11 de marzo de 1999, a normativa estatal de avaliación de impacto ambiental aplicable era nese momento o Real decreto legislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental. O proxecto obxecto desta resolución non está entre os contemplados no anexo I do citado Real decreto lexislativo, polo que non está sometido a avaliación de impacto ambiental.

Así mesmo, o artigo 1 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, establece a obrigatoriedade de someter a avaliación de impacto ambiental os proxectos consistentes na realización de obras, instalacións ou actividades comprendidas no seu anexo I.

Dado que a actividade obxecto do proxecto non se atopa comprendida entre as que figuran no antedito anexo, e xa que por outra banda o artigo 1 do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, impón a necesidade de someter a avaliación de efectos ambientais os proxectos de execución de obras, instalacións ou calquera outra actividade establecida nas diferentes lexislacións sectoriais que precisen ou prevexan a necesidade de realizar un estudio ambiental, entre as que se atopa a Lei 34/1998, do sector de hidrocarburos, na que se establece que os solicitantes de autorizacións para este tipo de instalacións deberán acreditar suficientemente o adecuado cumpri

mento das condicións de protección do ambiente, procédese a formula-la declaración de efectos ambientais (DEA) do proxecto de instalación de almacenamento e regasificación de gas natural licuado de Mugardos (A Coruña).

O obxecto do proxecto é a execución dunha instalación cunha capacidade de almacenamento de 300.000 m de gas natural licuado (GNL) en dous tanques crioxénicos de 150.000 m cada un, e unha capacidade nominal de gasificación e envío á rede de gasoductos de 250 t/h. O gas chegará en barcos á zona exterior oeste da liña de almacenamento de sólidos do porto. Así mesmo, o proxecto inclúe unha instalación de coxeración para as necesidades da instalación e para o envío do sobrante á rede de distribución eléctrica.

No anexo I resúmese o proxecto e as medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio de efectos ambientais (EsEA) presentado.

En cumprimento do establecido no artigo 2 punto 4, do Decreto 327/1991, e con data 4 de maio de 2001 (DOG nº 86), someteuse a información pública o estudio de efectos ambientais do proxecto promovido por Regasificadora del Noroeste, S.A. mediante Resolución do 6 de abril de 2001 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. O resultado deste trámite na Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña e no Concello de Mugardos recibiuse o 4 de xuño de 2001. No anexo III resúmese o contido ambiental das alegacións presentadas neste período.

No 19 de abril de 2001 consúltase o Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, no 20 de abril de 2001, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, á Dirección Xeral de Saúde Pública e á Demarcación de Costas en Galicia, e no 26 de abril de 2001 á Dirección Xeral de Industria, recibíndose os correspondentes informes o 10 de maio de 2001 e o 5 de xuño de 2001. No anexo II resúmese o resultado destas consultas.

O resultado das consultas e da información pública tívose en conta, no que atinxe o ambiente, en todo o condicionado desta declaración, aclarando pormenorizadamente no anexo IV cada un dos aspectos contidos nas alegacións presentadas.

Cumprida a tramitación, conforme se establece no artigo 2º número 5 do Decreto 327/1991, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula só para os efectos ambientais a declaración de efectos ambientais do proxecto instalación de almacenamento e regasificación de gas natural licuado de Mugardos (A Coruña).

Esta declaración é de obrigado cumprimento para o promotor e terá que incluírse na pertinente autorización do órgano substantivo.

Declaración de efectos ambientais.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada polo promotor titulada:

-Instalación de almacenamento e regasificación de gas natural licuado de Mugardos. Proxecto básico. Xaneiro de 1999.

-Adendum ó proxecto básico presentado por Reganosa en marzo de 1999 para a petición de autorización administrativa previa. Xullo 2000.

-Estudio de efectos ambientais. Proxecto básico e adendum ó proxecto básico. Instalación de almacenamento e regasificación de gas natural licuado. Abril 2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer por esta presente declaración de efectos ambientais as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación presentada, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto se poida considerar ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o establecido no estudio de efectos ambientais, ou no proxecto básico e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

1.1. Esta declaración de efectos ambientais refírese á execución do proxecto titulado proxecto básico e adendum ó proxecto básico. Instalación de almacenamento e regasificación de gas natural licuado. Xullo de 2000, incluíndo a instalación de coxeración, e que queda reflectido no plano denominado: implantación.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

2.1. Tanto na fase de realización das obras como na de funcionamento, cumprirase có disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como o indicado, se é o caso, nas ordenanzas municipais.

2.2. Deberase realizar un seguimento do ruído producido polas actividades propias das obras e da explotación. Para isto realizarase un estudio acústico de acordo co Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, no que se analizarán as previsións de ruídos provocados polas instalacións e se proporán campañas de medicións durante a actividade. As medicións realizaranse como mínimo nas vivendas máis próximas á instalación e en diferentes momentos, indicando para cada medición, como mínimo: data, hora, duración, equipos en funcionamento e punto exacto da toma.

Deberanse presentar medicións previas ó inicio das obras de xeito que caractericen o nivel de ruído preoperacional.

As medicións deberán ser realizadas por entidade homologada.

3. Sobre a calidade do aire.

3.1. Debido ós efectos combinados da instalación de Forestal del Atlántico e da instalación de tratamento de residuos Marpol anexas a esta instalación, deberán terse en conta as seguintes directivas:

-96/62/CE del consello do 27 de setembro de 1996 sobre avaliación e xestión da calidade do aire ambiente.

-1999/30/CE del consello do 22 de abril de 1999 relativa ós valores límite de dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno e óxidos de nitróxeno, partículas e chumbo no aire ambiente.

Dentro dos contaminantes a considerar para a protección e avaliación da calidade do aire, deben de incluírse os compostos orgánicos volátiles, que serán medidos mediante un cromatógrafo.

3.2. Deberase presentar un plan de control da contaminación atmosférica, especificando as operacións e aparellos que se empregarán, a periodicidade dos controis, os parámetros que se analizarán, e os límites legais, tal e como se require no punto 9.4. Describiranse as medidas a adoptar no caso de que se superasen estes límites.

3.3. Este seguimento realizarase tanto nos procesos normais de funcionamento como nos auxiliares ou de emerxencia.

3.4. Tal e como se indica no estudio, deseñaranse as chemineas do sistema de coxeración e de calquera outro foco emisor de acordo coa O.M. do 18 de outubro de 1976, sobre prevención e corrección da contaminación atmosférica de orixe industrial.

3.5. En todo caso, cumprirase cos límites establecidos no Real decreto 646/1991, do 22 de abril, polo que se establecen novas normas sobre limitación ás emisións á atmósfera de determinados axentes contaminantes procedentes de grandes instalacións de combustión, que para este caso son de 35 mg/Nm para o SO e de 250 mg/Nm para o NO.

4. Sobre as augas.

4.1. Levaranse a cabo as medidas contempladas no estudio no referente ó control das augas pluviais, co fin de evita-la contaminación da auga mariña. Xustificarase a non necesidade de ningún tratamento destas augas que inciden directamente sobre a instalación antes da súa vertedura ó mar, tal e como se require no punto 9.2.

4.2. Debido á presencia de explotacións marisqueiras preto da instalación, deberase garantir que se cumpren os límites de calidade especificados no anexo IV do Real Decreto 345/1993, sobre calidade das augas para a producción de moluscos e outros invertebrados mariños.

4.3. Co fin de controla-lo cumprimento dos límites especificados no citado Real decreto 345/1993, tal e como se require no punto 9.4, elaborarase unha proposta de plan de seguimento da calidade das augas, que describirá a situación dos puntos de mostraxe, os parámetros a analizar e os límites legais aplicables. A periodicidade destas mostraxes será como mínimo trimestral, efectuándose tanto durante o período de obras como no de explotación. Previamente ó inicio das obras realizaranse análises que servirán como «albo» para a comparación coas que se realizarán durante o seguimento ambiental.

4.4. Deberase especificar o sistema de vaporización de emerxencia que actuará no caso de que se produza unha avaría na coxeración co boil-off tal e como se require no punto 9.3. No caso de que se empregue auga neste proceso, deberanse propoñer as medidas oportunas para evita-la afección ó medio mariño pola variación de temperatura.

4.5. Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este, necesariamente, será provisto desde instalación ou instalacións fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

5. Sobre os residuos.

5.1. Tódolos residuos xerados durante a fase de construcción e explotación serán xestionados de acordo coa súa natureza, recibindo tratamento segundo a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

5.2. Para a xestión de calquera residuo perigoso que se poida xerar como consecuencia das obras, do proceso de regasificación ou de calquera outra operación, observarase o disposto na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e no Decreto 263/1998, do 10 de setembro, polo que se regula a autorización e se crea o Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos, en canto á producción, posesión e autorizacións ó respecto.

6. Sobre as consecuencias ambientais de posibles accidentes.

6.1. O promotor remite a esta dirección xeral unha copia do informe de seguridade, que figura como documento VI.2 do proxecto básico, que deberá ser avaliada pola autoridade competente na materia. No referente á análise ambiental dos riscos analizados nese informe, esta dirección xeral considera as seguintes implicacións ambientais:

6.2. Rotura ou desconexión dos brazos de descarga e fugas na zona de almacenamento:

-No caso de producírense estes incidentes, a consecuencia sería o derrame de gas licuado ó mar, afectando a unha camada superficial de auga, da que se evaporaría como consecuencia das diferencias de densidade e temperatura entre o gas licuado e o medio.

-Tal e como se indica no informe de seguridade, instalaranse cubetos na zona de descarga e balsas de contención na de almacenamento para eventuais derrames de GNL, co que se evita a posibilidade desta afección. Non obstante, e para completa-las medidas de seguridade fronte a estes incidentes, disporase dun sistema de detección e xestión de riscos, do que se complementará a descrición no estudio requirido no punto 9.11.

6.3. Fugas de gas por sobrepresión ou roturas na zona de almacenamento e distribución:

-No caso de producirse unha fuga, o gas dispersaríase no aire, ascendendo debido á súa menor densidade con respecto ó aire e, polo tanto, diminuíndo a súa concentración.

-No caso de sobrepresión nos tanques, liberarase o gas mediante chemineas de escape de gases de emerxencia que quentarán este gas co fin de que a dispersión sexa rápida.

-Debido á adaptación do deseño da instalación á normativa internacional sobre o particular (UNE-EN 1473 (1997) Norma europea para instalacións e equipamiento para gas natural licuado, e NFPA 59ª (1996) producción, almacenaje y transporte de gas natural licuado), e segundo o informe de seguridade fornecido polo promotor, o risco de rotura dos tanques e da liña de transferencia clasifícase segundo a norma como non crible.

-Non obstante, ó instalarse os sistemas de detección e alarma, garantirase unha rápida xestión do risco nun hipotético incidente.

6.4. Ignición de fugas de gases:

-As consecuencias sobre o ambiente dunha ignición de gas na atmósfera contémplanse principalmente desde o punto de vista dos seus efectos sobre a poboación, xa que debido á limitada biodiversidade e calidade ecolóxica da zona inmediata e o seu carácter antropizado, a afección ó ambiente natural sería mínima.

-De tódolos xeitos, as medidas preventivas son as mesmas que no punto 6.3, ademais da dotación obrigatoria ós vehículos que circulen no recinto da instalación de apagachispas nos escapes.

6.5. Esta dirección xeral poderá impoñer medidas adicionais unha vez analizadas as consecuencias sobre o ambiente dos escenarios de risco que se describirán na documentación requirida nos puntos 9.10 e 9.11.

6.6. No que respecta ós riscos previsibles na zona portuaria, e tal como se indica no punto 9.1 do proxecto básico, deberá realizarse un estudio detallado destes escenarios de risco e das manobras dos buques de transporte de GNL tal e como se require no punto 9.10, incidindo nas consecuencias ambientais dos posibles accidentes e nas medidas de prevención que se tomarán.

6.7. Previamente á posta en marcha da instalación deberá presentarse informe visado pola autoridade competente sobre o establecemento do plan de emerxencia interior a que obriga o artigo 11 do Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, por el que se aprueban medidas de control dos riscos inherentes ós accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas.

7. Sobre o Patrimonio Cultural.

7.1. A pesar da inexistencia de informes baseados nos traballos de campo relativos ó impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural, tendo en conta que na zona non se teñen localizado, ata agora, xácigos arqueolóxicos, e que as obras proxectadas non afectan a ningún ben do patrimonio cultural, non se considera preciso impoñer ningunha condición sobre este aspecto.

7.2. Sen embargo, será precisa unha prospección arqueolóxica no caso de que as obras proxectadas (ou outras obras auxiliares) teñan lugar fóra do ámbito recollido no proxecto de referencia. Esta prospección deberá ser realizada por técnico competente con base nun proxecto autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

8. Sobre a paisaxe.

8.1. Segundo o indicado no estudio de efectos ambientais, estudiarase a eficacia dunha pantalla vexetal para diminuí-lo impacto paisaxístico da instalación. Esta pantalla colocarase no perímetro de xeito que impida a visión desde as edificacións próximas.

8.2. Procederase á restauración de tódalas superficies que non queden ocupadas polas instalacións, principalmente os noiros para evita-la erosión e contribuír á integración paisaxística da instalación. A tal fin, e segundo se require no punto 9.7, presentarase un plan de restauración especificando e xustificando as especies que se vaian empregar, dose de sementeira ou plantación, superficies e época na que se levará a cabo este plan.

9. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, presentaranse perante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, tres (3) exemplares da seguinte documentación, na forma e cos contidos referidos a seguir:

9.1 Datos sobre a altura e diámetro das chemineas, así como unha memoria xustificativa dos cálculos de altura destas, segundo o indicado no artigo 10 da O.M. do 18 de outubro de 1976, sobre prevención e corrección da contaminación atmosférica de orixe industrial. Acompañando esta documentación indicaranse os caudais máximo e medio, en Nm3/h, das emisións gasosas previstas, e concentración de cada tipo de contaminante.

9.2 Xustificación do sistema de vertedura das augas pluviais ó mar, segundo o indicado no punto 4.1.

9.3 Descrición do sistema de vaporización de emerxencia, detallando os posibles efectos sobre o medio e, se é o caso, as medidas que se tomarán para evitalos, segundo o indicado no punto 4.4.

9.4 Programa de vixilancia ambiental detallado, que deberá contemplar, como mínimo:

-Estudio acústico tal e como se describe no punto 2.2 da DEA.

-Plan de control da contaminación atmosférica de acordo co indicado no punto 3.2 desta DEA.

-Plan de seguimento da calidade das augas, tal e como se indica no punto 4.3.

9.5 Planos de detalle dos sistemas de recolla e contención de derrames, tanto no proceso de descarga como nos tanques e conduccións, xustificando o deseño de canles abertas para a conexión coa balsa de contención de derrames en lugar de conduccións e elementos de contención pechados.

9.6 Estudio da viabilidade dunha pantalla vexetal no perímetro interior da instalación para diminuí-lo impacto paisaxístico, fornecendo perfís visuais que demostren a súa eficacia e describindo as súas características.

9.7 Plan de restauración ó que se fai referencia no punto 8.2.

9.8 Resultados das análises de augas previas ó inicio das obras, que se tomarán como albo para comparar coas que se realizarán durante o seguimento ambiental tanto das obras como da explotación. Os parámetros a analizar serán como mínimo os indicados no Real Decreto 345/1993, sobre calidade das augas para a producción de moluscos e outros invertebrados mariños.

9.9 Resultados dos albos correspondentes ós plans de vixilancia da contaminación atmosférica e ó estudio acústico, realizados segundo o requirido no punto 9.4.

Esta documentación remitirase a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, aprobación. Unha vez feita esta avaliación, remitiráselle ó promotor o resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata contar co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Previamente á posta en marcha da instalación, presentaranse perante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental tres (3) exemplares da seguinte documentación, na forma e cos contidos referidos a seguir:

9.10. Estudio detallado dos riscos previsibles na área portuaria de acordo co exposto no punto 6.6.

9.11. Descrición dos sistemas de detección de incidentes, así como os mecanismos de alarma e resposta fronte estas situacións, de acordo co punto 6.2, que será aprobado, ademais de pola autoridade competente, por esta dirección xeral no que respecta ás afeccións ambientais.

9.12. Plan de emerxencia interior e informe sobre o establecemento deste plan ó que fai referencia o punto 6.7 desta DEA.

10. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio de efectos ambientais e do condicionado desta declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar efectos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar na maior medida os procedementos de autocontrol por parte do promotor.

Tódolos controis utilizados no seguimento e tódalas incidencias producidas durante a explotación, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará ó dispor da administración competente na materia. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se remitirán a esta dirección xeral.

Tódalas análises que se realicen serán efectuadas por laboratorio homologado e segundo métodos oficiais de análises, estando os resultados asinados por un técnico deste laboratorio.

A documentación indicada a seguir deberá presentarse por triplicado perante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

10.1. Informe final de obras; presentarase antes dun mes desde o remate dos traballos, comprendendo, ó menos:

-Descrición detallada das accións de carácter ambiental realizadas durante a construcción da nova instalación.

-Reportaxe fotográfica das zonas nas que se instalaron os distintos elementos.

-Plano en coordenadas U.T.M. a escala 1:1000 onde aparezan os elementos construídos e a localización dos puntos de toma de fotografías.

-Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

10.2. Informe de seguimento de carácter ambiental; presentarase trimestralmente e o seu contido será o seguinte, como mínimo:

a) Resultado dos controis efectuados de acordo cos plans requiridos no punto 9.4 da DEA.

b) Documentación acreditativa da entrega dos residuos perigosos producidos durante a explotación da instalación de regasificación.

c) Resumo de incidencias ou problemas detectados no período de explotación e rexistrados no libro-rexistro, así como as medidas correctoras adoptadas.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade explotadora, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros a controlar, así como a frecuencia dos controis que se realicen.

Tal e como se indica no punto 11.3, o cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental recaerá no técnico designado como responsable do control do cumprimento desta declaración.

No caso de se detectaren, como resultado do seguimento ambiental que se efectúe, en calquera das súas fases, alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, deberase notificar inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

10.3. Informe ambiental previo ó abandono: presentarase nun prazo máximo de seis meses previos á finalización da explotación da instalación de regasificación, e conterá as accións previstas para o efecto.

10.4. Informe posterior ó abandono: nun prazo máximo de dous meses contados a partir do fin das accións de carácter ambiental proxectadas para o desmantelamento ou clausura de calquera dos elementos da instalación, enviarase informe que conteña a descrición detallada das accións de carácter ambiental, especialmente no relativo a toda clase de residuos; documentación gráfica e reportaxe fotográfica na que se reflicta a situación final e accións levadas a cabo para a recuperación dos terreos afectados.

10.5. Informes especiais: emitiranse informes especiais sempre que acontezan sucesos excepcionais que poidan implicar impactos ambientais negativos, que se presentarán diante desta dirección xeral inmediatamente, describindo a situación e as posibles medidas que se tomarán para minimizar estes impactos negativos.

11. Condicións adicionais.

11.1. As condicións indicadas nesta DEA son de obrigado cumprimento para o promotor. Non obstante, este poderá solicitar á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a revisión das medidas indicadas nesta DEA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa iminstalaciónción ou implicasen modificacións importantes na explotación, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambien

tal, fornecendo a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó promotor o acordo adoptado.

11.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia, o promotor deberá designar un responsable do control do cumprimento desta declaración, notificando o seu nomeamento á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

11.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

11.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata seren corrixidas.

11.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais esta declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase de explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

11.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DEA poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

11.7. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala.

11.8. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto e das medidas protectoras

e correctoras

O obxecto do proxecto é a execución dunha instalación cunha capacidade de almacenamento duns 300.000 m de gas natural licuado (GNL) en dous tanques crioxénicos e unha capacidade de gasificación e envío á rede de gasoductos duns 2-3 millóns de t de gas natural ó ano. O gas chegará en barcos

ó exterior oeste da liña de almacenamento de sólidos do porto. Terá ademais un sistema de producción combinada de electricidade e calor para as necesidades da instalación e para o envío do sobrante á rede de distribución eléctrica.

A instalación estará formada por:

-Sistema de descarga.

O sistema de descarga do barco está deseñado para un fluxo de 12.000 m/h e estará composto por tres brazos de descarga e un único brazo de retorno. Os tres brazos confluirán nun colector común e este nunha conducción que irá ata o parque de almacenamento. Esta liña principal divídese en dúas, unha para cada tanque.

-Almacenamento.

A instalación contará con dous tanques de almacenamento de GNL de 150.000 m de capacidade cada un. Cada tanque constará de parede externa de formigón e do tipo contención total. Tanto o recipiente primario autoportante como o secundario serán capaces de conter independentemente o líquido refrixerado e o seu vapor. O recipiente primario conterá o líquido en condicións de traballo normais. O recipiente secundario deberá rete-lo líquido refrixerado así como controla-la saída de vapor resultante das fugas de producto. Así, o recipiente primario será de chapa con 9% de níquel e o secundario de formigón pretensado cunha barreira de vapor de aceiro. O nivel máximo no tanque interior será de 0,5 m por debaixo do tope para permitir unha altura de onda de 0,5 m en caso de tremor de terras.

Cada tanque terá un sistema de saída de gases con cheminea quente e/ou se conduciranse as súas saídas a unha común, que terá como obxectivo alivia-la presión en circunstancias non habituais, orixinadas por incidentes menores, sen ter que abri-las válvulas de seguridade do tanque.

Disporase unha piscina de recolla de derrames a distancia axeitada dos tanques.

Dentro do funcionamento normal da instalación producirase unha vaporización do GNL tanto no almacenamento nos tanques, para compensa-lo aumento de temperatura que poida haber coa vaporización dunha pequena parte, como no proceso de descarga dos buques. Este gas de boil-off será aproveitado para a coxeración de electricidade e calor para os vaporizadores e os sistemas de saída de gases.

-Regasificación.

O sistema de regasificación constará de catro bombas de extracción do tanque, catro bombas elevadoras de presión e catro vaporizadores. Téñense previsto no deseño os elementos precisos para unha futura ampliación da capacidade da instalación ata 375 t/h desde as 250 t/h iniciais.

Cada vaporizador está preparado para evaporar e quentar gas ata o contorno de 0-10 ºC e un caudal do 50 % do nominal. Estes elementos recibirán o calor da instalación de coxeración.

-Conexión á rede de gasoductos.

Á saída da instalación instalarase unha estación de regulación e medida a alta presión (80 bar), así como equipamentos para análises químicas.

Tralo contador de saída de alta presión instalarase un sistema de odorización, non estando odorizado o gas que irá á instalación de coxeración e ós sistemas auxiliares.

-Sistemas auxiliares.

Sistema cerrado de fluído caloportador: encárgase de subministra-la calor precisa ós vaporizadores e ó sistema de saída de gases. Ó retornar o fluído ó sistema de coxeración actúa como refrixerante.

-Sistema de producción combinada de electricidade e calor.

En condicións normais obterase a maior cantidade posible de enerxía térmica deste sistema, reducindo a emisión de residual á atmósfera.

Para uso alternativo durante revisións ou avarías disporanse caldeiras de apoio e/ou vaporizadores de combustión somerxida.

Medidas correctoras.

Construcción:

Atmósfera:

-Esixirase a revisión da ITV para calquera vehículo que traballe na fase de construcción.

-Rega das superficies de traballo en períodos prolongados de ausencia de chuvia.

-Os períodos de almacenamento de terras serán curtos, sendo os amoreamentos de pouca altura e abrigados do vento.

-Limitarase a xeración de ruído ós límites permitidos.

Xeoloxía e xeomorfoloxía:

-Realizarase un estudio xeotécnico de detalle para prever posibles escorrementos de materiais e selecciona-los lugares máis axeitados para os elementos das instalacións. No caso de que se afecte augas subterráneas, estas serán desviadas para evitar que se contaminen.

Solos:

-En caso de verteduras accidentais, retirarase o vertedura o antes posible.

-Seleccionarase unha zona de almacenamento temporal de terras para o seu aproveitamento posterior, afastada da liña de costa e protexida da chuvia intensa.

-Considerarase a realización dun amoreamento de terra vexetal que poida ser empregado na restauración dos terreos non cubertos polas instalacións. Estes amoreamentos non superarán o 1,5 m.

-Evitarase no posible cambio de lubricantes e verteduras espontáneas de aceites, graxas, etcétera, susceptibles de contamina-los solos. Os residuos peri

gosos que se xeren serán entregados a un xestor autorizado. Os cambios e mantemento realizaranse nun taller autorizado.

-O amoreamento de materiais de obra realizarase preferentemente baixo teito, evitando o arrastre de sustancias solubles.

-Evitarase o emprego de explosivos, recorrendo sempre que sexa posible ó martelo automático.

Medio mariño:

-Durante os movementos de terras evitarase a dispersión de partículas en suspensión que poidan afecta-lo medio mariño mediante medidas xa comentadas. Comprobarase a non afección á calidade da auga mariña e ás autorizacións marisqueiras existentes na zona.

-Establecer programas de control da calidade das augas con base nas características do ecosistema.

-As augas sanitarias poderán ser tratadas xunto coas da instalación de Forestal do Atlántico.

-Realizar unha correcta xestión de residuos que evitará que estes cheguen ó mar ou sufra vertidos incontrolados.

-Construirase unha canle perimetral que conduza as augas pluviais ó mar, evitando que se contaminen.

-A instalación dun muro duns 40 cm de altura ó longo de toda a liña de costa evitará que se poidan verter á ría materiais que se movan ou po.

-Recoméndase extrema-lo coidado durante o movemento de terras, evitando situa-los amoreamentos preto da costa.

Vexetación:

-Evitarase a vertedura de substancias contaminantes, evitando a afección á vexetación e ós solos.

-Revexetarase a zona na fase de explotación, preferindo especies autóctonas resistentes ó vento e á salinidade.

Fauna:

-Recoméndase que o inicio das obras non coincida coa de reproducción, especialmente da avifauna mariña.

-Delimitaranse os camiños polos que circulará a maquinaria e as zonas onde se almacenarán os materiais para diminuír no posible a afección á fauna terrestre.

Medio socioeconómico:

-Recoméndase a contratación de persoal e servicios nas poboacións próximas.

-Seguimento das medidas de seguridade incluídas no adendum ó proxecto básico e das que se desenvolvan no proxecto de detalle. Recoméndase que a zona sexa valada e sinalizada, cumprindo no recinto coa normativa de seguridade.

-A entrada e saída de vehículos estará debidamente sinalizada e regulada.

Explotación:

Atmósfera:

-Levarase a cabo unha vixilancia e control das emisións gasosas, segundo a normativa vixente.

-Comprobarase que os niveis de ruído están dentro dos límites permitidos.

-Os focos emisores de nova construcción construiranse segundo a normativa vixente.

Xeomorfoloxía:

-Remodelaranse os noiros para que queden unas pendentes non superiores a 45º.

Solo:

-Os noiros revexetaranse no posible para evita-la erosión empregando a terra vexetal amoreada previamente.

-Os residuos xestionaranse de acordo coa súa clasificación.

Medio mariño:

-As augas sanitarias poderán ser tratadas xunto coas da instalación de Forestal do Atlántico.

-Mediante unha axeitada xestión do residuos, evitarase que estes cheguen ás augas da ría.

Paisaxe:

-A revexetación dos noiros e superficies que permanezan descubertos minimizará o impacto paisaxístico.

-Considerarase o establecemento de apantallamentos vexetais, para axudar á integración paisaxística.

Medio socioeconómico:

-Seguimento das medidas de seguridade incluídas no adendum ó proxecto básico.

-Contratarase na medida do posible persoal da zona.

Abandono:

Solo:

-Retiraranse tódolos productos sólidos e líquidos almacenados.

Medio mariño:

-Cortarase o abastecemento de auga potable que poida contamina-lo medio mariño por fugas.

Paisaxe:

-Desmontaranse tódalas instalacións prefabricadas, retirando tódalas restantes instalacións que non vaian ser empregadas noutro uso.

Medio socioeconómico:

-Cortarase o abastecemento eléctrico evitando posibles cortes accidentais ou electrocucións.

-Restrinxirase o acceso durante o desmantelamento.

-Primaranse os usos que potencien o desenvolvemento dos recursos e da área, e o benestar da comunidade.

ANEXO II

Resumo dos informes dos organismos consultados

O Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental emite informe no que indica:

-No documento de síntese non se fai unha descrición do medio mariño.

-Non se da unha explicación sobre os sistemas de refrixeración dos tanques que almacenarán gas.

-Non se describe a instalación de coxeración, elemento principal da instalación.

-Debido ós efectos combinados da instalación de Forestal del Atlántico e da instalación de tratamento de residuos Marpol anexas a esta instalación, deberán terse en conta as seguintes directivas:

-96/62/CE do consello do 27 de setembro de 1996, sobre avaliación e xestión da calidade do aire ambiente.

-1999/30/CE do consello do 22 de abril de 1999, relativa ós valores límite de dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno e óxidos de nitróxeno, partículas e chumbo no aire ambiente.

-Dentro dos contaminantes a considerar para a protección e avaliación da calidade do aire deben incluírse os compostos orgánicos volátiles, que será medidos mediante un cromatógrafo en liña.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no seu informe indica o seguinte:

-Destaca a inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto do proxecto sobre o patrimonio arqueolóxico.

-Na zona que abrangue o proxecto non se teñen localizado, ata agora, xácigos arqueolóxicos.

-As obras proxectadas, que aproveitan as actuacións portuarias xa realizadas en Punta Promontoiro, non afecta ningún ben do patrimonio cultural.

-Por todo isto, informa favorablemente sobre a realización do proxecto, aínda que indica que será necesaria unha prospección arqueolóxica no caso de que as obras proxectadas (ou outras auxiliares) teñan lugar fóra do ámbito recollido no proxecto de referencia.

A Dirección Xeral de Industria, emite informe no que indica:

-No que respecta á localización, considérase que, xa que o único asentamento posible é nunhas instalacións portuarias, a terminal de Mugardos non presenta ningunha desvantaxe fronte a calquera outro porto de Galicia.

-A instalación situarase nas inmediacións da empresa química Forestal del Atlántico, en terreos de concesión portuaria xa explanados e asfaltados, cualificados de solo industrial, non producindo un impacto significativo sobre o medio desde o punto de vista urbanístico ou paisaxístico.

-O medio biótico está totalmente antropizado, non alterándose ningún valor de interese.

-Durante a fase de construcción, o maior risco de impacto é a posibilidade de verteduras accidentais ás augas da ría de Ferrol; non obstante, considéranse axeitadas as medidas de prevención previstas.

-Durante a fase de explotación, o principal impacto poderá producirse polas emisións á atmosfera procedentes da instalación de coxeración. Sen embargo, tendo en conta que o combustible é o propio gas, ó estar libre de xofre e coa menor producción específica de CO de tódolos combustibles fósiles, a carga contaminante destas emisións será reducida.

-O estudio prevé as medidas de seguridade para evita-los posibles riscos naturais e as medidas de vixilancia e control dos posibles impactos producidos nesta fase de explotación.

-O proxecto non contempla un proxecto de restauración do terreo ó desenvolverse o proxecto sobre un terreo xa urbanizado.

-O proxecto non presenta uns efectos ambientais significativos na súa contorna, pero provocará unha mellora ambiental no ámbito da Comunidade Autónoma, xa que o emprego de gas natural como combustible no lugar de outros máis contaminantes, diminuirá as emisións á atmosfera.

ANEXO III

Resumo das alegacións de carácter ambiental

referidas ó proxecto

O Concello de Ferrol formula alegacións referidas a:

-Desconformidade co procedemento de tramitación ambiental levado a cabo, que en opinión do alegante debería ser avaliación de impacto ambiental, cando foi sometido a efectos ambientais.

-Distancia ós núcleos de poboación agrupada desde Punta Promontoiro e desde Canelas: as distancias inferiores a 2 km desde Punta Promontoiro ós centros de poboación abranguerían uns 40.000 habitantes e serían: 800 m ó núcleo urbano de Ferrol e 1.600 m ó centro da cidade, 900 m ó núcleo urbano de Mugardos; 1.200 ó Seixo e 1.200 m ó Arsenal Militar.

De situar a instalación en Canelas, os núcleos de poboación máis próximos serían: San Cristovo a 3.000 m; San Felipe a 4.500 m; A Redonda a 5.000 m; Mugardos a 7.000 m e Ferrol a 7.000 m.

-Perigosidade da instalación para unha poboación duns 40.000 habitantes a menos de 2 km da instalación de gas.

-Non se avalía o risco da instalación conforme os criterios do Real decreto 9/2000, nin se ten en conta a acumulación con outros proxectos e o efecto dominó.

O escrito de alegacións acompáñase do documento Informe técnico acerca dos aspectos de seguridade das persoas e bens na contorna dunha instalación de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado no lugar de Punta Promontoiro, Mugardos (A Coruña), a construcción da cal foi proposta por Reganosa.

Federico Novo Prego solicita que lle sexa indicado o estado actual da tramitación do proxecto, que se lle facilite coñecemento e unha copia íntegra e que se lle facilite trámite de audiencia e alegacións como parte afectada e interesada no proxecto.

Noutro escrito de data posterior, no que reitera e xustifica a súa condición de parte afectada e interesada no proxecto, alega cuestións referidas a:

-Natureza do expediente e normativa de aplicación: non se está a cumpli-la Directiva 85/337/CEE, como avaliación previa da repercusión do proxecto sobre o ambiente. Simultaneamente ó expediente de avaliación de impacto ambiental, abriuse o trámite de información pública para a autorización administrativa e recoñecemento de utilidade pública do proxecto. Non se está a segui-lo preceptivo procedemento de avaliación de impacto ambiental con base no Decreto 442/1990.

-Falta de rigor técnico-científico, carencias e discrepancias no informe ambiental sobre o proxecto, elaborado por Ambio, S.A.: non se desenvolven tódolos contidos esixidos, a avaliación realizouse sobre un anteproxecto, polo que non se dispón de tódolos datos necesarios, e preséntanse conclusións coas que non están de acordo, referidas á localización e alternativas do proxecto, perigosidade da instalación e valores productivos, paisaxísticos, ambientais e culturais da zona de afección.

José Carlos Álvarez Feal presenta un documento de alegacións de 42 páxinas, no que se desenvolven alegacións referidas á idoneidade da empresa Ambio, S.A. para efectua-lo estudio ambiental do proxecto.

A plataforma de veciños O Cruceiro, de Meá, presenta alegacións referidas a:

-O estudio ambiental do proxecto debería ser de impacto ambiental e non de efectos ambientais.

-Debería facilitárselle á empresa información sobre localizacións alternativas.

-Non se cumpre a distancia de 2.000 m indicada no RAMINP. A distancia dende a localización prevista ata, casa máis próxima é de 80 m, ó lugar do Penedo son 100 m; ó lugar da Pedreira son 200 m; ó núcleo urbano de Mugardos son 750 m; ó lugar de Seixo son 1.000 m e a Ferrol son 1.200 m. A circunferencia de 2.000 m arredor da instalación englobaría unha poboación de 20.000 persoas.

-Perigo real da instalación, que estaría composta por dous tanques de almacenamento de 300.000 m de gas natural, con posible ampliación doutros dous. Tráfico interior de buques gaseiros de 135.000 m.

Edelmiro Montero Seco, José Carlos Vázquez Montero, José Vázquez Ares, Juan José Portela Rey, Francisca de la Peña Loureiro, Celina Portela de la Peña, Elisa Chaos Montero, Guillermo Vázquez Santado Mingo e Sofía García Nores presentan escrito de alegacións coincidente co anterior.

Noutro escrito de alegacións, a antedita plataforma de veciños O Cruceiro, de Meá, solicita se lle informe das seguintes cuestións referidas ó proxecto:

-Sistemas de medidas en tempo real.

-Sistemas de control da calidade do aire e se van estar conectados a algunha rede existente ou da Administración.

-Medidas de posibles escapes ó medio, de metano ou derivados, compostos orgánicos volátiles, compostos orgánicos volátiles non metálicos, formaldehido e derivados, hidrocarburos e hidrocarburos policíclicos aromáticos.

-Efecto e impacto acumulado desta instalación e a de Forestal del Atlántico e o seu posible control conxunto no medio.

O Comité de Defensa das Rías Altas e Os Verdes de Galicia presentan escritos nos que indican que fan súas e apoian as alegacións presentadas pola antedita Asociación de Veciños de Meá. Este último grupo adhírese tamén ás alegacións presentadas pola Coordinadora de AA.VV. da zona urbana de Ferrol.

O Concello de Mugardos presenta alegacións referidas ó contido do proxecto, da addenda e do estudio de efectos ambientais, indicando que ámbolos dous deberían actualiza-la normativa que contemplan ás datas de redacción dos respectivos documentos, debendo o estudio de efectos ambientais xustifica-lo Real decreto 9/2000.

Andrés Jorge Cordido alega que posúe a súa casa a 180 m do lugar onde se localizará a instalación, non respectándose a distancia de 2000 m. A selección do emprazamento é arbitraria, sen ter en conta o perigo da instalación para as poboacións próximas e o seu impacto ambiental.

Un grupo de mariscadoras (45 asinantes da alegación) pertencentes á Confraría de Mugardos expoñen que:

-Non se efectuou unha avaliación de impacto ambiental. O estudio de efectos ambientais non pode supli-la falta do anterior.

-Non se recolle no estudio que o banco marisqueiro de Santa Lucía, no que traballan 120 mariscadoras, é colindante á localización proposta.

-Non se fixo ningún estudio de productividade dos bancos marisqueiros da Barca e Santa Lucía.

-Non se fai unha avaliación detallada da contaminación térmica debida ó cambio de temperatura que sufrirá a auga e como afectará a flora e fauna mariñas.

-O estudio recolle o aumento de tráfico portuario, o que multiplica a contaminación dos bancos marisqueiros.

-Córrese un riso innecesario ó traballar nas proximidades da instalación, se se producise un accidente.

-Ambio, S.A. non é a empresa indicada para realiza-lo estudio de efectos ambientais por seren entidade colaboradora da Xunta de Galicia, quen pola súa vez, forma parte da sociedade Reganosa.

Outro grupo de 5 mariscadoras da mesma confraría asina escrito de alegacións coincidente co anterior.

A Plataforma pola Defensa da Ría de Ferrol alega o seguinte:

-O proxecto é un atentado ó desenvolvemento sustentable, á riqueza da ría e á súa capacidade de producción marisqueira.

-A instalación diminúe a viabilidade do proxecto do Porto Exterior en Caneliñas.

-A instalación situarase nas proximidades doutras industrias, do Arsenal Militar, da Escola de Enerxía e Propulsión e da ESENGRA, sen contar con informes da compatibilidade de todas estas instalacións.

-O risco da nova instalación sumarase ó das anteriores na zona. Non é xustificable que non se esixa un proxecto de impacto ambiental, substituíndoo por un estudio previo de efectos ambientais.

-A instalación incumpre a normativa establecida para este tipo de instalacións, cando para outras se esixe o RAMINP.

-O proxecto e addenda sometidos a información son insuficientes, carecendo de datos técnicos, constructivos, características dos tanques e previsión de medidas de emerxencia.

-A instalación incumpre o establecido no RAMINP no que se refire ós 2.000 m entre a actividade e núcleos de poboación próximos, o establecido nas normas sobre control de risco de accidentes e directivas que obrigan á redacción dun proxecto de impacto ambiental.

A Coordinadora de AA.VV. da zona urbana de Ferrol alega que ó traslada-la instalación ó interior da ría de Ferrol non se cumprirían os requisitos de seguridade que esixen máis de dous km de distancia a núcleos de poboación agrupada. Non se cumpre co estipulado nunha serie de lexislación referida ó impacto ambiental e risco da instalación. A instalación supón un grave risco para as vidas e bens de máis de 40.000 persoas. Acompañan o escrito de alegacións dun informe sobre a instalación de recepción, almacenaxe e regasificación de gas natural licuado (GNL) do noroeste (Ferrol).

Noutro escrito de alegacións indican que o promotor incumpre a lexislación de ambiente ó presentar un estudio de efectos ambientais no lugar dun de impacto ambiental. Tamén, manifestan que se debería facilitar ós promotores os estudios de Enagás para a localización dunha instalación de gas no exterior da ría de Ferrol, que non aceptan o risco dunha instalación deste tipo no interior da ría e que debe esixirse a distancia de 2.000 m que establece o RAMINP.

Manuel Pena Martínez alega que a súa vivenda se atopa a 50 m de onde se vai construí-la instalación, que na zona xa existe moita contaminación, que a empresa pon restriccións á libre circulación pola zona e que a instalación supón un risco para as persoas. Noutro escrito de alegacións indica cuestións relacionadas coa expropiación dos terreos, tramitación do proxecto, distancia ós núcleos de poboación e o risco que isto supón para a seguridade ante accidentes na instalación.

O Concello de Fene expón as seguintes alegacións:

-O proxecto presentado é un documento moi sinxelo, simplemente divulgativo e descritivo a nivel xeral, que non permite unha análise exhaustiva das instalacións proxectadas.

-Existe acumulación con outros proxectos na zona.

-A addenda ó proxecto contempla a posible ampliación da instalación, coa instalación doutros dous tanques. O documento non é aínda un proxecto constructivo, xa que non contén detalles constructivos de ningún tipo.

-Non se analizan os riscos potenciais da instalación en relación coa contorna, que podería afectar a Fene.

-No estudio de efectos ambientais non se cita o Real decreto lei 9/2000, que podería resultar de aplicación á vista do anexo II.

-Os aspectos de seguridade do proxecto déixanse ó que resulte do deseño final da instalación, coa redacción dos manuais de operación da instalación polo propio adxudicatario da obra. Falta unha análise minimamente detallada dos riscos en operación debidos á distancia ós núcleos de poboación, actividades máis significativas e ás operacións e manobras de entrada dos gaseiros na ría de Ferrol.

-O estudio de efectos ambientais é moi elemental en canto á análise dos efectos ante un posible accidente catastrófico, e tamén nos derivados do tráfico de buques que xerará a instalación.

-A clasificación de actividade perigosa polo RAMINP establece que debe manterse a distancia de seguridade de 2.000 m ó núcleo máis próximo de poboación agrupada.

-Aínda que o proxecto e actividade non está recollido de maneira explícita no anexo do Decreto 442/1990, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, a aplicación do máis recente Real decreto lei 9/2000 obrigaría a un pronunciamento do órgano ambiental. No caso de que fose necesario

sometelo a avaliación de impacto ambiental podería chegarse a un requirimento de documentación complementaria co fin de contar con tódolos contidos indicados no artigo 3.

-Non se analizan posibles alternativas á localización nin unha posible alternativa 0, e non se indican posibles vantaxes ou desvantaxes da localización proposta en relación a outras coñecidas.

-A localización correcta para a instalación é o exterior da ría, dependendo a viabilidade do porto exterior desta instalación.

O Grupo Erva expón que:

-Na zona prevista da instalación xa existen outras actividades industriais promovidas por Forestal del Atlántico, S.A., que é propiedade dun dos socios de Reganosa, polo que en Punta Promontoiro estaríase a desenvolver un claro exemplo de instalación química integrada, que estaría contemplada no anexo I do Real decreto Lei 9/2000, polo que debería someterse a avaliación de impacto ambiental. Tamén se apunta a necesidade de efectuar un estudio de sinerxias entre as distintas actividades da zona.

-Resulta chocante que se empregue un estudio ambiental de 60 páxinas para caracteriza-lo impacto dunha industria que ocupará unha superficie de 6 campos de fútbol (6 ha) e unha lonxitude de atraque de case 1 km.

-Non se valoran os impactos que poden xerar as emisións gasosas que se poden derivar da actividade, non se valoran os efectos sinérxicos das emisións con Forestal del Atlántico, S.A. O estudio é pobre na descrición do sector poboacional potencialmente afectado e que habita nas inmediacións.

-Non se presenta unha análise detallada do impacto por ruídos nin se facilitan datos do nivel sonoro que a instalación pode producir, nin se valora o efecto sinérxico coas emisións de Forestal del Atlántico.

-Non se caracteriza o proceso de toma e devolución de auga mariña para a vaporización e gasificación do gas natural licuado. En consecuencia, non se pode valorar correctamente o impacto que a vertedura de augas de refrixeración pode ocasionar no medio mariño.

-No estudio afírmase que as augas pluviais recollidas na superficie industrial, e que poden levar aceites, graxas e outros contaminantes característicos do tránsito de maquinaria, reconduciranse por canles abertas e tubos enterrados ata o mar, por gravidade, do que se deduce que non serán sometidas a ningún proceso de depuración.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) presenta escrito que contén alegacións referidas a:

-A instalación da instalación de GNL pon en perigo os recursos do sector primario. O estudio de efectos ambientais minimiza a importancia económica deste sector na zona.

-O sector agrícola é descrito no estudio ambiental como falto de relevancia, non fornecendo datos sobre o tema.

-Localización da instalación de gas nun medio moi fráxil pola pouca capacidade de depuración das súas augas debido a ser un espacio pechado cun estreito canal de entrada e saída das augas, co que unha vertedura tóxica accidental daría lugar a un grave dano ó ecosistema.

-Acumulación con outros proxectos de Forestal del Atlántico, que en conxunto resultan perigosos, producen emisións e verteduras, poñendo en perigo unha poboación de 150.000 habitantes.

-Emisións de gas á atmosfera durante o proceso de descarga, debidas ó seu quentamento ó entrar en contacto coa temperatura ambiente. En caso de sinistro as emisións aumentarían. No caso de rotura, as medidas de seguridade son insuficientes para evitar que o gas verta ó mar.

-O estudio ambiental presenta inexactitude ou falsidade dalgúns datos, non fornece alternativas de localización, non avalía as obras do gasoducto de 100 km necesario para a posta en funcionamento da instalación, fornece datos illados de anos illados sen ningunha correlación, non achega cartografía para a descrición de tódolos aspectos ambientais que poden ser afectados, presenta falta de obxectividade na valoración da afección sobre a paisaxe, na valoración cualitativa e cuantitativa non emprega estudios técnicos de xeral aceptación e que establezan valores límite e non indica os procedementos empregados para coñece-lo grado de aceptación ou repulsa social da instalación. Así mesmo, trátase dun estudio de efectos ambientais cando debería ser de impacto ambiental.

-A instalación de GNL, na localización prevista, incumpre o RAMINP e a Lei SEVESO.

-Non se considera o risco conxunto desta instalación coas que se sitúan na súa contorna, non se teñen en conta as sinerxias nin o efecto dominó.

-O emprazamento previsto non é tan idóneo como o presenta o estudio de efectos ambientais, tendo en conta as súas condicións climáticas adversas.

A Asociación Cultural Fuco Buxán alega cuestións referidas á tramitación do proxecto, que debería ser de impacto ambiental e non se efectos ambientais, polo que sería nula a resolución de información pública do proxecto. Tamén, indica que o estudio de efectos ambientais presentado por Reganosa oculta información, non identifica tódolos impactos posibles, non estudia varias alternativas de localización e elude a participación pública de consultas a organismos afectados da ría de Ferrol.

A citada asociación cultural presenta outro escrito de alegacións adicionais, no que contempla cuestións referidas a:

-Perigosidade da actividade, que require un rigoroso estudio de impacto ambiental e perigosidade

da localización prevista, no interior da ría de Ferrol, en detrimento da localización exterior adxacente a cabo Prioriño Pequeno.

-Alta densidade de poboación e núcleos de poboación próximos; o lugar de Punta Promontoiro está rodeado de núcleos de poboación próximos, que desde os 200 m ata os 2 quilómetros suman unhas 40.000 persoas, que serían as máis directamente afectadas por unha concentración de gas, perigosa por inflamable e tamén por irrespirable no suposto dun derrame masivo de gas natural licuado ó mar. No caso dunha fuga rápida nun tanque almacén, o límite de inflamabilidade alcanza os 2,5 km de longo por 1,6 de largo. Por iso, debe esixirse a distancia de 2.000 m a núcleos de poboación agrupada que establece o RAMINP.

-Acumulación con outros proxectos de Forestal del Atlántico na zona, co conseguinte risco do efecto dominó, non garantíndose a protección do ambiente.

-Presentación dun estudio de efectos ambientais cando debería ser de impacto ambiental.

Manuel Rodríguez Doval, en calidade de responsable portavoz comarcal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) presenta escrito de alegacións referidas a:

-A documentación sometida a información pública resulta excesivamente sinxela e incompleta, xa que non se refiren con detalle as instalacións proxectadas, o que non posibilita unha análise pormenorizada delas.

-Non se manexaron outras alternativas de localización do proxecto. Por outra banda, a localización no interior da ría parece contradeci-los obxectivos do futuro Porto Exterior e o plan de usos para a ría.

-Entenden que o proxecto figura dentro dos clasificados no RAMINP, o que obrigaría á aplicación da citada normativa no que se refire á localización respecto dos núcleos de poboación. Tamén, entenden que sería de aplicación o sometemento do proxecto ó trámite de avaliación de impacto ambiental segundo o estipulado no Real decreto lei 9/2000, obrigando ó pronunciamento do órgano ambiental. Tamén sería de aplicación o Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, relativo ás medidas de control dos riscos relacionados con accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas. Non se ten en conta a presencia doutras instalacións na zona, no que se refire ó risco do conxunto dos productos almacenados, producidos ou manipulados nas instalacións.

ANEXO IV

Resposta a alegacións

No referente ás alegacións de carácter ambiental referidas ó proxecto, tivéronse en conta, no que procede, ó longo de toda a DEA. Sen embargo, neste

anexo acláranse de xeito máis particularizado as cuestións mencionadas con maior frecuencia nas alegacións.

1. No que respecta ó tipo de tramitación ambiental aplicable ó proxecto, é preciso facer as seguintes aclaracións:

No 23 de outubro de 2000 o promotor solicita a esta dirección xeral a emisión dun dictame de incidencia ambiental do proxecto co obxecto de acredita-lo cumprimento das prescricións legais en materia de ambiente.

Dado que a autorización administrativa lle corresponde á Administración xeral do Estado, a cualificación e, se é o caso, a tramitación do proxecto como sometido á avaliación de impacto ambiental corresponderíalle ós organismos competentes desta. No caso de non estar sometido á avaliación de impacto ambiental, e si á avaliación de efectos ambientais, a tramitación corresponderíalle á Comunidade Autónoma.

Debido á solicitude do promotor de dictame ambiental, procedeuse a analiza-la lexislación autonómica en relación ás figuras de protección ambiental co fin de determinar se algunha delas é de aplicación ó proxecto, concluíndose que o proxecto debería someterse a avaliación de efectos ambientais debido ás razóns expostas a seguir.

O artigo 1 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, establece a obrigatoriedade de someter a avaliación de impacto ambiental os proxectos consistentes na realización de obras, instalacións ou actividades comprendidas no seu anexo I, entre os que non se atopa o proxecto obxecto desta DEA, polo que non é de aplicación.

Dado que a actividade obxecto do proxecto non se atopa comprendida entre as que figuran no antedito anexo do Decreto 442/1990, e xa que por outra banda o artigo 1 do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, impón a necesidade de someter a avaliación de efectos ambientais os proxectos de execución de obras, instalacións ou calquera outra actividade establecida nas diferentes lexislacións sectoriais que precisen ou prevexan a necesidade de realizar un estudio ambiental, entre as que se atopa a Lei 34/1998, do sector de hidrocarburos, na que se establece que os solicitantes de autorizacións para este tipo de instalacións deberán acreditar suficientemente o adecuado cumprimento das condicións de protección do ambiente, procedeuse a tramita-lo proxecto segundo o Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

2. No que respecta a diversas cuestións referentes tanto ó contido formal do estudio como á existencia

de posibles efectos non previstos, indícase que nesta declaración se tiveron en conta estas alegacións nos seguintes puntos:

-No referente á non existencia de estudio de alternativas de localización e de sinerxias, cómpre indicar que ó estar sometido este proxecto a avaliación de efectos ambientais, non é legalmente esixible que o estudio de efectos ambientais inclúa estes contidos.

-Contaminación atmosférica: no punto 3 da DEA solicítase que se inclúa no plan de vixilancia un plan de control da contaminación atmosférica que deberá ser aprobado por esta dirección xeral antes do comezo das obras, indicando a normativa aplicable no control e seguimento deste factor.

-Afección ó medio mariño: ademais de obrigar á adopción de medidas preventivas contra a contaminación das augas pluviais que serán vertidas ó mar, no punto 4 da DEA obrígase a realizar análises de auga, de xeito que se garanta o cumprimento dos límites legais, tendo en conta que existen autorizacións marisqueiras nas proximidades. Así mesmo, e tendo en conta que se considera como alternativa o emprego de auga de mar no sistema de vaporización de emerxencia, deberanse propoñer medidas que eviten a afección ó medio mariño polo cambio de temperatura no caso de empregarse efectivamente. No caso de posibles derrames de gas licuado, instalaranse cubetos na zona de descarga e unha piscina de contención na zona dos tanques, que evitarán a vertedura ó mar.

-Ruído: no punto 2 da DEA solicítase un estudio acústico, no que se caracterizará o ruído preoperacional, analizarase a previsión de ruídos e proporanse medicións durante a actividade co obxecto de garanti-lo cumprimento dos límites legalmente establecidos.

3. No tocante ás alegacións relativas á distancia ós núcleos de poboación, perigosidade e risco das instalacións cómpre dicir que, a Lei 34/1988, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cando regula a regasificación, transporte e almacenamento do gas natural, establece no seu artigo 67.2º que os solicitantes de autorización para instalacións de gas deberán acreditar suficientemente o adecuado cumprimento das condicións técnicas e de seguridade das instalacións propostas.

O Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, sobre medidas de control dos riscos inherentes ós accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, atribúe ás comunidades autónomas competencias de control e inspección dos establecementos e instalacións nos que están presentes estas substancias, así como a recepción de información e da documentación da política de prevención de accidentes e de comunicación de sinistros, para garanti-la adecuada protección das persoas, dos bens e

do ambiente. Este real decreto establece a existencia de dous plans: de emerxencia interior e exterior, que constitúen un único e integrado plan de actuación, que se tramitará ante o organismo competente.

As devanditas competencias foron desenvolvidas polo Decreto 277/2000, do 9 de novembro, no senso de designa-los órganos autonómicos competentes en materia de control dos riscos inherentes ós accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas.

Neste marco relativo ás competencias de seguridade, a Consellería de Medio Ambiente, a través desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ten como función emiti-la declaración ambiental na que se fará referencia ás repercusións ambientais dos accidentes que figuran no informe de seguridade regulado no artigo 9 do devandito Real decreto 1254/1999, tal e como se realizou no punto 6 desta DEA; informe de seguridade que se someterá ó procedemento legalmente establecido ante o órgano competente.