Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 07 de novembro de 2003 Páx. 13.758

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 5/2003, do 27 de outubro, pola que se declara a extinción da escala específica creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

A disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, dispuxo a creación dunha escala específica adscrita á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, para a realización das funcións encomendadas a esta no ámbito das corporacións de dereito público que ten tuteladas.

En cumprimento da referida disposición, o Decreto 109/1989, do 1 de xuño, regulou a dita escala, integrándoa en cada un dos corpos da Administración xeral da Xunta de Galicia.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, no seu artigo 8, establece que, para a xestión das funcións que teñen asignadas, as confrarías, sen prexuízo de que poidan contratar persoal propio con cargo ós seus orzamentos, contarán co persoal funcionario da Xunta de Galicia con destino nelas, á fronte do cal estará o secretario, cunhas atribucións que se fixarán regulamentariamente. Malia a súa adscrición ás confrarías, este persoal manterá o seu réxime xurídico funcionarial.

Ademais, o Decreto 71/2001, do 22 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do persoal funcionario con destino nas confrarías de pescadores, establece, nos seus artigos 1º e 2º, que, sen prexuízo das peculiaridades reguladas no citado regulamento, o devandito persoal se somete ó réxime común da función pública, que como persoal funcionario ó servicio da Administración da Xunta de Galicia lle é aplicable, e debe desenvolve-las funcións que a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, lles atribúe ós corpos de funcionarios da Administración xeral, na súa disposición adicional primeira.

Segundo o ata aquí exposto, o persoal da dita escala pertence á Administración xeral da Xunta de Galicia e integra un colectivo de funcionarios cos dereitos e deberes que, como tales, lles corresponden. Malia o anterior, só se lles permite ocupar postos adscritos ás confrarías de pescadores e reservados á escala á que pertencen, o que lles limita o desenvolvemento dunha carreira profesional acorde coas posibilidades que se lles ofrecen ó resto dos funcionarios pertencentes a corpos da Administración xeral e lle impide, así mesmo, á propia Administración facer un adecuado aproveitamento dos seus recursos humanos.

Por outro lado, a crecente asunción de competencias por parte da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos comporta, entre outros aspectos, unha maior actividade administrativa ó servicio do sector pesqueiro, que especialmente no litoral galego non se circunscribe só ó ámbito das confrarías de pescadores.

Por todo o anterior, sendo necesario un máis axeitado aproveitamento dos efectivos da devandita consellería, que faga posible que os funcionarios adscritos ás confrarías, que actualmente desenvolven actividades delimitadas ó ámbito de actuación destas, desempeñen as súas funcións, de acordo co seu corpo funcionarial de pertenza, en tódolos ámbitos administrativos correspondentes á Administración xeral, mediante esta lei, disponse a extinción da escala específica creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e a integración plena dos seus funcionarios no corpo da Administración xeral que lles corresponde. Estas medidas adóptanse para a consecución dunha adecuada utilización e optimización dos recursos humanos cos que conta a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e como resultado obtense un mellor aproveitamento e distribución dos efectivos ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se declara a extinción da escala específica creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo 1º.-Extinción da escala de confrarías.

Declárase a extingui-la escala específica (escala de confrarías) creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, adscrita á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, para a realización das funcións encomendadas a esta no ámbito das corporacións de dereito público que ten tuteladas.

Artigo 2º.-Integración de funcionarios.

Os funcionarios pertencentes á escala específica creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, intégranse, en virtude desta lei, para tódolos efectos, como funcionarios dos corpos da Administración xeral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co seu grupo funcionarial de pertenza, do xeito que a continuación se indica:

-No corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, grupo A, os técnicos superiores, grupo A, pertencentes á escala específica creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988.

-No corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, grupo B, os técnicos de xestión, grupo B, pertencentes á escala específica creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988.

-No corpo administrativo da Xunta de Galicia, grupo C, os administrativos, grupo C, pertencentes á escala específica creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988.

-No corpo auxiliar da Xunta de Galicia, grupo D, os auxiliares, grupo D, pertencentes á escala específica creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988.

-No corpo subalterno da Xunta de Galicia, grupo E, o persoal subalterno de lonxa, grupo E, pertencente á escala específica creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988.

Artigo 3º.-Reserva de postos de traballo.

Consecuentemente co disposto no artigo anterior, os postos de traballo reservados á escala específica creada pola disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que, como tal, figuren nas relacións de postos de traballo da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos quedarán reservados ós correspondentes corpos da Administración xeral nos que queda integrado o persoal da extinta escala.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente