Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 31 de outubro de 2003 Páx. 13.516

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2003, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o estudio de impacto ambiental, e se fai pública a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e a A-9 en Vilar do Colo. (Clave AC/99/65.1).

a) Visto o informe da análise de alegacións ó trazado proposto.

b) Tendo sido aprobado definitivamente por parte do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de 19 de setembro de 2002, o denominado Plan Sectorial da Rede Viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas.

c) Existindo declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

d) Realizado informe xustificativo da solución adoptada.

e) Tendo sido informado favorablemente, por parte do director do Parque Natural Fragas do Eume; a conexión deseñada coa estrada AC-141.

En uso da competencia establecida na Orde do 6 de marzo de 2003 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

RESOLVO:

1. Aproba-lo expediente de información pública e definitivamente o estudio informativo nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e a A-9 en Vilar do Colo, mantendo a alternativa proposta, coas modificacións introducidas polo plan sectorial.

2. Nas fases posteriores do proxecto e execución da obra cumpriranse as prescricións da declaración de impacto ambiental.

3. Unha vez deseñado a nivel de proxecto constructivo o enlace de conexión coa estrada AC-141; e as medidas correctoras, enviarase unha copia ó Servicio de Espacios Naturais e Biodiversidade da Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, para a súa supervisión.

4. Tal e como establece o artigo 15 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia e a aprobación definitiva do Plan Sectorial de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares,

Mugardos e Cabanas, o planeamento urbanístico deberá de acomodarse ás determinacións deste estudio.

5. En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 3 de decembro de 2001, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e A-9 en Vilar do Colo. Clave: AC/99/65.1, así como a Resolución do 20 de decembro de 2002 pola que se revisa a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e á A-9 en Vilar do Colo, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2003.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas

«Resolución do 3 de decembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula declaración de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e a A-9 en Vilar do Colo. Clave AC/99/65.1, nos concellos de Cabanas e Fene (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación dos impactos ambientais para Galicia, establece a obriga de formular declaración de impacto ambiental, con carácter previo á resolución administrativa que se adopte para a realización, ou se é o caso, a autorización da obra, instalación ou actividade, das abranguidas no anexo da citada disposición.

Dado que o proxecto obxecto desta declaración está incluído no punto 7 do citado anexo procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e a A-9 en Vilar do Colo. Clave AC/99/65.1.

O estudio informativo trata de definir un novo vial con características de estrada C-80 que comunique o eixo industrial Mugardos-Vilar do Colo- As Pontes, onde se conectará coa autovía Ferrol-Vilalba, tendo unha lonxitude duns 4 km. As tres alternativas propostas rematan no límite do espacio natural denominado Fragas do Eume.

No anexo I resúmese o proxecto e as medidas correctoras e protectoras propostas.

En virtude do establecido no artigo 5, punto 2º do citado decreto, a Dirección Xeral de Obras Públicas, mediante a publicación no BOE do 23 de decembro de 2000 e no DOG do 4 de xaneiro de 2001, somete a información pública o estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651

e a A-9 en Vilar do Colo. Clave AC/99/65.1, nos concellos de Cabanas e Fene (A Coruña), por un período de trinta días hábiles, contados a partir da data de publicación no BOE.

En data do 30 de outubro de 2001 recíbese nesta dirección xeral o expediente ambiental, no que se inclúen os informes da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e dos concellos de Cabanas e Fene. No anexo II resúmense os anteditos informes. Así mesmo, durante o proceso de información pública presentáronse alegacións, resumíndose no anexo III as de carácter ambiental, que se tiveron en conta no que procede no condicionado desta DIA.

En data do 15 de novembro de 2001 solicítase novo informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a modificación do trazado previsto, informe que se recibe en data do 28 de novembro de 2001.

Unha vez formalizada a tramitación, conforme se establece no Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e a A-9 en Vilar do Colo. Clave AC/99/65.1, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente entre a que se atopan os seguintes documentos presentados polo promotor:

Estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e a A-9 en Vilar do Colo. Clave AC/99/65.1. Setembro de 1999,

«Memoria técnica. Prospección arqueolóxica extensiva. Nova estrada de conexión da AC-141 coa N-651 e a A9 en Vilar do Colo». Setembro de 2001, e considerando a alternativa elixida polo promotor (A1) como a máis viable ambientalmente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer, pola presente declaración de impacto ambiental, as condicións ambientais precisas de forma que, xunto coas incluídas no estudio de impacto ambiental e as contidas na documentación complementaria, garantan a minimización dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que existise contradicción entre o estipulado na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá sempre o disposto nesta última.

A) Ámbito da declaración:

Esta declaración de impacto ambiental refírese ó proceso de execución e explotación do estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa

CN-651 e a A-9 en Vilar do Colo. Clave AC/99/65.1, constando a súa descrición no anexo I desta declaración, coas seguintes modificacións:

A.1) Como condición de obrigado cumprimento queda prohibido afecta-las Fragas do Eume, debéndose presentar un estudio alternativo do enlace final antes do inicio das obras.

A.2) Por outra parte, e a consecuencia do proceso de consultas e información pública ó que foi sometido o estudio informativo de referencia e avaliadas as respostas ás consultas efectuadas e as alegacións presentadas, a Dirección Xeral de Obras Públicas, tralo consenso coas partes, modifica o citado estudio informativo nos seguintes termos:

Para mitiga-la afección ó núcleo de Laraxe, que se apunta na alegación presentada por máis de 300 veciños, proponse a seguinte modificación:

Modifícase o trazado proposto inicialmente, no treito definido polo pk 0+000 e o pk 1+000, no sentido de desprazalo cara ó norte co obxecto de que este treito deixe a totalidade das vivendas do núcleo de Laraxe ó sur, ó mesmo tempo, que se acada unha maior distancia entre o trazado e as vivendas máis próximas. Esta modificación queda definida en planta no plano denominado informe de alegacións. Nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e a A-9 en Vilar do Colo.

B) Condicionado de protección da atmosfera.

Sobre a emisión de po e gases.

A maquinaria utilizada na obra cumprirá coa normativa de emisións de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

Queda prohibida a queima de calquera tipo de material.

Tal e como se reflicte no estudio, minimizaranse as emisións de po á atmosfera durante a fase de construcción, debido á acción da maquinaria e ós movementos de terras, mediante a humectación de viais e zonas de obra durante os períodos de seca e ventos fortes que favorezan a dispersión de finos.

Sobre o ruído.

Adoptaranse as medidas correctoras sinaladas no estudio de impacto ambiental e consistentes na disposición de catro (4) pantallas de protección sonora.

Co fin de comproba-la efectividade das pantallas propostas, e que non se superan os niveis de presión sonora recollidos na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto) e, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais dos concellos afectados, deberán realizarse unha serie de medicións durante as fases de obra e funcionamento. Neste senso deberá presentarse unha proposta de plan de control do cumprimento dos límites de niveis sonoros de acordo co indicado no punto.

Protección dos solos.

Procederase a delimita-lo terreo afectado polas obras previo ó comezo efectivo das obras, de xeito que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio. Restrinxirase o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Definiranse os vieiros que se van utilizar en obra primando o uso da propia traza fronte ó de vieiros locais preexistentes e, de ámbolos dous, fronte á apertura de novos vieiros. Neste último caso, deberá xustificarse a súa necesidade, así como asegurar que non xeran impactos adicionais e non se localizan sobre zonas vulnerables como poden ser bosques con especies singulares, zonas húmidas, etcétera. Estes vieiros deberán reflectirse en planos a escala 1:5000, segundo o requirido no punto.

As zonas destinadas á acollida das instalacións auxiliares á obra (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etc.) serán delimitadas e balizadas. Deberán localizarse fóra do espacio natural das Fragas do Eume, e estarán dotadas dos equipamentos necesarios e daráselle ós residuos a xestión precisa de xeito que se asegure a non xeración de impactos adicionais a consecuencia do seu uso, vindo reflectidas estas zonas na documentación solicitada no punto.

Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta.

Os labores de mantemento da maquinaria de obra non apta para circular por estrada realizaranse dentro da zona de mantemento de maquinaria. No caso da maquinaria apta para esta circulación, deberán realizarse en talleres autorizados.

De realizarse almacenamentos temporais de residuos en tanto non se produce a súa entrega a xestor autorizado, estes localizaranse dentro da zona de obras en superficies delimitadas e sinalizadas, diferenciando os perigosos dos non perigosos, nas que deberán disporse contedores ou outros medios que se estimen necesarios para evitar afeccións ó solo. Esta zona localizarase nos planos requirido no punto.

A totalidade dos residuos que se xeren a consecuencia da execución e explotación da infraestructura, serán xestionados de acordo coa súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a súa reutilización e reciclaxe fronte á súa vertedura. Os sobrantes de terra, de acordo co proposto na documentación, serán depositados en emprazamentos autorizados por órgano competente e sempre fóra do espacio natural das Fragas do Eume. Tanto o volume coma o destino destes materiais deberase indicar, segundo o requirido no punto.

Retirarase e amorearase a terra vexetal procedente dos labores de escavación e movementos de terras, tal e como se indica no estudio ambiental, co obxecto

de usala posteriormente no proceso de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios afectados polas obras. Esta zona localizarase nos planos requiridos no punto.

Na totalidade das zonas afectadas por movementos de terras e en todas aquelas superficies denudadas que se xeren a consecuencia do desenvolvemento das obras, aplicaranse á maior brevidade posible, os procedementos de revexetación. Esta unidade incluirase nos cronogramas de obras requiridos no punto.

A totalidade dos materiais que se precisen deberán proceder de canteiras autorizadas. No caso de que se precise a apertura de canteiras para a execución das obras ou a xeración de vertedoiros para sobrantes do proceso de movementos de terras, solicitaranse previamente as autorizacións correspondentes en aplicación da lexislación vixente.

Unha vez finalizadas as obras, desmantelaranse tódalas instalacións auxiliares e, no caso de que estas non estiveran localizadas sobre a traza, restauraranse e restituiranse as súas condicións preoperacionais. Así mesmo, restauraranse tódolos vieiros auxiliares que non vaian ser empregados permanentemente.

Protección das augas e leitos.

Procederase ó balizado ou sinalización axeitada, dos tramos da rede fluvial inscritos no ámbito de afección da infraestructura, co obxecto de preserva-los de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espacios (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe, etcétera e, en xeral, todas aquelas actividades que, a consecuencia das escorregas ou dunha enchente, puideran supo-la contaminación das augas por incorporación de substancias contaminantes.

Previamente a calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía dos cursos afectados (río Moa, río Baa e río Relousada, afluente do Dana) será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

Deberase modifica-lo deseño da traza ou dos movementos de terras no contorno dos p.k. 0+150 e 0+800 para evita-la afección grave ó río Mao e río Baa, procurando que o cruzamento sexa o máis perpendicular posible e evita-la construcción de terrapléns sobre o leito.

No deseño dos dispositivos de drenaxe terase en conta a capacidade de acollida dos regos receptores, de forma que as achegas non ocasionen alteracións substanciais nestes. Asemade, proxectaranse de xeito que se evite a formación de asolagamentos ou deposicións nos puntos de incorporación á rede natural.

En fase de obra, disporanse sistemas que impidan a chegada de materiais procedentes dos movementos

de terras, escavacións e dos procesos de voadura ás augas continentais, tal e como se require no punto desta DIA. Asemade, prohíbese a vertedura de calquera substancia ás augas, en especial cementos e hidrocarburos.

Deberá seguirse o Programa de Seguimento da Evolución da Calidade das Augas, tal e como se expón no estudio ambiental, que deberá abrangue-la totalidade da fase de obra e prolongarse, cando menos, ó longo dos tres primeiros anos de explotación da infraestructura. Igualmente, establecerase un sistema de seguimento sobre a aparición de fenómenos erosivos asociados a estructuras de drenaxe. Ámbalas dúas cuestións deberán ser incorporadas ó Programa de Vixilancia Ambiental.

Protección da vexetación.

Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra.

En fase de replanteo, balizaranse aquelas comunidades vexetais de carácter climácico e interese ambiental presentes no arredor do espacio afectado polo proxecto. Prestarase especial atención á comunidade riparia asociada ás cabeceiras do Moa, Dana e Baa.

Previamente a calquera afección á vexetación de ribeira obterase autorización do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural da Coruña. Asemade, para a corta de arboredo realizarase a solicitude de autorización ou a comunicación de corta, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Protección da fauna.

Aqueles labores do proceso de obras que impliquen a realización de voaduras, levaranse á práctica fóra do período de reproducción e cría das especies faunísticas do territorio.

No proceso de definición das estructuras de drenaxe transversal, considerarase como factor de deseño a utilidade destas como punto de paso para a fauna, polo que se recomenda evitar estructuras tipo tubo ou marco e considera-la separación da circulación da auga e da fauna. Para iso empregaranse preferiblemente pasos en arco.

No caso de que isto non sexa posible, xustificarase esta decisión e adoptaranse as modificacións ou medidas precisas para asegurar que non se converten en obstáculos ó remonte da fauna piscícola. Para iso, verificarase no seu deseño, que non xerarán láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade. Isto virá xustificado na documentación requirida no punto.

Os piares das estructuras proxectadas para supera-los leitos fluviais deberán quedar fóra do leito e as súas marxes. No caso de que isto non sexa tecnicamente posible, deberase xustificar, de acordo co requirido no punto.

Deberá implementarse un Programa de Seguimento destinado a avalia-la eficacia das ditas estructuras de drenaxe como lugares de paso para a fauna, incorporándoo ó Programa de Vixilancia Ambiental.

Protección da paisaxe.

Deberá redactarse un proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios alterados polas obras, que terá como base o exposto no punto 6.1.9 do estudio ambiental. Nel, incluiranse os medios planeados no estudio de impacto ambiental, así coma aqueloutros que sexan precisos para dar cumprimento ás medidas establecidas na presente declaración.

Este proxecto de restauración incorporará a restauración dos espacios onde se sitúen as instalacións auxiliares, zonas de préstamo, de localización de sobrantes e, en xeral, todos aqueles espacios afectados polas obras que non conten cun proxecto de restauración autorizado previamente.

Protección do patrimonio.

Deberá presentarse un proxecto arqueolóxico para a realización da prospección arqueolóxica intensiva da variante seleccionada, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Na fase de replanteo, de execución da obra e de restitución dos terreos, deberase realizar un control e seguimento arqueolóxico, para o que será preciso presentar un proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural previamente ó inicio das obras.

Seguimento e vixilancia.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar efectos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Con este fin, adaptarase o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental contido no estudio de impacto ambiental ós novos condicionantes xurdidos desta declaración, incorporándose ás correspondentes partidas orzamentarias e remitíndoo ó órgano ambiental para a súa avaliación previa ó comezo das obras.

Tódalas analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidade homologada e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Asemade, e tal e como se estipula no punto desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental.

O Plan de Vixilancia Ambiental deberá orzamentarse e incorporarse ás correspondentes partidas orzamentarias.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta dirección xeral dous (2) exemplares de:

Durante a fase de obras:

Mensualmente: cronograma actualizado das obras, xunto cun plano a escala 1:5000 en coordenadas UTM no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte mes. Este cronograma debe ser entregado na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por quen corresponda, non máis tarde do día 28 do mes anterior ó mes planificado.

Trimestralmente: memoria do seguimento realizado de acordo co Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental requirido no punto, xunto co cronograma actualizado das obras. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

Antes da emisión da acta de recepción: memoria-resumo da aplicación do Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras contempladas no estudio así como as impostas na DIA, e en concreto: informe, acompañado de reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado da vía e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

Estado da restauración, especialmente as zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións.

Despois da recepción das obras e anualmente durante tres (3) anos:

Memoria-resumo do seguimento realizado de acordo co Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental requirido no punto, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

Resultados dos programas de vixilancia da calidade das augas e da efectividade dos pasos e obras de drenaxe como pasos para fauna.

No caso de xerarse algún informe especial, definido no Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental do estudio presentado, remitirase á maior brevidade posible a esta dirección xeral.

Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor remitiralle ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas que do dito proceso puideran derivarse, dúas (2) copias da seguinte documentación:

Proposta de plan de control do cumprimento dos límites de niveis sonoros e, se procede, proposta de medidas correctoras, conforme se indica no punto.

Definición da localización dos vieiros de obra, xustificando, se é o caso, a necesidade de apertura de novos vieiros. Reflectiranse en planos a escala 1/5.000 referenciados en coordenadas UTM e onde conste a súa localización e características, diferenciando os existentes dos de nova construcción, segundo o indicado no punto.

Localización e equipamentos das instalacións auxiliares precisas para a execución das obras e da situación dos residuos almacenados temporalmente. Reflectiranse en planos a escala 1:5.000 referenciados en coordenadas UTM, segundo o requirido no punto.

Definición e xustificación do volume e destino dos materiais sobrantes, así como da terra vexetal, tendo en conta que non se poderán situar no interior do espacio natural das Fragas do Eume. Acompañarase de planos a escala 1:2.000, referenciados en coordenadas UTM onde conste a súa localización.

Definición dos sistemas de prevención fronte á contaminación das augas e das estructuras de paso, reflectindo en planos a escala 1:2000 e dotados de coordenadas UTM a súa situación.

Detalle das estructuras de paso sobre a rede fluvial conforme se sinala no punto.

Proxecto de restauración adaptado ós condicionantes derivados da DIA, conforme establece o punto.

Proxecto arqueolóxico para a realización da prospección arqueolóxica intensiva da variante seleccionada e o seguimento e control arqueolóxico, segundo o indicado no punto da DIA.

Programa de vixilancia ambiental adaptado ós condicionantes derivados da DIA, conforme se establece no punto.

Condicións adicionais.

A Dirección Xeral de Obras Públicas comunicaralle a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras.

Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Do mesmo xeito, poderase proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

As condicións sinaladas na presente DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e metas que se fixan nesta declaración de impacto ambiental.

As condicións sinaladas nesta DIA son de obrigado cumprimento. Non obstante, o promotor, poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa execución, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan alcanza-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

Calquera cambio no proxecto obxecto desta declaración deberá ser comunicado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e para os sos efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan nesta DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e sexan corrixidas.

O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprimentado este trámite.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Descrición do proxecto e resumo de medidas correctoras

Descrición do proxecto.

O estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa N-651 e a A-9, en Vilar do Colo trata de definir un novo vial con características de estrada C-80 que comunique o eixo industrial: Mugardos-Vilar do Colo-As Pontes, onde se conectará coa autovía Ferrol-Vilalba, que enlaza coa A-6 e coa futura autovía do Cantábrico. A topografía sumamente accidentada e a conexión cos vieiros existentes, constitúen os factores que máis condicionan o trazado proposto.

A zona estudiada comprende desde o polígono Vilar do Colo, situado no límite dos concellos de Fene e Cabanas á altura do p.k. 27+000 da estrada N-651 (Betanzos-Ferrol), ata o lugar de Fonfría (estr. AC-141) no T.M. de Cabanas e afecta ós concellos de Fene e Cabanas. A lonxitude do treito que se vai estudiar é duns 4 km.

Na zona por onde discorren as trazas das diferentes alternativas, destaca a existencia dunha edificación dispersa e dun uso do terreo residencial e agrícola-gandeiro.

O estudio das distintas solucións está claramente determinado pola edificación dispersa, o uso do solo e a rede viaria da zona. Con base nisto foron estudiadas tres posibles solucións: alternativa 1, alternativa 2 e alternativa 3. A topografía das tres alternativas é moi accidentada, o que obriga a movementos de terra importantes. As tres alternativas teñen en común os seus enlaces de comezo e final do trazado. No seu enlace coa N-651 e polígono de Vilar do Colo, será unha glorieta a nivel, mentres que no seu enlace coa AC-141 en Fonfría será un enlace tipo «trompeta» cun paso superior. De forma xeral, as tres alternativas cumpren as características xeométricas mínimas de trazado para unha estrada de velocidade específica 80 km/h.

Alternativa nº 1 (A-1):

A lonxitude desta alternativa é de 4,028 km o trazado descrito respecta os asentamentos urbanísticos xa consolidados. Ata o p.k. 2+780 proxéctase un carril adicional debido ás pendentes existentes que acadan no seu comezo o 8%. As vías de servicio laterais precisas para repo-las conexións e servidumes dos predios, sitúanse en planos, abranguendo no lado norte a maior parte da traza.

Alternativa nº 2 (A-2):

Esta alternativa, igual que a alternativa-3, discorre máis ó sur que a anterior, discorrendo por terreos máis densamente poboados e cun maior uso agrícola. Discorre polo sur de Barreiras, segue polo sur de Relousada e Martices, pasando polo lugar dos Bouzas, para chegar ás inmediacións de Fonfría, onde está situado o enlace final. A lonxitude desta alternativa é de 3,630 km a existencia do carril adicional

en toda a lonxitude da traza, limita a conexión do novo vieiro, coa rede viaria existente.

Alternativa nº 3 (A-3):

Discorre en gran parte da súa traza parella á alternativa 2 coa diferencia de que esta alternativa 3 ten máis acordos curvos, adaptándose mais á orografía en busca de menores pendentes e movementos de terras, ten o inconveniente de que é a que máis afecta ós veciños e actividades agrícola-gandeiras da zona de paso. A lonxitude desta alternativa é de 3,742 km igual que a alternativa anterior, a conexión do novo vieiro coa rede viaria existente, queda limitado. Por idénticos motivos que a alternativa anterior, en toda a súa traza ata chegar ó enlace coa AC-141 proxéctase un carril adicional polas pendentes existentes, da orde do 7%.

A sección transversal tipo sen vía lenta para as tres alternativas é: Bermas: 0,75 m, Beiravías: 2,5 m e Calzada: 7,0 m; o largo total sen bermas é de 12,0 m. A sección tipo con vía lenta para as tres alternativas é: Bermas: 0,75 m, Beiravías: 2,5 m e Calzada: 10,5 m; o largo total sen bermas é de 15,5 m.

Resumo de medidas correctoras.

Atmosfera:

Programación flexible dos traballos de movementos de terra e transporte de materiais que evite a realización destes en condicións atmosféricas desfavorables, evitando principalmente, traballar con ventos fortes durante períodos secos.

Realización de regas mediante mangueiras e/ou camións-cuba das zonas afectadas polos movementos de terra.

Recubrimento dos materiais que se van transportar (lonas, transportes cerrados, etc.), principalmente cando o traxecto se realice nos arredores de zonas habitadas e cando o transporte do material traspase os límites da superficie de execución.

Niveis sonoros: o estudio de ruídos determina a implantación de proteccións sonoras en catro puntos: p.k. 1+250 (Barrieres), p.k. 1+850 (Relousada), p.k. 2+100 (Fontenova) e p.k. 3+200 (Martices). Recórrese a pantallas vexetais, que ademais de amortece-la propagación de ruídos, permite reduci-las inmisións de partículas, podendo utiliza-la propia pantalla como elemento integrador da infraestructura no arredor.

Solos:

Planificación e delimitación das zonas sometidas a actividade, de xeito que soamente se xeren as actuacións estrictamente necesarias; poñendo especial interese en que non se produza maior volume de materiais sobrantes có proxectado.

Definición clara das áreas de circulación, estacionamento, almacenamento de materiais, etc, para reducir ó máximo as superficies sometidas a alteración.

Prevención de verteduras accidentais habilitando parques de maquinaria para o estacionamento e reparacións da maquinaria, en espacios degradados ou de escaso valor, tanto económico como ambiental; establecendo un plan de recollida das verteduras, que contemple a disposición de depósitos para o efecto onde poidan almacenarse en condicións e a xestión racionalizada destes.

Reconstrucción nos terrapléns, na medida do posible, da secuencia de horizontes observada nos solos alterados.

Recuperación e tratamento do máximo volume posible de solo fértil, para o seu posterior emprego en procesos de revexetación e acondicionamento paisaxístico.

Xeoloxía, erosión e inestabilidade: deseño axeitado dos desmontes e terrapléns, que debe atender en todo momento ás especificacións constructivas contidas nos estudios xeolóxicos e xeotécnicos que acompañan o proxecto. Outro aspecto que hai que considerar é a planificación dunha xestión apropiada dos materiais sobrantes das obras; estimándose conveniente a adopción das seguintes medidas:

Establecemento dun plano de situación de materiais sobrantes para que esta se produza coa menor alteración ambiental posible.

Protección das superficies mediante un plan de revexetación de estructuras, principalmente noiros e zonas denudadas.

Calidade das augas:

Durante a construcción das infraestructuras de drenaxe que afectan ós leitos fluviais interceptados polo vial, evitarase, na medida do posible, a destrucción da vexetación de ribeira. Se isto non fose posible, unha vez rematadas as obras aplicarase un Plan de Recuperación do Espacio que tenda a dota-las ribeiras do seu aspecto preoperacional.

No plano de obra do proxecto constructivo definirase un plano viario e de accesos a obra. Nestas zonas deberá imposibilitarse o acceso de maquinaria, sempre que sexa posible, a unha franxa de 10 m de largura respecto do borde da auga.

Fauna: o sistema de drenaxes transversais, complementado con parte do sistema lonxitudinal de drenaxes, pode ser utilizado para favorece-lo paso da herpetofauna neste treito da vía dunhas zonas a outras, empregando as técnicas pertinentes para favorece-la direccionalidade da fauna cara ás ditas zonas permeables. Para solventa-lo posible efecto barreira da vía sobre os restantes grupos faunísticos, pero, fundamentalmente, sobre o dos mamíferos, debera realizarse un proxecto de axeitamento da infraestructura ás comunidades faunísticas do territorio.

Acondicionamento paisaxístico: realízase a través da execución dun proxecto de restauración.

Patrimonio histórico artístico: realizar unha prospección intensiva da superficie ocupada pola banda de expropiación e extensiva/exhaustiva da superficie ocupada por unha banda de 200 metros do límite exterior da superficie alterada pola obra. Os resultados desta prospección, así como a delimitación precisa dos elementos para os que se establecen medidas correctoras puntuais, cos correspondentes impactos e medidas correctoras que se desprendan dos resultados da prospección débense incorporar ó proxecto constructivo. Como medida correctora xeral establécese a necesidade de realizar un seguimento e control dos movementos de terra durante a execución do proxecto.

ANEXO II

Resultado do proceso de consultas.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural sinala unha serie de cuestións que deben considerarse no proceso de deseño de detalle do proxecto, é dicir, fases de proxecto de trazado e/ou proxecto constructivo. Estas son as indicadas a continuación:

Desenvolvemento do proxecto de axeitamento da infraestructura ás comunidades da fauna.

Definición e concreción do proxecto de restauración, de xeito que permita a súa execución por parte do contratista das obras.

Estudio de alternativas que eviten a afección ó espacio natural das Fragas do Eume.

Definición de tódalas medidas correctoras a nivel executable.

Integración ambiental do plano de obra.

Requírese se realicen e estudien en detalle aqueles axustes de cálculo e deseño no que respecta ós sistemas de drenaxe proxectados (tanto lonxitudinais como transversais), de xeito que non se produzan alteracións sobre a rede hidrográfica nos puntos de desaugamento, é dicir, que non se produzan trasvases intercuncas, nin se xeren fenómenos erosivos, asolagamentos e efectos presa ou sedimentacións.

Deberá respectarse o réxime de caudais nos cursos interceptados polo proxecto. Ademais, nas seccións directamente implicadas, certificarase e xustificarase que o fluxo das augas manteña as actuais condicións de velocidade e profundidade da lámina de auga, para o que se establecerán aquelas estructuras que resulten precisas para cumprir co indicado. En todo caso, xustificarase tecnicamente o axeitamento das solucións adoptadas ós obxectivos indicados.

Débense xustifica-las obras que atravesen os cursos de auga, tanto hidráulica como constructivamente. Débense adoptar preferentemente estructuras que non afecten ó leito, así preferiblemente disporanse estructuras en pórtico, marcos abertos ou tubos en ferradura.

Evitarase a vertedura de substancias contaminantes ás augas (cemento, residuos, aceites...). Asemade, non se poderá altera-la calidade das augas no que respecta ás súas condicións físico-químicas, cumprindo para iso co establecido ó respecto na lexislación vixente, é dicir, Directiva 78/659/CEE, Real decreto 927/1988 e Decreto 130/1997. Asemade, e en relación con isto, deberá terse en conta que non se acumularán nos leitos naturais nin nas zonas de servidume terras, residuos, material de construcción ou calquera outro tipo de material o substancias contaminantes que, a consecuencia de escorregas ou enchentes, puideran incorporarse ós cursos de auga e evitarase, no posible, o arrastre de sólidos en suspensión e prohíbese a lavada de materiais e utensilios nos ríos ou regatos.

Establecerase un procedemento de vixilancia sobre a posible aparición de fenómenos erosivos ocasionados pola rede de drenaxe. Incorporarase ó Programa de Vixilancia Ambiental e manterase durante a vida útil do proxecto.

Para afectar ós leitos e dominio público hidráulico requírese autorización do organismo de cunca, salvo no caso de que a dita modificación afecte os ecosistemas fluviais, requírese informe preceptivo da Dirección Xeral de Montes e MAN segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997. Cando se pretendan realizar cortas de especies arbóreas, deberá terse en conta o disposto no Regulamento de montes. No suposto de que se afecte á vexetación de ribeira terase que solicita-la correspondente autorización ó Servicio Provincial do MAN, tal e como establece o Decreto 130/1997.

Para o aproveitamento e utilización de calquera tipo de vexetación nas ribeiras dos ríos e das augas, será precisa autorización previa do Servicio Provincial de Medio Ambiente.

En atención ó posible «efecto barreira» da infraestructura respecto da fauna, indícase que as obras de drenaxe transversal deben presentar amplitude suficiente para permiti-lo paso daquela. Recoméndase evitar sistemas de drenaxe tipo «marco» ou «tubo». Asemade, a totalidade dos sistemas de drenaxe deben ser considerados como pasos bidireccionais para fauna, polo que deben carecer de estructuras verticais que impidan o retorno.

Non se poderán depositar nin acumular residuos sólidos no ámbito da zona de obras. En caso de utilizar canteiras abandonadas ou outros lugares para o amoreamento de residuos, indicarase cáles son e establecerase un programa de actuacións para acondicionar estas zonas. En calquera caso, a totalidade dos residuos xerados, tanto en fase de construcción como de explotación, deberán xestionarse de acordo coa súa natureza e a lexislación vixente.

Asemade, incídese na importancia de maximiza-la recuperación de terra vexetal e de desenvolver procedementos de xestión axeitados, dos que se achega guión básico, co obxecto da súa utilización posterior no marco da restauración vexetal dos espacios afectados polas obras.

No que respecta ás medidas correctoras, protectoras e compensatorias, deberán desenvolverse e definirse con detalle suficiente. Asemade, orzamentaranse, e incorporaranse, se procede, ó preceptivo prego de condicións e, por último, incorporaranse ó proxecto como unidades de obra.

Débense considera-los procedementos de seguimento da aplicación das medidas correctoras e da evolución da obra e que se debe contar con partida orzamentaria en proxecto para a realización destes traballos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa favorablemente.

A Demarcación de Estradas do Estado en Galicia manifesta a súa conformidade ó estudio informativo.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no seu primeiro informe, informa que considera axeitadas as medidas correctoras propostas na memoria da prospección arqueolóxica presentada e sinala o seguinte:

O proxecto constructivo definitivo remitirase á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante, este proxecto deberá conter un plan global de medidas correctoras onde se incluirá o seguinte:

Proxecto arqueolóxico para a realización da prospección arqueolóxica intensiva e para o control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución da obra e de restitución dos terreos, proxecto que terá que ser autorizado por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nesta fase previa ó inicio das obras.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha das fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño do proxecto farase en coordinación con esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En virtude da citada Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos faranse con cargo ó financiamento do proxecto.

No seu segundo informe, sobre a modificación do trazado proposta, indica que non hai ningún inconveniente na realización da modificación.

ANEXO III

Resumo de alegacións.

Gerardo Freire Graña manifesta, en dúas alegacións, o seu rexeitamento á alternativa 3 por afectar

un predio da súa propiedade onde se sitúa a súa vivenda, onde a súa muller exerce a súa profesión como artesá do vidro e na que existe pozo legalizado.

Solicita se descarte a alternativa 3.

Ricardo Carpente López rexeita o trazado proposto por discorrer pola marxe dunha explotación gandeira da súa propiedade que se verá imposibilitada de ampliar e que pode verse afectada na súa productividade debido ós efectos do ruído do tráfico sobre o gando.

Verónica Puente Prieto sinala que ó nivel do p.k. 0+260, o trazado proxectado discorre sobre unha parcela da súa propiedade, para a que se dispón de proxecto e licencia de obra para a construcción dunha vivenda unifamiliar illada de data 20 de xaneiro de 2000.

Solicita un desprazamento do trazado cara ó norte ó longo do primeiro quilómetro.

O Grupo Municipal do PP de Cabanas apoian o trazado da A-1 coa salvidade de que se propón unha modificación de trazado nos seus primeiros 800 m no sentido de desprazala cara ó norte para evitar afectar a vivendas e non condiciona-lo desenvolvemento do núcleo rural da zona.

María Rico e 308 veciños máis apoian o trazado da A-1 coa salvidade de que se propón unha modificación de trazado nos seus primeiros 800 m no sentido de desprazala cara ó norte para evitar afectar a vivendas e non condiciona-lo desenvolvemento do núcleo rural da zona.

Manuel López Solís manifesta o seu rexeitamento ás alternativas A-2 e A-3, por afectar a unha traída de augas da súa propiedade.

Apoia á A-1 polo seu menor impacto ambiental, aínda que propoñen a modificación do seu treito inicial no sentido de que o trazado discorra por detrás das vivendas da zona, conseguindo así non afecta-la zona do nacemento do río Baa.

Fernanda López Vila manifesta o seu rexeitamento ás alternativas A-2 e A-3, por afectar a unha traída de augas da súa propiedade.

Apoia a A-1 polo seu menor impacto ambiental, aínda que propoñen a modificación do seu treito inicial no sentido de que o trazado discorra por detrás das vivendas da zona, conseguindo así non afecta-la zona do nacemento do río Baa.

José Piñeiro Formoso manifesta o seu rexeitamento ás alternativas A-2 e A-3 por afecta-lo predio da súa propiedade, á zona de nacemento do río Baa e ós mananciais e regos que dan servicio de regadío ó seu predio.

Apoia a A-1 polo seu menor impacto ambiental, aínda que propoñen a modificación do seu treito inicial no sentido de que o trazado discorra por detrás das vivendas da zona, conseguindo así non afecta-la zona do nacemento do río Baa.

Luis Méndez Maceiras manifesta o seu rexeitamento ás alternativas A-2 e A-3, por afectar a unha traída de augas da súa propiedade.

Apoia a A-1 polo seu menor impacto ambiental, aínda que propoñen a modificación do seu treito inicial no sentido de que o trazado discorra por detrás das vivendas da zona, conseguindo así non afecta-la zona do nacemento do río Baa.

Ángel Allegue García manifesta o seu rexeitamento ás alternativas A-2 e A-3, por afecta-la unha traída de augas da súa propiedade.

Apoia á A-1 polo seu menor impacto ambiental, aínda que propoñen a modificación do seu treito inicial no sentido de que o trazado discorra por detrás das vivendas da zona, conseguindo así non afecta-la zona do nacemento do río Baa.

Transmiño, S.L. rexeita a A-3 por afecta-la edificación onde se sitúa a vivenda e negocio dos alegantes.

Apoian á A-1, aínda que sinalan a conveniencia de despraza-lo trazado cara ó norte.

Francisco J. Cabada Fraga sinala ser propietario dunha parcela e vivenda situada ó sur do treito inicial das alternativas.

Rexeita as alternativas 2 e 3 por afectar gravemente a súa propiedade e apoia a A-1, aínda que solicita se desprace cara ó norte o trazado do seu tramo inicial.

Ángel Gato Otero rexeita o carácter da vía de «accesos limitados» por considerar que só beneficia os veciños situados no comezo e ó remate do vieiro.

Rexeita, en suma, a A-1 ó ser afectado directamente polo trazado e propón que se elixa outra das alternativas.

José Martín Seco López rexeita o trazado da A-1, pois ocúpalle dos predios da súa propiedade cualificadas como urbanizables.

Alberto Barcia Rodrigo rexeita o carácter da vía de «accesos limitados» por considerar que só beneficia ós veciños situados no comezo e ó remate do vieiro.

Rexeita, en suma, a A-1 ó ser afectado directamente polo trazado e propón se elixa outra das alternativas.

Carlos Rodríguez Cebreiro manifesta que o trazado das alternativas 1 e 2 discorre pola fronte da parcela onde se sitúa a súa vivenda, quedando esta a uns 15 m do borde superior do noiro.

Solicita que se adopte a A-3, ou ben se adopte a A-1 modificando o seu trazado no sentido de despraza-lo seu arranque cara ó sur e desenvolver un treito que perpendicularmente ó trazado proposto para as tres alternativas, entronque coa A-1 ó sur da vivenda e á altura do p.k. 0+550 aproximadamente.

En caso contrario, solicita a expropiación total da parcela e da vivenda.

O Concello de Fene sinala que ningunha das alternativas afecta de forma directa o Concello de Fene. En todo caso, consideran que indirectamente, a A-1 tería efectos beneficiosos sobre o alivio de tráficos en parte da rede viaria de Fene.

O Concello de Cabanas manifesta a súa oposición ó estudio informativo en calquera das alternativas que se planeen.

Consideran innecesario o estudio, pois a mellora da AC-141 xa conectará directamente As Pontes coa A-9.

Engaden que as características do vieiro no responden ás necesidades do concello».

«Resolución do 20 de decembro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se revisa a declaración de impacto ambiental do proxecto de estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e a A-9 en Vilar do Colo. Clave AC/99/65.1. Promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas.

Con data do 3 de decembro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, emitiu a resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudio informativo da nova estrada de conexión da AC-141 coa CN-651 e a A-9 en Vilar do Colo. Clave AC/99/65.1, promovido pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

En data do 12 de marzo de 2002 (Rexistro de Entrada nº 3827) o director xeral de Obras Públicas remite observacións do subdirector xeral de Estradas sobre a DIA co obxecto de que se emenden os erros indicados no citado escrito.

Unha vez examinadas as consideracións contidas no escrito do subdirector xeral de Estradas, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente revisión da declaración de impacto ambiental a modificación que a continuación se indica:

Na páxina 9 de 19, por duplicidade, elimínase o punto 10.5.

Na páxina 7 de 19, por duplicidade, no parágrafo 4º:

Onde di:

«Tódalas analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidade homologada e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Asemade, e tal e como se estipula no punto 10.7 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental».

Substitúese por:

«Tódalas analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada e

os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Asemade, e tal e como se estipula no punto 10.7 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental».

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2002.

José Luís Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación

Ambiental»