Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 31 de outubro de 2003 Páx. 13.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 22 de outubro de 2003 pola que se convocan as probas específicas para a obtención dos diplomas das especialidades da escala técnica de finanzas polo persoal funcionario pertencente a ela.

O Decreto 369/1992, do 17 de decembro, establece no seu artigo 5 a posibilidade de que os funcionarios que pertenzan a algunha das tres especialidades da escala técnica de finanzas, poderán obte-los diplomas que os habiliten para ocupar postos de traballo reservados ás outras especialidades da dita escala.

O artigo 3 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 21 de outubro de 1996 desenvolve

o dito decreto, esixindo a superación dunha proba sobre as materias correspondentes ós cursos por ela establecidos para obte-los ditos diplomas.

Por outra parte, o artigo 16 da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, unificou as especialidades técnicas de inspección financeira e tributaria e de xestión tributaria nunha única especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria, asumindo as funcións que anteriormente tiñan asignadas aquelas.

Realizada a integración do persoal funcionario e celebrados diversos procesos selectivos para o acceso á escala técnica de finanzas, é necesario proceder á convocatoria das mencionadas probas para permiti-la cobertura ordinaria dos postos de traballo reservados á escala polo persoal funcionario que acredite a súa pertenza ás especialidades da mesma, mediante a posesión dos correspondentes diplomas.

En virtude do exposto, e facendo uso da autorización prevista no artigo 5 do Decreto 369/1992, do 17 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Convócanse as probas específicas para a obtención dos diplomas das especialidades da escala técnica de finanzas, co obxecto de que os funcionarios que as superen poidan acceder, se é o caso, ós postos de traballo correspondentes ás ditas especialidades. As probas desenvolveranse en dúas modalidades, na forma que se establece nos anexos I e II desta orde, e consistirán na superación dunha proba escrita

ou ben na realización dun curso, relacionados coas materias recollidas no anexo III.

2. A obtención, como consecuencia da superación das probas establecidas nesta orde, da especialidade adicional da escala técnica de finanzas non suporá cambio de situación administrativa nin, se é o caso, do posto de traballo desempeñado.

Artigo 2º.-Solicitantes.

Poderá solicita-la súa participación nas probas o persoal funcionario que, con referencia ó último día do prazo de presentación de solicitudes, pertenza a algunha especialidade da escala técnica de finanzas da Xunta de Galicia, e desexe obte-lo correspondente diploma que o habilite para ocupar postos de traballo reservados á outra especialidade da escala.

Artigo 3º.-Solicitudes.

Os aspirantes que reúnan os requisitos esixidos e desexen participar nas probas, deberán presenta-la súa solicitude conforme o modelo do anexo IV a esta orde, facendo constar nela a modalidade de proba que desexan realizar. As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Economía e Facenda, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Economía e Facenda, sito no edificio administrativo nº 3 de San Caetano, nos das súas delegacións territoriais, ou por calquera dos medios previstos pola normativa reguladora do procedemento administrativo. Á instancia uniranse as certificacións ás que fai referencia o anexo V, así como os documentos (orixinais ou copia compulsada) xustificativos destas, en caso de que se opte pola modalidade de curso.

O prazo de presentación de instancias será de quince días a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Relación de admitidos.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o conselleiro de Economía e Facenda dictará resolución pola que declare aprobadas as listas provisionais de admitidos e excluídos ás probas. A dita resolución, que deberá incluí-las relacións de aspirantes excluídos, con indicación das causas da exclusión, así como os lugares en que se atopan expostas ó público as listas de admitidos, deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

En todo caso as listas deberán ser expostas nos servicios centrais da Consellería de Economía e Facenda e nos das súas delegacións territoriais. Nelas deberán consta-los nomes, apelidos e número de documento nacional de identidade dos solicitantes, así como a especialidade á que desexen acceder.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da dita resolución no Diario Oficial de Galicia, para emenda-lo defecto que motivara a

exclusión, sendo definitivamente excluídos das listas aqueles que non o fixeran en tempo e forma.

Transcorrido o prazo de emenda, o conselleiro de Economía e Facenda dictará resolución pola que se declaran aprobadas as listas definitivas de admitidos e excluídos. Contra a dita resolución poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo competente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data.

Artigo 5º.-Convocatoria dos aspirantes.

Os aspirantes, no prazo de tres meses desde a publicación da lista de admitidos, serán emprazados para a realización do exame ou ben para o inicio do curso, segundo a modalidade elixida por eles, nos que se determinará o grao de coñecemento dos temas correspondentes á especialidade que pretenden obter. O número máximo de prazas do curso será de 30 por especialidade, e se celebrarán sucesivas convocatorias en función do número de solicitudes recibidas. En circunstancias excepcionais, debidamente apreciadas pola comisión de selección á que se fai referencia no punto II do anexo II a esta orde, poderase modifica-lo número de prazas do curso.

Artigo 6º.-Cualificacións.

As probas cualificaranse como apto ou non apto. Finalizado o exame ou o curso, segundo proceda, o conselleiro de Economía e Facenda dictará resolución definitiva coa relación dos aspirantes que as superaron. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

A cualificación de apto orixinará a expedición a favor do interesado do correspondente documento acreditativo da superación das probas, e da súa pertenza á especialidade correspondente da escala técnica de finanzas.

Disposición adicional

Ós funcionarios integrados na escala técnica de finanzas procedentes de corpos da Administración do Estado que con posterioridade á súa integración obtiveran outra especialidade no corpo estatal de procedencia, ou, se fose o caso, accederan a outro dos corpos no que aquel fora separado, seralles recoñecida a especialidade que corresponda na escala técnica de finanzas da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2003.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Modalidade A: realización dunha proba escrita

I. Realización da proba.

Os solicitantes que opten por esta modalidade serán convocados para a realización dunha proba escrita que consistirá na realización, nun tempo máximo de catro horas, dun suposto práctico que versará sobre as materias que para cada especialidade da escala técnica de finanzas establece a antedita Orde do 21 de outubro de 1996, relacionadas no anexo III a esta orde.

II. Comisión de avaliación.

Para a avaliación das probas establécese unha comisión para cada unha das especialidades, integradas polos seguintes membros:

A. Comisión de avaliación para adquiri-la especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria:

Presidente: o secretario xeral e do Patrimonio.

Vocais: o director xeral de Tributos, un representante designado polas organizacións sindicais e dous funcionarios da Consellería de Economía e Facenda, un deles pertencente á especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria da escala técnica de finanzas, que exercerá as funcións de secretario. Ambos serán designados polo secretario xeral e do Patrimonio.

B. Comisión de avaliación para adquiri-la especialidade técnica de intervención e contabilidade:

Presidente: o secretario xeral e do Patrimonio.

Vocais: o interventor xeral da comunidade autónoma, un representante designado polas organizacións sindicais e dous funcionarios da Consellería de Economía e Facenda, un deles pertencente á especialidade técnica de intervención e contabilidade da escala técnica de finanzas, que exercerá as funcións de secretario. Ambos serán designados polo secretario xeral e do Patrimonio.

III. Cualificación.

Trala cualificación das probas por parte da comisión de avaliación anteriormente citada, elevarase a relación de aspirantes que as superaron ó conselleiro de Economía e Facenda, para que dicte resolución para o efecto.

ANEXO II

Modalidade B: realización dun curso

I. Realización do curso.

Os solicitantes que opten por esta modalidade serán convocados para a realización dun curso no que se impartirán as materias que para cada especialidade da escala técnica de finanzas establece

a antedita Orde do 21 de outubro de 1996, relacionadas no anexo III a esta orde.

II. Comisión de selección e avaliación.

Para a selección e avaliación dos participantes no curso establécese unha comisión para cada unha das especialidades, integradas polos seguintes membros:

A. Comisión para adquiri-la especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria:

Presidente: o secretario xeral e do Patrimonio.

Vocais: o director xeral de Tributos, un representante designado polas organizacións sindicais e dous funcionarios da Consellería de Economía e Facenda, un deles pertencente á especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria da escala técnica de finanzas, que exercerá as funcións de secretario. Ambos serán designados polo secretario xeral e do Patrimonio.

B. Comisión para adquiri-la especialidade técnica de intervención e contabilidade:

Presidente: o secretario xeral e do Patrimonio.

Vocais: o interventor xeral da comunidade autónoma, un representante designado polas organizacións sindicais e dous funcionarios da Consellería de Economía e Facenda, un deles pertencente á especialidade técnica de intervención e contabilidade da escala técnica de finanzas, que exercerá as funcións de secretario. Ambos serán designados polo secretario xeral e do Patrimonio.

III. Selección dos participantes.

A selección dos participantes efectuarase pola antedita comisión de acordo co baremo de méritos que se desenvolve no punto IV deste anexo.

IV. Baremo de méritos.

Un. No baremo valoraranse, ata un máximo de dez puntos, os seguintes méritos adquiridos ata a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

1. Antigüidade na escala.

Por cada ano ou fracción superior a seis meses de servicios prestados en postos de traballo reservados á escala técnica de finanzas, 0,50 puntos, ata un máximo de catro puntos. Para estes efectos só se computarán os postos desempeñados desde o momento de acceso á escala técnica de finanzas.

2. Grao persoal consolidado.

Polo nivel 16 de grao consolidado, 1,20 puntos; por cada nivel que exceda de 16, 0,15 puntos. A puntuación máxima deste epígrafe é de catro puntos. No caso de que o solicitante careza de nivel consolidado asignaráselle neste punto a puntuación

correspondente ó nivel mínimo do corpo ó que pertence.

3. Cursos de formación e perfeccionamento.

Por cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidade e Inem, ou organismos que impartan cursos de formación ocupacional das comunidades autónomas que teñan transferidas as competencias na materia, así como os cursos informados favorablemente pola EGAP ou homologados por esta ou polo INAP, que teñan relación coas materias e funcións propias das especialidades da escala, ademais dos cursos do Instituto de Estudios Fiscais e da Escola de Facenda Pública, por razón da especificidade das materias que neles imparten:

a) Por cada curso de aproveitamento igual ou superior a 40 horas lectivas: 0,40 puntos.

b) Por cada curso de aproveitamento inferior a 40 horas lectivas: 0,25 puntos.

c) Por cada curso con diploma de asistencia: 0,15 puntos.

A puntuación máxima deste epígrafe é de dous puntos.

Dous. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas no curso será determinada pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

En caso de empate nas puntuacións, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nos diferentes puntos do punto un deste artigo. De persisti-lo empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra C, resultante do sorteo realizado o 10 de marzo de 2003 (DOG nº 52, do 14 de marzo).

Tres. Os méritos aducidos polos interesados deberán ser acreditados mediante certificado segundo o modelo do anexo V, asinado polo responsable do servicio de persoal da Consellería de Economía e Facenda, ou, se é o caso, polos das súas correspondentes delegacións territoriais. Se o solicitante estivera prestando servicios noutro organismo, o certificado será asinado polo responsable do servicio de persoal do dito organismo.

V. Duración e horarios.

O curso terá unha duración de 100 horas lectivas e desenvolverase en horario de tarde, dous días á semana, catro horas cada tarde. A Consellería de Economía e Facenda poderá modifica-la duración, datas e horarios dos cursos, para adaptalos ás necesidades administrativas e ás continxencias que xurdan no desenvolvemento do curso.

VI. Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades do curso. A ausencia xustificada deberá ser autorizada polo director do curso. A inasistencia, aínda que sexa xustificada, en máis do 15% das horas lectivas determinará a cualificación de non apto do curso.

VII. Avaliación do curso.

Ó longo do curso efectuarase unha avaliación do traballo realizado polos participantes considerando, para tal efecto, o seu grao de dedicación e o aproveitamento obtido no contido dos diversos módulos mediante a realización, se é o caso, das oportunas probas.

Ó remate do curso os participantes haberán de realizar por escrito, nun tempo máximo de catro horas, un suposto práctico sobre as materias obxecto do curso, a cualificación do cal será apto ou non apto.

Finalizado o curso, o seu director trasladará á comisión citada no punto II a proposta de cualificacións obtidas polos participantes nel. Efectuada a avaliación pola dita comisión, esta elevará ó conselleiro de Economía e Facenda a relación de aspirantes que o superaron, para que dicte resolución para o efecto.

ANEXO III

Materias correspondentes a cada unha das

especialidades da escala técnica de finanzas

1. Especialidade técnica de inspección e xestión financeira e tributaria.

-Política financeira.

-Tributos xestionados pola comunidade autónoma e funcionamento das oficinas liquidadoras.

-Tributos xestionados polo Estado.

-Recursos e sancións.

-Procedemento de xestión.

-Procedemento de inspección.

2. Especialidade técnica de contabilidade e intervención.

-Contabilidade pública.

-Política financeira.

-Función interventora.

-Auditoría e control financeiro.

-Orzamentos da comunidade autónoma e disposicións que os desenvolven.