Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 31 de outubro de 2003 Páx. 13.478

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 397/2003, do 23 de outubro, para a utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2004.

As normas básicas para a correcta utilización dos elementos gráficos representativos do Xacobeo 2004 están recollidas nun manual propiedade exclusiva da Xunta de Galicia a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

Faise preciso, polo tanto, normalizar e delimita-lo uso da identidade corporativa do Xacobeo 2004 coa finalidade de que se respecte de tal xeito que non se poidan producir interpretacións libres que modifiquen os seus límites ou conduzan ó uso indebido da imaxe.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os departamentos da Xunta de Galicia, os seus organismos autónomos e empresas públicas, sen prexuízo da observancia do vixente código de identificación corporativa, utilizarán como elementos adicionais os símbolos do Xacobeo 2004, reflectidos no correspondente manual básico, que figura como anexo deste decreto, en tódalas súas accións de comunicación audiovisuais, escritas ou plásticas.

Artigo 2º

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo facilitará a información xeral sobre a regulación, medidas de protección e outorgamento de licencias para a utilización da identidade corporativa do Xacobeo 2004.

Non se permitirá a utilización da identidade corporativa Xacobeo 2004 en actividades comerciais, salvo licencia concedida previamente pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, e no seu uso para fins non lucrativos ou para actuacións non susceptibles de producir beneficios deberá constar expresamente a autorización por escrito da dita sociedade.

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo non responderá en ningún caso das infraccións dos dereitos de propiedade industrial e intelectual nin dos actos de competencia desleal nos que poidan incorre-los peticionarios.

Artigo 3º

As solicitudes para a utilización dos símbolos representativos do Xacobeo 2004 dirixiranse á Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, sendo esta empresa a competente para outorga-las correspondentes licencias e autorizacións.

Artigo 4º

A Xunta de Galicia fomentará o emprego polas entidades locais galegas dos símbolos xacobeos nos mesmos termos que o Goberno galego.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA