Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 28 de outubro de 2003 Páx. 13.325

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 392/2003, do 23 de outubro, polo que se regula o exercicio pola Comunidade Autónoma de Galicia das competencias en materia de Academias de Galicia.

A Constitución española, no seu artigo 44, establece que os poderes públicos promoverán e facilitarán o acceso á cultura e promoverán a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 27, punto 19, atribúelles ós poderes públicos de Galicia o fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución.

Co fin de proceder ó exercicio efectivo das anteriores competencias e en atención ó importante labor que no fomento da cultura e da investigación realizan as Academias, faise necesaria a súa regulación dentro do respecto á autonomía organizativa e á liberdade intelectual que deben presidi-lo seu funcionamento.

Por este decreto, ademais de delimita-lo seu ámbito de aplicación, que non pode ser outro que o da Comunidade Autónoma de Galicia, procédese á definición destes institutos xurídicos como corporacións de dereito público que teñen como finalidade primordial o fomento, a investigación e o desenvolvemento das ciencias, das artes, das letras e da cultura, en xeral. Esta natureza pública vénlles dada como órganos que son asesores da Administración nos termos establecidos en cada caso pola normativa vixente.

Así mesmo, prevese a creación no futuro de novas Academias en Galicia, atribuíndo tal facultade ó Consello da Xunta de Galicia; procédese á creación dun Rexistro Xeral de Academias de Galicia dependente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e establécese o procedemento de adscrición de cada Academia ós distintos departamentos da Xunta de Galicia segundo o obxecto e finalidade principal de cada unha delas; departamentos que exercerán a partir da adscrición as competencias que lle poidan corresponder á Administración autonómica de Galicia respecto destas corporacións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, cumprido o trámite de audiencia das corporacións afectadas a que fai referencia o artigo 24.1º c) da Lei 50/1997, do 27 de novembro, de organización, competencia e funcionamento do Goberno, e logo de deliberación do Consello da Xun

ta de Galicia na súa reunión do vintetrés de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación ás Academias que teñan o seu domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Definición.

Para os efectos deste decreto son Academias de Galicia as corporacións de dereito público que teñen por finalidade principal a investigación no campo das ciencias, das artes, das letras e da cultura en xeral e figuran inscritas no Rexistro Xeral de Academias de Galicia.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

As Academias de Galicia réxense polos seus estatutos, pola lexislación de xeral aplicación e polo establecido neste decreto, así como pola normativa que se dicte en desenvolvemento deste.

Artigo 4º.-Rexistro de Academias de Galicia.

Créase na Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública o Rexistro Xeral de Academias de Galicia. O mencionado rexistro estará adscrito á Secretaría Xeral da referida consellería e nel inscribiranse os acordos de constitución, e se é o caso, os de extinción ou disolución, os estatutos e as súas modificacións, o órgano de goberno e a consellería á que quedan adscritas. Os estatutos deberán conter como mínimo a denominación, o domicilio, a finalidade, o réxime económico, o órgano de goberno e os dereitos e deberes dos académicos.

As Academias quedarán adscritas á Consellería da Xunta de Galicia con competencia específica sobre a materia propia dos fins de cada Academia.

Artigo 5º.-Atribucións.

Correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia a adopción do acordo de creación das Academias, a súa adscrición ás distintas consellerías e a aprobación da modificación dos estatutos.

Correspóndelle á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública a proposta e elevación ó Consello da Xunta de Galicia do acordo ó que se refire o parágrafo anterior, así como o mantemento do Rexistro Xeral de Academias de Galicia.

Correspóndelle a cada consellería a proposta e elevación ó Consello da Xunta de Galicia dos acordos de extinción ou disolución das Academias e os de modificación dos estatutos, logo de informe da Asesoría Xurídica, así como o exercicio das demais funcións que lle poidan corresponder á Administración autonómica nesta materia.

Artigo 6º.-Denominación das Academias.

A denominación de Academia soamente poderá ser utilizada por aquelas corporacións reguladas nes

te decreto e inscritas no Rexistro de Academias de Galicia.

Artigo 7º.-Funcións.

Ademais das funcións previstas nos seus estatutos, as Academias de Galicia terán a consideración de órganos asesores da Xunta de Galicia, nos termos previstos nos seus estatutos e na normativa vixente en cada materia.

Disposición adicional

Considéranse incluídas no ámbito de aplicación deste decreto e inscribiranse de oficio no Rexistro Xeral de Academias de Galicia, a Real Academia Galega, competencia que lle foi recoñecida á Comunidade Autónoma mediante declaración do Pleno da Comisión Mixta de Transferencias da Administración central do Estado-Xunta de Galicia na súa sesión do día 26 de novembro de 2002; a Real Academia Galega de Ciencias, a Real Academia de Medicina e Cirurxía, a Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e a Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, sobre as que foi recoñecida competencia á Comunidade Autónoma de Galicia mediante acordo do 29 de setembro de 2003 da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para que dicte as disposicións que se consideren pertinentes para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública