Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 24 de outubro de 2003 Páx. 13.234

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 16 de outubro de 2003 pola que se establecen axudas económicas para palia-los danos producidos por especies cinexéticas na circulación viaria.

O artigo 148.1º.11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, confírelle á nosa comunidade a competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, atribúelle á devandita consellería, dentro das súas competencias o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

Esta orde parte da premisa do concepto de subvención e axuda pública contidos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, que regula a concesión de axudas e subvencións que se outorguen con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que no seu artigo 78.2º define a subvención como toda disposición de fondos públicos acordados pola Administración da Comunidade Autónoma ou unha entidade vinculada ou dependente desta con cargo ós seus orzamentos, a favor doutras entidades públicas ou de particulares e que cumpra os requisitos de que a entrega se realice sen contraprestación directa dos beneficiarios, que a entrega estea afectada a un fin, un propósito, unha acitivade ou un proxecto específico, e exista a obriga do destinatario de cumpri-las obrigas ou os

riquisitos que se establecen, e que a finalidade responda ó fomento dunha actividade de utilidade pública ou interese social.

O crecente incremento das poboacións dalgunhas especies cinexéticas nos montes galegos é un feito que se evidencia cada día con maior forza. Este aumento poboacional ten efectos moi positivos no contorno biolóxico e no desenvolvemento rural que a actividade cinexética propicia, pero, ó seu lado, é causa directa dun aumento da sinistralidade na rede de estradas de Galicia e por ende de gastos importantes tanto respecto dos conductores coma dos seus vehículos. A Consellería de Medio Ambiente, consciente desta realidade e desde a perspectiva da inexistencia dunha obriga da Administración polos danos derivados dos sinistros nas vías públicas causados pola interrupción nas mesmas de especies cinexéticas, estima a oportunidade de establecer unha liña de axudas ós titulares de terreos cinexéticos, que teñan subscrito un contrato de seguro para facer fronte ós danos causados polos ditos animais que procedan dos seus terreos cinexéticamente ordenados.

En virtude do anterior, en consonancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Establécese unha liña de axudas para os titulares dos terreos cinexéticos que teñen contratado un seguro de responsabilidade polos danos que causen as especies cinexéticas que procedan dos seus terreos cinexeticamente ordenados (en adiante TECOR).

Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade e obxectividade e someteranse en tódolos seus extremos ó previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e o previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller a estas axudas os titulares de terreos cinexeticamente ordenados (TECOR) de titularidade privada, que tiveran subscrito para o presente ano un contrato de seguro, que cubra a responsabilidade polos danos derivados de sinistros nas vías públicas, pola irrupción nas mesmas de especies cinexéticas procedentes dos ditos terreos.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Será obxecto de axuda a subscrición da póliza de seguro por accidentes de circulación producidos por especimes cinexéticos.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

A subvención constitúese como unha axuda que se concede ó titular do TECOR que subscribiu un contrato de seguro, para cubri-los danos que pudieran producirse por causa da irrupción na vía pública de especimes de caza.

A contía máxima da dita axuda será do 60% do importe da prima subscrita, sen que poida exceder en ningún caso do 0,12 euros por hectárea do TECOR beneficiario. O importe da axuda prorratearase, en todo caso, entre tódolos adxudicatarios ata o límite do crédito orzamentario.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes de subvención irán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente e serán presentadas nas correspondentes delegacións provinciais, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, no prazo de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

-Fotocopia do CIF/NIF do solicitante destinatario da subvención, ou persoa que o represente.

-Certificado da entidade financeira na que se encontra a conta do beneficiario para o pagamento da axuda, acreditativo da súa titularidade, número de conta e códigos da entidade, sucursal e control.

-Orixinal ou copia compulsada da póliza subscrita cunha entidade aseguradora, na que figure expresamente como incidencia asegurada os accidentes de circulación producidos por especies cinexéticas. Deberá acompañarse a acreditación do pagamento desta.

-Se o titular fose unha sociedade ou unha asociación, acordo do órgano competente desta polo que se aproba a solicitude desta axuda.

-Nos casos nos que o 60% do importe da póliza supere os 1.500 euros haberá de presentar certificacións que acrediten que o beneficiario está ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Declaración do conxunto das solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 6º.-Mellora e corrección das solicitudes.

Iniciado o procedemento, os servicios provinciais de Caza e Pesca Fluvial examinarán as solicitudes e documentos presentados. No caso que fosen detectadas faltas ou omisións, requirirase ó interesado para que sexan emendados ou completados, no prazo de 10 días hábiles seguintes ó da súa notificación, con indicación de que se así non o fixese, teráselle desistido da súa petición, arquivándose o expediente sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 7º.-Resolución.

O conselleiro de Medio Ambiente, no prazo máximo de tres meses, contados a partir da presentación da solicitude, resolverá conceder ou denega-las axudas solicitadas, en atención ó cumprimento dos requisitos que se conteñen nesta e das dispoñibilidades orzamentarias. As solicitudes que non fosen expresamente resoltas poderanse estimar denegadas, sen prexuízo da obriga legal de resolver, que se establece nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. As ditas resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes, dentro dos 10 días seguintes á toma do acordo.

Contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo ou ben, ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, que regula a xurisdicción contencioso administrativa.

Artigo 8º.-Aceptación da axuda.

Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de dez (10) días naturais, contados a partir do seguinte ó da recepción da notificación, para remitirlle á Consellería de Medio Ambiente un escrito de aceptación da axuda, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia a esta.

Artigo 9º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

Dictada resolución aprobatoria e unha vez que se comprobe que o solicitante presentou a documentación esixida nesta orde, procederase ó pagamento da axuda, no prazo de dous meses que sigan á resolución aprobatoria da solicitude.

En ningún caso procederán aboamentos a conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 10º.-Disposicións xerais.

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no artigo 33 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma, que desenvolve o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. No caso de que se producise unha minoración da póliza e sempre que se mantivese o obxectivo inicial, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente.

3. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectua-los servicios da Consellería de Medio Ambiente, así como facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Os beneficiarios quedan obrigados ó reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, de conformidade co disposto no artigo 19 do dito Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 11º.-Financiamento.

As accións previstas na presente orde financiaranse por parte da Consellería de Medio Ambiente con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.342 A. 780.2, ata un importe máximo de 102.000 euros, sendo susceptible de ampliación con cargo as outras partidas orzamentarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza en xeral para dictar tódalas disposicións complementarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente