Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Martes, 21 de outubro de 2003 Páx. 13.079

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dicta a normativa para a pesca da lamprea no río Ulla e se fixa o período e condicións para presenta-las solicitudes para a súa adxudicación no vindeiro ano 2004.

De conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 20 de xaneiro de 2000, pola que se fixan as normas xerais de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia, na que se faculta o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra para dictar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea no río Ulla, e co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado desta pesquería, establécese un réxime especial de pesca da antedita especie para o vindeiro ano 2003 nos tramos e coas limitacións que a seguir se indican, ás que se deberán ate-las persoas autorizadas como titulares así como as autorizadas para pescar nelas:

-Nas pesqueiras das Areas e As Vellas deberán deixar libre o canal central do río, non podendo faenar na denominada vea.

-O período de pesca será: desde o lugar das Areas (Herbón) ata a paraxe denominada As Vellas ambas inclusive, do día 7 de xaneiro ó 31 de marzo; e no tramo comprendido desde o canal de Herbón ata o lugar de Sinde do 9 de febreiro ata o 30 de abril.

-A pesca só poderá practicarse desde as pesqueiras tradicionais, detalladas no anexo, debendo empregar redes que non causen dano a outras especies piscícolas.

-As redes só poderán estar colocadas desde as 20.00 ata as 8.00 horas.

-Prohíbese a realización dos labores de pesca, debendo levantarse as redes das pesqueiras, desde as 8.00 horas dos sábados ata as 20.00 dos luns.

-Toda persoa que faene nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licencia de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e pesqueira, documentos que deberán levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

-Serán devoltos ás augas ou entregados ós axentes que o soliciten todos aqueles exemplares piscícolas que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

-En todo momento deberán colaborar cos axentes de Caza e Pesca Fluvial da Consellería de Medio Ambiente, seguindo as súas instruccións.

-O mesmo día que remate o réxime especial, procederase a retira-las artes de pesca.

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de conformidade co establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial. Polo uso indebido da pesqueira responderá o seu titular; se nun mesmo posto hai varios titulares, responderán conxunta e solidariamente.

Os permisos para toda a temporada estarán á venda a partir do 22 de decembro de 2003.

Xunto cos permisos entregarase un cuestionario de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto e deberá estar sempre ó dispor dos axentes de Caza e Pesca Fluvial. Unha vez rematada a temporada, será entregado no Servicio de Caza e Pesca Fluvial. O cumprimento deste requisito será indispensable para poder obter permiso para a próxima temporada.

No caso de que a pesqueira a traballe unha persoa distinta do seu titular, aquel, para a obtención dos citados permisos, deberá acreditar no Servicio de Caza e Pesca Fluvial estar autorizado polo do titular.

O Servicio de Caza e Pesca Fluvial, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modifica-lo contido da presente normativa adoptando medidas axeitadas.

Prazo para presenta-las solicitudes:

Co obxecto de axudica-las pesqueiras para a pesca da lamprea, acordo abri-lo prazo para que os titulares das pesqueiras do río Ulla presenten a súa solicitude:

-O dito prazo estará aberto desde a publicación da presente resolución ata as 14.00 horas do día 17 de novembro de 2003.

-Coa solicitude deberán presentar copia do DNI e a documentación que acredite a titularidade da pesqueira no Servicio Provincial de Caza e Pesca Fluvial, r/ Benito Corbal, 47-5ª planta - Pontevedra.

-A pesqueiras solicitadas serán as que se relacionan no anexo.

Pontevedra, 3 de outubro de 2003.

José Antonio López Rodríguez

Delegado provincial de Pontevedra