Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 14 de outubro de 2003 Páx. 12.749

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 8 de outubro de 2003 pola que se amplía o prazo de presentación dos xustificantes de gasto das axudas que se concedan ó abeiro das ordes do 13 e 28 de febreiro de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 21 e 26 de febreiro e 13 de marzo) polas que se procedeu a convocatoria para o ano 2003 das axudas correspondentes ós programas sectoriais de recursos naturais, servicios ó cidadán e tecnoloxías para a innovación do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnoloxía.

Por ordes da Consellería de Innovación, Industria e Comercio do 13 e 28 de febreiro de 2003, modificáronse as bases que rexen as convocatorias de axudas correspondentes ós programas sectoriais de recursos naturais, servicios ó cidadán e tecnoloxías para a innovación do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica aprobadas polas ordes do 22 e 29 de abril de 2002 (Diario Oficial de Galicia do 30 de abril, 13 e 15 de maio de 2002).

No punto sétimo das devanditas ordes establécese que nos proxectos de centros tecnolóxicos privados, de empresas ou agrupacións de empresas, asociacións sen ánimo de lucro e nas dotacións de laboratorios e departamentos de I+D, de empresas ou agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro, para percibi-las axudas correspondentes será preciso presentar antes do 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, os documentos requiridos.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das devanditas axudas, motivado polo longo proceso de avaliación, considérase preciso amplia-lo prazo de xustificación dos gastos realizados no ano 2003, polo que de conformidade no disposto no artigo 49 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo único.-Ampliar ata o 14 de novembro o prazo de presentación dos xustificantes correspondentes ós gastos realizados no ano 2003 nos proxectos de centros tecnolóxicos privados e nos proxectos e axudas para dotación de laboratorios e departamentos de I+D de empresas ou agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro, das axudas que se concedan ó abeiro das ordes do 13 e 28 de febreiro de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 21 e 26 de

febreiro e 13 de marzo de 2003) correspondentes ós programas sectoriais que a continuación se relacionan:

Programa sectorial de recursos naturais:

-Recursos mariños.

-Recursos enerxéticos e mineiros.

Programa sectorial de servicios ó cidadán:

-Ciencias sociais.

-Sociedade da información.

Programa sectorial de tecnoloxías para a innovación:

-Biotecnoloxía, tecnoloxías farmacéutica e de ciencias da saúde.

-Tecnoloxías da alimentación.

-Tecnoloxías ambientais.

-Tecnoloxías dos materiais.

-Tecnoloxías da construcción e conservación do patrimonio.

-Tecnoloxías da información e das comunicacións.

-Tecnoloxías de deseño e producción industrial.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio