Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 10 de outubro de 2003 Páx. 12.630

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 6 de outubro de 2003 pola que se declara de interese galego a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, con domicilio na rúa Basquiños, 2, de Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteseis de xuño de dous mil tres, acordou aproba-los estatutos da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia e autorizou o conselleiro de Emigración para o outorgamento da carta fundacional e para a realización de tódolos trámites necesarios para a constitución da dita fundación.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día trinta e un de xullo de dous mil tres, ante o notario do Colexio de Galicia, con residencia en Santiago, Manuel Remuñán López, con número oitocentos trin

ta e sete do seu protocolo, por Aurelio Miras Portugal no nome e representación da Xunta de Galicia.

Terceiro.-O conselleiro de Emigración na súa calidade de presidente da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, en escrito do 2 de setembro de 2003, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Cuarto.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese benéfico-social da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; na Lei estatal 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións; na Lei estatal 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ó mecenado; e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Emigración.

Quinto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 1 de outubro de 2003 (DOG nº 197, do 10 de outubro), clasificouse como benéfico-social a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Sexto.-Segundo consta no artigo seis dos estatutos da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, o seu obxecto é intermediar na xestión das actuacións necesarias para a obtención dos fondos dos organismos nacionais e internacionais destinados a financiar programas de axuda humanitaria. Igualmente, a prestación de asistencia de forma rápida e eficaz en crises humanitarias en casos de urxente necesidade, e particularmente en coordinación coas comunidades galegas radicadas nas áreas afectadas. Así mesmo, realizará actividades formativas que teñan como finalidade a capacitación de voluntarios e profesionais en materia de asistencia humanitaria, así como campañas de sensibilización entre a poboación galega e as comunidades galegas no exterior.

Sétimo.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, capacidade xurídica, composición do órgano de goberno, réxime de adopción de acordos, obxecto e enderezo.

O padroado da fundación estará constituído polos membros que se designan no artigo 10 dos estatutos.

Oitavo.-En cumprimento do establecido no artigo 32.2º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, en data do 23 de maio de 2003, a Asesoría Xurídica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública emitiu informe favorable dos estatutos da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia para os efectos da súa declaración como de interese galego.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 e 4 do Decreto 196/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Emigración, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da súa dotación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dálle nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra banda, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débese entender asumido pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Consellería de Emigración segundo se desprende dos

artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño.

Vistas as seguintes normas xurídicas: Constitución española; Estatuto de autonomía para Galicia; Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; Lei estatal 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións; Lei estatal 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ó mecenado; Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; Decreto 196/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración; Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; demais normativa de pertinente e xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Emigración.

Terceiro.-Que a dita fundación quede sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de darlle publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación. Non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2003.

Aurelio Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA