Dentro das actividades programadas para o ano 2003 en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a Deputación Provincial de Pontevedra, anúnciase a realización dun curso sobre actuación policial nos casos de violencia de xénero, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
-Coñece-la normativa xurídico-penal e procesual para os delictos e faltas deste tipo.
-Domina-la operativa profesional nos casos de malos tratos ás mulleres.
-Saber qué procedementos se deben seguir segundo a casuística de que se trate, así como os recursos asistenciais, legais e institucionais que se poden utilizar.
Publicación.
Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra.
Destinatarios.
O curso vai dirixido ós membros dos corpos de policía local da provincia de Pontevedra.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Prazas.
30 prazas.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 4 de novembro de 2003, ás 14.00 horas.
3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Pontevedra-Área de Recursos Humanos e Formación (fax: 986 80 41 41): avenida Montero Ríos, s/n, 36001 Pontevedra; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Datas.
O curso realizarase en datas do 10 ó 14 de novembro de 2003.
O horario será de 17.00 a 21.00 horas.
Contido.
O curso desenvolverase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse os seguintes módulos:
* Módulo I. Tratamento socio-asistencial.
-O maltrato como problema social. Situación actual do maltrato, con especial referencia a Galicia. Características, tipos e causas.
-Constantes nos casos de violencia de xénero. O ciclo da violencia.
-Consecuencias do maltrato. A asistencia institucional. Recursos e servicios sociais dirixidos ás víctimas.
-Outras instancias de apoio ós prexudicados.
* Módulo II. Tratamento procesual-penal.
-A violencia na familia e contra a muller desde a perspectiva xudicial.
-A necesidade dunha práctica policial axeitada a este tipo de delictos.
* Módulo III. Tratamento e operativa policial.
-Asistencia ás víctimas deste tipo de delictos.
-Intervención policial e primeiras dilixencias.
-A investigación e a recollida de probas e testemuñas.
-Operativa policial ordinaria.
-A interacción con outras institucións de axuda ás víctimas.
* Módulo IV. Tratamento nos medios de información.
-O tratamento dos casos de violencia intrafamiliar de cara á creación dunha opinión pública solidaria e consciente.
-A especial consideración da violencia contra a muller ou de xénero.
-A necesidade dun exercicio profesional rigoroso, con ausencia de morbo.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos farase pública o día 6 de novembro a partir das 14.00 horas, tanto pola Deputación Provincial de Pontevedra como pola Academia Galega de Seguridade, que os interesados poden coñecer e confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos 986 59 00 21 (AGS) ou 986 80 41 00, ext.: 306/307 (Área de Recursos Humanos e Formación da Deputación Provincial de Pontevedra).
Lugar.
O curso desenvolverase no concello de Sanxenxo, no Auditorio Municipal do Pazo Emilia Pardo Bazán, avda. Miraflores, s/n.
Certificado de asistencia.
Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel.
Modificacións.
Tanto a Academia Galega de Seguridade como a Deputación Provincial de Pontevedra, se é o caso, poderán modifica-lo desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 29 de setembro de 2003.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade