Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 03 de outubro de 2003 Páx. 12.385

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2003 pola que se convoca un curso sobre a intervención psicolóxica en catástrofes e situacións críticas.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2003, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre a intervención psicolóxica en catástrofes e situacións críticas, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Que os responsables das agrupacións de voluntarios teñan presente que as circunstancias nas que se poden ver moitos voluntarios, no desenvolvemento das súas actividades poden ser moi duras e difíciles de afrontar de maneira individual. Polo que é necesario ter uns coñecementos e adquirir unhas técnicas que aínda que básicas lle permitan dar respostas axeitadas a tales situacións podéndoas canalizar de maneira axeitada.

Segunda.-Destinatarios.

O curso vai dirixido ós responsables das A.V.P.C. (presidente, xefe, subxefe e xefe de grupo).

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 27.

2. Duración e data: o curso desenvolverase do 17 ó 20 de novembro de 2003, en xornada de mañá e tarde, cunha duración de 30 horas.

O horario será o seguinte: das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.30 horas.

3. Lugar: o curso celebrarase na Academia Galega de Seguridade, sita na avda. da Cultura s/n, 36680 A Estrada (Pontevedra).

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 21 de outubro de 2003.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: ave

nida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse os seguintes temas:

-Presentación, definición de obxectivos de coñecemento e metodoloxía formativa.

-Exposición e análise posterior, de contidos psicolóxicos reflectidos en determinados casos.

-Características psicolóxicas das situacións críticas nas dimensións comunitarias, grupais e individuais.

-Catacterísticas psicolóxicas das situacións críticas nos roles de damnificado e auxiliador.

-Procedementos e técnicas de intervención psicolóxica con damnificados.

-Procedementos e técnicas de intervención psicolóxica cos equipos de auxilio e os seus compoñentes.

-Adestramento en técnicas de protección psicolóxica para equipos de intervención.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados, con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Oitava.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 24 de setembro de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade