Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 03 de outubro de 2003 Páx. 12.382

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2003 pola que se convoca un curso sobre primeiros auxilios e excarceración.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2003, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dota-lo colectivo voluntario de Protección Civil de Galicia dos coñecementos e destrezas necesarios en primeiros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.

Segunda.-Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente superasen o curso básico de protección civil e o curso de 2º nivel de accidentes en estrada. Tendo prioridade os membros das A.V.P.C. que teñan equipos de excarceración.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso será de 27.

2. Duración e data:

O curso realizarase nas datas do 24 ó 28 de novembro e cunha duración de 40 horas lectivas.

O horario será de 9.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas.

3. Lugar: o curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, na Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta en tódolos seus recadros, á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 21 de outubro de 2003.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritario. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias serán enviadas por correo, fax, etc... á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel tratarase, entre outros, os seguintes temas:

a) O accidente de tráfico. Sinalización, regulación e avaliación de riscos.

b) Primeiros auxilios. Queimaduras. Traumatismos cranioencefálicos, da columna e torácico-abdominais. Fracturas, escordaduras e contusións.

c) A asistencia de emerxencias na nosa Comunidade. Transporte do lesionado.

d) Excarceración de víctimas atrapadas no interior de vehículos accidentados.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso esporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirma-la súa admisión chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 24 de setembro de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridad