Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 03 de outubro de 2003 Páx. 12.380

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2003 pola que se convocan dous cursos sobre plans de emerxencia municipal: proxecto e elaboración.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2003, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de 2 cursos sobre Plans de emerxencia municipal: proxecto e elaboración, que se desenvolverán conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dota-lo persoal responsable de elaboración de plans de emerxencia municipal dunha formación teórico-práctica que lle faciliten a realización de métodos de prevención e planificación necesarios nos seus concellos, en función dos posibles riscos ós que estean expostos.

Segunda.-Destinatarios.

-Persoal técnico dos concellos con responsabilidade na elaboración de plans de emerxencia municipal (PEMU).

-Responsables das Agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia. (Presidente, xefe, subxefe e xefe de grupo).

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas por curso é de 27.

2. Duración e data: o primeiro curso terá lugar os días 27, 28 e 29 de outubro de 2003 e o segundo, os días 1, 2 e 3 de decembro de 2003, cunha duración de 22 horas lectivas respectivamente.

O horario será o seguinte:

-Mañás: das 9.30 ás 14.00 horas.

-Tardes: das 16.00 ás 20.00 horas.

3. Lugar: os cursos realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade no concello da Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 21 de outubro de 2003.

4. Nas peticións do voluntariado as instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no cursos.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Cartografía. Tipoloxía de riscos. Análise e determinación de riscos. Organización e servicios no plan. Comunicación e información. Arquivos informáticos de elaboración do plan. Catálogo de medios e recursos.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirma-la súa admisión chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades dos cursos. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a eles e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 24 de setembro de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade