Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 26 de setembro de 2003 Páx. 12.115

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2003, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se concede autorización administrativa para a instalación denominada: L.M.T. a C.T. Pizarras Trevinca, S.A. e se desestima a solicitude de aprobación do seu proxecto de execución. (Expediente IN407A 02/55-3 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Pizarras Trevinca, S.A., con domicilio para efectos de notificacións no Trigal, concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense), de autorización administrativa e aprobación de proxecto da instalación eléctrica de referencia; resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-A petición someteuse a información pública por Acordo do 16 de maio de 2002 desta delegación provincial, publicado no BOP de Ourense do 18-6-2002, en aplicación do artigo 125 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto contempla a execución das instalacións eléctricas que se sinalan a continuación:

-Liña aérea a 20 kV, en conductor LA-110 e apoios metálicos, de 836 m, con orixe no apoio nº 3 da L.M.T. O Barco-Casaio de Unión Fenosa Distribución, S.A. e final no C.T. existente no lugar de Ariola con 315 kVA, autorizado no expediente 1419-A.T.

-Orzamento: 19.450,00 A.

Terceiro.-Durante o período de información pública Félix Segovia Anaya, en representación de Hidrogeológica, S.L., presentou escrito no que manifesta a súa oposición á instalación desta liña eléctrica, ó considerar que ocuparía terreos da súa propiedade, sen contar para iso co seu consentimento e sen que se realizara ata ese momento procedemento expropiatorio que autorice a ocupación daqueles. Como documentación achega certificacións do Rexistro da Propiedade do Barco de Valdeorras.

Cuarto.-Rogelio López Rodríguez, en representación de Pizarras Trevinca, S.A., e como contestación ás alegacións anteriores, manifiesta que os terreos polos que transcorre a liña non son propiedade de Hidrogeológica, S.L., acompaña un plano parcelario do trazado da liña na que se delimitan os predios particulares afectados; ó mesmo tempo identifica o titular de cada unha delas, e nalgún caso presenta documentación de propiedade, predios A, B, C, D e E de titularidade da propia empresa louseira, ou dos mutuos acordos acadados, fincas O e K.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000 e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro).

Segundo.-Polo que á autorización administrativa desta instalación se refire, non existe ningún impedimento para o seu otorgamento, xa que Pizarras Trevinca, S.A. presentou a documentación necesaria para iso e ó respecto cumpriuse o procedemento regulado na sección 1ª del título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, xa citado.

Terceiro.-Á vista das alegacións e documentación achegada ó expediente, queda de manifesto que o peticionario Pizarras Trevinca, S.A., non xustificou de maneira suficiente a propiedade de tódolos predios afectados nin que chegara ó mutuo acordo coa totalidade dos propietarios daquelas, xa que nalgún caso manifesta que unicamente existe autorización de paso verbal, concretamente nos predios F, G, H, I, J, L, M e N.

Polo anterior o expediente deberá completarse, de persisti-las circunstancias citadas, coa petición de declaración de utilidade pública para a instalación, sempre e cando se xustifique que a esta liña eléctrica lle é de aplicación o procedemento previsto no título IX da Lei 54/1997, do sector eléctrico.

O proxecto, no caso comtemplado no parágrafo anterior, debería de completarse coa documentación requerida polo artigo 143 do sinalado Real decreto 1955/2000, para continuar co trámite de prezo xusto conforme a Lei de expropiación forzosa con tódolos titulares afectados cos que non exista acordo mutuo, e de se-lo caso, co alegante Félix Segovia Anaya, sen que corresponda a esta fase do procedemento entrar en consideracións sobre as alegacións presentadas por este último.

Esta delegación provincial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Concede-la autorización administrativa a Pizarras Trevinca, S.A. da instalación eléctrica denominada L.M.T. a C.T. Pizarras Trevinca, S.A., no concello de Carballeda de Valdeorras.

2. Desestima-la petición de aprobación do proxecto de execución, polos motivos sinalados no parágrafo terceiro dos fundamentos de dereito.

3. Dar traslado da presente resolución á empresa distribuidora de enerxía eléctrica na zona para os efectos oportunos.

No prazo de tres meses, a partir da notificación desta, o peticionario deberá xuntarlle ó expediente as solicitudes e a documentación sinaladas anteriormente-punto terceiro dos fundamentos-, e se así non for, a teor do indicado no artigo 128.4º do regulamento citado, produciríase a caducidade desta autorización, co arquivo do expediente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 14 de maio de 2003.

Ramón Fernández-Linares Bouza

Delegado provincial de Ourense