Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 15 de setembro de 2003 Páx. 11.689

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2003, da División de Recursos Humanos, pola que se publican as listaxes definitivas de aspirantes admitidos e excluídos para participar no concurso-oposición para o ingreso nas clases de inspectores médicos e subinspectores sanitarios do Servicio Galego de Saúde e se anuncia a celebración do primeiro exercicio da fase de oposición.

Por resolución deste centro directivo do 2 de xullo de 2003 (DOG nº 134, do 11 de xullo), decláranse con carácter provisional os aspirantes admitidos e excluídos para participaren no concurso-oposición para o ingreso nas clases de inspectores médicos e subinspectores sanitarios do Servicio Galego de Saúde, convocado por Resolución do 14 de abril de 2003 (DOG nº 81, do 28 de abril).

Rematado o prazo previsto nesta resolución procede agora, de conformidade co disposto na base cuarta da convocatoria, publica-las listaxes definitivas de aspirantes admitidos e excluídos, sinalando os lugares onde poden ser examinadas.

Así mesmo, o punto 3 da base sexta A) da citada convocatoria dispón que os diversos exercicios da fase de oposición realizaranse no lugar e á hora que se fixe logo do acordo do respectivo tribunal.

Adoptado acordo polos respectivos tribunais sobre o lugar, data e hora de realización do primeiro exercicio da fase de oposición, procede agora darlle publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Por todo iso, esta división

ACORDA:

Primeiro.-Declarar, con carácter definitivo, os aspirantes admitidos e excluídos para participar no concurso-oposición para o ingreso nas clases de inspectores médicos e subinspectores sanitarios do Servicio Galego de Saúde, convocado por Resolución do 14 de abril de 2003 (DOG nº 81, do 28 de abril).

Segundo.-As listaxes coa relación de aspirantes admitidos e excluídos poderán examinarse nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, así como na súa páxina web www.sergas.es.

Terceiro.-Convoca-los aspirantes definitivamente admitidos no concurso-oposición das clases de inspectores médicos e subinspectores sanitarios para a realización do primeiro exercicio da fase de oposición o vindeiro día 22 de setembro de 2003, ás 16.30 horas, na Facultade de Medicina e Cirurxía da Universidade de Santiago de Compostela, sita na rúa San Francisco s/n.

Os aspirantes terán que ir provistos necesariamente do documento nacional de identidade, permiso de conducir ou pasaporte e de bolígrafo azul ou negro.

O chamamento é único, polo que se excluirá deste proceso a quen non compareza por calquera causa.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2003.

José Ignacio Lema Piñeiro

Director xeral da División de Recursos Humanos