Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 08 de setembro de 2003 Páx. 11.424

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se lle concede a Fegafón a renovación da cualificación de entidade recoñecida para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención de carnés profesionais de instalador e mantedor autorizado de calefacción, auga quente sanitaria (AQS) e de climatización.

Examinado o escrito presentado por José Manuel Souto Cabanelas, en representación de Fegafón, con CIF G-15435969 e domicilio na urbanización Bahamonde, rúa Areal 7-baixo, A Valenzá (Ourense), no que se solicita a renovación da calificación de entidade recoñecida para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención de carnés profesionais de instalador e mantedor autorizado de calefacción, auga quente sanitaria (AQS) e de climatización.

Feitos:

Primeiro.-Con data do 20 de febreiro de 2003, José Manuel Souto Cabanelas, en representación de Fegafón, presentou un escrito polo que se solicita, ó amparo da Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e esixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial, que lle fose concedida a renovación da cualificación de entidade recoñecida para impartir cursos teórico-prácticos nos ámbitos solicitados. Para tal efecto achegaba a documentación esixida no artigo 13 da citada orde.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-Esta dirección xeral é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, nos reais decretos 1634/1980, do 31 de xullo e 2563/1982, do 24 de xullo, nos decretos 6/1982, do 29 de xaneiro, e 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, con relación á Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e

esixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial e demais lexislación concordante.

Segundo.-A documentación presentada por José Manuel Souto Cabanelas acredita que Fegafón cumpre coas esixencias establecidas no artigo 13 da Orde do 27 de decembro de 2000 para a súa actuación nos ámbitos e categorías solicitadas.

Terceiro.-Na tramitación deste expediente cumpríronse tódolos requisitos regulamentariamente establecidos.

Esta Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Outorgar a Fegafón a renovación da cualificación de entidade recoñecida para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención de carnés profesionais de instalador e mantedor autorizado de calefacción, auga quente sanitaria (AQS) e de climatización, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido no capítulo quinto da Orde do 27 de decembro de 2000.

Segundo.-Para imparti-los cursos deberase comunicar ás delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, antes do inicio destes, o programa, profesorado, listaxes de alumnos e lugar, horario e data dos exames, co fin de realiza-lo control correspondente.

Terceiro.-Esta autorización deberá ser renovada ós dous anos, para o que se deberá acreditar ante a dirección xeral competente en materia de Industria o cumprimento dos requisitos esixidos na autorización inicial.

Cuarto.-As entidades recoñecidas quedan obrigadas a comunica-los cambios que se poidan producir na súa estructura de persoal durante o período de validez da autorización, así como a presentar anualmente unha memoria na que se detallen as actividades desenvolvidas.

Quinto.-Esta autorización poderá ser revogada, mediante resolución motivada polo director xeral competente en materia de Industria, no caso de que se incumpran as obrigas e compromisos que resultan do disposto na Orde do 27 de decembro de 2000.

Notifíquese esta resolución ó interesado facendo constar que poderá interpor recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó de notificación, ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas