Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 04 de setembro de 2003 Páx. 11.229

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de xullo de 2003, conxunta das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Innovación, Industria e Comercio, pola que se regula a utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas nos procedementos informativos e tramitacións das compañías transportistas e distribuidoras de electricidade, a través da Internet.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que ten por obxecto establece-las bases do réxime xurídico, o sistema de responsabilidade e o procedemento administrativo común de tódalas administracións públicas, introduce a informatización como elemento de apoio no procedemento, establecendo no seu artigo 45 un mandato de carácter programático coa finalidade de que as administracións públicas impulsen o emprego e a aplicación das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos no desenvolvemento da súa actividade e no exercicio das súas competencias.

Así mesmo, recoñécelles ós cidadáns a facultade de relacionarse coas diferentes administracións públicas e a que exerzan os seus dereitos ante elas, utilizando a técnica e medios electrónicos, informáticos e telemáticos e outorgándolles ós documentos e copias así realizados validez e eficacia, sempre que se cumpran os requisitos previstos na lei e se garanta a autenticidade, integridade, conservación e, se é o caso, a recepción polo interesado, así como o resto de garantías esixidas pola lei e por outras que resulten de aplicación.

Unha vez promulgada a lei, desde o ano 1992, a Xunta de Galicia comezou un camiño de modernización e axilización da Administración, que permita realiza-las súas actividades, non soamente baixo uns principios de seguridade, senón tamén conforme uns principios de eficacia, eficiencia e garantía na súa aplicación. Ó inicio do camiño da modernización administrativa observouse inmediatamente a necesidade de utiliza-lo soporte informático e o tratamento automatizado da información, así como de abrirlles posibilidade da comunicación telemática para proporcionar unha dinámica e flexibilidade ás comunicacións entre as partes, para o exercicio das funcións, actividades e actuacións de tódolos órganos administrativos. A partir desa data foise xeneralizando o uso dos medios informáticos no ámbito da Administración autonómica para a xestión dos asuntos da súa competencia e produciuse un crecemento exponencial dos procedementos que se tramitan na súa totalidade a través

de medios informáticos, incluíndo a relación cos administrados.

Por outra banda, no artigo 81 da Lei 66/1997, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, e no Real decreto 1290/1999, do 23 de xullo, que o desenvolve, facúltase a Fábrica Nacional da Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda para a prestación dos servicios técnicos e administrativos necesarios para garanti-la seguridade, validez e eficacia da emisión e recepción de comunicacións e documentos a través de técnicas e medios informáticos, electrónicos e telemáticos que produzan os órganos:

-Administración xeral do Estado.

-As persoas físicas e xurídicas.

-Comunidades autónomas, entidades locais e as entidades de dereito público dependentes ou vinculadas a elas, cando se tivesen formalizado os correspondentes convenios ou acordos coa Fábrica Nacional da Moeda e Timbre.

Con base niso, a Comunidade Autónoma de Galicia formalizou para estes efectos o correspondente convenio de colaboración coa Fábrica Nacional da Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, con data do 24 de xuño de 2002.

De acordo con todo o anteriormente exposto, resulta ineludible seguir avanzando no campo xurídico da regulación da utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas, determinantes para a modernización da Administración pública galega, co fin de que esta lles poida dar resposta ós retos que os estados modernos teñen formulados para a prestación dos servicios públicos ós cidadáns.

Un claro exemplo de administración electrónica represéntao a posibilidade de tramitar a través da Internet determinados procedementos administrativos, así como a presentación de determinados informes establecidos no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, co fin de facilitar e mellora-lo traballo dos servicios administrativos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio en canto á axilización nas relacións externas e internas e a calidade na súa aplicación.

En consecuencia, disponse o seguinte:

Artigo 1º

A presentación telemática, prevista nesta orde, será de aplicación tanto a procedementos administrativos como a informes periódicos preceptivos.

No anexo I inclúese a relación de procedementos administrativos que se poderán iniciar por vía telemática á entrada en vigor desta orde, así como os informes preceptivos que se poderán presentar por esta vía. Esta relación poderá ser ampliada con novos procedementos a medida que se desenvolvan as aplicacións necesarias para o proceso telemático.

Artigo 2º.-Condicións xerais para a presentación telemática de documentos, relativos á actividade das empresas transportistas e distribuidoras de electricidade.

Un.-Carácter da presentación.

As empresas transportistas ou distribuidoras de electricidade que deban realiza-la presentación dos documentos ós que se refire esta orde poderán, á súa elección, efectua-la citada presentación por vía escrita ou por vía telemática. De efectuarse a presentación por vía escrita, serán de aplicación as normas de presentación das ditas comunicacións actualmente en vigor.

Dous.-Requisitos para a presentación telemática dos documentos.

A presentación telemática de documentos á que se refire esta orde estará suxeita ás seguintes condicións:

1º O presentador deberá ser unha persoa física que pertenza a unha empresa transportista ou distribuidora de electricidade, o que acreditará ante a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas co correspondente certificado expedido pola Tesourería da Seguridade Social.

2º O presentador deberá posuír un certificado dixital baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (en diante FNMT). A solicitude do dito certificado realizarase en calquera das entidades rexistradoras delegadas pola FNMT.

3º O presentador deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a representación que ten para a presentación telemática de documentos relativos á actividade das empresas eléctricas ante a autoridade competente en materia de servicio eléctrico. Esta circunstancia poderase acreditar mediante:

-Poder notarial.

-Documento (anexo II) asinado por un apoderado que acredite o solicitante do certificado dixital para a presentación dos informes ou comunicacións. Neste último caso presentarase o poder notarial do apoderado que asina a acreditación.

Tres.-Presentación telemática de documentos con deficiencias de tipo formal.

Naqueles casos nos que se detecten anomalías de tipo formal na formalización dos documentos previstos nesta orde, poranse en coñecemento do presentador polo propio sistema, mediante as correspondentes mensaxes de erro, para que proceda á súa corrección.

Artigo 3º.-Procedemento para a presentación telemática de documentos relativos á actividade das empresas eléctricas.

As empresas interesadas na utilización dos procedementos telemáticos de presentación dos documentos ós que se refire esta orde solicitaranlle á Xunta de Galicia as especificacións técnicas necesarias para o uso adecuado das aplicacións informáticas dispoñibles.

A Xunta de Galicia proporcionará un manual de usuario da aplicación de presentación dos documen

tos, as instruccións para a instalación e o uso e un procedemento de identificación como usuario.

O procedemento para a presentación telemática prevista nesta orde será o seguinte:

Un.-O sistema recoñecerá o presentador mediante un procedemento de identificación e comprobará que se trata dunha persoa con permisos para a presentación telemática de documentos relativos á actividade das empresas eléctricas.

Dous.-O presentador encherá os datos preceptivos de acordo co procedemento administrativo, tipo de informe ou comunicación que desexa realizar. O sistema realizará unha serie de validacións para verifica-la idoneidade dos datos e mostrará unha serie de mensaxes de erro, en caso necesario, e as medidas correctoras oportunas.

Tres.-Realizarase unha anotación no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo, para cada un dos documentos presentados.

Catro.-Xerarase información dos expedientes iniciados, así como das posibles deficiencias ou erros producidos durante o proceso de presentación. Esta información poderá ser consultada polo presentador.

Artigo 4º.-Prazo de presentación telemática de documentos relativos á actividade das empresas eléctricas.

Para a presentación de documentos por vía telemática serán de aplicación os prazos que estableza a norma en vigor para a presentación impresa.

Artigo 5º.-Comunicacións da Administración.

A Xunta de Galicia emitirá notificacións telemáticas para as presentacións telemáticas dos documentos previstos nesta orde.

O presentador poderá consentir ou sinalar, no momento de realiza-las comunicacións telemáticas, como medio de notificación a notificación telemática.

Se o presentador consente a notificación telemática, será responsable de acceder á sección habilitada na web institucional da Xunta de Galicia para recibi-las notificacións.

Para o acceso ás notificacións telemáticas, o sistema solicitará do presentador o seu certificado dixital e a aceptación de entrega destes documentos (xustificante de recepción telemático).

O interesado, unha vez iniciada a tramitación do procedemento, poderá revoga-lo seu consentimento para que a notificación non se practique por vía telemática; neste caso deberallo comunicar así ó órgano competente.

Disposición adicional

Validez dos certificados dixitais expedidos pola FNMT.

Os certificados dixitais expedidos pola FNMT serán válidos para efectos da presentación telemática de documentos relativos á actividade das empresas eléctricas de acordo coas normas en vigor dictadas pola FNMT.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Jaime Pita VarelaJuan Rodríguez Yuste

Conselleiro da Presidencia,Conselleiro de Innovación,

Relacións InstitucionaisIndustria e Comercio

e Administración Pública

ANEXO I

Relación de documentación susceptible de ser

presentada telematicamente ante a Xunta de Galicia

por parte das compañías transportistas

e distribuidoras de electricidade

a) Procedementos informativos.

-Datos de consumo eléctrico en Galicia.

-Seguimento de obras de mellora.

b) Tramitacións informativas.

-Interrupcións temporais de fluído.

-Cortes por non pagamento.

-Inspeccións periódicas.

ANEXO II

Documento que acredita a representación para a presentación telemática de informes e comunicacións preceptivas da actividade das empresas eléctricas ante a Xunta de Galicia

D./Dª , con NIF ,

con enderezo en ,

número , localidade ,

código postal , provincia ,

como (1) de

(2) , en virtude de poder

notarial (3) outorgado o día ante o

notario de , ,

co número de protocolo , inscrito no

Rexistro Mercantil de

no tomo , folio , folla nº ,

inscrición .

Acredito a

D./Dª , con NIF ,

con enderezo en ,

número , localidade ,

código postal , provincia ,

como (1) de

(2) , provincia

Para que en nome de

presente telematicamente os documentos relativos á actividade das empresas eléctricas ante a Xunta de Galicia utilizando certificados dixitais da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre e os sistemas informáticos que a Xunta de Galicia dispoña para tal efecto.

Esta acreditación terá validez mentres non se revogue ante a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia.

..., ... de ... de ...

Sinatura do titular do certificado

Sinatura do apoderado que o acredita

(1) Cargo que ocupa.

(2) Nome da empresa.

(3) Xúntase copia da escritura do poder notarial.